Saltar ao contido

Magno Máximo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaDominus Noster (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Magno Máximo
Pius Felix (en) Traducir Editar o valor en Wikidata

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(la) Flavius Magnus Maximus Editar o valor en Wikidata
335 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Hispania Editar o valor en Wikidata
Morte27 de agosto de 388 Editar o valor en Wikidata (52/53 anos)
Aquileia Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepena de morte Editar o valor en Wikidata
Emperador romano
Cónsul romano
Senador romano
Usurpador romano
Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor en Wikidata
PeríodoBaixo Imperio Romano e Antigüidade tardía Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloAugusto (título) Editar o valor en Wikidata
FamiliaDinastía teodosiana Editar o valor en Wikidata
FillosFlávio Vítor Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteMeyers Konversations-Lexikon, 4ª edición (1885–1890)
Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft Editar o valor en Wikidata
WikiTree: Maximus-1

Magno Clemente Máximo (latín: Magnus Maximus), nado en Gallaecia, c. 335-40 e morto en Aquileia o 28 de agosto de 388, foi un emperador romano que gobernou na pars occidentalis do Imperio romano desde 383 ata a súa morte, no 388.[1][2] Teodosio, considerouno a el e a seu fillo como usurpadores.[3][4]

Proclamado emperador en Britania polas súas tropas, logrou impoñerse ao augusto Graciano e gobernar Britania, Galia e Hispania desde Tréveris, sendo recoñecido por Valentiniano II e Teodosio o Grande. En 386 marchou contra Valentiniano, que fuxiu a Oriente, e en cuxo favor interveu Teodosio. Derrotado en batalla, Máximo foi asasinado polas súas propias tropas.

É coñecido como Maximiano e Macsen Wledig nas tradicións de Gales.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Orixes e carreira militar

[editar | editar a fonte]

Magno Máximo naceu en Hispania (posibelmente na provincia de Gallaecia, ou quizais na Tarraconense), en torno ao ano 340. Ao parecer, procedía dunha familia humilde emparentada dalgún modo (por sangue ou máis ben por lazos de clientela) co xeneral hispano Teodosio o Vello.[1]

En 368 marchou xunto ao seu patronus, Teodosio o Vello, e Teodosio o Mozo a Britania, para participar na campaña que rexeitou unha invasión de varios pobos bárbaros na chamada por Amiano Marcelino, Conspiración Bárbara. Alí cimentaría boa parte do seu prestixio persoal ao participar activamente na campaña dun modo destacado pero descoñecido nos seus detalles. Durante estes anos crearía fortes lazos coa poboación britana.

Expulsados os bárbaros por Teodosio o Vello, no 373, acompañouno de novo na súa campaña africana contra Firmo,[1] participando activamente na captura dalgúns dos líderes rebeldes. Descoñecemos a súa actuación ante a conxura palaciana que acabou coa execución de Teodosio o Vello, pero trala morte do seu patronus retirouse da escena militar, do mesmo xeito que Teodosio o Mozo, aínda que marcharía a Britania, en lugar da súa Hispania natal.

No 376, está ás ordes de Lupicino, como dux Moesia secunda, controlando o asentamento dos godos en Tracia.[1] No 380, foi nomeado Comes Britanniae,[2][5] onde levaría a cabo un magnífico labor na loita contra os piratas saxóns e os pictos, escotos e attacotes aos que derrotou.

Toma do poder

[editar | editar a fonte]

A finais de 382 ou na primavera do ano 383 (en 381 segundo outras fontes), no territorio dos attacotes ao norte da fronteira, tras unha esmagadora vitoria contra os pictos durante unha ofensiva, os seus soldados nomeárono Emperador desembarcando pouco despois na Galia para atacar a Graciano que estaba en Recia, facendo fronte a un ataque dos alamanos.[6]

O lugar exacto do desembarco discútese. Geoffrey de Monmouth, menciona Armórica e isto fixo que algúns historiadores haxan enfocado as súas procuras sobre Bretaña. Zósimo propón un desembarco na desembocadura do Rin, o que contradí a Geofrey de Monmouth, pero sen identificar nin o lugar exacto do desembarco, nin a ruta que seguiu ata París, onde derrotou a Graciano. Autores máis modernos como Léon Fleuriot, un respectado historiador bretón, falecido en 1987, propuxo que Máximo, tras desembarcar na desembocadura do Rin, encamiñaríase primeiro cara á rexión de Maastricht para máis tarde caer sobre París antes de conseguir a submisión de Tréveris. Recentemente propúxose como o lugar do desembarco en Saint-Valery-sur-Somme na antiga Leuconos na desembocadura do SHispaniaomme.

Tras algunhas escaramuzas preto de Lutetia Parisiorum (actual París), Graciano foi abandonado en masa polo seu exército trala traizón do seu magister militum (e cónsul para aquel ano) Merobaudes. Trala deserción do seu exército que foi gradual pero case total, Graciano fuxiu xunto á súa garda persoal de 300 xinetes alanos, pero foi alcanzado e asasinado en Lión, coa suposta connivencia do gobernador da cidade quen o entregou, por Andragacio,[1] un dos xenerais de Máximo. Trala súa vitoria, Máximo, que contaba coas lexións de Britania, foi recoñecido sen problemas polas lexións do Rin e estableceu a súa capital en Tréveris.[6] A seguir, enviou legados para que tanto Teodosio como Valentiniano II o recoñecesen como Augusto.[1] O seu obxectivo era exercer unha titoría sobre Valentiniano II,[7] e compartir o poder con Teodosio, pero unha embaixada enviada por Xustina, nai de Valentiniano II, con Ambrosio de Milán, logrou gañar tempo e eludir as intencións de Máximo.

En 384, Máximo, Teodosio e Xustina pactaron en Verona unha repartición do Imperio; Máximo quedou con Britania, a Galia e ; Teodosio con Oriente e Valentiniano II con Italia, o Ilírico e África. O poder quedaba dividido en 3 capitais: Tréveris, Constantinopla e Milán, respectivamente.[6]

Aínda que Máximo obtivo o recoñecemento de Milán e Constantinopla, nunca gozou de gran simpatía dentro da corte de Valentiniano II, e os enfrontamentos e manobras políticas estaban á orde do día. Xustina, a nai de Valentiniano II sempre o considerou un usurpador, mentres que Teodosio, que non estaba de acordo con Máximo, mantivo, polo menos temporalmente, unha actitude máis temperada, chegando a unha especie de recoñecemento, como se manifesta no feito de que se chegou a cuñar moeda coa súa imaxe e instalar estatuas súas nalgunhas cidades de Oriente.

Política relixiosa

[editar | editar a fonte]

A política relixiosa de Máximo viuse marcada por unha pronunciada defensa do credo Niceno, establecido polo Concilio de Constantinopla de 381. O feito máis destacábel da súa política relixiosa foi o proceso coñecido como os Xuízos de Tréveris contra os priscilianistas que acabou coa execución do líder da seita, Prisciliano, e dalgúns dos seus seguidores. Como Máximo buscaba o recoñecemento de Teodosio, fervente católico, mantivo contra Prisciliano e os seus unha postura intransixente e forzou a reunión dun concilio e Burdigala (Bordeos), no 384, onde Prisciliano foi condenado como herexe.[8] Este, non aceptou a condena e reclamou que a sentenza fose revisada polo tribunal do prefecto do pretorio das Galias en Tréveris. Ao ano seguinte, celebrouse o xuízo e Máximo viu a oportunidade de se presentar como defensor da ortodoxia fronte a un Valentiniano que, na corte de Milán, era tolerante cos godos arianos e que era criticado por Teodosio.[9] Daquela, ratificou a condena e Prisciliano foi condenado por maxia, su­perstición, maniqueísmo e herejía e, no 385, foi executado.[10]

Malia todo, Máximo mantivo boas e estreitas relacións coa Igrexa, e unicamente lle reprocharon o seu modo de resolver o asunto priscilianista, especialmente por parte do clero galo pois era a primeira vez que se recurría ao poder civil para resolver unha liorta eclesiástica.[11] O seu enfrontamento máis duro foi con Ambrosio de Milán, quen ademais de censurar a execución de Prisciliano, defendía os intereses de Valentiniano II emperador en Milán. En troques, destacaron as excelentes relacións con Martiño de Tours, quen o visitaba con frecuencia entre outros motivos para interceder por Prisciliano e por aqueles que aínda eran leais a Graciano e a quen Máximo sempre tratou con respecto, ata o punto de compartir mesa con el xunto á súa esposa en non poucas ocasións.

Guerra contra Teodosio

[editar | editar a fonte]

No ano 387, aproveitando unha invasión dos alamanos en Retia e respondendo a unha petición de axuda por parte da corte de Milán, Máximo ocupou Italia, que eran territorios pertencentes a Valentiniano II , obrigando a este a fuxir cara o leste e apropiándose así de toda a parte occidental do Imperio romano tras o cal nomeou César ao seu novo fillo Flavio Víctor[7] e intentou obter o pleno recoñecemento de Teodosio.

Este, que acababa de enviuvar da súa muller Aelia Flacila, recibiu unha xugosa oferta da emperatriz Xustina, nai de Valentiniano, que lle ofreceu á súa filla Gala en matrimonio a Teodosio coa condición de que se enfrontase e derrotase a Máximo, que foi declarado usurpador. No ano 388, Valentiniano II desembarcou en Ostia tras eludir á frota de Máximo mandada por Andragacio, mentres tanto o exército de Teodosio atacaba a Máximo no Ilírico, mentres este comezaba a ocupar timidamente a prefectura. Máximo refuxiouse en Aquilea, mentres Andragacio, o seu magister equitum, foi derrotado preto de Siscia (Sisak) e o seu irmán Marcelo en Potovio (Ptuj). A seguir, Teodosio ocupou Emona (Liubliana). En Aquilea, Máximo pediu o perdón mais foi executado por orde de Teodosio o 28 de agosto do 388; a súa muller e fillas foron respectadas. Finalmente, a súa cabeza foi entregada a Teodosio e paseada por tódalas provincias.

Mentres, seu fillo, Flavio Víctor foi derrotado por Arbogasto (magister peditum de Valentiniano II) e executado (finais do 383). As tropas derrotadas de Máximo reasentáronse en Armórica en lugar de volver a Britania, e para o 400, Armórica era controlada por bagaudas e non pola autoridade imperial.[12]

Balance do seu reinado

[editar | editar a fonte]

En xeral, o goberno de Máximo en Occidente non foi totalmente negativo. Sabemos que recibiu un panexírico, por desgraza perdido, obra de Quinto Aurelio Símaco, e que moitos autores como Zósimo, Sulpicio Severo e Orosio, malia tachalo de tirano, recoñécenlle algunhas virtudes. Só logo de ser derrotado por Teodosio I convertéuselle en usurpador e polo tanto receptor dos ataques dos panexiristas teodosianos quen o criticarían con forza.

O seu reinado considérase como o inicio do fin do dominio romano en Britania.

A súa actuación ante un asunto relixioso, o xuízo a Prisciliano, foi quizais o aspecto negativo e polo que os seus contemporáneos o censuraron, acusándoo de se deixar levar polo consello de bispos.

Desde o punto de vista administrativo, sabemos que creou polo menos, dúas novas provincias de rango presidial unha en Galia (Máxima Sequania) e outra en Hispania, na Tarraconense. Tamén mantivo a salvo o limes de incursións bárbaras, aínda que ao final do seu reinado, mentres loitaba contra Teodosio tivo lugar unha invasión franca que os seus xenerais, Quintinio e Nanieno pola traizón dun deles, non puideron deter. Segundo Sulpicio Alexandre:

Naqueles tempos, os francos que tiñan como xefes a Xenobaudo, Marcomir e Sunnon, entraron en Xermania e, cando invadiron a fronteira, provocaron grandes masacres, devastaron os países máis fértiles e sementaron o pánico en Colonia. Cando a noticia chega a Tréveris, Nanieno, e Quintinio, xefes da milicia, a quen Máximo deixara o coidado do seu fillo, que aínda era un neno, e a defensa das Galias, levantaron un exército e reuníronse en Colonia. Pero os inimigos que tras saquearen as provincia ían cargados de botín, cruzaron o Rhin, deixando no chan romano numerosos préstamos que recoller. Os romanos enfrontáronse a eles con facilidade e moitos francos foron masacrados no Bosque Carbonario.

No aspecto económico creou unha nova moeda de ouro, o tremis. No aspecto negativo achácanlle o deixar case sen gornición Britania, de onde procedían as súas tropas máis fieis, iniciando así o proceso que culminaría no seu total abandono por parte de Roma en 409.

Segundo a Historia Regum Britanniae (en galego, Historia dos reis de Britania) de Godofredo de Monmouth (base para moitas lendas inglesas e galesas), foi Rei de Britania. De acordo co relato dos Mabinogion chamado Breuddwyd Macsen Wledig (''O soño de Macsen Wledig'') a esposa de Máximo era a filla dun poderoso xefe britano de Segontium da rexión de Caernarfon no norte de Gales, coñecida como Elen ou Elen Luyddog (Helena, tamén coñecida como Saint Helen of Caernarfon ou Elen of the Host). A Máximo atribúeselle a iniciativa da colonización da Bretaña que realizaría cos soldados que trouxo desde Britania.

O destino da súa familia énos descoñecido aínda que parece certo que ademais da súa esposa e fillas sobreviviulle a súa nai, perdoadas por Teodosio, e é probábel seguir o rastro dalgúns dos seus descendentes.

  • O seu fillo e colega no trono Flavio Víctor foi asasinado polo xeneral Arbogastes, pouco despois do seu pai por orde de Teodosio.
  • O seu irmán Marcelino, que xa ocupaba algún posto importante durante o goberno de Graciano, serviu ás ordes do seu irmán morrendo probabelmente nalgunha das batallas libradas contra Teodosio.
  • A súa filla Severa énos coñecida por unha inscrición de época altomedieval, procedente do Gales, chamada o Alicerce de Eliseg, nela Severa aparece como a esposa de Vortigern, Rei dos bretóns. Os seus descendentes darían lugar á dinastía Gwerthernion, que gobernaría o reino de Powys en Gales.
  • Outra das súas fillas, de nome descoñecido, foi esposa de Enodio, procónsul Africae en 395.
  • O seu neto, Petronio Máximo, foi outro emperador de tráxico final, tras gobernar Roma durante 77 días, morreu lapidado o 24 de maio de 455.
  • Entre outros posibles descendentes atópanse Anicio Olibrio, emperador en 472, o mesmo que varios cónsules e bispos como San Magno Félix Enodio (bispo de Pavia en 514-21).

Con todo, separadamente de Marcelino, de Flavio Victor e dun tal comes Víctor, que podería ser un tío seu, os outros nomes citados son só suposicións gratuítas, pois non están comprobadas abondo historicamente, aínda que boa parte baséase en tradicións posteriores.

Outra lenda di que San Ilidio de Clermont curou a unha das súas fillas que estaba endemoñada.

  1. 1 2 3 4 5 6 Lomas Salmonte & López Barja de Quiroga (2004), p. 457
  2. 1 2 Jones, Martindale e Morris (1971), p. 588
  3. Bravo (1998), p. 189
  4. Teja (1991), p.52
  5. Garcés Estallo (1999), p. 163
  6. 1 2 3 Teja (1991), p. 49
  7. 1 2 Bravo (2000), p. 506
  8. Bravo (2000), p. 542
  9. Bravo (1998), p. 135
  10. Bravo (1998), p. 136
  11. Teja (1991), p. 50
  12. MacMullen (1988), p. 178

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]