Fernando Mendonça

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fernando Mendonça
Información persoal
Nome Fernando Manuel de Mendonça Paulino
Nacemento 15 de outubro de 1932 (91 anos)
Lugar de nacemento Luanda
Posición Dianteiro
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1950–1956 Sporting CP 44 (14)
1950–1952Juventude (cedido)
1955–1956Torreense (cedido) 22 (1)
1956–1961 Sporting de Braga 90 (28)
1958Deportivo (cedido) 5 (1)
1961–1963 Deportivo da Coruña 19 (2)
1965–1966 Penafiel
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Fernando Manuel de Mendonça Paulino, nado en Luanda (Angola) o 15 de outubro de 1932, é un exfutbolista portugués, de orixe angolana. Xogaba de dianteiro. É irmán dos tamén futbolistas Jorge Alberto Mendonça e João Mendonça.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Luanda, capital da África Occidental Portuguesa. Súa nai era angolana e seu pai un portugués enviado a Angola para traballar no Observatorio Meteorolóxico. Este foi fundador do Sporting Clube de Luanda.[1] A familia trasladouse logo a Portugal. Alí comezou a xogar xunto a seus irmáns na canteira do Sporting de Lisboa, pero non logrou facerse cun sitio no equipo principal e foi cedido ao Juventude de Évora. Regresou ao Sporting en 1952, disputado nesa tempada 15 partidos e facendo 3 goles, proclamándose campión da Liga Portuguesa ao termo da campaña. Na seguinte tempada, xogou 29 partidos oficiais e marcou 13 goles, volvendo gañar a Liga, e converténdose o Sporting no primeiro tetracampión de liga en Portugal. Nese mesmo ano, tamén gañou a Copa de Portugal, nunha final xogada fronte ao Vitória de Setúbal que rematou 3-2 e na que Fernando anotou dous goles.[2] Na seguinte campaña non tivo tanta continuidade e acabou sendo cedido ao Torreense na tempada 55/56.

Despois doutra tempada cedido ao Torres Vedras, desvinculouse totalmente do Sporting de Lisboa e firmou polo Sporting de Braga, onde ficou varias tempadas ata 1961.

A falta de seis partidos para que rematase a tempada 1957–58 chegou cedido ao Deportivo da Coruña, para intentar evitar un descenso a Terceira División que se daba por feito. Chegou xunto aos seus irmáns Jorge e João, mais este último non puido xogar pola regulamentación.[3] Finalmente, e tras gañar a promoción contra o Ourense (4–1), o Deportivo salvou a categoría. Na tempada 1961–62, volveu novamente ao conxunto coruñés, obtendo o ascenso a Primeira División, xogando 16 partidos e marcando 2 goles. Na seguinte tempada xogou tan só tres encontros, descendendo ao final da campaña a Segunda División.

Marchou no verán de 1963 para Italia. Alí realizou unha proba coa Lazio, pero non convenceu ao adestrador Juan Carlos Lorenzo. Tras pasar polo Elche rematou a súa carreira futbolística no Penafiel en 1966.

Palmarés[editar | editar a fonte]

Sporting CP
  • Primeira Liga (2): 1952-53, 1953-54
  • Copa de Portugal (1): 1953-54
Deportivo

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Giraldo, Javier (1 de febreiro de 2018). "Jorge Alberto Mendoza, la increíble historia del culé que se hizo predicador". Sport (en castelán). Consultado o 29 de outubro de 2020. 
  2. Fernando Mendonça en sportingcanal.com (en portugués)
  3. "Cartabia, Braga y los Mendonça". La Opinión A Coruña (en castelán). 6 de febreiro de 2017. Consultado o 29 de outubro de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]