Francisco Esteban Aedo
Pegaso | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Francisco Esteban Aedo | ||
Nacemento | 10 de xaneiro de 1938 | ||
Lugar de nacemento | Portugalete | ||
Falecemento | 19 de xuño de 2015 | ||
Lugar de falecemento | Portugalete | ||
Posición | Defensa central | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
–1958 | Portugalete | ||
1958–1961 | Sestao | 90 | (0) |
1961–1964 | Deportivo da Coruña | 70 | (0) |
1964–1965 | Racing de Ferrol | ||
1965–1966 | Badalona | 22 | (0) |
1966–1967 | Logroñés | 13 | (0) |
1967–1968 | Portugalete | ||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Francisco Esteban Aedo, coñecido como Pegaso, nado en Portugalete (Biscaia) o 10 de xaneiro de 1938 e finado no mesmo lugar o 19 de xuño de 2015, foi un futbolista español. Xogaba de defensa central e destacou principalmente no Sestao e no Deportivo da Coruña, logrando con este último dous ascensos á Primeira División.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu no barrio de San Roque de Portugalete, nunha familia procedente de Karrantza. Súa nai, Manuela, traballaba como leiteira.[1] Formouse como futbolista na canteira do Club Portugalete, onde foi adestrado por Martín Aroma. Alí comezou a ser alcumado "Pegaso", en referencia ao cabalo alado e á marca de camións.[2][1] Tras un breve polo primeiro equipo recalou no Sestao, co que debutou na Segunda División na primeira xornada da tempada 1958/59 contra o Girona. Titular indiscutible na defensa durante os seguintes tres anos xunto a Letamendia, acadou o oitavo posto na súa primeira tempada, salvou a categoría na promoción na segunda, e acabou descendendo na terceira.
Deixou entón o equipo da marxe esquerda do Nervión, e fichou xunto ao seu compañeiro Igartua polo Deportivo da Coruña, tamén de Segunda.[3][4] O adestrador do equipo era o tamén vasco Otxoa e a eles sumouse pouco despois Aurre, procedente do Barakaldo. Debutou co equipo coruñés no primeiro partido da tempada 1961/62 contra o Salamanca en Riazor (4-1), e foi titular en 29 dos 30 partidos da tempada, perdendo só o derradeiro partido por lesión. Compartiu defensa entre outros con Aurre, Lariño e Manín e foi o futbolista con máis minutos do equipo xunto a Jaime Blanco. O Deportivo, liderado no ataque por Amancio e Veloso, logrou o ascenso a Primeira División despois de proclamarse campión da categoría de prata.[2]
Debutou na máxima categoría na sexta xornada da tempada 1962–63, nun partido contra o Málaga na Rosaleda. Participou en 17 encontros e estivo baixo as ordes de tres adestradores nese ano: Enrique Rabassa, Rodrigo García Vizoso e Lelé. Ao final do campionato o equipo descendeu á Segunda División tras quedar antepenúltimo na clasificación e perder a promoción contra o Levante. Na seguinte campaña, con Roque Olsen no banco, Pegaso volveu ser unha peza clave na defensa do Deportivo, xunto a Domínguez, Aurre e Manín, logrando un novo título de Segunda e un novo ascenso.[2]
Tralo seu segundo ascenso co Deportivo deixou o club coruñés, fichando polo Racing de Ferrol, da Terceira división, e con el foron Larraz e Tucho de la Torre.[2][5] Militou unha tempada no club departamental, logrando a primeira praza do grupo I pero caendo na fase de ascenso contra o Rayo Vallecano. Para a tempada 1965/66 fichou polo Badalona, de Segunda.[6] Acadou a permanencia co equipo catalán e ao ano seguinte fichou polo Logroñés, da mesma categoría e que estaba adestrado por Ramallets. Este foi destituído tras 14 xornadas, pasando logo varios adestradores máis polo banco das Gaunas, nunha tempada na que Pegaso disputou só 13 partidos de liga e o Logroñés acabou descendendo.
Pechou a súa carreira como futbolista no mesmo club no que a comezara, o Portugalete da súa vila natal, onde trala súa retirada, foi adestrador da canteira e directivo, ademais de rexentar un bar chamado Pegaso.[1] Faleceu en Portugalete o 19 de xuño de 2015, aos 77 anos de idade.[7]
Palmarés
[editar | editar a fonte]Deportivo da Coruña
- Segunda división (2): 1961/62, 1963/64.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Pérez, Luis María (22 de xuño de 2017). "'Pegaso': Dos años sin el central que marcó a Di Stéfano (Y 2)" (en castelán). Consultado o 17 de novembro de 2021.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Pérez, Luis María (21 de xuño de 2017). "'Pegaso': Dos años sin el central que marcó a Di Stéfano" (en castelán). Consultado o 17 de novembro de 2021.
- ↑ "Pegaso e Igartua firmarán por el Deportivo coruñés". La Noche (en castelán) (12399). 12 de xuño de 1961. p. 4. Consultado o 17 de novembro de 2021.
- ↑ "Dos nuevos jugadores en el Deportivo". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de xuño de 1961. p. 5.
- ↑ "Nuevo fichaje del Club Ferrol". El Pueblo Gallego (en castelán). 16 de agosto de 1964. p. 21. Consultado o 17 de novembro de 2021.
- ↑ "Pegaso, al Badalona". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de setembro de 1965. p. 6.
- ↑ "Fallece 'Pegaso", exjugador del Deportivo". Mundo Deportivo (en castelán). 20 de xuño de 2015. Consultado o 17 de novembro de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do xogador en BDFutbol (en castelán).