Marcas Galesas
As Marcas Galesas (en galés Y Mers) é un termo que designa a área fronteiriza entre Inglaterra e Gales no Reino Unido. O significado preciso do termo variou ao longo do tempo. Os termos ingleses Marca Galesa, A Marca de Gales (en latín Marchia Walliae), usáronse orixinalmente na Idade Media para designar un territorio bastante ben definido, as marcas militares entre Inglaterra e o Principado de Gales nas que os señores das Marcas tiñan dereitos específicos que lles daban certa independencia fronte aos Reis de Inglaterra.[1]
Orixes: Mercia e os galeses
[editar | editar a fonte]Trala caída do Imperio Romano que ocupara Britania ata o ano 410, o territorio da actual gales estaba dividido entre numerosos reinos britano-romanos, entre os que se atopaba Powys no leste. Durante os seguintes séculos, anglos, saxóns e outros foron conquistando e ocupando o sur e o leste de Gran Bretaña. O reino de Mercia, dirixido por Penda situábase ao redor de Lichfield e inicialmente tratou de buscar o apoio dos reis galeses. Con todo, os seus sucesores iniciaron políticas máis agresivas, expandíndose cara ao oeste até os actuais Cheshire, Shropshire e Herefordshire. As campañas lanzadas por Powys en represalia levaron á construción do Wat's Dyke no século VIII, unha liña fronteiriza de terra entre o val do Severn preto de Oswestry até o estuario do río Dee.[2][3] A medida que se fortalecía o poder de Mercia, unha serie de cidades-mercado como Shrewsbury e Hereford marcaban o límite do país tanto como Offa's Dyke, unha liña defensiva construída en terra por Offa de Mercia a finais do século VIII. Offa's Dyke aínda existe e pódense ver os seus restos preto da fronteira actual entre Inglaterra e Gales en Knighton, Powys.[4]
Nos séculos seguintes, a Muralla de Offa continuou sendo a fronteira entre galeses e ingleses. Athelstan de Inglaterra, primeiro rei de Inglaterra como país unificado convocou unha reunión de reis británicos en Hereford en 926 na que, segundo Guillerme de Malmesbury, estableceu a fronteira de Gales e Inglaterra, especialmente no disputado sur, onde especificou que a fronteira debería estar sinalada polo río Wye. A mediados do século XI, a maior parte de Gales habíase unido baixo o rei de Gwynedd Gruffyd ap Llywelyn.
Marca de Gales na Idade Media
[editar | editar a fonte]Inmediatamente despois da conquista normanda, Guillerme I de Inglaterra situou a tres dos seus homes de confianza Hugh d'Avranches, Roger de Montgomery, e William FitzOsbern, como Condes de Chester, Shrewsbury e Hereford respectivamente, encomendándolles a misión de someter os galeses.
Este proceso de conquista levou un século e nunca chegou a completarse totalmente.[5] O termo "Marca de Gales" aparece por primeira vez mencionado no Domesday Book de 1086. Durante o seguintes catro séculos, os Señores normandos estableceron pequenos señoríos entre o Dee e o Severn, e máis ao oeste. Aventureiros e soldados de fortuna chegaron a Gales desde Normandía e outros lugares, saqueando a zona de Gales, tras o que comezaron a levantar fortificacións e entregar terras aos seus seguidores.[6] Un exemplo sería Bernard de Neufmarché, responsable da conquista e pacificación do reino galés de Brycheiniog. As datas precisas e procesos de formación dos diferentes señoríos variaron, do mesmo xeito que o seu tamaño.
A Marca ou Marchia Wallie era até certo punto independente da monarquía inglesa e do Principado de Gales ou Pura Wallia, que tivo o seu centro no reino de Gwynedd, no noroeste do país. A principios do século XII, a Marca incluía as áreas que se converterían posteriormente en Monmouthshire e moito de Flintshire, Montgomeryshire, Radnorshire, Brecknockshire, Glamorgan, Carmarthenshire e Pembrokeshire. Finalmente chegaría a ocupar dous terzos do territorio galés.[8] Durante esta época, as Marcas foron unha sociedade fronteiriza, e este carácter quedaría impreso na rexión até a Revolución Industrial. Centos de pequenos castelos levantáronse nos séculos XII e XIII, especialmente por Señores Normandos que pretendía afirmar o seu poder á vez que defenderse dos ataques e rebelións das galesas. Nesta zona aínda se atopa a maior concentración de castelos de mota castral. Os Señores das Marcas incentivaron a inmigración desde as áreas normandas e anxevinas, e o comercio desde portos como Cardiff. Os campesiños chegaban a Gales en grandes cantidades: Henrique I impulsou a emigración a Gales de bretóns, flamengos, normandos e ingleses. Fundáronse cidades novas como Chepstow, Monmouth, Ludlow e Newtown, que se converteron en importantes centros comerciais e focos para a colonización inglesa. Nesa mesma época, os galeses continuaron atacando o territorio inglés e apoiando rebelións contra os normandos.
Os Señores Normandos tiñan dereitos similares aos dos príncipes galeses. Cada un debía lealdade persoal, como súbdito, ao rei de Inglaterra, ao que estaban obrigados a apoiar en tempos de guerra, pero gozaban de exención fiscal e posuían dereitos reservados noutros lugares á coroa, como o dereito de crear bosques, mercados e vilas.[9] Os señoríos eran xeograficamente compactos e estaban separados xurisdiccionalmente entre si, e os seus privilexios diferían dos dos Señoríos ingleses. Os Lores das Marcas gobernaban as súas terras segundo a súa propia lei -sicut regale ("como un rei"), segundo palabras de [[Gilbert de Clare, VII conde de Gloucester -mentres que en Inglaterra os señores feudais respondían directamente ante o rei.[10] Os poderes da coroa nas Marcas quedaban limitados a aqueles períodos en que un Señorío pasaba a mans do rei, como no caso de desposesións por traizón ou morte do Lord sen descendencia lexítima.
Os Baróns das Marcas situábanse na cúspide o unha sociedade culturalmente diversa e intensamente feudalizada; combinaban a autoridade do Señor feudal e a súa condición de vasalos do rei entre os normandos, e suplantaban aos tradicionais príncipes galeses. Con todo, en ocasións aplicábase a lei galesa nas marcas en detrimento da inglesa, o que levaba a disputas acerca de que código utilizar en cada caso.
O Estatuto de Rhuddlan de 1284, tras a conquista de Gales por Eduardo I asumía as terras gobernadas polos Príncipes de Gwynedd en calidade de Príncipes de Gales como parte da coroa inglesa, e establecía a creación de condados ao estilo inglés nesas zonas. Os Señores das Marcas foron progresivamente vinculados aos reis ingleses a través da concesión de terras e títulos ingleses, onde o control era máis estrito e onde moitos deles pasaban longas tempadas, e a través de alianzas dinásticas cos Señores máis poderosos. O Consello de Gales e das Marcas, con sede no castelo de Ludlow foi creado en 1472 por Eduardo IV para gobernar as terras que pasaran directamente a mans da coroa tras a conquista eduardiana de Gales no século XIII.[11]
Fin das Marcas
[editar | editar a fonte]No século XVI, moitos dos Señoríos das Marcas pasaran a mans da coroa tras os reinados de Henrique IV, que fora duque de Lancaster, e Eduardo IV, herdeiro dos Condes da Marca, dos embargos doutros señoríos durante a Guerra das Dúas Rosas, e doutros eventos. A Coroa asumira igualmente o goberno de Gales, que dispuña das súas propias institucións e estaba, do mesmo xeito que Inglaterra, dividida en condados. A xurisdición do resto de Señores era vista como unha anomalía, e a súa independencia da coroa permitía aos criminais ingleses evadir a xustiza ao fuxir á zona e reclamar "liberdades de Marca".
Baixo as leis introducidas por Henrique VIII, a xurisdición dos lores das Marcas foi abolida en 1536. A nova lexislación anexionou Gales ao Reino de Inglaterra, creando un único estado cunha lei común para a nova xurisdición, coñecida xeralmente como Inglaterra e Gales. Os poderes dos Lores foron abolidos e as súas zonas organizadas nos novos condados de Denbighshire, Montgomeryshire, Radnorshire, Brecknockshire, Monmouthshire, e Carmarthenshire. Os condados de Pembrokeshire e Glamorgan foron creados a partir da unión de distritos procedentes doutros Señoríos. En lugar dos Tribunais de Assize ingleses, reuníanse Cortes de Grandes Sesións, que aplicaban a lei inglesa en lugar dos Señores das Marcas, que aplicaban a lei galesa aos seus súbditos galeses. Algúns señoríos foron incorporados aos condados ingleses veciños: Ludlow, Clun, Caus e parte de Montgomery foron incorporados a Shropshire; Wigmore, Huntington, Clifford e a maior parte de Ewyas foron incluídos en Herefordshire; e a parte de Chepstow ao leste do Río Wye pasaron a formar parte de Gloucestershire.
O Consello de Gales, con sede no castelo de Ludlow transformouse no Consello de Gales e as Marcas, con responsabilidades sobre todo Gales xunto con Cheshire, Shropshire, Herefordshire, Worcestershire e Gloucestershire. A Cidade de Bristol foi eximida en 1562 e Cheshire en 1569.[12][13] O Consello foi abolido definitivamente en 1689 tras a Revolución Gloriosa que depuxo a Xacobe II e supuxo a subida ao torno de Guillerme III.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Transcrito con frecuencia en documentos como Marcia Wallie.
- ↑ John Davies, A History of Wales, Penguin, 1993, ISBN 0-14-028475-3
- ↑ Trevor Rowley, The Welsh Border - archaeology, history and landscape, Tempus Publishing, 1986, ISBN 0-7524-1917-X
- ↑ David Hill and Margaret Worthington, Offa's Dyke - history and guide, Tempus Publishing, 2003, ISBN 0-7524-1958-7
- ↑ Norman Castles
- ↑ Max Lieberman, The March of Wales, 1067-1300: a borderland of medieval Britain, University of Wales Press, 2008, ISBN 978-0-7083-2115-7
- ↑ Wrexham County Borough Council: The Princes and the Marcher Lords
- ↑ Davies, R. R., The Age of Conquest: Wales 1063-1415 (Oxford 1987, 2000 edition), pp. 271-88.
- ↑ Paul Courtney, The Marcher Lordships: Origins, Descent and Organization, in The Gwent County History Vol.2, University of Wales Press, Cardiff, 2008, ISBN 978-0-7083-2072-3
- ↑ Nelson, Lynn H., 1966. The Normans in South Wales Arquivado 10 de abril de 2005 en Wayback Machine., 1070–1171 (Austin and London: University of Texas Press)
- ↑ William Searle Holdsworth, "A History of English Law," Little, Brown, and Company, 1912, pg. 502
- ↑ Welsh Joint Education Committee: The Council of Wales and the Marches
- ↑ J. A. Ransome, This Realm of England