Alamáns

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Área ocupada polos alamáns e escenarios das principais batallas contra os romanos entre os séculos III e VI.

Os alamáns (en alemán Alemannen) eran un conxunto de tribos xermanas suevas establecidas no bordo sur medio e inferior do río Elba, ao longo do río Main onde foron mencionados por primeira vez por Dión Casio no 213 na campaña que realizou Caracalla contra eles.[1]

Os alamáns ocuparon os Agri Decumates en 260, e despois expandíronse á actual Alsacia e norte de Suíza, o que levou á implantación do antigo idioma alto alemán neses territorios, que foi denominado como Alamania durante o século VIII. No 496, os Alamáns foron vencidos polos francos de Clodoveo que incorpora as súas terra ao seu reino.

Aínda que hai pouca información sobre deles por parte dos autores romanos, a idea actual é que cómpre falar máis ben dunha "confederación",[2] con varios pobos e reis, que dun pobo único e cohesionado baixo unha monarquía.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Segundo Asinio Cuadrado, o seu nome, que significa "todos os homes" (xermánico: Alle Männer, todos os homes) indica que eran o agrupamento de varias tribos: hermunduros (hermións), xutungos, bucinobantes, lenzienses, semmones, cuados e teutóns. Son citados xa na época de Caracalla, a comezos do século III, cando os derrotou no 213.[1]

Do nome desta tribo xermánica deriva a palabra alemán en galego e outras linguas. Alamania é a latinización dunha expresión no antigo alto alemán: Alle Männer (“tódolos homes”), que abrangue a tódolos pobos que habitaban esa zona en tiempos de Xulio César (teutóns, bucinobantes, etc.) e que se transmitiu a varias outra linguas modernas como o árabe (ألمانيا), catalán (Alemanya), córnico (Almayn), español (Alemania), francés (Allemagne), galés (Yr Almaen), galego (Alemaña), portugués (Alemanha) e turco (Almanya), fronte aos derivados do latino Germania, que aparecen no inglés (Germany). Esta denominazión de Germani é a latinización dunha palabra en linguas renanas: Germanen (“deste lado do Rin”), que foi empregada por Xulio César para se referir, especificamente, aos eburóns da Gallia Bélgica (ao oeste do Rin).

Historia[editar | editar a fonte]

Os alamáns estiveron continuamente en conflito co Imperio Romano. As primeiras noticias que dan os romanos sobre os alamáns refírense, polo 213, cando Antonino, o fillo de Septimio Severo, leva a guerra contra os catos, os alamáns ao carón destes.[3] Inicialmente situados ao norte da provincia de Recia, foron contidos polos romanos ata a metade do século III, tras dous séculos de enfrontamentos. Daquela, conseguiron se desprazaren até a rexión entre o Main e o Danubio (Suabia). Despois, conseguen moverse, de novo, aos poucos cara ao oeste para instalárense definitivamente sobre territorio que comprende unha parte das actuais Vorarlberg, Suíza, Baden-Württemberg e Alsacia. A partir do 234, levaron a cabo varias incursións dentro do territorio do Imperio.

Durante o século IV, de xeito discontínuo, durante Constantino continuaron loitando contra Roma, pero dende o 350-353, por mor da guerra civil en Roma, cruzan de xeito continuado o Rin[4] até que se lles fai fronte e se consegue reducir-las súas incursións entre 356-357.[5]

Mapa de Europa Occidental no século V.

Campañas de Xuliano[editar | editar a fonte]

No 355, Xuliano, foi nomeado por Constancio II como "César", co encargo de pacifica-la Galia[6] fronte aos ataques de francos e alamáns, o que conseguiu durante as campañas entre o 356-359. No primeiro ano, 356, recuperou e reconstruíu Colonia,[7] que fora arrasada anteriormente por francos e alamáns, e asinou a paz cos príncipes francos do Mosa.[8] A seguir, no 357, concentrou as tropas romanas e os auxiliares galos nos arredores de Reims para se dirixir cara a Estrasburgo, mentres outro exército romano cuns 25.000 soldados, ao mando dun xeneral xermano chamado Barbatio, partía de Italia para se xuntar con el. A confederación alamá, ben informados, adoptaron a súa táctica característica de lanzarse en masa, cuns 35.000 guerreiros capitaneados por Cnodomario, contra un dos exércitos, o de Barbatio, antes de que se unisen. Conseguiron, derrotar a Barbatio que se tivo que refuxiar en Augusta Raurica (preto da actual Basilea)[9] e marcharon contra o exército de Xuliano, seguramente máis cativo. Na batalla posterior, chamada batalla de Argentoratum (ou de Estrasburgo), os alamáns foron completamente derrotados,[10] perdendo máis de 6.000 homes e sendo capturado o seu xefe. Inmediatamente, Xuliano, marchou a Maguncia e cruzou o Rin, polo que os alamáns pediron unha tregua[9] mentres se conseguiu a consolidación e mantemento do limes.[7]

Fin do Imperio romano[editar | editar a fonte]

Unha vez extinguido o Imperio, os alamáns enfrontáronse aos francos de Clodoveo que os derrotaron na batalla de Tolbiac[11] e convértenos en tributarios, pasando parte deles ao servizo dos ostrogodos de Teodorico.[12] Mesmo, no 553, rebeláronse na Recia, a zona que ocupaban, e devastaron Italia. posteriormente foron cristianizados e asimilados, en gran parte, por outras tribos xermánicas.

Cronoloxía[editar | editar a fonte]

  • 213, primeira aparición dos alamáns en Xermania superior; combaten xunto con catos e cenios, sendo derrotados por Caracalla.[13]
  • 253, os francos e alamáns invaden a Galia.
  • 277, o emperador Probo libera a Galia e fai retroceder aos alamáns máis aló do río Rin.
  • 352, os alamáns e francos derrotan ao exército romano, toman corenta cidades e instálanse entre o Mosela e o Rin.
  • 378, os alamáns invaden a actual Alsacia: son derrotados por Graciano.[14]
  • 496, os francos derrotan aos alamáns no Neckar.
  • 512, fin da guerra entre os francos e os alamáns.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Dion Cassio, 78.13.4.
  2. Heather (2010), p. 59
  3. Mommsen (2006)
  4. Santos Yanguas (1976), p. 36
  5. Collins (2000), p. 63
  6. Collins (2000), p. 65
  7. 7,0 7,1 Lomas & López (2004), p. 447
  8. Collins (2000), p. 66
  9. 9,0 9,1 Collins (2000), p. 67
  10. Heather (2010), p. 62
  11. Gibbon (2006), p. 518
  12. Collins (2000), p. 158
  13. Le Gall & Le Glay (1995), pp. 496-494
  14. Sayas & Abad (2013)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Collins, Roger (2000). La Europa de la Alta Edad Media (en castelán). Madrid: Akal. ISBN 84-460-1267-7. 
  • Gibbon, Edward (2006). Historia de la decadencia y caída del Imperio Romano. Tomo II, Volume 2 (en castelán). Madrid: Turner. ISBN 978-84-7506-754-4. 
  • Heather, Peter J. (2010). Emperadores y bárbaros: El primer milenio de la historia de Europa (en castelán). Barcelona: Crítica. ISBN 978-84-9892-092-5. 
  • Le Gall, Jöel; Le Glay, Marcel (1995). El imperio romano, Parte 3. Colección Pueblos y Civilizaciones (en castelán). Tomo I. Madrid: Akal. ISBN 84-460-0278-7. 
  • Lomas Salmonte, Francisco Javier; López Barja de Quiroga, Pedro (2004). Historia de Roma (en castelán). Madrid: Akal. ISBN 84-460-1225-1. 
  • Mommsen, Theodor (2006). El mundo de los Césares (ebook) (en castelán). México: Fondo de Cultura Económica. ISBN 978-607-16-0659-4. 
  • Santos Yanguas, Narciso (1976). Los pueblos germánicos en la segunda mitad del siglo IV. Serie Memorias de Historia Antigua (en castelán). Oviedo: Universidade de Oviedo. ISBN 84-600-0688-3. 
  • Sayas Abengoechea, Juan José; Abad Varela, Manuel (2013). Historia antigua de la península ibérica II. Época tardoimperial y visigoda (ebook) (en castelán). Madrid: UNED. ISBN 978-84-362-6534-7. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]