Saltar ao contido

Millepora

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Millepora

Millepora dichotoma
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Cnidaria
Clase: Hydrozoa
Subclase: Hydroidolina
Orde: Anthoathecata
Suborde: Capitata
Familia: Milleporidae
Fleming, 1828
Xénero: Millepora
Linnaeus, 1758
Área de distribución das especies de Millepora.
Área de distribución das especies de Millepora.

Especies
Véxase o texto
Sinonimia
Véxase o texto
Millepora incrustante crecendo sobre gorgonias
Millepora alcicornis
Millepora alcicornis cos pólipos dactilozoides estendidos
Millepora alcicornis coloniza unha gorgonia, tras recubrila por completo, desenvolve as súas formas ramificadas habituais
Millepora tenera
Millepora platyphylla

Millepora é un xénero de cnidarios hidrozoos da subclase dos hidroidolinos, orde dos antoatecados, suborde dos capitados, o único representante da familia dos milepóridos, coñecidos vulgarmente na bibliografía internacional como corais de fogo.

Os membros desta familia encádranse no grupo dos denominados falsos corais duros, ou hidrocorais, xa que, como hidrozoos, presentan as fases de pólipo e medusa, característica que non posúen o resto dos corais, os verdadeiros corais, pertencentes á clase dos antozoos, que só presentan a fase pólipo.

A súa consideración como corais débese a que o seu esqueleto está composto de carbonato cálcico, polo que, tras a morte do animal, contribúe á xeración de arrecifes de coral, debido a que a acción do CO2 converte moi lentamente o esqueleto en bicarbonato cálcico, substancia esta asimilábel directamente polas colonias coralinas.

Describíronse unhas 50 especies,[1] aínda que moitas delas reclasificásronse nos últimos tempos.[2] Estes corais formadores de arrecifes (corais hermatípicos) presentan unha ampla variedade de formas de crecemento. Estas formas varían desde colonias compostas por ramas con forma de árbore, colonias sólidas que adoitan teren forma de cúpula, ou colonias que se adhiren estreiamente ao substrato.[3] Poden ser verdes, de cor da crema ou amarelos, e as especies con ramas teñen núcleos ocos, que conteñen oxíxeno, e que poden romper facilmente.[3][4] Outras especies forman colonias grosas e resistentes capaces de resistiren a acción das ondas máis fortes.[1]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A familia foi descrita en 1828 polo zoólogo, botánico, climatólogo e xeólogo escocés John Fleming.[5]

O xénero fora descrito en 1758 por Linneo, no volume I da 10ª edición do seu Systema Naturae.[2]

Sinónimos

[editar | editar a fonte]
  • Milleporadae Fleming, 1828 (Nome de familia incorrecto).[5]
  • Palmipora de Blainville, 1830.[5]

Etimoloxías

[editar | editar a fonte]

O nome científico Millepora está formado polos elementos do latín científico mille- e -pora. O primeiro deriva do adxectivo latino mille, "mil", e -pora deriva do latín porus, e este do grego antigo πóρoς póros, "vía, pasaxe, burato pequeno".[6] Literalmente: "os que teñen numerosos poros".

O nome da familia está formado, de acordo coa norma, sobra a base da raíz Millepor- do seu xénero tipo (e único), Millepora, coa adición do sufixo -idae, propio dos nomes das familias de animais.

O Rexistro Mundial de Especies Mariñas (WoRMS) recoñece como válidas na actualidade (2020) as seguintes especies:[2]

Nota taxonómica

[editar | editar a fonte]

O xénero Millepora, como outros moitos do filo dos cnidarios, está sendo sometido tanto a análises filoxenéticas como a outras investigacións que os avances tecnolóxicos e científicos actuais permiten, o que mantén a varias supostas especies do xénero en situacións de dúbida sobre a súa validez e/ou situnación taxonómica.

Debido a isto, o WoRMS, tras asignar a outros xéneros moitas das especies atribuídas até hai pouco a Millepora, sinala as seguintes situacións incertas:[2]

  • Millepora cellulosa Linnaeus, 1758 (taxon inquirendum)[7]
  • Millepora crustacea Linnaeus, 1758 (taxon inquirendum)
  • Millepora reticulata Linnaeus, 1758 (taxon inquirendum)
  • Millepora tenella Esper, 1795 (taxon inquirendum)

Características

[editar | editar a fonte]

As colonias das especies do xénero Millepora alcanzan ao redor de 2 m,[2] aínda que poden crecer varios metros de diámetro, e desenvólvense masivamente en diversas formas: incrustante, ramificada, folla ou lomba.

As súas estruturas calcarias son máis fráxiles que os esqueletos usuais dos corais duros (orde dos escleractinios).

É frecuente que as formas incrustantes invadan indivuduos de gorgonias para desenvolveren a colonia.

O esqueleto da colonia, ou cenósteo, está cheo de diminutos poros, xeralmente de forna circular aínda que ocasionalmente aparecen poros estrelados, como nos septos dos coralis escleractinios. A densidade dos poros sobre a superficie colonial oscila, segundo a especie, entre 167 e 303 poros/cm².[8]

Os poros son de tres tipos: gastróporos, dactilóporos e ampolas, que están relacionados cos tres tipos de pólipos que posúen estes animais: gastrozoides, encargados da nutrición; gonozoides, que se ocupan da reprodución, e dactilozoides, os defensores da colonia.[9]

Os gastróporos teñen, aproximadamente, un diámetro duplo de que os dactilóporos, sendo a media destes últimos de ± 0,13-0,14 mm, fronte a ± 0,26-0,28 mm nos gastróporos. Os dactilopóros están dispostos, en número de 3 a 9, formando círculos ao redor de cada gastróporo, nunha estratexia para gañar eficiencia á hora de dixerir mediante os gastróporos as presas capturadas cos tentáculos dos pólipos dactilozoides.[10] Esta disposición dos poros denomínase ciclosistema dos Millepora, e a súa presenza prolifera máis nas partes en crecemento da colonia, quedando reducida, ou incluso sen poros, nas partes en sombra (crípticas), ou con nódulos ou verrugas. A especie Millepora exaesa ao parecer carece desta sistemática disposición de ciclos de poros, debido a que a superficie do seu corallum está pragada de nódulos, aínda que nas partes en crecemento da súas colonias aparecen grupos de, incluso, 10 dactilóporos ao redor dun gastróporo.[8]

Como pertencentes á clase dos hidrozoos, os seus pólipos son diferentes e teñen diferentes funcións que os dos corais da clase dos antozoos. Os hidrozoos teñen fases pólipo e medusa, e as súas gónadas están en zonas epidérmicas.[11]

Como quedou dito, trátase de animais que posúen diferentes pólipos especializados, uns son defensivos, outros son de alimentación, e outros máis son de reprodución. Os dactilozoides son defensivos e, ao tempo, son a principal ferramenta para captaren alimentos; teñen entre 0,1 e 0,3 mm de diámetro, permanecen en cavidades baixo a superficie do coral e emerxen pola noite a través dos poros. Posúen tentáculos finos, como pelos, que presentan unhas células urticantes denominadas nematocistos, empregadas na caza de presas de plancto ou para defenderen o seu espazo vital doutras especies. Os gastrozoides son os pólipos encargados de distribuír o alimento pola colonia, a través dunha rede de canais que percorre o cenénquima ou tecido común colonial. E os pólipos gonozoides, que se encontran en cámaras incrustadas no cenósteo, son os encargados da reprodución.[5]

Os Millepora teñen tres tipos de nematocistos: estenois, isorrizas e mastigóforos macrobásticos,[12] estes últimos son únicos no xénero, o que, en ocasións, serve de clave para a súa identificación.

Os nematocistos dos Millepora son moi urticantes, o que foi a orixe do seu nome vulgar común na bibliografía internacional, corais de fogo, debido ás dolorosas picaduras que lles producen aos mergulladores.[3]

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

As especies de Millepora viven en case todas as diferentes zonas dos arrecifes de coral localizados en zonas tropicais (a unha latitude entre os 30º N e os 20º S), aínda que onde máis abundan é en augas soleadas e expostas a fortes correntes mareais.

Forman extensos afloramentos en partes saíntes dos arrecifes, onde as correntes das mareas son fortes, e tamén son abundantes nas abas superiores dos arrecifes e en lagoas.[4]

Habitan normalmente entre os 2 e os 40 m de profundidade,[13] aínda que se rexistraron localizacións entre os 0,5 e os 109,37 m, e nun rango de temperaturas entre os 19,81 e os 28,86 °C.[14]

Distribución

[editar | editar a fonte]

Distribúense desde as costas occidentais do océano Atlántico e a costa oriental africana, no Índico, pasando polo mar Vermello, todo o océano Índico e polo Pacífico oeste, até as illas do Pacífico central.[3]

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Os corais de fogo conteñen algas simbióticas mutualistas (ambos os organismos benefícianse da relación), dinoflaxelados do xénero Symbiodinium coñecidos como zooxantelas. As algas realizan a fotosíntese producindo oxíxeno e glícidos, que son aproveitados polos pólipos, e aliméntanse dos catabolitos dos corais (especialmente fósforo e nitróxeno).[15] Isto lles subministra entre o 70 e o 95 % das súas necesidades alimenticias. O resto obténenno capturando plancto e materia orgánica dispersa na auga.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Reprodúcense asexualmente mediante xemación, e sexualmente,[13][16] expulsando medusas á auga desde unhas estruturas chamadas ampolas (cientificamente ampullae). As medusas conteñen as gónadas, que lanzan ao exterior os óvulos e os espermatozoide (polo tanto, a fecundación é externa).[1] Os [[Ovo (bioloxía)|ovos]fecundados no exterior, permanecen á deriva arrastrados polas correntes varios días, máis tarde transfórmanse en larvas plánulas,​ que caen ao fondo, adhírese a el e comezan a súa vida sésil, segregando carbonato cálcico para conformar un esqueleto individual denominado coralito; posteriormente os pólipos reprodúcense por xemación, dando orixe á colonia, e ao esqueleto colonial, denominado cenósteo. O conxunto do cenósteo e os coralitos coñécese como corallum.[17][18][19]

Mantemento en acuarios

[editar | editar a fonte]

Os corais do xénero Millepora son os máis comúns nos acuarios. Como quedou dito, as especises de Millepora, na natureza, prefiren fortes correntes de auga e alta iluminación. Os acuariófilos que cultivan corais de fogo coñecen que o movemento da auga é o factor limitante no seu crecemiento. En canto á iluminación, as especies de Millepora son bastante agradecidas a todas as combinacións e coores de luz que se utilizan en acuarios, sempre e cando a intensidade sexa suficiente. Pero incluso con apropiadas correntese de auga e luz, estes corais deben alimentarse para sobrevivir; ps seus finos pólipos son moi urticantes e están ben situados para capturaren o plancto natural ou seus substitutos; por outra parte, unha poboación correcta en canto ao número de peixes o acuario, alimentados de forma adecuada, xerará por si soa a suficiente materia orgánica para que os corais de fogo completen a súa alimentación.[20]

  1. 1,0 1,1 1,2 Fire corals (Millepora spp.) en ARKive. Consultada o 29 de agosto de 2020.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Millepora Linnaeus, 1758 no WoRMS.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Veron 2000.
  4. 4,0 4,1 Veron 1986.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Milleporidae Fleming, 1828 no WoRMS.
  6. Millepora no Merriam-Webster Dictionary.
  7. Taxon inquirendum: validez taxonómica incerta ou disputada entre expertos.
  8. 8,0 8,1 Razak, T. B. & Hoeksema B. W. (2003). "The hydrocoral genus Millepora (Hydrozoa: Capitata: Milleporidae) in Indonesia.". Zool. Verh. Leiden 345: 313–336. 
  9. Lucas Leclère, Peter Schuchert, Corinne Cruaud, Arnaud Couloux & Michael Manuel (2009): "Molecular Phylogenetics of Thecata (Hydrozoa, Cnidaria) Reveals Long-Term Maintenance of Life History Traits despite High Frequency of Recent Character Changes" Systematic Biology 58 (5): 509–526.
  10. Eric Borneman (2002): "Venomous Corals: The Fire Corals". Reeffkeeping Magazine Online.
  11. Cnidarios en cienciaybiologia.com (en castelán). Consultada o 28 de agosto de 2020.
  12. Östman, C. (2000): "A guideline to nematocyst nomenclature and classification, and some notes on the systematic value of nematocysts". Scientia Marina 64 (Supl. 1): 31-46.
  13. 13,0 13,1 Borneman 2001.
  14. Millepora Linnaeus, 1758​ no Ocean Biodiversity Information System (OBIS).
  15. Debelius, Helmut & Hans A. Baensch​ (1998): Marine Atlas. Volume 2. Osnabrück, Baixa Saxonia, Alemaña: Mergus Verlag GmbH. ISBN 978-3-8824-4054-6.
  16. Wood 1983.
  17. Ruppert, Edward E.; Fox, Richard, S.; Barnes, Robert D. (2004). Invertebrate Zoology, 7th edition. Boston, Massachusetts, USA: Cengage Learning. pp. 134–135. ISBN 978-81-315-0104-7. 
  18. "Coensarc and coenosteum". Coral Hub. Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2017. Consultado o 1 de setembro de 2020. 
  19. "The polyp skeleton". Corals of the World. Australian Institute of Marine Science. 2013. Consultado o 1 de setembro de 2020. 
  20. Milleporidae, corales de fuego en Aquanovel, 9 de febreiro de 2013 (en castelán). Consultado o 1 d setembro de 2020.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Borneman, E. H. (2001): Aquarium corals. Selection, Husbandry and Natural History. Neptune City, New Jersey, USA: T.F.H. Publications, ISBN 978-1-8900-8747-0.
  • Gasparini, J. L., Floeter, S. R., Ferreira, C. E. L. & Sazima, I. (2005): "Marine ornamental trade in Brazil". Biodiversity and Conservation 14: 2883 - 2899.
  • Razak, T. B. & B. W. Hoeksema (2003): The hydrocoral genus Millepora (Hydrozoa: Capitata: Milleporidae) in Indonesia. Leyden: National Museum of Natural History. ISBN 9-0732-3989-3.
  • Veron, J. E. N. (1993): Corals of Australia and the Indo-Pacific. Honolulu, Hawai, USA: University of Hawai'i Press. ISBN 978-0-8248-1504-2.
  • Veron, J .E. N. (2000): Corals of the World. Vol. 3. Townsville, Queensland, Australia: Australian Institute of Marine Sciences.
  • Wilkinson, C. (2004): Status of Coral Reefs of the World. Townsville, Queensland, Australia: Australian Institute of Marine Science.
  • Wood, E. M. (1983): Reef corals of the world: biology and field guide. Neptune City, New Jersey, USA: T.F.H. Publications. ISBN 978-0-8766-6809-2.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]