Saltar ao contido

Celso Bugallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaCelso Bugallo

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(gl) Celso Bugallo Aguiar Editar o valor en Wikidata
12 de marzo de 1947 Editar o valor en Wikidata
Lagarei Editar o valor en Wikidata
Morte20 de decembro de 2025 Editar o valor en Wikidata (78 anos)
Pontevedra Editar o valor en Wikidata
Grupo étnicoPobo galego Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónactor Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1999 Editar o valor en Wikidata -
Premios

IMDB: nm0119438 Allocine: 49702 Allmovie: p346612 Enciclopedia Galega Universal: 90877 BNE: XX4826397 Editar o valor en Wikidata

Celso Bugallo Aguiar, nado en Lagarei (Vilalonga, Sanxenxo) o 12 de marzo de 1947 e finado en Pontevedra o 20 de decembro de 2025,[1][2] foi un actor galego. Foi un dos actores secundarios máis coñecidos do audiovisual galego, tendo aparecido en varias series de televisión e en máis de 40 filmes, a pesar de non debutar no cine ata os 52 anos, despois de décadas no mundo do teatro. Traballou con directores como José Luis Cuerda, Alejandro Amenábar ou Fernando León de Aranoa, e foi galardoado cun Premio Goya á mellor interpretación masculina secundaria polo seu papel de irmán de Ramón Sampedro no aclamado filme de 2004 Mar adentro.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Infancia e adolescencia

[editar | editar a fonte]

Nacido na aldea de Lagarei, en Vilalonga, era fillo dun mecánico axustador que foi encarcerado polo franquismo.[2][3] Ao saír da prisión e non atopar traballo en Galicia, emigrou a Bilbao. Un ano despois, cando Celso contaba uns 12 anos, instalouse co resto da familia na cidade vasca.[4][5] Afeccionado ao fútbol, xogou na canteira do Indautxu e realizou diversos traballos como o de repartidor nun ultramarinos. Aos 16 anos viu a James Dean no filme Rebelde sen causa, o que prendeu nel o interese pola interpretación.[5][6]

Comezos no teatro

[editar | editar a fonte]

Viviu en Bilbao ata que lle tocou facer o servizo militar, época durante a cal a súa familia se mudou a Logroño, instalándose no barrio de Yagüe. Alí comezou a traballar na mesma central leiteira na que traballaba seu pai.[3] Na cidade rioxana empezou a facer teatro na compañía de afeccionados Lope de Rueda, tendo o seu primeiro papel na obra La torre sul pollaio de Vittorio Calvino.[4] Comezou a ler libros de teatro, entre eles os do ruso Constantin Stanislavski, e formou parte de Adefesio Teatro. Ademais fundou e dirixiu o grupo JUBY (Juventud Unida del Barrio de Yagüe), co que gañou en 1976 o Premio Nacional de Comedias de Teatro con El retablo del flautista, de Jordi Teixidor.[7]

Despois de coñecer a unha muller de Portonovo, coa que acabou casando e tendo unha filla, regresou en 1978 a Galicia.[3] Instalado en Pontevedra, fundou a Academia Logos e as compañías Olimpo e Zanahoria.[4][3] Entre 1988 e 1992 levou a cabo diversas montaxes en terras galegas, promovendo a Aula de Formación de Actores de Pontevedra (AFAP). Dirixiu diversas obras teatrais como Preludio al teatro, El daño que hace el tabaco ou El despertar, entre outras. Nos seguintes anos viaxou por diferentes lugares e viviu en cidades de varios países como París, onde estudou na escola de Marcel Marceau, Londres, Nova York ou As Palmas de Gran Canaria.[3]

Irrupción no cine e na televisión

[editar | editar a fonte]

Con 52 anos, época na que vivía en Ámsterdam e traballaba nas rúas, recibiu unha chamada do afamado director José Luis Cuerda, que lle ofreceu un papel no seu seguinte traballo.[3][4] Así realizou a súa primeira incursión no cine, cun pequeno papel no filme A lingua das bolboretas.[3] Despois de interpretar a un mariñeiro en varios episodios da serie de éxito da Televisión de Galicia Mareas vivas, obtivo o papel de Servando na serie Terra de Miranda, ao que deu vida durante varios anos e co que se deu a coñecer ao público galego.[5]

Durante os seguintes anos continuou aparecendo en series da TVG como Galicia Exprés e en filmes galegos como Lena ou Entre bateas. En 2002 traballou por primeira vez co director Fernando León de Aranoa, interpretando a Amador no filme ambientado en Galicia Os luns ó sol, co que gañou o Premio Mestre Mateo ao mellor actor secundario masculino , e ao ano seguinte tivo un pequeno papel en O lapis do carpinteiro, de Antón Reixa.

Con todo, o seu gran papel, co que conseguiu recoñecemento nacional e internacional, chegou en 2004 da man de Alejandro Amenábar, no filme Mar adentro, no que se puxo na pel do irmán de Ramón Sampedro.[2] A obra gañou numerosos premios, entre eles o Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa, e Celso Bugallo foi galardoado co Premio Goya ó mellor actor secundario, sendo o segundo galego en logralo despois de Luís Tosar.[5]

Tralo Goya incrementou o seu número de traballos, aparecendo en varias series galegas e de fóra de Galicia como A vida por diante, Los hombres de Paco e Fariña (na que interpretou ao pai do narcotraficante Sito Miñanco), e ducias de filmes. En 2010 tivo un dos papeis protagonistas no filme Amador, de Fernando León de Aranoa, director co que volveu traballar nunha terceira película en 2021, en El buen patrón, cun papel polo que volveu ser nomeado aos Premios Goya, xa con 74 anos.[8]

Filmografía

[editar | editar a fonte]

Televisión

[editar | editar a fonte]
Personaxes fixos
Personaxes episódicos

Curtametraxes

[editar | editar a fonte]

Galardóns e nomeamentos

[editar | editar a fonte]
AnoCategoríaFilmeResultado
2004Mellor actor secundarioMar adentroGañador
2021 Mellor actor secundario El buen patrón Nomeado
AnoCategoríaFilmeResultado
2002Mellor actor secundarioOs luns ó solGañador
Premio Revelación Chano Piñeiro Os luns ó sol Gañador
2004Mellor actorA vida que che esperaNomeado
2009Mellor actor secundarioAgallasNomeado
2018 Mellor actor secundario Trote Nomeado
  • Nomeado aos Premio Cidade de Pontevedra polo seu traballo en favor de Pontevedra.
  • Premio do xurado á mellor interpretación masculina da Festival de Cans por El Grifo.
  • Premio á Mellor actor da MADRIFF • Madrid Indie Film Festival por El Bosque del Consuelo.
  1. López, Belén (2025-12-21). "Morre aos 78 anos o actor Celso Bugallo". Diario de Pontevedra (en castelán). Consultado o 2025-12-21.
  2. 1 2 3 Belinchón, Gregorio (21 de decembro de 2025). "Muere a los 78 años el actor Celso Bugallo, premio Goya por ‘Mar adentro’". elpais.com (en castelán). Consultado o 22 de decembro de 2025.
  3. 1 2 3 4 5 6 7 "El rostro silencioso del cine español". Faro de Vigo (en castelán). 9 de setembro de 2007. Consultado o 12 de outubro de 2024.
  4. 1 2 3 4 Varela, María (12 de outubro de 2024). ""Sobre o escenario decateime de que eu vin a este mundo a actuar"". Diario de Pontevedra. Consultado o 12 de outubro de 2024.
  5. 1 2 3 4 "Celso Bugallo, un actor de Goya y Oscar". Cadena SER (en castelán). 10 de febreiro de 2020. Consultado o 12 de outubro de 2024.
  6. Abelenda, Ana (11 de decembro de 2020). "La otra cara de un Oscar". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 12 de outubro de 2024.
  7. "Celso Bugallo: «Empecé a actuar en un grupo aficionado»". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de agosto de 2021. Consultado o 12 de outubro de 2024.
  8. "'El buen patrón', nominada a 20 'Goyas', en un año con acento gallego". Diario de Pontevedra (en castelán). 29 de novembro de 2021. Consultado o 12 de outubro de 2024.
  9. Mi alma en otra parte Arquivado 12 de abril de 2011 en Wayback Machine., web do Centro Dramático Nacional

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]