Ramón Sampedro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ramón Sampedro, nado en Xuño o 5 de xaneiro de 1943 e finado en Boiro o 12 de xaneiro de 1998, foi un mariñeiro, escritor galego e defensor da eutanasia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Con 19 anos enrolouse na mariña mercante como mécanico co obxectivo de coñecer mundo. Aos 25 anos, o 23 de agosto de 1968 un accidente na praia das Furnas, en Porto do Son, déixao tetrapléxico, sen poderse mover de pescozo para abaixo. Decidido a morrer, pero impedido fisicamente para suicidarse, emprende unha loita legal polo dereito a exercer a eutanasia. Co código penal español, a eutanasia activa, é dicir, a axuda a morrer a unha persoa que ten vontade de facelo pero que non pode facelo en por si, está castigada pola lei e considerada homicidio.

Esta loita legal non deu os froitos agardados, malia a repercusión dos medios do caso, pois chegou tanto á xustiza española como a unha comisión europea en Estrasburgo. O seu caso apareceu nos xornais de todo o mundo.

En xaneiro de 1998, e logo de vinte e nove anos sen poder moverse, leva a cabo un plan para acabar coa súa vida, coa axuda de diversas persoas. Envelénase con cloruro potásico e filma os seus últimos momentos e a súa morte cunha cámara de vídeo, para exculpar esas persoas. A xornalista Ramona Maneiro foi acusada de achegarlle o vaso co veleno, pero foi absolta por falta de probas. Anos máis tarde, cando o delito xa prescribira, Maneiro recoñeceu que fora ela quen o asistira no suicidio.

Obra[editar | editar a fonte]

Escribiu dous libros: Cartas desde el infierno (1996) onde agrupou os seus escritos ata ese momento e, xa postumamente, o poemario Cando eu caia (1998).

  • Cartas desde el infierno (Planeta, 1996)
  • Cando eu caia (Edicións Xerais, 1998)

Cine[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]