Reverberación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Son con diferentes tempos de reverberación.

A reverberación é un fenómeno físico xerado polo son, producido pola reflexión deste, que consiste nunha lixeira permanencia dun son unha vez que a fonte orixinal deixou de emitilo. Pódese definir tamén como a reflexión múltipla dunha frecuencia.

Cando percibimos un son nun recinto pechado, este chéganos desde o seu emisor a través de dúas vías: unha directa e outra reflectida. O son directo é o que o seu nome indica, que vén en liña recta, e os son reflectido é o creado a partir de rebotes do son principal en obstáculos, como por exemplo, as paredes dun recinto. Nótese que o son reflectido provén de numerosos puntos, a diferenza do directo, e que ademais, se a fonte emitiu novas ondas sonoras, estas combínanse coa reflexión, aumentando polo tanto progresivamente a súa intensidade até a un valor estacionario.

Cando o son reflectido é intelixible para o ser humano como un segundo son, denomínase eco, pero cando debido á forma da reflexión ou ao fenómeno de persistencia acústica é recibido como unha adición que modifica o son orixinal, denomínase reverberación. A reverberación vai ocorrer cando a diferenza entre os instantes de recibimento dos dous sons é inferior a 0,1 s, cando non se percibe un novo son, senón unha continuación do son inicial.

A reverberación, ao modificar os son orixinais, é un parámetro que cuantifica notablemente a acústica dun recinto. Para valorar a súa intervención na acústica dunha sala emprégase o tempo de reverberación. O efecto da reverberación está máis presente en salas grandes con superficies pouco absorbentes e menos presente en salas pequenas con superficies absorbentes.