Somatomedina A

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «IGF-2»)
IGF-2.

A somatomedina A ou factor de crecemento similar á insulina de tipo 2 (IGF-2 ou IGF-II) é unha hormona peptídica monocatenaria de estrutura similar á da insulina. O IGF-2 exerce un papel importante no crecemento fetal e ciclo ovárico. Ás veces tamén se produce nas células de determinados tumores, causando hipoglicemia (síndrome de Doege-Potter).

Xenética[editar | editar a fonte]

Nos humanos, o xene IGF2 sitúase no cromosoma 11 (locus 11p15.5), nunha rexión que contén numerosos xenes con impronta xenética. O xene IGF2 exprésase de forma diferente segundo se o alelo herdado provén da nai (xene reprimido) ou do pai (xene expresado). No cerebro obsérvase unha perda da impronta xenética, polo que tanto o IGF2 coma o H19 son transcritos de ambos os alelos parentais [1].

A proteína CTCF xoga un papel básico na represión do xene, uníndose á rexión de control da impronta H19 ou ICR H19, xunto coa Rexión Diferencialmente Metilada-1 (DMR1) e a Rexión de Unión á Matriz-3 (MAR3). Estas tres secuencias de ADN únense á CTCF de forma que se limita o acceso da polimerase á rexión Igf2. O mecanismo de unión é aínda descoñecido, mais podería incluír unha interacción directa ADN-CTCF ou posiblemente a través doutras proteínas.

Receptores[editar | editar a fonte]

O IGF-2 exerce os seus efectos ao unirse co receptor de IGF-1. O IGF-1 tamén pode unirse co receptor de IGF-2 (tamén chamado o receptor de manosa 6-fosfato independente de catión), que actúa como un "receptor de eliminación", xa que non activa ningunha ruta de sinalización intracelular, funcionando só como un axente de secuestro de IGF-2, impedindo a sinalización de IGF-2.

Síntese e secreción[editar | editar a fonte]

O IGF-2 sintetízase basicamente no fígado, e tamén nos tecidos diana, con efecto autócrino e parácrino.

O 98-99% do IGF-II viaxa polo sangue unido á proteína transportadora do factor de crecemento similar á insulina (IGF-BPs), cunha vida media dunhas 18 horas. O resto viaxa libre cunha vida media duns 20 minutos. Existen 6 proteínas transportadores de IGF.

Regulación[editar | editar a fonte]

O principal factor estimulante da secreción de IGF-2 é a hormona do crecemento (GH), aínda que a resposta pode ser inhibida pola desnutrición (mesmo con niveis moi altos de GH), a insensibilidade á insulina ou ausencia dos seus receptores, ou fallos nos segundos mensaxeiros, como SHP2 e STAT5b.

Outros factores estimulantes menos importantes son a insulina, as hormonas tiroides, a testosterona e o estradiol.

Entre os factores que inflúen nos niveis de IGF-II están a variabilidade individual, a hora do día, a idade, o sexo, a raza, o exercicio, os niveis de estrés, o estado nutricional, o índice de masa corporal (IMC), certas patoloxías, os niveis de estróxenos e a inxestión de xenobióticos (substancias alleas ao organismo).

Funcións[editar | editar a fonte]

A función principal do IGF-2 é a promoción do crecemento fetal durante a xestación. Entre as principais accións do IGF-2, salientamos a estimulación da proliferación celular e o crecemento no feto dos seguintes órganos e tecidos: fígado, ril, páncreas, intestino, glándulas suprarrenais, paratiroide, tecido muscular cardíaco e esquelético, pel, tecido conxuntivo.

No proceso da foliculoxénese dos folículos ováricos, producen IGF-2 as células da teca folicular para que este actúe de maneira autócrina sobre elas mesmas, e de maneira parácrina sobre as células da granulosa do ovario. O IGF-2 promove a proliferación das células da granulosa durante a fase folicular do ciclo menstrual, actuando xunto coa hormona estimulante dos folículos (FSH). Despois da ovulación, o IGF-2 promove a secreción da proxesterona durante a fase lútea do ciclo menstrual xunto coa hormona luteinizante (LH). Así, o IGF-2 actúa como unha co-hormona xunto coa FSH e LH.

Un estudo feito na Mount Sinai School of Medicine encontrou que o IGF-2 podería estar asociado coa memoria,[2] e que podería utilizarse potencialmente para tratar o alzheimer.[3][4] Un estudo no Instituto Europeo de Neurociencia (Alemaña) encontrou que a sinalización de IGF2/IGFBP7 inducida polo medo promove a supervivencia das neuronas do hipocampo. Isto suxire que as terapias que melloren a sinalización de IGF2 e a neuroxénese adulta poderían ser adecuadas para o tratamento de enfermidades vinculadas a un exceso de memoria do medo como o trastorno por estrés postraumático.[5]

Enfermidades[editar | editar a fonte]

Ás veces o IGF-2 prodúcese en exceso por tumores nas células dos illotes de Langerhans do páncreas, causando hipoglicemia. A síndrome de Doege-Potter é unha síndrome paraneoplásica na que a hipoglicemia se relaciona coa presenza dun ou máis tumores fibrosos non relacionados cos illotes de Langerhans na cavidade pleural. A perda da impronta xenética do IGF-2 é unha característica común nos tumores que aparecen na síndrome de Beckwith Wiedemann.

Interaccións[editar | editar a fonte]

Demostrouse que a somatomedina A ou IGF-2 interacciona co IGFBP3 [6][7][8][9] e a transferrina.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pham NV, Nguyen MT, Hu JF, Vu TH, Hoffman AR. Dissociation of IGF2 and H19 imprinting in human brain. Brain Res. 1998 Nov 9;810(1-2):1-8. [1]
  2. http://www.nature.com/nature/journal/v469/n7331/full/nature09667.html
  3. "Brain chemical could treat Alzheimer's". The Times Of India. Arquivado dende o orixinal o 31 de xaneiro de 2011. Consultado o 12 de febreiro de 2012. 
  4. MacRae, Fiona (27 de enero de 2011). "Scientists find key chemical that could boost memory and end the misery of Alzheimer's". Daily Mail (London). 
  5. http://www.nature.com/emboj/journal/vaop/ncurrent/full/emboj2011293a.html
  6. 6,0 6,1 Storch, S; Kübler B, Höning S, Ackmann M, Zapf J, Blum W, Braulke T (2001). "Transferrin binds insulin-like growth factors and affects binding properties of insulin-like growth factor binding protein-3". FEBS Lett. (Netherlands) 509 (3): 395–8. ISSN 0014-5793. PMID 11749962. doi:10.1016/S0014-5793(01)03204-5. 
  7. C. K. Buckway, Wilson E M, Ahlsén M, Bang P, Oh Y, Rosenfeld R G (2001). "Mutation of three critical amino acids of the N-terminal domain of IGF-binding protein-3 essential for high affinity IGF binding". J. Clin. Endocrinol. Metab. (United States) 86 (10): 4943–50. ISSN 0021-972X. PMID 11600567. doi:10.1210/jc.86.10.4943. 
  8. S. M. Twigg, Baxter R C (1998). "Insulin-like growth factor (IGF)-binding protein 5 forms an alternative ternary complex with IGFs and the acid-labile subunit". J. Biol. Chem. (UNITED STATES) 273 (11): 6074–9. ISSN 0021-9258. PMID 9497324. doi:10.1074/jbc.273.11.6074. 
  9. Firth S M, Ganeshprasad U, Baxter R C (1998). "Structural determinants of ligand and cell surface binding of insulin-like growth factor-binding protein-3". J. Biol. Chem. (UNITED STATES) 273 (5): 2631–8. ISSN 0021-9258. PMID 9446566. doi:10.1074/jbc.273.5.2631. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • MeshName - Insulin-Like+Growth+Factor+II [2]