Saltar ao contido

Filme

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Películas»)

O cabalo en movemento
A famosa serie de fotografías de Eadweard Muybridge captadas con 16 cámaras de alta velocidade. Ao pasar ante a cámara o cabalo rompía un fío que a accionaba.
A sucesión continuada delas consegue suxerir o movemento.
A vista dos fotogramas en movemento ocasiona o movemento do cabalo (obra feita en (1878) por Eadweard Muybridge.)

Un filme[1] ou película[2] é unha arte visual baseada nunha serie de imaxes fixas que, cando se proxectan nunha pantalla de forma consecutiva en rápida sucesión, crean a ilusión óptica de imaxes en movemento.[3][4] O termo úsase normalmente como sinónimo de obra cinematográfica, é dicir, unha historia (ficticia ou documental), rexistrada nun soporte (filme flexible ou contedor dixital) que se grava e le mediante un mecanismo continuo ou intermitente de sucesión de imaxes.

Un filme pódese crear fotografando escenas reais cunha cámara de imaxes en movemento, fotografando debuxos ou modelos en miniatura empregando técnicas de animación tradicional, por medio de imaxes xeradas por computador ou animación por ordenador, ou por unha combinación dalgunhas ou todas estas técnicas e outros efectos visuais.

Os filmes gravábanse orixinalmente nunha película de plástico a través dun proceso fotoquímico e logo amosábanse a través dun proxector de filmes nunha pantalla grande. Os filmes contemporáneos a miúdo son completamente dixitais ó longo de todo o proceso de produción, distribución e exhibición. Os filmes gravados en forma fotoquímica tradicionalmente incluían unha banda sonora óptica análoga (unha gravación gráfica das palabras faladas, música e outros sons, que acompañan as imaxes e que van ó longo dunha parte do filme reservado exclusivamente para iso, que non se proxecta).

As imaxes individuais que compoñen un filme chámanse fotogramas. Na proxección dos filmes de celuloide tradicionais, un obturador xiratorio provoca intervalos de escuridade entre cada fotograma, que á súa vez, se coloca en posición para proxectarse. O espectador non nota as interrupcións por mor dun efecto coñecido como persistencia da visión, segundo o cal o ollo retén unha imaxe visual durante unha fracción de segundo despois de que desapareza a súa fonte. A percepción do movemento débese a un efecto psicolóxico chamado fenómeno phi.

Artigo principal: Historia do cinema.
Fotograma de Roundhay Garden Scene, o máis antigo filme que sobreviviu e que foi creado cunha cámara de movemento, por Louis Le Prince, 1888.

A idea de capturar, crear e reproducir o movemento por medios mecánicos é moi antiga, existindo antecedentes tales como a cámara escura, ou o taumatropo, a lanterna máxica, o fusil fotográfico. A técnica para captar a realidade por medios luminosos xa fora desenvolvida polos inventores do daguerrotipo e a fotografía, a mediados do século XIX.

Precinematografía

[editar | editar a fonte]

O cinema foi produto dunha lenta evolución experimental ó longo dos séculos. O obxectivo de milleiros de persoas, inventores, fabricantes de xoguetes ou de comerciantes foi entreter ó mundo mediante imaxes e foi ademais dun impulso unha necesidade da especie humana de expresarse mediante imaxes empregnado as técnicas e posibilidades de cada momento. A base do cinema está no desenvolvemento da ciencia e da técnica, este incesante interese por atopar novas saídas esixiu a constante aplicación da técnica e da investigación sobre os novos descubrimentos.

Un dos primeiros avances científicos que levou directamente ó desenvolvemento do cinema foron as observacións de Peter Mark Roget, que en 1824 publicou un importante traballo científico sobre a persistencia da visión.[5] No tocante ós obxectos en movemento, nel estabelecíase que o ollo humano retén as imaxes durante unha fracción de segundo despois de que o suxeito deixa de telas diante. Este descubrimento estimulou a varios científicos a investigar para demostrar o principio da persistencia da imaxe na retina. Concretamente, descubriuse que se 16 imaxes dun movemento que transcorre nun segundo se fan pasar sucesivamente tamén nun segundo, a persistencia da visión úneas e fai que se vexan como unha soa imaxe en movemento. Esta teoría foi máis tarde substituída polo fenómeno phi e ámbalas dúas formarán parte da base da teoría do cinema.

Namentres, nace a fotografía e xa no ano 1852, as fotografías comezaron a substituír os debuxos nos aparatos para ver imaxes animadas. En 1877, o fotógrafo Eadweard Muybridge[6] empregou unha batería de 24 cámaras para gravar o ciclo de movementos do galope dun cabalo. Posteriormente o cronofotógrafo portátil,[7] unha especie de fusil fotográfico, movía unha única banda que permitía obter doce imaxes nunha placa xiratoria que completaba a súa revolución nun segundo.

En 1890, Thomas Edison construíu un laboratorio en Nova Jersey que se converteu no primeiro estudio de cinema do mundo. O seu axudante, William Kennedy Dickson,[8][9] está considerado por algúns como o deseñador da primeira máquina de cinema, o kinetoscopio, aínda que non era propiamente unha máquina para gravar imaxes. A primeira proxección pública na cal se cobrou a entrada foi en 1895 polo estadounidense Woodville Latham e os seus fillos, usando filmes producidos pola compañía Eidoloscope.[10] Finalmente, foi en Francia en 1895 cando os irmáns Lumière chegaron ó cinematógrafo,[11] primeiro aparello que se pode cualificar autenticamente de cinema.

Primeiros filmes

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: Cinema mudo e Cinema sonoro.
Unha famosa imaxe de Le Voyage dans la Lune (1902) de Georges Méliès, un exemplo temperán de filme narrativo e de cinema de ciencia ficción.

Os primeiros filmes foron simplemente unha toma estática que amosaba un evento ou acción sen edición ou outras técnicas cinematográficas. A finais do século XIX, os filmes comezaron a agrupar varias escenas para contar unha historia. As escenas dividíronse máis tarde en tomas múltiples fotografadas dende diferentes ángulos e distancias. Outras técnicas, como o movemento da cámara, desenvolvéronse como formas efectivas de contar unha historia cun filme.

Estes filmes cinematográficos eran unha arte puramente visual, posto que no filme non se rexistraba son. Porén, estes filmes mudos era habitual proxectalos en grandes teatros acompañadas de música en vivo, o cal servía de entretemento de masas. A comezos da década de 1920, a maioría dos filmes viñan cunha lista de partituras preparadas para acadar este obxectivo e compuxéronse partituras completas para as principais producións.

O auxe do cinema europeo viuse interrompido polo estoupido da primeira guerra mundial, mentres que a industria do cinema nos Estados Unidos floreceu co auxe de Hollywood. En abril de 1927, en Nova York, realizouse a primeira proxección comercial de cinema sonoro completamente sincronizado, o cal supuxo o pulo definitivo desta tecnoloxía.

Achegas da cor

[editar | editar a fonte]

Outro desenvolvemento tecnolóxico importante foi a introdución do filme en cor, que rexistraba fotograficamente a cor natural das imaxes no canto de engadirse ás gravacións en branco e negro mediante o coloreado a man, o coloreado de modelos ou outros procedementos arbitrarios. A innovación máis salientable foi a introdución do Technicolor, cuxa primeira versión data do ano 1916.[12]

Teoría do cinema

[editar | editar a fonte]
Esta cámara Reflex "H16" de 16 mm con resorte Bolex é unha cámara de nivel básico empregada en escolas de cinema.
Artigo principal: Teoría cinematográfica.

A «teoría do cinema» busca desenvolver conceptos concisos e sistemáticos que se aplican ó estudo do cinema como unha arte. O concepto do filme como unha forma de arte comezou en 1911 co Nacemento da sexta arte de Ricciotto Canudo. A teoría formalista, liderada por Rudolf Arnheim, Béla Balázs e Siegfried Kracauer, salientaba como o filme difería da realidade e, polo tanto, podía considerarse válido dentro das belas artes. André Bazin reaccionou contra esta teoría argumentando que a esencia artística do cinema radicaba na súa capacidade para reproducir mecanicamente a realidade, non nas súas diferenzas coa realidade, e isto deu lugar a unha teoría realista. A análise máis recente baséase na psicanálise de Jacques Lacan e na semiótica de Ferdinand de Saussure, que entre outras cousas deu pé á teoría de cinema psicanalítico, a teoría do cinema estruturalista, a teoría do cinema feminista, e outras. Por outra banda, críticos da tradición da filosofía analítica, influenciados por Wittgenstein, tentaron aclarar os conceptos errados empregados nos estudos teóricos e realizaron unha análise do vocabulario dun filme e a súa ligazón cunha forma de vida. Un exemplo de teoría analítica aplicada ó cinema é o test de Bechdel, empregado para avaliar o machismo no cinema.

Considérase que o cinema ten a súa propia linguaxe. James Monaco escribiu un texto clásico sobre a teoría do cinema titulado Como ler un filme, que trata este tema. Un exemplo desta linguaxe é unha secuencia de ida e volta de imaxes do perfil esquerdo dun actor que fala, seguido polo perfil dereito doutro actor que fala, e unha repetición disto, o que é entendido pola audiencia como unha convers. Isto describe outra teoría do cinema, a regra dos 180 graos, como un dispositivo de narración de historias visuais coa capacidade de colocar a un espectador nun contexto de estar psicoloxicamente presente mediante o uso da composición e da edición visuais. O "estilo de Hollywood" inclúe esta teoría narrativa, debido á abafadora práctica da regra por parte dos estudios de cinema localizados en Hollywood durante a era do cinema clásico. Outro exemplo de linguaxe cinematográfica é ter unha toma que se achega á faciana dun actor cunha expresión de reflexión silenciosa, que se corta a unha toma dun actor máis novo que se parece lixeiramente ó primeiro actor, o que indica que a primeira persoa está lembrando o seu pasado; unha edición de composicións que provoca unha transición temporal.

Artigo principal: Montaxe.

A montaxe é a técnica mediante a cal se escollen, editan e logo se xuntan pezas separadas do filme para formar o filme final. Unha escena podería amosar un home entrando nunha batalla, con retornos á súa xuventude e a súa vida familiar e con efectos especiais adicionais colocados no filme despois de que se completa a gravación. Como todas estas escenas foron gravadas por separado, e quizais con diferentes actores, a versión final require da montaxe. Os directores desenvolveron unha teoría da montaxe, comenzando con Sergei Eisenstein e a complexa xustaposición de imaxes do filme O acoirazado Potemkin.[13] A incorporación do contrapunto musical e visual, o desenvolvemento da escena a través da posta en escena e a edición, e os efectos visuais, levaron a técnicas máis complexas comparables ás empregadas na ópera e no ballet.

Produción

[editar | editar a fonte]

A maneira de producir un filme depende do contido que quere amosar o cineasta e mais da tecnoloxía da que dispón; por exemplo, o zoótropo só requiría dunha serie de debuxos nunha banda de papel. A produción dun filme pode precisar polo tanto de só unha persoa cunha cámara (ou mesmo sen ela, como no filme de Stan Brakhage Mothlight, de 1963) ou de milleiros de actores, extras e técnicos.

Os pasos necesarios para case calquera filme poden resumirse en concepto, proxecto, execución, revisión e distribución. Canto máis complexa é a produción, máis pasos significativos ten que seguir. O ciclo de produción habitual nos filmes de estilo Hollywood está definido por:

  1. Desenvolvemento do guión
  2. Preprodución
  3. Produción
  4. Posprodución[14]
  5. Distribución

Equipo técnico

[editar | editar a fonte]

O equipo técnico é o grupo de persoas contratado por unha compañía cinematográfica durante as fases de produción e rodaxe. Habitualmente distínguese o equipo técnico do elenco de actores que aparecen fronte á cámara ou que proporcionan a voz aos personaxes. A pesar de ser diferente, o equipo técnico interactúa co equipo de produción, formado por produtores, representantes da compañía, axudantes e en xeral todos aqueles con responsabilidade nas fases de preprodución é posprodución, como guionistas e montadores.

Os técnicos adoitan dividirse en departamentos (vestiario, cámaras, son, efectos especiais...).

Tecnoloxía

[editar | editar a fonte]

Coa introdución e mellora do vídeo, estanse a empregar de forma crecente soportes magnéticos e dixitais para gravar filmes, sobre todo no caso de filmes realizados para a televisión, así como documentais, curtametraxes e filmacións de afeccionados.

Grazas ás novas tecnoloxías, existen ademais unha gran cantidade de cámaras de vídeo dispoñibles para os afeccionados, que van dende as de menor resolución, como as incluídas nos teléfonos móbiles, ata as de alta definición (HD) 720p ou 1080p.

O portal YouTube converteuse nos últimos anos na plataforma máis grande de vídeos de todo o mundo, o que permitiu que milleiros de usuarios fabriquen os seus propios filmes e os suban á rede, onde é posible atopar unha gran variedade de xéneros, calidade, técnicas e gustos cinematográficos.

Filmes independentes

[editar | editar a fonte]

Os filmes independentes realízanse á marxe do sistema de estudios. O negocio e a tecnoloxía contribuíu ao crecemento dos filmes independentes a finais do século XX e principios do XXI. Antes da chegada das alternativas dixitais o custo dun equipo profesional era un obstáculo para a produción dos filmes.

Filme aberto

[editar | editar a fonte]

Un filme con concepto aberto é un filme independente producido a través de colaboracións abertas. O material está dispoñible mediante licenzas que permiten a participación de diferentes persoas, así como a realización de traballos derivados.

Filme de fan

[editar | editar a fonte]

Un filme de fan é un filme ou vídeo inspirado por un filme, programa de televisión, banda deseñada ou unha fonte semellante, creada por un afeccionado no canto de polo creador ou o posuidor do copyright. Algúns filmes de fans son producidos non por afeccionados senón por estudantes para proxectos de clase, variando moito en lonxitude ou formato.

Industria

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Industria cinematográfica.
Fundado no ano 1912, o Babelsberg Studio, preto de Berlín, foi o primeiro estudio de cinema a grande escala do mundo e o precursor de Hollywood. Aínda produce éxitos de recadación globais cada ano.

A realización e proxección de imaxes en movemento converteuse nunha fonte de beneficios case tan axiña como se inventou o proceso. Ó ver o éxito que tivo a súa nova invención e o seu produto na súa Francia natal, os irmáns Lumière axiña comezaron a percorrer o continente para exhibir os primeiros filmes de maneira privada á realeza e publicamente ás masas. En cada país, normalmente engadirían escenas locais novas ó seu catálogo e, coa rapidez precisa, atoparían empresarios locais nos diversos países de Europa para mercar os seus equipos e fotografar, exportar, importar e escoller produtos adicionais comercialmente. Axiña seguiron outras imaxes, e as imaxes en movemento convertéronser nunha industria separada que eclipsou o mundo do vodevil. Salas de cinema e compañías dedicadas formáronse especificamente para producir e distribuír filmes, mentres que os actores cinematográficos convertéronse en grandes celebridades e obtiveron enormes honorarios polas súas actuacións. No ano 1917, Charles Chaplin tiña un contrato que esixía un salario anual dun millón de dólares. Até o ano 1956, o filme foi tamén o único sistema de almacenamento e reprodución de imaxes para a programación de televisión até a introdución de gravadoras de cintas de vídeo.

Distribución

[editar | editar a fonte]

A distribución cinematográfica é o proceso polo que un filme está dispoñible para que o vexa o público. Habitualmente é tarefa de distribuidores profesionais, que organizan a estratexia de mercadotecnia do filme, os medios polos que van ser exhibidos os filmes ou a data de estrea. Un filme pode ser mostrado en cines ou televisión ou en visualizacións domésticas (DVD-Video ou Blu-ray Disc, video-on-demand, descargas...).

Educación e propaganda

[editar | editar a fonte]

Os filmes adoitan ser empregados na educación e na propaganda. Cando o propósito é fundamentalmente a educación fálase de "filmes educativos", como a gravación de leccións ou experimentos.

Un filme pode empregarse en parte ou totalmente como propaganda, como sucedeu cos filmes que realizou Leni Riefenstahl na Alemaña Nazi, os filmes rodados nos Estados Unidos durante a segunda guerra mundial ou os filmes artistícos que rodou Eisenstein durante o réxime de Stalin. Tamén poden empregarse como protesta política, como ocorría nos casos de Andrzej Wajda ou, de xeito máis sutil, de Andrei Tarkovskii.

Animación

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Animación.

A animación é a técnica que consiste en que cada fotograma do filme se produce individualmente, mediante un gráfico por ordenador, fotografando unha imaxe debuxada ou facendo pequenos cambios nun modelo (claymation ou stop motion), e logo reunidos cunha cámara especial. Cando estes fotogramas se mostran xuntos nunha velocidade superior a 16 fotogramas por segundo hai unha ilusión de movemento continuo. A realización destes filmes é un proceso laborioso e tedioso, aínda que o desenvolvemento da animación por ordenador acelerou enormemente o proceso.

Debido a que estes filmes consomen moito tempo e diñeiro a maioría dos filmes animados para televisión e cinema son realizados por estudios profesionais. Non obstante, o campo da animación independente existiu dende a década de 1950 e varios produtores de animación independentes entraron logo na industria profesional.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para filme.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para película.
  3. KONIGSBERG, Ira: "The complete film dictionary", Meridian Books, 1987, p. 117
  4. Severny, Andrei (5 de setembro de 2013). Tribeca, ed. "The Movie Theater of the Future Will Be In Your Mind". Arquivado dende o orixinal o 07 de setembro de 2013. Consultado o 5 de setembro de 2013. 
  5. Dwyer, Tessa; Perkins, Claire; Redmond, Sean; Sita, Jodi (25 de xaneiro de 2018). Seeing into Screens: Eye Tracking and the Moving Image. ISBN 9781501328992. 
  6. "Eadweard Muybridge (British photographer)". Britannica. Consultado o 17 de xullo de 2009. English photographer important for his pioneering work in photographic studies of motion and in motion-picture projection. 
  7. Jay, Bill (1972) Eadweard Muybridge, The Man Who Invented Moving Pictures, Little, Brown, and Company.
  8. "it was his Scottish protégé, William Dickson, who... ", The Scotsman, 23 de marzo de 2002
  9. "William Dickson, Scottish inventor and photographer", Science & Society Picture Library, consultado o 18 de decembro de 2010
  10. Streible, Dan. University of California Press, ed. Fight Pictures: A History of Boxing and Early Cinema. p. 46. ISBN 9780520940581. 
  11. Chardère 1985, p. 70.
  12. Cinematographic Multiplex Projection, &c Arquivado 25 de maio de 2012 en Wayback Machine.. U.S. Patent No. 1,391,029, filed Feb. 20, 1917.
  13. Nelmes, Jill (2004). Routledge, ed. An introduction to film studies (3rd ed., Reprinted. ed.). Londres. p. 394. ISBN 978-0-415-26269-9. 
  14. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para post-.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
Bibliografía adicional

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]