Eraserhead

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Eraserhead
Eraserhead.jpg
Ficha técnica
Título orixinalEraserhead
DirectorDavid Lynch
ProdutorDavid Lynch
GuiónDavid Lynch
IntérpretesJack Nance
Charlotte Stewart
Allen Joseph
Jeanne Bates
MúsicaDavid Lynch
Fats Waller
Peter Ivers
FotografíaFrederick Elmes
Herbert Cardwell
MontaxeDavid Lynch
EstudioAmerican Film Institute
DistribuidoraLibra Films International
Estrea19 de marzo do 1977
Duración89 minutos
OrixeEstados Unidos de América Estados Unidos
XéneroTerror, surrealismo
Orzamento10 000 dólares aproximadamente
Recadación7 millóns $

Eraserhead é un filme surrealista de body horror estadounidense escrito e dirixido por David Lynch en 1977. Filmado en branco e negro, Eraserhead é a primeira longametraxe de Lynch, que chegou despois de varias curtametraxes. O filme foi producido coa axuda do American Film Institute (AFI) durante o tempo de estudo que estivo alí o director. Protagonizada por Jack Nance, Charlotte Stewart, Jeanne Bates, Judith Anna Roberts, Laurel Near, e Jack Fisk, conta a historia de Henry Spencer (Nance), encargado de coidar ao seu fillo terribelmente deforme nunha desolada paisaxe industrial.

O filme tardou seis anos en ser gravado debido a que ninguén se interesou no proxecto, mais as doazóns de Fisk e a súa muller Sissy Spacek mantiveron o financiamento da produción. O filme foi rodado en diversas localizacións propiedade do AFI en California, incluíndo Greystone Mansion e un conxunto de cortes onde Lynch viviu durante un tempo. Lynch e mailo deseñador de son Alan Splet pasaron un ano traballando no son do filme despois da insonorización do estudio. A banda sonora de Eraserhead conta con música de órgano por Fats Waller e inclúe a canción "In Heaven", escrita para o filme por Peter Ivers.

Inicialmente cunha reducida apertura ao público e con pouco interese, Eraserhead gañou popularidade durante a súa emisión como un filme de media noite. Dende o seu lanzamento recibiu críticas positivas. A imaxinaría surrealista e as correntes subterráneas sexuais considéranse elementos temáticos clave, e o deseño de son intricado considérase o seu mellor punto técnico. As análises temáticas do filme tamén salientan estas cuestións elaborando sobre o fatalismo e inactividade de Spencer. No 2004 a Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos preservou o filme no National Film Registry pola súa relevancia "cultural, histórica ou esteticamente significativa".

Argumento[editar | editar a fonte]

O Home no Planeta (Jack Fisk) tira dunhas pancas no seu fogar no espazo, mentres que a cabeza de Henry Spencer (Jack Nance) flota no ceo. Unha criatura xigante con forma de espermatozoide emerxe da boca de Spencer, flotando no baleiro. O Home no Planeta semella controlar a criatura coas súas pancas, deixándoa caer eventualmente nunha poza de auga.

Nunha paisaxe urbana industrial, Spencer camiña cara a súa casa coa súa compra. A Rapaza Fermosa Doutro Lado do Andar (Judith Anna Roberts) párao xusto fóra do seu apartamento, informándolle que a moza deste, Mary X (Charlotte Stewart), invitouno a cenar coa súa familia. Spencer deixa a súa compra no seu apartamento, que está cheo de montes de lixo e vexetación morta. Esa noite Spencer visita a casa de Mary X e ten unha conversa incómoda coa nai dela (Jeanne Bates). Durante a cena pídenlle que corte un polo que "fixo" o falador pai de Mary X, Bill (Allen Joseph). O animal retórcese no prato e sáelle sangue a chorros. Trala cea, a nai de Mary X arrodea nunha esquina a Spencer e trata de bicalo, dicíndolle que Mary X tivo ó seu fillo e que os dous deben casar. Mary X pola súa parte non está segura de se o que tivo é realmente un neno.

A parella trasládase ó apartamento dunha habitación de Spencer e comeza a coidar do neno—unha masa toda envolta en vendas cunha cara inhumana que semella unha serpe, cun parecido á criatura con forma de espermatozoide. O neno rexeita a comida que lle dan, chorando de forma incesante. O seu son provoca que Mary X se volva histérica, polo que marcha e deixa a Spencer co neno. Spencer tenta coidar do neno, dándose conta de que ten dificultades para respirar e está cheo de úlceras dolorosas.

Spencer comeza a experimentar visións, volvendo a ver ó Home no Planeta, así como á Muller no Radiador (Laurel Near), que lle canta mentres machaca criaturas con forma de espermatozoide. Tras un encontro sexual coa Rapaza Fermosa Doutro Lado do Andar, Spencer ten unha visión na que unha criatura que se asemella ó neno decapítao, deixándolle un membro cicatrizado que se asemella á cara do neno. Pouco despois a cabeza de Spencer afúndese nunha poza de sangue e cae do ceo, aterrando nunha rúa. Un neno atópaa, levándoa a unha fábrica de lapis para transformala en gomas de borrar.

Spencer trata de atopar á Rapaza Fermosa Doutro Lado do Andar, pero atópaa xunto a outro home. Desolado, Spencer volve á súa habitación, onde o neno está a chorar. Colle unha tesoira e por primeira vez quítalle as vendas ó neno. Tras isto vese que o neno non ten pel, e as vendas mantiñan os órganos internos xuntos, espallándose no momento en que as corta. O neno emite un grito afogado de dor, e Spencer córtalle os órganos coa tesoira. Das feridas sae un líquido espeso que cobre ó neno. A electricidade na habitación sobrecárgase, e mentres as luces titilan o neno medra ata acadar unhas proporcións enormes. Cando se queiman as luces por completo, o Planeta está no lugar da cabeza do neno. Spencer aparece no medio dunha nube ondulada de restos de goma de borrar. Unha cara do planeta ráchase, e dentro del aparece o Home no Planeta manexando as pancas con dificultade, con chispas saíndo delas. A Muller no Radiador abraza a Spencer mentres unha luz branca e un ruído branco van aumentando en intensidade progresivamente ata que o filme remata de forma abrupta.

Produción[editar | editar a fonte]

Pre-produción[editar | editar a fonte]

Antes da produción do filme, o guionista e director David Lynch realizou estudos de arte, creando varias curtametraxes para animar as súas pinturas.[1] Cara 1970 mudou a súa dedicación cara o cine, e ós 24 anos aceptou unha bolsa de estudos no Center for Advanced Film Studies da AFI. O curso non lle gustaba e Lynch chegou a considerar deixar o estudo, pero mudou de parecer cando lle ofreceron unha oportunidade de producir un guión propio. Déronlle permiso para usar o campus da escola como estudios de cine, e converteu as cortes sen uso da escola nunha serie de estudios, mudándose a vivir alí.[2] A maiores usou Greystone Mansion, tamén propiedade da AFI, para moitas escenas.[3]

Lynch tiña comezado un traballo nun guión titulado Gardenback, baseado nunha pintura súa dunha figura cunha chepa á que lle saía vexetación das costas. Gardenback era un guión surrealista sobre o adulterio, que incluía un insecto que medraba cada vez máis que representaba a luxuria dun home pola súa veciña. O guión tería sido un filme duns 45 minutos de duración, o que a AFI considerou que era demasiado para un guión tan figurativo e non lineal.[4] No lugar deste primeiro guión, Lynch presentou Eraserhead, desenvolvido baseándose nun sono sobre a cabeza dun home levada por un neno a unha fábrica de lapis. Varios membros da xunta da AFI opuxéronse a producir unha obra tan surrealista, pero foron persuadidos cando o decano Frank Daniel ameazou coa súa renuncia se vetaban a súa produción.[5] O guión de Lynch para Eraserhead estaba influenciado pola literatura da súa época de estudante, incluíndo obras como a novela de Franz Kafka de 1915 A metamorfose e a historia curta de Nikolai Gogol de 1836 "Нос".[6]

O guión puido estar inspirado tamén no medo de Lynch á paternidade.[3] A súa filla Jennifer nacera cunha condición "severa de pé equinovaro", requirindo cirurxía correctiva extensiva na súa infancia.[7] Jennifer declararía posteriormente que a súa concepción non esperada e os seus defectos de nacemento foran a base da temática do filme.[7] O ton do filme tamén se formou en base as experiencias de Lynch vividas nun barrio conflitivo de Filadelfia. Lynch e a súa familia pasaron cinco anos vivindo nun ambiente de "violencia, odio e sucidade".[8] Os crimes na zona eran comúns, servindo de inspiración do fondo urbano de Eraserhead. Ó describir este período da súa vida Lynch afirmou: "Vin tantas cousas en Filadelfia que non podía crelas ... Vin unha muller adulta agarrarse os peitos e falar coma un bebé, queixándose de que lle doían as mamilas. Este tipo de cousas bótate cara atrás".[3] O crítico de cine Greg Olson no seu libro David Lynch: Beautiful Dark argumenta de que este período foi un gran contraste coa infancia de Lynch no Pacífico Noroeste, dándolle ó director unha "visión bipolar ceo-inferno de América" que subsecuentemente deulle forma ós seus filmes.[8]

A procura dos actores para o filme comezou en 1971, e Jack Nance foi seleccionado para o papel principal. Porén, os membros da AFI subestimaran a escala do proxecto, aprobando Eraserhead polo seu guión de 21 páxinas, asumindo que a proporción habitual dun minuto de filme por páxina reduciría a súa duración a uns 20 minutos aproximadamente. Este malentendido xunto a propia dirección meticulosa de Lynch provocaron que o filme permanecese en fase de produción durante varios anos.[2] Nun exemplo extremo da súa intricada programación de rodaxe, unha das escenas do filme que comeza co personaxe de Nance abrindo unha porta, e ata un ano despois non se rodou a escena na que entra na habitación. Nance pola súa banda estaba moi implicado coa produción do filme, mantendo o peiteado pouco ortodoxo do seu personaxe durante todo o período de xestación da película.[9]

Rodaxe[editar | editar a fonte]

Apoiada por doazóns regulares do amigo da infancia de Lynch Jack Fisk e a muller deste, Sissy Spacek, a produción do filme continuou durante varios anos.[10] A muller de Nance Catherine E. Coulson puxo fondos adicionais, doando os ingresos conseguidos no seu traballo de camareira,[11] e polo propio Lynch que traballou repartindo xornais mentres durou a produción principal da fotografía do filme.[12] Nunha das abundantes pausas do rodaxe, Lynch conseguiu producir a curtametraxe The Amputee, aproveitando o desexo da AFI de probar novas producións de filmes antes de comprometerse con adquisicións maiores.[13] Esta curta tiña a Coulson de protagonista, quen continuou traballando xunto a Lynch en tarefas técnicas para Eraserhead.[13] O equipo de produción de Eraserhead era moi pequeno, composto polo propio Lynch; o deseñador de son Alan Splet; o cinematógrafo Herb Cardwell, que faleceu durante a produción e foi substituído por Frederick Elmes; a directora de produción e técnico de decorados Doreen Small; e Coulson, que desempeñou varios traballos durante a produción.[14]

Os efectos especiais físicos empregados para crear o neno deformado mantivéronse en segredo. O operador que traballou nas gravacións non editadas do filme levaba os ollos tapados para evitar revelar a natureza do útil, e negouse a falar dos efectos empregados en entrevistas posteriores.[15] O útil—ó que Nance alcumou "Spike"—tiña varias partes funcionais. O pescozo, ollos e boca podían operarse de forma independente.[16] Lynch falou deste elemento de forma críptica en entrevistas posteriores, afirmando en ocasións que "nacera preto de alí" ou que "quizais fose algo que atoparan".[17] John Patterson, do xornal The Guardian, especulou que este utensilio podería estar feito a partir dun coello ó que lle sacaran a pel ou a partir dun feto de cordeiro.[18] O neno do filme considérase un precursor doutros elementos de filmes posteriores de Lynch, como por exemplo a maquillaxe de John Merrick no filme de 1980 The Elephant Man e os vermes de area do filme de 1984 Dune.[19]

Durante a produción do filme Lynch comezou a experimentar cunha técnica de gravación de diálogos falados foneticamente ó revés e revertendo posteriormente o son resultante. Aínda que finalmente non usou esta técnica no filme, volveu a probala en "Episode 2", o terceiro episodio da serie de televisión de 1990 Twin Peaks.[20] Nesta época comezou tamén a interesarse na meditación transcendental,[3] adoptando unha dieta vexetariana e deixando de fumar e consumir alcohol.[21]

Edición[editar | editar a fonte]

Lynch traballou xunto a Alan Splet no deseño do son para o filme. Fabricaron e empregaron un recubrimento de insonorización para illar o seu estudio, onde pasaron case un ano creando e editando os efectos de son da película. A banda sonora ten un gran número de capas de son, chegando a ter 15 sons ó mesmo tempo empregando varios carretes.[22] A creación destes sons foi de varias formas. Para unha escena na que unha cama disólvese lentamente nunha poza de líquido, Lynch e Splet meteron un micrófono dentro dunha botella de plástico que deixaron flotando nunha bañeira, e gravaron o son do aire soprado a través da botella. Trala gravación, os sons foron aumentados por medio de alteracións de ton, reverberación e frecuencia.[23]

Tras unha proxección de proba cunha pobre recepción, da que Lynch considerou que a banda sonora estaba mesturada nun volume moi alto, o director cortou uns vinte minutos de filme, acadando así os 89 minutos de duración.[24] Entre as escenas eliminadas había unha na que Coulson actuaba como comadroa do neno, outra dun home torturando a dúas mulleres—con Coulson no papel dunha delas—cunha batería de automóbil, e outra na que Spencer xogaba cun gato morto.[25]

Banda sonora[editar | editar a fonte]

Eraserhead
Álbum de David Lynch, Peter Ivers e Fats Waller
Publicado1982
Gravación1976–1977
Duración37m:47s
Selo(s)I.R.S. Records

A banda sonora de Eraserhead foi publicada baixo o selo I.R.S. Records en 1982.[26] As dúas pistas incluídas no álbum conteñen extractos de música de órgano de Fats Waller e a canción "In Heaven", escrita para o filme por Peter Ivers.[27] A banda sonora publicouse de novo o 7 de agosto de 2012 baixo o selo Sacred Bones Records nunha edición limitada de 1500 copias.[28] O álbum considérase un precedente do xénero dark ambient, e a súa presentación de ruído de fondo e pistas non musicais foi descrita por Mark Richardson como "unha banda sonora (dúas palabras) no sentido literal".[29]

N.º Título Duración
1. "Excerpts from: Digah's Stomp/Lenox Avenue Blues/Stompin' the Bug/Messin'"   19:29
2. "In Heaven (Lady in the Radiator Song)"   18:18
37:47

Temática[editar | editar a fonte]

O deseño de son do filme está considerado un dos seus elementos definitorios. Malia que tamén inclúe varios efectos visuais moi marcados—o neno deformado e a ambientación urbana industrial—os sons que os acompañan igualan a súa importancia no filme, emparellando un "xemido incesante" e unha "paisaxe auricular evocativa" coa ambientación visual do mesmo.[30] O filme inclúe varios sons industriais continuos, fornecendo un ruído de fondo a baixo nivel en cada escena. Isto dálle unha atmosfera "ameazadora" e "inquietante", imitada noutras obras como o filme de suspense de David Fincher de 1995 Seven e o drama dos Irmáns Coen de 1991 Barton Fink.[30] Segundo James Wierzbicki no seu libro Music, Sound and Filmmakers: Sonic Style in Cinema este ruído constante sería probablemente un produto da imaxinación de Henry Spencer, ademais de describir a banda sonora como "desapiadadamente neglixente da diferenza entre soño e realidade".[31] Eraserhead comezou unha tendencia na obra de Lynch na que relaciona música diexética cos soños, como por exemplo cando a Muller no Radiador canta "In Heaven" durante a secuencia estendida do soño de Spencer. Esta tendencia está presente tamén no "Episode 2" de Twin Peaks, na que a música diexética pasa do soño dunha personaxe ata os seus pensamentos mentres está desperto, e no filme de 1986 Blue Velvet no que se aprecia un enfoque semellante no tema de Roy Orbison "In Dreams".[31]

O filme foi notable tamén pola súa temática de forte carácter sexual. Abrindo cunha imaxe da concepción, pasa a amosar a Henry Spencer como un personaxe ó que lle aterroriza, pero tamén fascina, o sexo. As imaxes recorrentes de criaturas en forma de espermatozoide, incluíndo o neno, son unha presenza constante nas escenas de sexo do filme. A atracción aparente da "rapaza da porta do lado" da Muller no Radiador remata durante o seu número musical cando comeza a machucar violentamente as criaturas do esperma de Spencer mentres o mira de forma agresiva.[32] David J. Skal no seu libro The Monster Show: A Cultural History of Horror describiu o filme como "unha representación da reprodución humana como un espectáculo de monstros desolador, unha ocupación só axeitada para os condenados".[33] Skal tamén argumentou sobre unha caracterización diferente da Muller no Radiador, describíndoa como "desesperadamente ansiosa da aprobación dunha audiencia que non se ve".[33] No seu libro David Lynch Decoded, Mark Allyn Stewart propuxo que a Muller no Radiador sería de feito o subconsciente de Spencer, unha manifestación da súa propia necesidade de matar ó seu fillo, que abrázao despois disto como se tentase confortalo asegurándolle que fixo o correcto.[34]

Como personaxe, Spencer considérase a figura do "home calquera", un arquetipo simple coa súa falta de expresividade e vestimenta sinxela.[35] Spencer amosa unha inactividade pacifista e fatalista durante todo o filme, deixando que os eventos transcorran ó seu arredor sen tomar o control dos mesmos. Este comportamento pasivo culmina no seu único acto de instigación no clímax do filme. O seu acto aparente de infanticidio está guiado pola súa experiencia vital de ser dominado e controlado. Os críticos de cine Colin Odell e Michelle Le Blanc describiron tamén a súa inactividade como un precedente da banda deseñada de Lynch de 1983–92 The Angriest Dog in the World.[36]

Estrea[editar | editar a fonte]

Eraserhead estreouse no festival de cine Filmex en Los Angeles o 19 de marzo de 1977.[37] Na súa noite de estrea tivo 25 espectadores, e na noite seguinte 24. Porén, Ben Barenholtz, xefe de distribución de Libra Films International, convenceu a sala local Cinema Village a que emitise a película como un filme de media noite, continuando a súa emisión desta forma durante un ano. Tras isto estivo en emisión durante 99 semanas no Waverly Cinema de Nova York, emitiuse como filme de media noite no Roxie Theater de San Francisco dende 1978 ata 1979 e estivo en emisión durante un período de tres anos no Nuart Theatre de Los Angeles entre 1978 e 1981.[38] Foi un éxito comercial, conseguindo uns ingresos duns 7 millóns de dólares nos Estados Unidos.[39] Eraserhead emitiuse tamén como parte do BFI London Film Festival de 1978,[40] e do Telluride Film Festival de 1986.[41]

Publicouse en formato VHS o 7 de agosto 1982, distribuído por Columbia Pictures.[42] Tamén se publicou en formato DVD e Blu-ray por medio de Umbrella Entertainment en Australia, o primeiro o 1 de agosto de 2009,[43] e o segundo o 9 de maio de 2012.[44] Estas publicacións de Umbrella Entertainment incluíron un reportaxe de 85 minutos sobre a produción do filme.[43][44] Outras publicacións para o mercado doméstico incluíron as de formato DVD de Universal Pictures no 2001, Subversive Entertainment no 2006, Scanbox Entertainment no 2008,[41] e unha en formato DVD e Blu-ray de The Criterion Collection en setembro de 2014.[45]

Recepción[editar | editar a fonte]

Trala súa estrea a revista Variety deulle unha crítica negativa ó filme, cualificándoo de "exercicio nauseabundo de mal gusto".[46] Esta crítica expresaba incredulidade pola longa xestación do filme e describiu o seu final como "imposible de ver".[46] Comparando Eraserhead co seguinte filme de Lynch The Elephant Man, Tom Buckley do The New York Times considerou que mentres este último era un filme ben feito cun elenco de actores consumado, o primeiro era o contrario. Buckley cualificou o filme de "lugubremente pretensioso", e afirmou que os seus aspectos de horror partían unicamente da aparencia do neno deformado máis ca do seu guión ou dos actores.[47] Pola súa banda, en 1984 Lloyd Rose do xornal The Atlantic afirmou que Eraserhead demostraba que Lynch era "un dos surrealistas máis xenuínos do cine".[48] Rose describiu o filme como "intensamente persoal", indicando que ó contrario doutros filmes surrealistas previos a este, como as obras de Luis Buñuel Un chien andalou de 1929 ou L'âge d'or de 1930, a imaxinería de Lynch "non tenta chegarnos dende os seus filmes, afundímonos nos nela".[48] Nunha crítica de 1993 para o Chicago Tribune, Michael Wilmington describiu Eraserhead como único, indicando que a intensidade e "claridade de pesadelo" do filme eran resultado da atención ó detalle por parte de Lynch ó involucrase en tantas tarefas durante a produción.[49] No ensaio de 1995 titulado Bad Ideas: The Art and Politics of Twin Peaks, o crítico Jonathan Rosenbaum afirmou que Eraserhead representaba a mellor obra de Lynch. Rosenbaum sentiu que o talento artístico do director declinara ó aumentar a súa popularidade, e contrastou o filme con Wild at Heart—o filme máis recente de Lynch naquel momento—afirmando que "incluso a comparación máis trivial entre Eraserhead e Wild at Heart revela un declive artístico tan precipitado que é difícil imaxinar que a mesma persoa fixo os dous filmes".[50]

As opinións sobre o filme da crítica do século XXI é xeralmente positiva. A data de outubro de 2016 Eraserhead mantiña unha cualificación media de 91% no agregador Rotten Tomatoes en 55 críticas, co consenso da crítica de que "A surrealista Eraserhead de David Lynch usa elementos visuais detallados e unha banda sonora de terror para crear unha visión estrafalaria e incómoda do medo dun home á paternidade".[51] Nun artigo para a revista Empire, Steve Beard deulle unha cualificación de cinco estrelas sobre cinco, indicando que era "moito máis radical e gozoso que outros esforzos de Hollywood posteriores [de Lynch]", destacando a súa mestura de body horror surrealista e humor negro.[52] Almar Haflidason da BBC deulle a Eraserhead tres estrelas dun total de cinco, describíndoo como "un feito pouco destacable en comparación cos estándares posteriores [de Lynch]".[53] Haflidason indicou que sentía que o filme era unha amálgama de ideas vagamente relacionadas, engadindo que "está tan consumido pola imaxinería surrealista que hai posibilidades practicamente ilimitadas para ler teorías persoais dentro dela". Na súa interpretación das temáticas do filme indicou que representaban o medo ó compromiso persoal e contiñan "un contexto de forte carácter sexual".[53] Unha crítica de Film4 outorgoulle cinco estrelas dun total de cinco, describindo o filme como "a ratos fermoso, molesto, divertido, exasperante e repelente, pero sempre brillando cunha enerxía nerviosa".[54] Nesta crítica de Film4 o autor afirmou que Eraserhead era diferente da maioría de películas publicadas ata ese momento, agás pola colaboración entre Buñuel e Salvador Dalí. Non obstante, Lynch negou ter visto ningunha desas obras antes de Eraserhead.[54] Escribindo para The Village Voice, Nathan Lee destacou positivamente o uso do son, dicindo que "ver o filme significa nada—un debe escoitalo tamén".[55]

Peter Bradshaw, escribindo para The Guardian, tamén loou o filme, dándolle cinco estrelas dun total de cinco. Bradshaw considerouno un filme fermoso, describindo o seu deseño de son como "xemidos industriais, como se estivese filmado dentro dunha fábrica en ruínas ou dun organismo xigante moribundo".[56] Destacou tamén os elementos de body horror, comparándoos co filme de Ridley Scott de 1979 Alien.[56] Keith Phipps, nun artigo de AllRovi, tamén lle outorgou cinco estrelas sobre cinco, destacando o inquietante deseño de son do filme e describíndoo como "unha metáfora aberta".[41] Tamén afirmou sentir que Eraserhead "da pé as obsesións que perseguirían a Lynch durante a súa carreira", engadindo que o surrealismo desta película mellora a comprensión dos filmes posteriores do director.[41] Nun artigo para The Daily Telegraph, o cineasta Marc Evans eloxiou tanto o deseño de son como a capacidade de Lynch para "facer que o ordinario semelle tan estraño", indicando que o filme era unha inspiración para o seu propio traballo.[57] Unha crítica do filme neste mesmo xornal comparaba a Eraserhead coas obras do autor irlandés Samuel Beckett, describíndoa como unha parodia caótica da vida familiar.[58] Manohla Dargis, de The New York Times, dixo do filme que era "unha historia menos directa que unha recompilación surrealista".[19] Dargis sentiu que a imaxinería do filme evocaba as obras de Francis Bacon e o documental de Georges Franju de 1949 titulado Blood of the Beasts.[19] Phil Hall, de Film Threat, dixo de Eraserhead que era a mellor película de Lynch, considerando que as seguintes obras do director non conseguiran acadar as mesmas expectativas e destacando a banda sonora e a comedia física "chaplinesca" de Nance.[59]

Legado[editar | editar a fonte]

No 2004, a Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos seleccionou a Eraserhead para a súa preservación no National Film Registry, pola súa relevancia "cultural, histórica ou esteticamente significativa".[60] O filme formou parte do documental de 2005 Midnight Movies: From the Margin to the Mainstream, que trata sobre o aumento da popularidade do fenómeno dos filmes de media noite nas décadas de 1960 e 1970, e Lynch participou neste documental por medio dunha serie de entrevistas. Nesta produción acredítanse seis filmes como os creadores e responsables da popularidade deste xénero, incluíndo ademais do filme de Lynch as películas Night of the Living Dead, El Topo, Pink Flamingos, The Harder They Come e The Rocky Horror Picture Show.[61] En 2010 a Online Film Critics Society compilou unha lista das mellores 100 estreas como director, situando a Eraserhead no segundo lugar tras o filme de Orson Welles de 1941 Cidadán Kane.[62]

Lynch colaborou coa maioría do elenco de actores e persoal de Eraserhead noutros filmes posteriores. Frederick Elmes foi o cinematógrafo de Blue Velvet,[63] The Cowboy and the Frenchman e Wild at Heart.[64] Alan Splet encargouse do deseño de son para The Elephant Man, Dune e Blue Velvet.[65] Jack Fisk dirixiu varios episodios da serie de televisión de 1992 On the Air[66] e traballou como deseñador de produción nos filmes The Straight Story e Mulholland Drive,[67] mentres que Coulson e Nance participaron en Twin Peaks,[68] Dune,[69] Blue Velvet,[63] Wild at Heart[70] e Lost Highway.[71]

Após da publicación de Eraserhead, Lynch tentou conseguir fondos para o seu seguinte proxecto, Ronnie Rocket, un filme "sobre electricidade e un home dun metro de altura co cabelo vermello".[72] Lynch reuniuse co produtor Stuart Cornfeld nesta época. A Cornfeld gustáralle Eraserhead e estaba interesado en producir Ronnie Rocket. Naquel momento traballaba para Mel Brooks e Brooksfilms, e cando ámbolos dous percatáronse de que Ronnie Rocket tiña poucas posibilidades de conseguir financiamento, Lynch pediulle ver algúns dos guións que tiñan xa escritos na produtora para o seu seguinte proxecto. Cornfeld atopou catro guións que pensaba que interesarían a Lynch, que finalmente decantouse polo de The Elephant Man.[73]

Mentres traballaba en The Elephant Man, Lynch coñeceu ó director Stanley Kubrick, quen lle dixo a Lynch que Eraserhead era o seu filme preferido,[74] e o filme tamén foi influente para o filme de Kubrick de 1980 The Shining.[75] Eraserhead tamén se acredita como influencia do filme xaponés cyberpunk de 1990 Tetsuo: The Iron Man, o filme de terror experimental de 1990 Begotten e a estrea como director de Darren Aronofsky en 1998 no filme Pi.[76][77][78] O surrealista suízo H. R. Giger citou Eraserhead como "un dos mellores filmes que vira nunca",[79] e dixo que se achegara á realización da súa visión máis que os seus propios filmes.[80] Segundo Giger, Lynch rexeitara colaborar con el en Dune xa que cría que Giger "roubáralle as súas ideas".[81]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Odell & Le Blanc 2007, pp. 192–196.
  2. 2,0 2,1 Odell & Le Blanc 2007, p. 27.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Woodward, Richard B. (14 de xaneiro de 1990). "A Dark Lens on America". The New York Times. Consultado o 22 de agosto de 2012. 
  4. Olson 2008, pp. 56–59.
  5. Olson 2008, pp. 59–60.
  6. Olson 2008, p. 54.
  7. 7,0 7,1 Olson 2008, p. 87.
  8. 8,0 8,1 Olson 2008, p. 51.
  9. Odell & Le Blanc 2007, pp. 27–28.
  10. Odell & Le Blanc 2007, p. 28.
  11. Rodley & Lynch 2005, p. 67.
  12. Rodley & Lynch 2005, p. 60.
  13. 13,0 13,1 Odell & Le Blanc 2007, pp. 28–29.
  14. Rodley & Lynch 2005, p. 55.
  15. Hoberman & Rosenbaum 1991, pp. 242–243.
  16. Odell & Le Blanc 2007, pp. 35–36.
  17. Rodley & Lynch 2005, p. 54.
  18. Patterson, John (6 de setembro de 2008). "Film: David Lynch's film has scarred many an innocent viewer, including a teenage John Patterson". The Guardian. Consultado o 24 de agosto de 2012. 
  19. 19,0 19,1 19,2 Dargis, Manohla (7 de decembro de 2007). "Distorted, Distorting and All-Too Human". The New York Times. Consultado o 23 de agosto de 2012. 
  20. Rodley & Lynch 2005, pp. 165–167.
  21. Olson 2008, p. 72.
  22. Hoberman & Rosenbaum 1991, p. 234.
  23. Hoberman & Rosenbaum 1991, pp. 234–235.
  24. Hoberman & Rosenbaum 1991, p. 235.
  25. Odell & Le Blanc 2007, p. 34.
  26. Carlson, Dean. "Listen to Eraserhead by Original Soundtrack – Album Reviews, Credits, and Awards". AllMusic. Consultado o 19 de marzo de 2016. 
  27. "Eraserhead: Original Soundtrack Recording". Sacred Bones Records. Consultado o 23 de agosto de 2012. 
  28. Larson, Jeremy D (6 de xullo de 2012). "David Lynch's Eraserhead soundtrack to receive deluxe reissue on Sacred Bones Records". Consequence of Sound. Consultado o 23 de agosto de 2012. 
  29. Richardson, Mark (9 de agosto de 2012). "David Lynch / Alan Splet: Eraserhead | Album Reviews". Pitchfork Media. Consultado o 23 de agosto de 2012. 
  30. 30,0 30,1 D'Angelo, Mike (14 de maio de 2012). "David Lynch shows how audio can be creepier than any image in Eraserhead". The A.V. Club. The Onion. Consultado o 22 de agosto de 2012. 
  31. 31,0 31,1 Wierzbicki, James (2012). Music, Sound and Filmmakers: Sonic Style in Cinema. Routledge. p. 182. ISBN 0-415-89894-3. 
  32. Odell & Le Blanc 2007, p. 32.
  33. 33,0 33,1 Skal, David J (2001). The Monster Show: A Cultural History of Horror. Macmillan. p. 298. ISBN 0-571-19996-8. 
  34. Stewart, Mark Allyn (2007). David Lynch Decoded. AuthorHouse. p. 7. ISBN 1-4343-4985-3. 
  35. Olson 2008, p. 62.
  36. Odell & Le Blanc 2007, p. 33.
  37. Hoberman & Rosenbaum 1991, p. 215.
  38. Hoberman & Rosenbaum 1991, p. 220.
  39. "Eraserhead – Box Office Data, DVD Sales, Movie News, Cast Information". The Numbers. Nash Information Services. Consultado o 22 de agosto de 2012. 
  40. "BFI | Film & TV Database | 22nd". British Film Institute. Arquivado dende o orixinal o 13 de decembro de 2013. Consultado o 23 de agosto de 2012. 
  41. 41,0 41,1 41,2 41,3 Phipps, Keith. "Eraserhead – Review". AllMovie. AllRovi. Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2012. Consultado o 22 de agosto de 2012. 
  42. "New Video Releases". Billboard (Nielsen Business Media, Inc.) 94 (31): 34. 7 de agosto de 1982. ISSN 0006-2510. Consultado o 22 de agosto de 2012. 
  43. 43,0 43,1 "Umbrella Entertainment – Eraserhead (DVD)". Umbrella Entertainment. Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2013. Consultado o 23 de agosto de 2012. 
  44. 44,0 44,1 "Umbrella Entertainment – Eraserhead (Blu-Ray)". Umbrella Entertainment. Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2012. Consultado o 23 de agosto de 2012. 
  45. "Eraserhead (1997) – The Criterion Collection". Janus Films. Consultado o 17 de xuño de 2014. 
  46. 46,0 46,1 "Variety Reviews – Eraserhead – Film Reviews – – Review by Variety Staff". Variety. 1977. Consultado o 22 de agosto de 2012. 
  47. Tom, Buckley (17 de outubro de 1980). "The Screen: 'Eraserhead'". The New York Times. p. C15. 
  48. 48,0 48,1 Rose, Lloyd (1 de outubro de 1984). "Tumoresque: the films of David Lynch". The Atlantic. Atlantic Media Company. Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2013. Consultado o 22 de agosto de 2012. (require subscrición (?)). 
  49. Wilmington, Michael (19 de novembro de 1993). "Eraserhead Makes Its Mark As A Monument To Alienation". Chicago Tribune. Consultado o 23 de agosto de 2012. 
  50. Rosenbaum, Jonathan (1995). "Bad Ideas: The Art and Politics of Twin Peaks". En Lavery, David. Full of Secrets: Critical Approaches to Twin Peaks. Wayne State University Press. p. 23. ISBN 0-8143-2506-8. 
  51. "Eraserhead". Rotten Tomatoes. Consultado o 26 de outubro de 2016. 
  52. Beard, Steve. "Empire's Eraserhead Movie Review". Empire. Consultado o 22 de agosto de 2012. 
  53. 53,0 53,1 Haflidason, Almar (16 de xaneiro de 2001). "BBC – Films – review – Eraserhead". BBC. Consultado o 22 de agosto de 2012. 
  54. 54,0 54,1 "Eraserhead (1977) – Film Review". Film4. Channel Four Television Corporation. Consultado o 22 de agosto de 2012. 
  55. Lee, Nathan (9 de xaneiro de 2007). "David Lynch Made a Man Out of Me". The Village Voice. Village Voice Media. Consultado o 24 de agosto de 2012. 
  56. 56,0 56,1 Bradshaw, Peter (12 de setembro de 2008). "Film review: Eraserhead | Film". Consultado o 22 de agosto de 2012. 
  57. Evans, Marc; Monahan, Mark (5 de outubro de 2002). "Film makers on film: Marc Evans". The Daily Telegraph. Consultado o 22 de agosto de 2012. 
  58. Cheal, David (22 de outubro de 2008). "DVD reviews: Charley Varrick, Iron Man, Eraserhead, The Short Films of David Lynch, Festen 10th Anniversary Edition". The Daily Telegraph. Consultado o 31 de agosto de 2012. 
  59. Hall, Phil (10 de febreiro de 2006). "Film Threat – Eraserhead (DVD)". Film Threat. Arquivado dende o orixinal o February 8, 2012. Consultado o 24 de agosto 2012. 
  60. "Films Added to National Film Registry for 2004" (Nota de prensa). Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos. 28 de decembro de 2004. Consultado o 22 de agosto de 2012. 
  61. Southern, Nathan. "Midnight Movies: From the Margin to the Mainstream – Cast, Reviews, Summary, and Awards". AllMovie. AllRovi. Arquivado dende o orixinal o 08 de decembro de 2011. Consultado o 22 de agosto de 2012. 
  62. "Online critics post top 100 directorial debuts of all-time". The Independent (Independent Print Limited). 6 de outubro de 2010. Consultado o 23 de agosto de 2012. 
  63. 63,0 63,1 Odell & Le Blanc 2007, p. 53.
  64. Odell & Le Blanc 2007, p. 62–63.
  65. "Alan Splet – Move and Film Biography and Filmography". AllMovie. AllRovi. Arquivado dende o orixinal o 17 de xaneiro de 2013. Consultado o 22 de agosto de 2012. 
  66. Odell & Le Blanc 2007, p. 87.
  67. "Jack Fisk – Move and Film Biography and Filmography". AllMovie. AllRovi. Arquivado dende o orixinal o 17 de xaneiro de 2013. Consultado o August 22, 2012. 
  68. Odell & Le Blanc 2007, p. 69.
  69. Odell & Le Blanc 2007, p. 46.
  70. Odell & Le Blanc 2007, p. 63.
  71. Odell & Le Blanc 2007, p. 95.
  72. Rodley & Lynch 2005, p. 91.
  73. Rodley & Lynch 2005, p. 92.
  74. Lynch 2006, p. 89.
  75. Roberts, Chris. "Eraserhead, The Short Films Of David Lynch". Uncut. Consultado o 26 de agosto de 2012. 
  76. Harper 2007, p. 140.
  77. Snider, Eric D (13 de abril de 2011). "What's the big deal?: Eraserhead (1977)". Film.com. Consultado o 28 de agosto de 2012. 
  78. Vaughan, Robin (4 de outubro de 2004). ""Pi movie adds up to stimulating analysis."". The Boston Herald (Herald Media Inc.). 
  79. Levy, Frederic Albert. "H. R. Giger - Alien Design" (PDF). littlegiger.com. Consultado o 25 de decembro de 2012. 
  80. Giger, Hans Ruedi (1993). HR Giger Arh+. Translated by Karen Williams. Taschen. ISBN 978-3-8228-9642-6. 
  81. "HR GIGER WORKS WEEKENDS". VICE. Consultado o 25 de decembro de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]