No filme, Jack Torrance, un escritor e ex-alcohólico, consegue un traballo como vixilante fóra de tempada no illado Hotel Overlook. O seu fillo posúe poderes psíquicos e é quen de ver cousas do pasado e do futuro, como as pantasmas de persoas que habitaron no hotel. Pouco despois de chegar, a familia queda atrapada no hotel por unha xistra, e Jack vaise vendo influenciado por unha presenza sobrenatural, volvéndose tolo pouco a pouco, e ó cabo tenta asasinar a súa familia.
Ó contrario que os filmes previos de Kubrick, que se difundiron no público a través do boca a boca, The Shining foi lanzado coma un filme de mercado masivo, estreándose primeiro só en dúas cidades no Memorial Day, e un mes despois a nivel nacional.[2] Malia que a resposta inicial do filme foi variada, a crítica acabou sendo moi favorable e hoxe está considerado entre un dos mellores filmes de terror, e entre algúns está considerado un dos mellores filmes de tódolos tempos. O director de cine Martin Scorsese, escribindo para o The Daily Beast, clasificouno como un dos 11 filmes máis arrepiantes de toda a historia.[3] Os críticos, os estudantes de cine e o produtor de Kubrick Jan Harlan, subliñaron a súa enorme influencia na cultura popular.[4][5][6]
A primeira estrea europea de The Shining era 25 minutos máis curta que a versión americana, xa que se eliminaron moitas das escenas que tiñan lugar nos exteriores do hotel.
Jack Torrance trasládase coa súa muller e o seu fillo de sete anos ó hotel Overlook, en Colorado, para encargarse do mantemento das instalacións durante a tempada de inverno, época na que resta pechado e illado pola neve. O seu obxectivo é atopar paz e sosego para escribir unha novela. Pero pouco despois da súa chegada ó hotel, ó mesmo tempo que Jack comeza a padecer desconcertantes trastornos de personalidade, comezan a producirse fenómenos paranormais relacionados cos anteriores vixilantes do hotel.