Saltar ao contido

Mourisco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
"Mouriscos no reino de Granada, dando un paseo no campo", de Christoph Weiditz

Mourisco é o nome dado aos convertidos ao cristianismo, que vivían na Península Ibérica despois de terminarse a chamada Reconquista.[1]

Os nome mourisco en galego e portugués (tamén moirisco) [2], e morisco en castelán [3], provén do nome ou adxectivo mouro, co que se indican os descendentes dos musulmáns de al-Andalus (mouros) despois de se veren obrigados a se converter ao cristianismo en especial desde 1492, e foron expulsados sistematicamente da Península, principalmente en 1609 durante a expulsión dos mouriscos.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]
Mouro e cristián tocando, ilustración nas Cantigas de Santa María

Mouro provén do latín "da Mauretania", que daría logo Mauritania. Unha orixe do termo sería o bérber ⴰⵎⵓⵔ pronunciado "amur" (terra) que derivaría no latín maurus.[4] Outros topónimos non proveñen desa orixe directa, como o de Mauricio aínda que si a través do nome Maurits (por Maurits de Nassau o brasileiro, o mesmo que as palmeiras Mauritia, o Mauritshuis ou o continente Mauritia).

Os nomes Mauro, Maurice, Mauricio ou Morris son derivacións do latino Mauritius, común no Imperio Romano; outros como o gaélico Muirheas ou mesmo Moses, que algunha vez se vincularon con este étimo, terían outra orixe.[5]

Os termos mouro e moura da mitoloxía galega talvez non derivan do referido aos musulmáns nin do latín, aínda que é unha das hipóteses. Segundo Isidoro Millán vén do precelta *marwo (morto). Outras teorías son que provén do grego moira (μοίρα), "destino", e das moiras; ou do celta "mori", que significa mar, ou "mori-morwen", serea, probabelmente relacionándoas con ondinas ou ninfas, espíritos dos ríos. O apelido galego Mouro tería orixe toponímica, vinculado a calquera destas acepcións.[6]

Terminoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome de mouriscos fai referencia aos musulmáns andalusís que abrazaron pola forza a relixión cristiá entre 1492 e 1526; posteriormente tamén se utilizou o nome, con connotación despectiva, para os seus descendentes, até a expulsión decretada no quinquenio 1609 - 1614. Para os musulmáns aos que, a cambio dun tributo, se lles permitiu vivir nos territorios cristiáns anteriores á Reconquista da Península Ibérica, utilizouse no seu lugar a palabra galego-portuguesa mudéjar-mudéxar, a castelá mudéjar ou a catalá mudeixar. [7]

Mouriscos no porto de Orán, pintura con elementos do estilo Paisaxe do mundo, de Vicente Mestre

O proceso de conversión foi apoiado polas autoridades eclesiásticas e, en particular, polo arcebispo de Toledo Francisco Jiménez de Cisneros, rexente de Castela, que, a partir de 1498, comezou unha conversión forzada dos árabes, bérberes e hispanos da fe islámica en xeral, profesada na Península desde había 700 anos. Cabe resaltar que iso non sempre se correspondía con etnias árabes ou bérberes, houbo familias cristiás de orixe visigoda ou hispanorromana que se converteron ao islamismo mantendo privilexios e cotas de poder, coma os Banu Qasi, algúns de cuxos membros se reconverteron despois ao cristianismo.

O proceso de conversión provocou en decembro de 1499 unha revolta na zona do Albaicín de Granada e nas Alpuxarras, esmagada polas forzas dos Reis Católicos; en 1502 os musulmáns casteláns víronse obrigados a elixir entre a conversión e a emigración. Unha medida semellante promoveu pouco despois Navarra. En 1526 ordenouse a conversión para os musulmáns da coroa de Aragón. En realidade, os soberanos hispanos favorecían ás veces a tolerancia, case sempre a conversión (en ambos os casos tratando de obstaculizar a emigración) e, só cunha lei de 1609 que entrou en vigor en 1610, impuxeron a emigración para quen non se quería converter.

En 1568, na zona de Granada, estoupou a revolta dos mouriscos, unha rebelión dirixida por Abén Humeya, que se desenvolveu como loita de guerrillas e que deu moitos problemas aos cristiáns dos reinos hispanos até que o rei Filipe II encargou ao seu medio irmán Don Xoán de Austria a represión da insurrección. Abén Humeya foi asasinado polo seu curmán Aben Aboo en 1569, mentres que a enérxica intervención do mozo líder foi a causa da revolta, que terminaría en 1571. Uns 84.000 musulmáns foron deportados en Castela.[8]

A represión antiislámica aumentou nos anos seguintes e a prohibición de posuír libros de temática musulmá veu acompañada de medidas destinadas a suprimir costumes que, con razón ou sen ela, se consideraban vinculados á cultura islámica: uso da lingua árabe escrita e falada, festivos civís do calendario islámico, etc. Tamén se incrementou bastante a carga fiscal a un colectivo que era unha importante realidade demográfica no rural.

En 1609 chegou a decisión de expulsión. Máis de 300.000 musulmáns dos reinos españois partiron cara ás costas próximas do Magreb e a territorios otománs, especialmente á cidade de Istambul. Nestas zonas islámicas notouse a contribución económica e social dos inmigrantes chegados da Península. No Sur de Castela e Aragón viviuse un período de crise no sector agrario debido ao repentino descenso do número de labregos, porén aliviado pola gran masa de ouro e prata do Novo Mundo. En 1640 os últimos musulmáns de Andalucía eran xa todos conversos ou emigraran despois dunha presenza de nove séculos.

  1. "Dicionario". Real Academia Galega. Consultado o 2022-01-30. 
  2. S.A, Priberam Informática. "mourisco". Dicionário Priberam (en portugués). Consultado o 2022-01-30. 
  3. "Morisco". RAE. 
  4. Ferreira 1986, p. 1165, 1106
  5. Hanks, Patrick; Hardcastle, Kate; Hodges, Flavia (2006). A Dictionary of First Names (en inglés). Oxford University Press. ISBN 978-0-19-861060-1. 
  6. kruzul. "Apelidos de Galicia". Apelidos de Galicia (en castelán). Consultado o 2022-01-31. 
  7. Dall'arabo mudajjan, ossia "adottato".
  8. Il lemma «Moriscos» dell'Encyclopaedia of Islam, citata in Bibliografia.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Lema «Moriscos», sobre: The Encyclopaedia of Islam (GA Wiegers).
  • Antonio Domínguez Ortíz, Bernard Vincent, Historia de los moriscos: Vida y tragedia de una minoría, Madrid, Alianza Editorial SA, 1985.
  • Claudio Lo Jacono, Historia do mundo islámico, Turín, Einaudi, 2004.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]