Zósimo (historiador)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Zósimo (en grego orixinal, Ζώσιμος) foi un historiador grego pagán de finais do século V e primeiros do VI, autor dunha historia do Imperio romano desde Augusto ata o saqueo de Roma polos visigodos ao mando de Alarico o 410.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado verosimilmente en torno ao ano 460, Zósimo viviu en Bizancio baixo os emperadores Zenón e Anastasio I. Foi advocatus fisci, isto é, o funcionario do tesouro imperial que defendía ante os tribunais os bens do estado, e residiu sen dúbida na mesma Bizancio. Posuía o rango de comes (isto é, membro da comitiva do emperador, o que despois se denominou "conde"). Algúns quixeron identificalo infrutuosamente cos sofistas Zósimo de Ascalón ou Zósimo de Gaza.

Deduciuse que redactou en grego o seu Ἱστορία νέα ("Historia nova") entre os anos 500 e 520, moi probabelmente 501, como defende A. D. E. Cameron. A súa narración proba que foi un pagán convencido nunha época en que o Cristianismo xa era protexido polos emperadores, polo que a súa obra está cargada de ideoloxía anticristiá. Zósimo móstranos que a nova relixión non era aínda algo asimilado do todo no Imperio romano e que o Paganismo se mantivose bastante tempo aínda nas cidades antes de que se extinguise nas aldeas. Por iso a súa obra é un testemuño valiosísimo sobre o fin da Antigüidade romana e completa de forma inestimábel a historia de Amiano Marcelino, tamén pagán e de orixe grega. De feito, atribúe o declive do Imperio ao rexeitamento dos deuses pagáns e dá á conversión de Constantino un ano moi posterior ao que ofrecen os historiadores cristiáns, xustificándoa ademais dunha forma psicolóxica, para facerse perdoar o crime de matar ao seu propio fillo Crispo e á súa nai, Fausta.

Nova Historia[editar | editar a fonte]

A Ἱστορία νέα ou Historia nova de Zósimo componse de seis libros; o estilo e a concepción historiográfica tómaos de Polibio; a súa ideoloxía é anticristiá, defensora das tradicións pagás; a súa fonte para o período do 238 ao 270 é aparentemente Dexipo; para o que vai do 270 ao 404, Eunapio; e, para despois do 407, Olimpiodoro. Probabelmente o título "nova" débese a que quere contrastarse coas historias que empezan a escribir os cristiáns.

O libro I, tras un rápido bosquexo da historia da Grecia antiga e do período republicano de Roma, comeza de feito en Augusto, pero os emperadores dos dous primeiros séculos son soamente enumerados; a narración non toma verdadeiro corpo máis que a partir do século III, estendéndose sobre todo nas invasións xermánicas e as campañas de Aureliano contra Palmira e a súa raíña, Zenobia. Unha ampla lagoa interrompe a narración no reinado de Probo (276-282), deixándonos sen información sobre o reinado de Diocleciano, un gran perseguidor de cristiáns, e no libro II retómase cunha digresión sobre os xogos seculares (que vén de Flegón de Tralles) para seguirse desde a abdicación de Diocleciano (305) ata a elevación de Xuliano o Apóstata á dignidade de césar.

O libro III narra o reinado de Xuliano e o de Xoviano (355-364). O IV esténdese entre os anos 364 e 395 (Valentiniano I, Valente, Graciano, Valentiniano II, Teodosio I). O V pon en escena os acontecementos de Oriente entre 395 e 404 e os de Occidente entre 407 e 409. O libro VI e último, moi breve e inacabado, engloba a narración dos sucedido nalgúns meses, desde 409 ata o verán de 410, e interrómpese pouco antes da toma de Roma por Alarico.

O estilo de Zósimo é conciso, limpo e puro e gusta de introducir anécdotas. A difusión da obra foi principalmente clandestina por mor do seu contido, de forma que só chegou a nós un testemuño, o codex vaticanus graecus 156, copiado entre os séculos X e XI, con numerosas marginalia iradas de lectores cristiáns bizantinos. As mellores edicións son as de L. Mendelssohn (Leipzig, 1887) e a bilingüe de F. Paschoud (Histoire Nouvelle, París, 1971-1988).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]