Saltar ao contido

Escleractinias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Escleractinios»)
Escleractinias/escleractinios
Scleractinia

Rango fósil: Triásico medio - Actualidade
(240 - 0 Millóns de anos)

Diploria labyrinthiformis
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Cnidaria
Clase: Anthozoa
Subclase: Hexacorallia
Orde: Scleractinia
Bourne, 1900
Familias
Véxase o texto
Sinonimia
Véxase o texto
Diagrama que mostra a estrutura dun pólipo de coral, co coralito, o cenosarco e o cenósteo.

Os escleractinias, ou escleractinios, Scleractinia, chamados vulgarmente corais duros ou corais pétreos, constitúen unha orde de cnidarios antozoos da sublcase dos hexacoraliarios.[1]

Son antozoos exclusivamente mariños que non presentan o estado de medusa, polo que o seu ciclo de vida comprende exclusivamente o estado de pólipo. Anatomicamente son moi similares ás anemones de mar, pero diferéncianse delas en que xeran un esqueleto duro calcario, aínda que, como elas, están armados con células urticantes coñecidas como cnidocitos. Como en todos os hexacoraliarios, o número de tentáculos é seis ou de múltiplos de seis. Poden encontrarse moi distintas formas, tamaños e coloracións dentro dos corais desta orde.

Estes pólipos teñen un corpo cilíndrico coroado por un disco oral no que se abre a boca rodeada de tentáculos. Aínda que algunhas especies son solitarias, a maioría son coloniais. O pólipo fundador da colonia aséntase e comenza a segregar carbonato cálcico para protexer o seu brando corpoo. Os corais solitarios poden medir até 25 cm de ancho, pero nas especies coloniais os pólipos adoitan medir só uns poucos milímetros de diámetro. Estes pólipos reprodúcense asexualmente por xemación, pero permanecen unidos entre si, formando unha colonia de clons de múltiples pólipos cun esqueleto común, que pode ter até varios metros de diámetro ou de altura segundo as especies.

A forma e a aparencia de cada colonia depende non só da especie, senón tamén da súa situación, profundidade, de se as augas sen moi movidas ou pouco, e doutros factores. Moitos destes corais que viven en augas pouco profundas conteñen organismos unicelulares simbiontes coñecidos como zooxantelas dentro dos seus tecidos. Estas danlle a súa cor ao coral que, polo tanto, pode variar en tonalidade dependendo da especie de simbionte que conteña.

Os corais duros ou pétreos reprodúcense tanto sexual como asexualmente. A maioría das especies liberan os gametos no mar, onde ten lugar a fecundación, e as larvas (plánulas) desprázanse como parte do plancto, pero algunhas especies incuban os seus ovos. A reprodución asexual nas especies coloniais prodúcese principalmente por fragmentación, cando parte da colonia se desprende e vai a asentarse noutra parte.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A orde foi descrita en 1900 polo zoólogo británico Gilbert Charles Bourne, no seu traballo "The Anthozoa", pp. 1-84, en: Lankester E .R. (ed.) A Treatise on Zoology. Part II. The Porifera and Coelenterata. Londres: Adam & Charles Black.[1]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome científico Scleractinia está formado polos elementos do latín científico scler- e -acti-, e a terminación -nia.

  • O primeiro deriva do adxectivo do grego antigo σκληρός sklērós, "duro".
  • O segundo do substantivo do grego antigo ἀκτίς aktís, "raio".
  • O remate entá formado por un -n- epentético para facilitar a pronuncia, e o sufixo -ia indicando plural.

Nota. O xénero feminino adoptado aquí débese a que actinia é feminino; porén, en todas as linguas románicas os nomes das ordes de animais son mascculinos, de aí a duplicidade empregada.

Sinónimo

[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome actualmente válido, a orde coñeceuse tamén polo sinónimo:[1][2]

Clasificación

[editar | editar a fonte]

Na actualidade recoñécense na orde as seguintes familias:[1]

Ademais, hai algunhas incertae sedis.[1]

Características

[editar | editar a fonte]

O nome de escleractinios débese a que posúen escleritos que lles dan protección. Estes escleritos, de consistencia dura son producidos por células especializadas (os esclerócitos) e están constituídos por calcita, unha das formas alotrópicas do carbonato de calcio. Por iso dise que segregan un esqueleto de carbonato de calcio.[3] Este elemento subminístralles a textura dura, grazas á cal, desde o Triásico superior,[4] os corais escleractinios pasaron de ser unha parte minoritaria das comunidades arrecifais a constituír os bloques básicos da construción dos arrecifes coralinos tropicais.[5][6][7][8]

O esqueleto individual de cada pólipo denomínase coralito, e o esqueleto conxunto da colonia, cenósteo. O conxunto do cenósteo e os coralitos coñécese como corallum.[6][7][9][10]

Pola súa participación na conformación de arrecifes e por conteren zooxantelas simbióticas no seu endoderma denomínanse tamén corais hermatípicos.[11] Nestes corais con zooxantelas encóntrase unha alta relación entre a fotosíntese e os niveis de calcificación, xa que, nos períodos de luz preséntase maior acreción do esqueleto dos escleractinios que os que se dan sen a presenza da mesma. Este feito permite afirmar que efectivamente a fotosíntese beneficia a calcificación, pero non é posíbel asegurar que un aumento da calcificación favoreza a presenza de carbono inorgánico que poida ser útil para a fotosíntese.[12]

Para a aparición de corais hermatípicos é necesario que se dean unhas determinadas condicións:[13]

  • Augas cálidas: de 20 a 30 °C, e sometidas a poucas variacións temporais.
  • Luz: fundamental para que as zooxantelas leven a cabo o proceso fotosintético. As augas deben ser claras, é dicir, con pouca turbidez, e na zona epipeláxica, onde as algas poden creceren grazas á luz solar.
  • Baixa concentración de nutrientes en suspensión: unha elevada concentración de nutrientes faría incrementar excesivamente a turbidez.
  • Salinidade: viven en augas cun normal nivel de salinidade, entre o 27 ‰ e o 40 ‰.
  • Augas algo removidas: é necesario que o medio sexa rico en oxíxeno.
  • Substrato firme: necesario para o asentamento das colonias.

Os corais anhermatípicos carecen de zooxantelas e dependen enteiramente da captura de plancto para a súa alimentación. Porén, algúns deles presentan especies consideradas como "construtoras de arrecifes", como é o caso de Madrepora oculata ou de Lophelia pertusa, principais construtoras de arrecifes en augas frías, en localizacións situadas a máis de 2 000 m de profundidade.[14]

Número de especies e distribución

[editar | editar a fonte]

A orde comprende unhas 1 300 especies,[15], das cales 656 son construtoras de arrecifes que viven en augas tropicais soleadas, e outras 669 especies non son construtoras de arrecifes, e viven tamén en augas temperadas e polares, localizándose até os 6 000 m de profundidade.[16]

No Atlántico tropical occidental recoñécense 197 especies, 118 delas distribuídas no Caribe colombiano, mentres que no Pacífico rexístranse 37 especies nas augas colombianas, fronte ás 124 da totalidade do Pacífico oriental.[12]

Rexistro fósil

[editar | editar a fonte]

Hai poucas evidencias nas que basear unha hipótese sobre a orixe dos escleractinios. Sábese moito sobre as especies modernas, pero moi pouco sobre os espécimes fósiles, que apareceron por primeira vez no rexistro no Triásico medio, hai uns 240 millóns de anos.[17] E non foi até 25 millóns de anos máis tarde cando se converteron en importantes construtores de arrecifes, éxito que quizais fora o resultado de asociárense con algas simbóticas.[4]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Scleractinia Bourne, 1900 no WoRMS. Consultado o 18 de agosto de 2020.
  2. Madreporaria no WoRMS. Consultado o 18 de agosto de 2020.
  3. Fabricius, Katharina & Philip Alderslade (2001): Soft Corals and Sea Fans: A Comprehensive Guide to the Tropical Shallow Water Genera of the Central-west Pacific, the Indian Ocean and the Red Sea. Townsville, Queensland, Australia: Australian Institute of Marine Science. ISBN 978-0-6423-2210-4.
  4. 4,0 4,1 Stanley, G. D. (1981): "Early history of scleractinian corals and its geological consequences". Geology 9 (11): 507.
  5. Arche Miralles, Alfredo (2010): Sedimentología. Del proceso físico a la cuenca sedimentaria. Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas. ISBN 978-84-00-09145-3.
  6. 6,0 6,1 Ruppert, Edward E.; Fox, Richard, S.; Barnes, Robert D. (2004). Invertebrate Zoology, 7th edition. Boston, Massachusetts, USA: Cengage Learning. pp. 134–135. ISBN 978-81-315-0104-7. 
  7. 7,0 7,1 "Coensarc and coenosteum". Coral Hub. Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2017. Consultado o 28 de agosto de 2020. 
  8. "The polyp skeleton". Corals of the World. Australian Institute of Marine Science. 2013. Consultado o 28 de agosto de 2020. 
  9. Garrido, Carlos (1997): Dicionário terminológico quadrilíngue de zoologia dos invertebrados. A Coruha: Associaçom Galega da Língua. ISBN 84-8730-512-1, p. 88.
  10. "The polyp skeleton". Corals of the World. Australian Institute of Marine Science. 2013. Consultado o 28 de agosto de 2020. 
  11. Schuhmacher, H. & Zibrowius, H. (1985): '"What is hermatypic?". Coral reefs, 4 (1): 1-9.
  12. 12,0 12,1 Reyes, Javier; Nadiezhda Santodomingo & Paola Flórez (2010): Corales Escleractinios de Colombia Arquivado 09 de setembro de 2020 en Wayback Machine.. Santa Marta, Colombia: Insituto de investigaciones Marinas y Costeras. (INVEMAR). ISBN 978-958-8448-21-3.
  13. Bádenas, Beatriz y Marcos Aurell (1999): "Arrecifes de coral y concentración de dióxido de carbono: un ejemplo en la didáctica sobre cambio climático". Enseñanza de las Ciencias de la Tierra 7 (1): 21-28. (Texto completo).
  14. Borneman, Eric H. (2001): Aquarium corals. Selection, Husbandry and Natural History. Blyth, Northumberland, UK: ISBN 978-1-8900-8747-0.
  15. Brusca, R. C. & Brusca, G. J. (2005): Invertebrados, 2ª edición. Madrid: McGraw-Hill Interamericana de España S. L. ISBN 978-84-4860-246-8.
  16. Daly, M. et al. 2007.
  17. Stanley, G. D. (2003): "The evolution of modern corals and their early history". Earth-Science Rev. 60: 195–225.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Chevalier, J. P. & Beauvais, L. (1987): "Ordre des Scleractiniaires", pp. 403-764, en: Grassé P. P. (ed.) Traité de Zoologie, Cnidaires, Anthozoaires. París: Masson.
  • Daly, M. et al. (2007): "The phylum Cnidaria: A review of phylogenetic patterns and diversity 300 years after Linnaeus". Zootaxa 1668: 127–182.
  • Vaughan, T. W. & Wells, J. W. (1943): "Revision of the suborders, families and genera of the Scleractinia". Special Papers of the Geological Society of America '44: 1–363.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]