Luis Milia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Luís Milia»)
Luis Milia
Nacemento21 de xuño de 1948
Lugar de nacementoXunqueira de Ambía
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico
editar datos en Wikidata ]

Luís Milia Méndez, nado en Xunqueira de Ambía o 21 de xuño de 1948, é un político e farmacéutico galego do PSdeG-PSOE.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

É farmacéutico en Carballeda de Avia. Militante do PSdeG-PSOE e membro de Unións Agrarias. Foi secretario comarcal do PSdeG no Ribeiro (1985-1988), responsable comarcal e provincial de Unións Agrarias e Presidente do Consello Regulador do Ribeiro (1990-1992). Foi senador por Ourense na V lexislatura (1993-1996).

Encabezou a candidatura do PSdeG-PSOE en Carballeda de Avia nas eleccións municipais de 1987 e foi elixido concelleiro. Repetiu candidatura nas municipais de 1991, 1995 e 1999 e foi mellorando progresivamente os seus resultados, quedando a tan só un concelleiro de gañar na última ocasión. A marcha de 2 concelleiros do equipo de goberno do PPdeG a finais de 2000, conduciu a unha moción de censura en marzo de 2001 que desaloxou ao alcalde Ernesto Martínez Fernández e que lle outorgou a alcaldía do concello grazas ao apoio dunha concelleira expopular[1]. En virtude do Pacto de Antitransfuguismo abandonou o PSdeG, e fundou a formación independente Veciños Unidos por Carballeda (VUCAR). Nas municipais de 2003 encabezou o VUCAR e revalidou a alcaldía con maioría absoluta.

En novembro de 2006 volveu ó PSdeG[2], á fronte do cal revalidou a alcaldía con maioría absoluta nas municipais de 2007. Volveu gañar as municipais de 2011 e 2015 por maioría absoluta encabezando a lista do PSdeG-PSOE. Foi membro da Comisión Executiva da FEGAMP (2015-2019). Revalidou a alcaldía, novamente con maioría absoluta, nas municipais de 2019 e 2023.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

O seu irmán era o tamén farmacéutico Tomás Milia, quen morreu asasinado en outubro de 2013. [3]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Ernesto Martínez Fernández
 
Alcalde de Carballeda de Avia
 
2001 - actualidade
Sucesor:
no cargo