Eirík de Jórvik

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaEirík de Jórvik
Rei de Northumbria
Editar o valor em Wikidata
Moeda do reinado de Eirík de Jórvik.

Eirík de Jórvik (nórdico antigo: Eiríkr), finado en 954, foi un rei viquingo de Jórvik, unha figura histórica que tomou relevancia entre historiadores quen consideran que Eric I de Noruega (Machadasanguenta) non gobernou o enclave escandinavo en Inglaterra, senón un membro da dinastía hiberno nórdica dos Uí Ímair co mesmo nome; aínda que se descoñece a súa ascendencia, os datos que proporcionan os textos das crónicas anglosaxoas e a cronoloxía dos acontecementos contradinse coas sagas nórdicas e hai fortes indicios que ambos foron dúas persoas diferentes[1].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Eirík aparece nas crónicas no ano 946 como rei de York, coincidindo coa morte de Eadmund I de Inglaterra, aínda que parece que o seu reinado foi efémero (947-948) pois o sucesor de Eadmund, Eadred, conquistou o enclave nórdico e propiciou a súa caída.

A identificación de Eirík de Jórvik con Eric de Noruega xorde coa hipótese de W.G. Collingwood, aínda que non existe nin unha soa referencia de cronistas anglosaxóns contemporáneos sobre a súa orixe, excepto a versión «E» da crónica anglosaxoa que o cita como fillo de Harald (quendam Ericum fillium Haroldi)[2]. Nunha carta de Eduardo I de Inglaterra ao Papa Bonifacio VIII, o rei inglés cita a Eirík como un nobre de orixe escocesa[3]. É moi posíbel que a coincidencia de nomes facilitase a confusión entre ambos e os historiadores se decantasen pola figura máis emblemática das sagas escandinavas antes que a dun descoñecido.

Entre as diferenzas máis notábeis co monarca noruegués, atópase a Vita Sancti Cathroe que menciona o matrimonio de Eirík de Jórvik cunha dama da dinastía do reino de Alba[4]. Este tipo de matrimonios fortalece o argumento que Eirík pertencía aos Uí Ímair, un descendente de Ímar, e non á dinastía Hårfagreætta de Eric de Noruega[5]. As moedas da época confirman que houbo continuidade administrativa de Olaf Cuaran xa que Eirík imitou as súas formas en dúas ocasións, algo impropio para alguén que pertencía a outra dinastía real. Estas moedas mostran unha espada no reverso, o símbolo do poder hiberno-nórdico e a conquista de 919, un símbolo común a finais do século X entre os descendentes de Ímar[6].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Clare Downham (2004), Eiríkr Bloodaxe – axed? The mistery of the last Viking king of York, Mediaeval Scandinavia, 14. pp. 51-77.
  2. Collinwood, W.G. (1898-1901), King Eirík of York, Saga-book of the viking club, pp. 313-27.
  3. Downham, Clare (2007) Viking Kings of Britain and Ireland, Dunedin, p. 116
  4. Vita Sancti Cathroe, cap. 17
  5. Woolf, Alex (2001), Amlaíb Cuarán and the Gael, 941-81, Medieval Dublin, Vol. 3, p. 39.
  6. Dolley, R. H. M. (1966) The Hiberno-Norse Coins in the British Museum, London, p. 26.