Nucleótido
Un nucleótido é un composto formado por unha base nitroxenada, un azucre de cinco átomos de carbono (pentosa) e un grupo fosfato. Para algunhas autoridades o grupo fosfato é un só residuo de ácido fosfórico (definición da IUPAC)[1], e para outras o grupo fosfato pode estar formado por un ou máis fosfatos, normalmente ata dous ou tres (en diversos libros e dicionarios de bioquímica e bioloxía molecular).[2][3][4][5] Os monómeros que forman os ácidos nucleicos son nucleótidos e teñen un fosfato.
Estrutura
[editar | editar a fonte]Cada nucleótido é un ensamblado de tres compoñentes:
- Bases nitroxenadas ou nitroxénicas: derivan de compostos heterocíclicos aromáticos, a purina e a pirimidina.
- Pentosa: o azucre de cinco átomos de carbono pode ser ribosa (ARN) ou desoxirribosa (ADN). Segundo o azucre que leven poden ser ribonucleótidos ou desoxirribonucleótidos.
- Ácido fosfórico: de fórmula H3PO4. Cada nucleótido pode conter un (monofosfato: AMP), dous (difosfato: ADP) ou tres (trifosfato: ATP) grupos de ácido fosfórico.
Transferencia de enerxía
[editar | editar a fonte]Os nucleótidos, por razón dos seus grupos de fosfato, son fontes preferidas nas células para a transferencia de enerxía. Os nucleótidos atópanse nun estado estable cando posúen un só grupo de ácido fosfórico. Cada grupo de fosfato adicional que posúa un nucleótido atópase nun estado máis inestable e o enlace do fosfato tende a se romper por hidrólise e liberar a enerxía que o une ó nucleótido. As células posúen enzimas cuxa función é precisamente hidrolizar nucleótidos para extraer o potencial enerxético almacenado nos seus enlaces. Por tal razón un nucleótido de trifosfato é a fonte preferida de enerxía na célula. Deles, o ATP (un nucleótido de adenina con tres grupos de fosfato), é o predilecto nas reaccións celulares para a transferencia da enerxía demandada. UTP (uracilo + ribosa + tres fosfatos) e GTP (Guanina + ribosa + tres fosfatos) tamén compracen as demandas de enerxía da célula en reaccións con azucres e cambios de estruturas proteicas, respectivamente.
Nomenclatura
[editar | editar a fonte]A posición dos átomos nun nucleótido especifícanse en relación aos átomos de carbono no azucre de ribosa ou desoxiribosa.
- A purina ou pirimidina está localizado no carbono 1' do azucre.
- O grupo fosfato está no carbono 5'.
- O grupo hidroxilo sobre o carbono 3' do azucre, o cal é o que reacciona co grupo fosfato do carbono 5' doutro subseguinte nucleótido para formar a cadea de ADN ou ARN.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ IUPAC Gold book nucleotide
- ↑ Lodish H, Berk A, Zipursky SL, Matsudaira P, Baltimore D, Darnell J (2000). Structure of Nucleic Acids.
Nucleotides are nucleosides that have one, two, or three phosphate groups esterified at the 5′ hydroxyl. (Os nucleótidos son nucleósidos que teñen un, dous ou tres grupos fosfato esterificados no hidroxilo 5').
- ↑ Bruce Alberts et al. Biología molecular de la célula. Omega. Páxinas 58, 62, 63. ISBN: 84-282-0752-86. Cita: "Los nucleótidos pueden actuar como transportadores de energía química. Sobre todo, el éster trifosfato de la adenina, ATP". ("Os nucleótidos poden actuar como transportadores de enerxía química. Sobre todo, o éster trifosfato da adenina, ATP").
- ↑ Richard Cammack, Teresa Atwood, Peter Campbell, Howard Parish, Anthony Smith, Frank Vella e John Stirling. Oxford Dictionary of Biochemistry and Molecular Biology (2 ed.). Entrada "nucleotide".
- ↑ Terry A. Brown. Genomes 3. 2006. 3 ed. Garland Science: New York. ISBN: (Paperback) 9780815341383.