Jórvik

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O reino viquingo de Jórvik, en Northumbria.

O reino viquingo de York ou Jórvík foi un antigo estado de Europa que existiu no período desde o 866 até o 954[1][2]. Os viquingos orixinarios de Dinamarca estableceron un potente estado na illa de Gran Bretaña con capital en York, que nun principio se chamou Jórvik. A rexión ao redor desta cidade coñeceuse como Danelaw, termo que se aplicou tamén á xurisdición detentada polos daneses durante a segunda metade do século X[3].

Territorio tamén coñecido como a York Escandinava, termo usado polos historiadores para identificar ao reino de Northumbria a finais do século IX e primeira metade do século X, durante a dominación escandinava, en particular baixo o reinado dos reis viquingos.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome Jórvík é unha escandinavización de Eoforwic, que é o nome en inglés antigo da capital de Northumbria coñecida como York no século X. O prefixo jór- en nórdico antigo procede da palabra jofurr que ten o mesmo significado do inglés antigo, eofor (xabaril ou caudillo)[4]. O sufijo wic procede do protoindoeuropeo e significa campamento ou asentamento (en latín: vicus), substituído polo nórdico antigo vík (porto ou baía). O sentido da palabra, por tanto, para os escandinavos sería: «porto do caudillo ou dos caudillos».

Xeografía[editar | editar a fonte]

O territorio do reino viquingo comprendía gran parte do norte de Inglaterra, con fronteiras sempre en constante cambio debido ás guerras con Wessex. Jórvik estaba moi vinculada a outro territorio viquingo en Irlanda, o reino de Dublín durante ese período.

Historia[editar | editar a fonte]

York foi fundada polos romanos como fortaleza e bautizada Eboracum, máis tarde ocupada e reavivada polos anglosaxóns como o emporio comercial de Eoforwic. A primeira incursión viquinga coñecida foi en novembro de 866 e liderada por Ivar o Desosado, un dos fillos do lendario Ragnar Lodbrok e un dos caudillos que encabezaron a conquista de Inglaterra co gran exército pagán polos cronistas anglosaxóns, que desde Anglia Oriental marchou cara ao norte, apoiado por cabalos que obtiveron durante a retirada do rei Edmundo Mártir durante a guerra civil entre aspirantes polo trono do reino anglo de Northumbria e os territorios de Bernicia e Deira. Tras unha tregua, os anglosaxóns uniron as súas forzas pero foron incapaces de reconquistar York en marzo de 867 e tras a derrota Deira someteuse ao control danés obrigando á corte de Northumbria a escapar e atopar refuxio en Bernicia. Non obstante unha arremetida viquinga contra Mercia fracasou e todos os esforzos contra Wessex non cultivaron os froitos esperados pola forte oposición do rei Aethelred I e o novo príncipe Alfredo. Parece que o arcebispo de York colaborou cos viquingos, polo que foi expulsado temporalmente cando os northumbrianos recuperaron a cidade en 872; máis tarde recuperou a súa praza que mantivo até a súa morte. O rei viquingo Guthred foi enterrado na catedral de York, un indicativo que o arcebispo e o monarca viquingo chegou a un acordo como suxire o historiador Richard Hall[5].

Moeda de York durante o reinado de Erik Machada Sanguenta (952-954).

Todas as moedas viquingas parece que se cuñaron en York, un sinal da excelente situación económica como imán comercial de Northumbria na época. A importancia de York fíxose patente cando o caudillo Guthrum dirixiu a súa atención a Anglia Oriental mentres Halfdan Ragnarsson tomou o poder no ano 875[6]

Os gobernantes daneses procedentes de Xutlandia, reino de Gorm o Vello, establecéronse no reino de Anglia Oriental. Os cinco burgos de Danelaw seguían as mesmas bases do reino de Lindsey e os límites usábanse como un tipo de fronteiras entre cada reino. Canuto o Grande máis tarde «reinstituíu» unha dinastía norueguesa de jarls en Northumbria, con Eiríkr Hákonarson, mentres mantivo outra dinastía danesa en Anglia Oriental con Thorkell o Alto. Todo o norte de Inglaterra seguiría sendo unha fonte de intrigas de palacio para os noruegueses até a morte de Harald III de Noruega na batalla de Stamford Bridge en 1066 previa á batalla de Hastings e a conquista normanda de Inglaterra.

O emprazamento de Konungsgurtha (en nórdico antigo significa a Corte do Rei), atópase rexistrada a finais do século XIV como área inmediatamente exterior da porta principalis sinistra, a porta occidental do acantonamento romano que aínda se mantén no día de hoxe en King's Square, Ainsty, Yorkshire. Quizais indicaba unha residencia real viquinga sobre os restos da fortaleza romana[7].

O reino viquingo foi absorbido por Inglaterra en 954 tras a derrota de Eric I de Noruega na batalla de Stainmore. Tras a anexión de Jórvik a Northumbria, baixo o goberno do conde de Wessex, o título de rei de Jórvik soaba redundante e foi substituído por "conde de York", en 960. A perda de independencia política de Jórvik non significou unha alteración da situación económica e o éxito comercial obtido: cara ao ano 1000, o crecemento urbano foi espectacular, superado só por Londres. Aínda que algúns dos condes de York foron nórdicos como os reis de Jórvik, foron sucedidos por normandos tras a conquista. Guillerme I o Conquistador acabou cos últimos vestixios de independencia na rexión e estableceu guarnicións militares na cidade. O condado de York foi abolido por Henrique II de Inglaterra.

Gobernantes de Jórvik[editar | editar a fonte]

Rei Reinado Detalles
Ecgberht I de Northumbria 867 - 872 Rei monicreque dos viquingos
Ricsige de Northumbria 872 - 876 Derrocado polos viquingos
Ecgberht II de Northumbria 876 - 878
Guthred 878 - 895 Viquingo
Jarl Sichfrith 895 - 899 Viquingo[8]
Knútr 899 - 900 Viquingo (Jarl Sichfrith e Canuto puideron rexentar xuntos parte ou todo o período entre 895 e 900)
Æthelwold de Wessex 900 - 902
Eowils e Halfdan 902 - 910 Posible diarquía viquinga.[9] É probable que Ingwær, un irmán de Æthelwold de Wessex, gobernase unha parte do reino.
Eadwulf II de Northumbria m. 913 [10][11]
Ealdred de Northumbria 913- 918 Só reinou sobre unha pequena parte do territorio, a maior parte estaba baixo dominio viquingo
Ragnall ua Ímair 914 - 921 Viquingo hiberno-nórdico que dominou gran parte de Northumbria antes de ser rei de Jórvik en 918
Sitric Cáech 921 - 927 Viquingo hiberno-nórdico, tamén monarca do reino de Dublín
Athelstan 927 - 939
Olaf III Guthfrithson 939 - 941 Viquingo hiberno-nórdico, tamén monarca do reino de Dublín
Amlaíb Cuarán 941 - 944 Viquingo hiberno-nórdico, tamén monarca do reino de Dublín
Ragnall mac Gofrith 943 - 944 Viquingo hiberno-nórdico que gobernou en diarquía con Amlaíb Cuarán
Edmundo I de Inglaterra 944 - 946
Eirík Machada Sanguenta 947 - 948 Rei viquingo noruegués. Véxase tamén Eirík de Jórvik
Amlaíb Cuarán 949 - 952 (restaurado)
Eirík Machada Sanguenta 952 - 954 (restaurado)
Edred 954 -

Secuelas[editar | editar a fonte]

Entre 1070 e 1085 houbo intentos ocasionais de recuperar Jórvik polas forzas viquingas danesas, pero ningunha desas tentativas tivo éxito para materializarse nun renacemento do Reino viquingo de York[12].

O título Duque de York, título nobiliario de Gran Bretaña, foi creado en 1341 pero uniuse á coroa cando o cuarto duque se converteu en Eduardo IV de Inglaterra. En consecuencia, o título de Duque de York, concedeuse ao segundo fillo do monarca.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Guthfrith I Hardicnutson Norse King of York". Britannia.com. Arquivado dende o orixinal o 08 de novembro de 2017. Consultado o 24 de novembro de 2017. 
  2. "The Scandinavian Kingdom of York / Jorvik". HistoryFiles.co.uk. 
  3. Magnusson, Magnus (1980) Vikings, New York: Elsevier-Dutton Publishing Co., Inc. p. 145
  4. Nicholas Higham, M. J. Ryan (2013), The Anglo-Saxon World, Yale University Press, ISBN 0300195370, p. 374.
  5. "A kingdom too far: York in the early tenth century", in N.J. Higham and D.H. Hill, Edward the Elder, 899-924, 2001:188.
  6. The Penguin Historical Atlas of the Vikings. Penguin. ISBN 0-14-051328-0. 
  7. Richard Hall, Viking Age archaeology, 1995:28; Richard Hall, "A kingdom too far: York in the early tenth century", in N.J. Higham and D.H. Hill, Edward the Elder, 899-924, 2001.
  8. Downham, Clare (2007). Viking Kings of Britain and Ireland: The Dynasty of Ívarr to A.D. 1014. Edinburgh: Dunedin. ISBN 9781903765890. OCLC 163618313.  p. 79
  9. Downham, Clare (2007). Viking Kings of Britain and Ireland: The Dynasty of Ívarr to A.D. 1014. Edinburgh: Dunedin. ISBN 9781903765890. OCLC 163618313.  p. 87
  10. Downham, Clare (2007). Viking Kings of Britain and Ireland: The Dynasty of Ívarr to A.D. 1014. Edinburgh: Dunedin. ISBN 9781903765890. OCLC 163618313.  p. 88
  11. Woolf, Alex (2007). From Pictland to Alba, 789–1070. The New Edinburgh History of Scotland. Edinburgh: Edinburgh University Press. ISBN 9780748612345. OCLC 123113911.  p. 139
  12. "The Rulers of Jorvik (York)". Viking.no. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • D. M. Palliser (2014), Medieval York: 600-1540, OUP Oxford, ISBN 0191667579

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]