Rodada en castelán, estreouse nos cinemas galegos dobrada ao galego.[1] A dirección de dobraxe foi realizada por Charo Pena e a tradución por Margarita Díaz.
Durante a madrugada do 2 de xaneiro de 1921 o vapor Santa Isabel que se dirixía a Buenos Aires afúndese fronte á costa da Illa de Sálvora na ría de Arousa, Galicia. Nesa noite non había homes na illa, xa que estaban a celebrar o Nadal en terra firme. Tres mozas da illa arriscan a súa vida para salvar aos sobreviventes: María (Nerea Barros), impulsiva e adiantada ao seu tempo, Josefa (Vitoria Teijeiro), un pouco tópico da muller galega, calada e máis prudente e Cipriana (Ana Oca) case unha nena que quere saír da illa para coñecer o mundo real. Remando só de ouvido pola espesa néboa e a noite pechada logran salvar a 48 persoas.[2]
Un xornalista arxentino, León (Dario Grandinetti), chega á illa para cubrir a noticia e investigar o caso. Co transfondo das loitas sociais, aos poucos o xornalista descobre que nada é o que parece e que hai numerosas incógnitas por resolver.
A película foi rodada na illa de Sálvora, onde ocorreu realmente o naufraxio do Santa Isabel, no Grove e Muros,[3] e retrata especialmente a sociedade de principios do século XX en España a través da historia ficionada de tres mulleres, Cipriana Oujo Maneiro, Josefa Parada e María Fernández Oujo, de 24, 16 e 14 anos respectivamente, que vivían na illa e que saíron da norma establecida para levar a cabo un acto heroico polo que primeiro foron aplaudidas e homenaxeadas, para despois ser vilipendiadas e finalmente esquecidas.[2][4]
É unha coprodución da produtora galega Agallas Films, a vasca Historias del Tío Luís, a arxentina Aleph Cine e a portuguesa Take 2000. Cun orzamento de 1,5 millóns de euros contou coa participación ademais de TVG, RTVE e ETB.[5]
Por mor da pandemia do coronavirus a película foi estreada na plataforma española Filmin[6] e foi a película máis vista durante a primeira semana da súa estrea.[7]