Coruña del Conde

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 41°45′57″N 3°23′30″O / 41.76583, -3.39167

Coruña del Conde
Escudo de Coruña del Conde (Burgos).svg
Coruña del Conde Castle 2137.JPG
Foto do castelo
Localización
Coruña del Conde en España
Coruña del Conde
Coruña del Conde
Coruña del Conde en Provincia de Burgos
Coruña del Conde
Coruña del Conde
Localización de Coruña del Conde
País España España
Com. Autónoma Castela e León
Provincia Burgos
Comarca Ribera del Duero
Xeografía
Altitude 903 msnm
Superficie 34´35 km²
Demografía
Poboación 126 hab. (2013)
Densidade 3´64 hab./km²
Xentilicio cluniense, coruñés/esa
Outros datos
Código postal 09410
Alcalde José Ángel Esteban Hernando (PP)
Páxina oficial

Coruña del Conde é un concello español da provincia de Burgos (Castela e León), comarca da Ribeira del Duero, partido xudicial de Aranda de Duero. A súa poboación é de 125 habitantes (INE 2012).

Xeografía[editar | editar a fonte]

Situada ao sueste da provincia de Burgos, no val do río Arandilla, que transcorre polo municipio, nunha paisaxe chairega, monte baixo e outeiros redondeados (coñecidas como altos ou muelas).

Economía[editar | editar a fonte]

A súa economía baséase na agricultura. Os principais cultivos de explotación son os cereais (destacando o trigo e a cebada), a vide e a remolacha azucreira. O cultivo de hortas e froiteiros é de menor escala, e xeralmente enfocado ao autoconsumo.

A gandería perdeu importancia nos últimos anos. Actualmente é unha actividade complementaria cuxa produción limitase ao autoconsumo na maioría dos casos. Os tipos de gandería predominante son a lanar, a porcina e a avicultura.

Existen na localidade algunhas industrias de transformación, destacando as da madeira e, especialmente, as do viño. Unha pequena porcentaxe de poboación dedícase ás actividades hostaleiras, contando o pobo cun único bar.

Historia[editar | editar a fonte]

A chamada Ponte Barrusio, xunto con outro similar situado augas arriba sobre o río Arandilla, é un dos vestixios do pasado romano de Coruña del Conde.

Tanto en Coruña del Conde como nas súas localidades veciñas existían diversos asentamentos celtiberos, máis concretamente arévacos (paraxe de El Castro en Arauzo de Torre, Alto del Cuerno e Alto de Castro en Peñalba de Castro). Existen dúbidas sobre en cal destes dous últimos emprazamentos situábase a cidade prerromana de Clunia que Livio cita como refuxio de Sertorio ante o sitio de Pompeio no ano 75 a.C. Pompeio a ocupa no 72 a.C.. Finalmente, no ano 56 a.C. a cidade participa da alianza entre arévacos e vacceos pola independencia fronte a Roma. Metelo sitia a cidade tras conquistar Numancia e un ano máis tarde, no 55 a.C., Afranio, legado de Pompeio, somete definitivamente a arévacos e vacceos e romaniza a zona. Os romanos manterán o nome de Clunia, do cal deriva o do municipio, e desenvolverán a súa cidade no Alto de Castro, xunto á actual Peñalba de Castro.

A cidade romana, capital do conventus iuridicum e á que o emperador Galba rebautizou como Colonia Clunia Sulpicia, tivo gran importancia na romanización do norte de España e un destacado papel na Historia. Calcúlase que a súa poboación chegou a ser duns 32.000 habitantes (consúltese o artigo Clunia para máis información sobre esta etapa).

Trala etapa romana, o pobo visigodo ocupa o municipio. Téñense poucas referencias desta época, pero na zona quedaron restos como unha necrópole no veciño Hinojar del Rey e as trazas da ermida do Santo Cristo de San Sebastián.

No ano 712 a invasión árabe chega ata as terras de Coruña del Conde. As tropas de Tariq arrasan Clunia, supoñendo o fin da cidade. Durante anos o municipio foi terra de disputas entre árabes e cristiáns. A mediados do século VIII o rei Afonso I de Asturias reconquista os restos da cidade, liberando ós seus poboadores do dominio musulmán. O mesmo rei decide trasladalos ás terras cristiás do norte de España, deixando deserta a zona para crear unha terra de ninguén na rexión do Duero entre os seus dominios e os musulmáns.

O rei García I de León encomenda ao Conde de Castela Gonzalo Fernández de Burgos (pai de Fernán González) no ano 912 a repoboación da zona do Duero, concretamente Haza, San Esteban de Gormaz e Clunia. É neste momento cando se funda a nova fortaleza de Clunia, nun alto ao sur da cidade primitiva, no actual emprazamento de Coruña del Conde. A razón do traslado é que desde este lugar tíñase un mellor control da calzada que subía desde o Duero cara ao norte e das dúas pontes que cruzan o río Arandilla. Constitúese en cidade de Castilla, cabeza do Alfoz de Clunia, o máis extenso do condado, abarcando terras desde o río Arlanza ata o río Duero.

Ao ser unha das portas de Castilla e estar situada na primeira liña de defensa fronte aos musulmáns, Coruña del Conde, aínda coñecida como Clunia, sofre varias acometidas destes últimos. No ano 920 o califa omeya de Córdoba Abd al-Rahman III manda arrasar a cidade, considerada de gran importancia para os cristiáns polos cronistas árabes. Os musulmáns matan aos seus poboadores, destrúen os cultivos e saquean as casas, onde toman un gran botín. Os cristiáns reconstrúen a cidade, pero no ano 994, durante o reinado de Bermudo II de León, o caudillo Almanzor conquista persoalmente a cidade e a súa fortaleza. Realiza obras nela e dótaa dunha guarnición permanente. Na primavera do ano 1002, Almanzor parte desde Coruña del Conde para realizar a súa última algarada triunfal contra os cristiáns, que o levará ata San Millán de la Cogolla, en A Rioxa. Acompáñanlle 33.000 xinetes, 20.000 soldados de a pé e 100 portadores dos famosos tambores, aos que se lles dá a orde de non cesar de tocalos. Á volta desta algarada, Almanzor é ferido de morte nun encontro cos cristiáns en Calatañazor (véxase batalla de Calatañazor).

Os cristiáns volven tomar a cidade, xa de forma definitiva, no ano 1011, tras unha sanguenta batalla nun paraxe do municipio hoxe coñecido como La Matanza. A liña do Duero asegúrase e queda establecida como fronteira definitiva entre cristiáns e musulmáns. Nesta época o nome da cidade comeza a corromperse, aparecendo en documentos como Cluña, Crunnia, Crunna, Cruña, Curuña e xa o actual Coruña. A cidade continúa sendo cabeza xurisdicional de varias aldeas e vilas: Arandilla, Arauzo de Miel, Arauzo de Salce, Arauzo de Torre, Bahabón de Esgueva, Baños de Valdearados, Caleruega, Cilleruelo de Arriba, Guimara, Hontoria de Valdearados, Mercadillo, Oquillas, Peñaranda de Duero, Pinillos de Esgueva, Quintanilla, Rebeche, Santa María de Mercadillo, Torrecilla de Peñaranda, Valdeande e Villatuelda. A cidade medieval está amurallada e conta coa xudería máis numerosa da Ribeira del Duero. Nela habitan tamén moriscos, polo que goza dunha intensa actividade mercantil e conta cun concorrido mercado. Rodrigo Díaz de Vivar, o Cid, transitará polo municipio na ruta do seu desterro no ano 1080 ou 1081. Os Cabaleiros do Santo Sepulcro establécense na vila no ano 1128 e fanse cargo da igrexa de San Andrés.

Monumento conmemorativo do voo de Diego Marín Aguilera en 1793.

Coruña del Conde foi vila realenga desde un principio. Pero, o rei Afonso XI de Castela decide transformala en señorío para doarlla a Juan Martínez de Leyva como premio pola súa lealdade e os seus servizos. Henrique II de Castela a confiscará máis tarde, retornándoa á súa condición de realenga. Finalmente, Henrique IV de Castela convértea en condado e a doa á familia Mendoza na persoa de Lorenzo López de Mendoza e Suárez de Figueroa. Desde entón, a vila de Coruña pasa a chamarse Coruña del Conde.

A cidade é escenario das convulsións políticas da época. No ano 1449 fórmase en Castilla unha liga nobiliaria que conta cos apoios do rei Juan II de Aragón e do Príncipe de Asturias, o futuro Henrique IV de Castela. Dita liga reúnese en Coruña del Conde para conspirar contra o Condestable de Castilla, Álvaro de Luna.

A Inquisición xoga un importante e negativo papel no desenvolvemento da poboación. Moriscos e hebreos son expulsados, e a persecución contra conversos é feroz. Moitos deles son apresados e xulgados, algún ata executado na praza maior da localidade. Como testemuño desta escura etapa quedan na localidade o rolo de xustiza na praza e un lenzo na igrexa de San Martín no que se reflicten os nomes, oficios e delitos de seis condenados pola Inquisición a finais do século XV e comezos do XVI, dos cales cinco foron reconciliados e un (Maestre Juan, cirurxián) condenado á fogueira por herexe apóstata xudaizante en 1490.

Durante o Renacemento a importancia de Coruña del Conde vai decrecendo paulatinamente e son poucas as noticias que vai deixando na Historia. Con todo, aínda cabe citala como lugar de orixe en 1508 de Agustín Gormaz Velasco, importante figura na historia de América Latina, e como berce da aviación trala fazaña do pastor da localidade Diego Marín Aguilera no ano 1793.

Foi vila encadrada na categoría de 'pobos sos do partido de Aranda de Duero,[1] xurisdición de señorío exercida polo Conde de Coruña quen nomeaba o seu Alcalde Ordinario.

Á caída do Antigo Réxime queda constituído como concello constitucional do mesmo nome, no partido de Aranda, pertencente á rexión de Castela a Vella. Contaba entón con 209 habitantes.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Un dos catorce partidos que formaban a Intendencia de Burgos durante o periodo comprendido entre 1785 e 1833, tal como se recolle no Censo de Floridablanca de 1787

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]