Saltar ao contido

Pórtico real da Catedral de Tui

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pórtico Real
Tui Editar o valor en Wikidata
 Instancia de
Persoas e organizacións
Localización
 Situado en
 Localización
Wikidata C:Commons

O Pórtico Real da Catedral de Tui é o conxunto escultórico que dá acceso, pola portada principal á Catedral-fortaleza de Santa María da cidade medieval fronteiriza de Tui, no Camiño Portugués de Santiago. E o máis espléndido portal gótico do século XIII existente en Galicia e un dos primeiros que na Península Ibérica se fixeron eco das novas orientacións estilísticas que xurdiran en Francia.[1]

Descrición

[editar | editar a fonte]

Situado na fachada oeste, con iconografía de mediados do século XIII.

Columnas e arquivoltas

[editar | editar a fonte]

Ten oito columnas, catro a cada lado da porta, cada unha de ellas con feitío de estatua que representan, comezando polas catro da esquerda e contando desde a porta cara a fora:

  • San Xoán o Bautista, caracterizado cun año.
  • san Pedro coas chaves do ceo.
  • Isaías, co pergamiño das súas profecías na man
  • Moisés, coas táboas da lei. A peaña da estatua é unha nube que fai referencia ao pasaxe bíblico onde Iavé fai entrega ao pobo de Israel dos seus mandamentos:
18 O pobo enteiro percibía os tronos, os lóstregos, o soar da trompeta e o fumegar do monte. A vista diso tremía e mantíñase lonxe. 19 Dicíanlle a Moisés: ‑"Fálanos ti, e escoitaremos; pero que non nos fale Deus, non sexa que morramos".

20 Moisés respondeulles: ‑"Non teñades medo. Deus vén para probarvos e para que teñades á vista o seu temor e non pequedes". 21 O pobo quedou lonxe, e Moisés aproximouse á nube mesta, onde estaba Deus.

Éxodo 20, 18-21 [2]

A identificación das catro figuras da dereita resulta máis complexa:

  • Daniel, coa cartela das súas profecías na man, caracterizado como home afeitado e co seu sorriso característico. Aos seus pés, o dragón que matou:
23 Había un dragón enorme, que veneraban os babilonios. 24 O rei díxolle a Daniel:

‑Non podes dicir que este non é un deus vivo. Así que, adórao.

25 Replicou Daniel:

‑Eu adoro o Señor, meu Deus, porque El é o Deus vivo. Pero ti, maxestade, dáme permiso e eu matarei o dragón sen espada e sen caxato.

26 Contestou o rei:

‑Estache concedido.

27 Entón Daniel colleu pez, graxa e mais pelos, coceu todo xunto, fixo unhas bolas e meteullas na boca ó dragón. O dragón comeunas e rebentou. E dixo Daniel:

‑Mirade o que estades venerando vós.

Libro de Daniel 14, 23-27.[3]

  • Unha personaxe bíblica, normalmente identificado como o profeta Xeremías. A cruz que porta como atributo distintivo resulta pouco común na imaxinería típica deste profeta.
  • As últimas dúas son as que presentan máis dificultade, son figura de muller e home, as dúas vestidas solemnemente e as dúas con coroa real, o home leva na man unha construción:
    • Manuel Murguía[4] sostiña que eran Santa Eufemia e o rei bíblico Salomón, neste caso portaría o templo de Xerusalén.
    • Outra posibilidade e que sexan un rei e unha raíña que favoreceron á catedral: Berenguela ou Orraca de Portugal e Afonso IX ou Fernando II. Neste caso a construción que porta a figura masculina sería a propia catedral.
    • Unha derradeira opción pasa porque sexan Salomón e a raíña de Saba. Aquí a iconografía seguiría un escrito medieval que fala dunha discusión teolóxica entre os dous. Hai dous elementos que apoian esta teoría: as dúas estatuas dialogan entre si; aos pés de Salomón estaría o anano Marcolfo, unha personaxe paródica que exhibiu o seu cu e os seus xenitales durante unha disputa co rei,[5] segundo a obra medieval Collatio[n]es quas dicuntur fecisse mutuo rex Salomon sapientissimus et Marcolpus facie deformis [et]c. turpissimus[6].

As sete arquivoltas, de arco apuntado, que son continuación das columnas e que pechan o conxunto da porta, están decoradas con motivos florais, propias de templos cristiáns dedicados á Virxe.

No tímpano desta fachada, dividido en tres niveis, aparecen as seguintes escenas:

10 Levoume en espírito á cima dun monte moi grande e alto e amosoume a cidade santa, Xerusalén, que baixaba do ceo de onda Deus; 11 tiña a gloria do mesmo Deus. O seu resplandor imitaba o dunha pedra moi preciosa, unha pedra cristalina de xaspe. 12 Tiña unha muralla grande e alta con doce portas de entrada; e enriba das portas doce anxos; e escritos nelas os seus nomes, que son os das doce tribos dos fillos de Israel: 13 tres portas polo nacente, tres portas polo norte, tres portas polo mediodía e tres portas polo poñente. 14 A muralla da cidade tiña doce alicerces e sobre os alicerces, doce nomes, que son os dos doce apóstolos do Año.

Na pedra do fondo, aínda se poden ver restos da policromía orixinal.

  • Escenas dos Magos: os arcos onde se apoia a escena superior dividen a escena dos Magos en catro panos, que serven para situar aos personaxes: á esquerda, os Reis Magos visitan a Herodes, no centro, Adoración ao Neno Xesús. Como na escena seguinte, á dereita, en segundo plano está san Xosé.
Tímpano da Portada Real

A representación da dobre escena resólvese dun xeito ben orixinal. No primeiro pano sitúase Herodes e no terceiro, a Virxe con Neno, ambas figuras sedentes, fachendosa a do rei e doce a de María. Os Magos ocupan o espazo entrambas e fan a transición dunha escena á outra: un mira cara a Herodes, outro mira á fronte (ou ao observador) e o terceiro está de xeonllos adorando ao Neno.

  • Escena da Natividade, no plano inferior: coa anunciación aos pastores á esquerda, a Virxe co Neno no centro, nunha cama con dosel, ao seu carón, un algo apartado, San Xosé, e á dereita o que podería ser o anuncio á profetisa Ana. Resulta moi orixinal a escena central da Virxe: dunha banda, aparece nunha cama con dosel, o que estaría moi lonxe do relato evanxélico, porén, tras ela está o Neno Xesús nun berce ou presebe e asomando as cabezas, a mula e mailo boi, tal como o relatan os evanxeos apócrifos.

Outros elementos

[editar | editar a fonte]

Toda a portada está protexida por un pórtico de planta cadrada, arcos tamén oxivais e bóveda de crucería. Os arcos están apoiados en columnas corintias e reforzados por contrafortes.

No alto das esquinas contrarias á portada hai dúas imaxes que completan a mensaxe do tímpano porque representan o chamado en teoloxía católica misterio da encarnación. As dúas pousan sobre pedestal a xeito de figura humana e están cubertas por dosel. No lado esquerdo, segundo se mira cara a catedral, unha imaxe de Nosa Señora do O coa representación habitual dunha muller nova embarazada que sostén o seu ventre coa man dereita, está realizada en pedra calcaria e procede da escola de Coimbra no século XIV[8]. No lado dereito completa o relato un Arcanxo Gabriel con cartela na man.

Por diante deste pórtico e no alto da escaleira que descenda ata a praza de San Fernando hai unhas columnas de pedra dóricas, con figuras en altorrelevo, unha a cada lado. Nun tempo desas figuras e unindo as columnas colgaban cadeas. Era fama que se algún fuxitivo da xustiza era quen de aferrase a estas columnas conseguía ser xulgado pola xustiza eclesiástica, máis misericordiosa, en lugar de pola xustiza civil.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
Gravado do século XIX.[9]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]