Saltar ao contido

Cydalima perspectalis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cydalima perspectalis

Cydalima perspectalis
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Lepidoptera
Familia: Crambidae
Xénero: Cydalima
Especie: C. perspectalis
Nome binomial
'Cydalima perspectalis'
(Walker, 1859)
Sinonimia
  • Phakellura perspectalis Walker, 1859
  • Glyphodes perspectalis
  • Diaphania perspectalis
  • Palpita perspectalis
  • Neoglyphodes perspectalis
  • Glyphodes albifuscalis Hampson, 1899
  • Phacellura advenalis Lederer, 1863

Cydalima perspectalis, a avelaíña do buxo[1] é unha especie de traza da familia Crambidae. É nativa do leste de Asia (Xapón, China, Taiwán, Corea, a parte máis afastada de Rusia e a India).[2]

É unha especia introducida en Europa que causa grandes danos nos buxos. Óllanse zonas acastañadas coas follas parcialmente ou enteiramente consumidas, pequenos fíos de seda, e eirugas verdes coa testa escura. En Galiza supón un grave problema para a sobrevivencia desta especie de arbusto, tanto a nivel bravo, como nas tan comúns sebes de xardinaxe, e especialmente no sur do país[3].

Foi por vez primeira rexistrada en Alemaña en 2006, e subsecuentemente na Suíza e nos Países Baixos en 2007, Gran Bretaña en 2008, Francia e Austria en 2009,[4][5][6][7] Hungría en 2011,[8] Romanía[9] e Turquía.[10] Tamén se ten atopado en Eslovaquia, Bélxica[11] e Croacia.[12] Durante a preparación dos Xogos Olímpicos de Inverno de 2014 no ano 2012 levouse dende Italia até Sochi (SO de Rusia) coa plantación de buxos comúns (Buxus sempervirens); ao seguinte ano as eirugas comezaron a defoliair a especie de buxo Buxus colchica en grandes cantidades.[13] En 2013 aparece xa en Dinamarca en varios lugares da illa de Sjælland. En 2014 cítase na comarca do Baixo Miño, en Galiza[3]..

Larva
Crisálide da avelaíña
Variante de cor acastañada

Bioloxía

[editar | editar a fonte]
Primeira descrición: WALKER 1859

A especie describiuse por vez primeira por Francis Walker en 1859.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Os ovos son de 1 mm de diámetro, e localízanse no envés das follas aínda sas. As primeiras larvas que saen son de 1–2 mm de longo. Estas eirugas desenvólvense nunhas catro semana até acadaren os 35–40 mm de longo coma máximo. Ao comezo da fase de ninfas hai certo encollemento, as crisálides miden uns 25–30 mm de longo, primeiro son verdes con liñas lonxitudianis acastañadas, despois vanse tornando marróns. A envergadura dos adultos é duns 40–45 mm. Óllanse dúas variedades, a máis común é practicamente abrancazada, a outra tira máis a unha cor acastañada.

Hai dúas ou tres xeracións por ano con adultos en forma de avelaíña dende abril/maio até setembro. Nas zonas máis cálidas de Europa, con condicións frías no inverno, hai ás veces catro xeracións por ano. A especie hiberna coma larvas xuvenís encapsuladas (sobre 5–10 mm de longo), protexidas cun hibernario feito con dúas follas de buxo unidas con seda.

Planta hóspede

[editar | editar a fonte]

As eirugas aliméntanse das follas e rebentos dos buxos, especies de arbustos sempreverdes do xénero Buxus.[14] As larvas máis novas só comen a parte superior das follas, deixando as partes máis duras, polo que as follas non se destrúen completamente, aínda que poden morrer. As eirugas maiores son as que causan máis danos: consomen masivamente e completamente as follas, ás veces deixando só a contorna e o centro da mesma. Pódense ollar pequenas bólas verdes, que son os excrementos destas.

Predación ou regulamento natural

[editar | editar a fonte]
Avespa asiática (Vespa velutina) a se alimentar das eirugas de Cydalima perspectalis.

Na área natural de orixe (Asia) onde aparece, C. perspectalis non ten un comportamento tan destrutivo coma en Europa. Na zona de Europa, onde esta traza foi introducida, o dano é moito máis grave porque non existe un equilibrio natural. Porén, nas áreas de Europa onde foi tamén introducida a avespa asiática (Vespa velutina) óllase certo grao de depredación. Isto pasa especialmente no suroeste de Francia, o primeiro lugar onde a V. velutina foi introducida en Europa en 2004 (C. perspectalis invadiu esta área en 2012). No caso de Galiza a introdución foi a inversa, mais ambas as dúas especies xa aparecen no territorio. V. velutina é quen de capturar larvas miúdas, e mais as larvas que se preparan para a ninfose na súa casula. Con todo, onde a avespa asiática foi introducida existen outros problemas ecolóxicos graves, especialmente co ataque ás colonias e fabos da abella europea.

Medidas de control

[editar | editar a fonte]

Os insecticidas sintéticos (cipermetrina, deltametrina) son efectivos, con todo o produto tense que aplicar mollando ben todas as follas do arbusto (incluíndo face e envés) e mais a parte interna do mesmo. Cómpre empregar medidas de protección, e ter en conta os efectos nocivos á fauna auxiliar e á contaminación das augas. Unha variante máis ecolóxica é o uso de insecticidas naturais de piretroides, extraídos dos crisantemos (Chrysanthemum) mesturados con aceite de colza. A aplicación destes insecticidas hai que facela á tardiña e sempre afastadas das abellas demésticas ou de insectos útiles para minimizar o impacto nesas especies beneficiosas.

Bacillus thuringiensis é unha bacteria que produce unha endotoxina específica de insectos que fura o recubrimento dos intestinos da eiruga, o que leva á parálise e á morte.

Os nematodos tamén teñen unha acción no sistema dixestivo da larvas.

As trampas de feromonas (que atraen aos machos adultos) son capaces de previr a impregnación das femias adultas e polo tanto controlar a gravidade dos danos. As femias adultas depositan unha maior proporción de ovos estériles. A selectividade da feromona é moi alta e as especies autóctonas útiles non se senten atraídas.

Os tratamentos con insecticidas, bacilos e nematodos deben repetirse tres veces nun intervalo duns dez días, xa que afectan principalmente ás larvas novas.

As trampas de feromonas deben estar colocadas dende de marzo, abril até outubro, novembro.

A especie en Galiza

[editar | editar a fonte]

A especie localizouse por vez primeira en Tomiño no ano 2014. Foi a Estación Fitopatolóxica do Areeiro quen descubriu a praga asiática nun viveiro de planta ornamental, de onde se cre que foi introducida. A avelaíña deseguido comezou a se espallar polos buxos do Baixo Miño. O buxo é de feito unha especie moi común na xardinaxe galega, que aparece tanto nos xardíns de pazos, como en casas ou en parques urbanos. Tomiño e O Rosal foron os primeiros concellos afectados, hoxe téñense noticias da súa ocorrencia en todo o sur e costa noroeste de Galiza, especialmente no Condado e no Val Miñor. Daquela a especia non se localizara aínda en ningún punto de España ou Portugal polo que se cre que entrou en plantas ornamentais importadas de Asia. Os técnicos din que esta peste pode provocar unha morte masiva das poboacións de buxos galegos, tanto bravos coma ornamentais, polo que recomendan o tratamento con piretroides para frear a evolución[15][16].

  1. "Nome en galego empregado en varias publicacións". Arquivado dende o orixinal o 06 de agosto de 2016. Consultado o 20 de xullo de 2016. 
  2. "Buchsbaumzünsler (Cydalima perspectalis (Walker, 1859))" (en alemán). insekten-sachsen.de. Consultado o 28 de decembro de 2013. 
  3. 3,0 3,1 Artigo no Atlántico Diario da praga en Galiza
  4. "Box tree caterpillar". Royal Horticultural Society. Consultado o 26 de agosto de 2015. 
  5. Landwirtschaftskammer Vorarlberg: Buchsbaumzünsler wieder Aktiv. Arquivado 01 de abril de 2020 en Wayback Machine. In: Obst- und Gartenkultur Vorarlberg.
  6. "Fauna Europaea". Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2013. Consultado o 20 de xullo de 2016. 
  7. Mally, R. & M. Nuss (2010): Phylogeny and nomenclature of the box tree moth, Cydalima perspectalis (Walker, 1859) comb. n., which was recently introduced into Europe (Lepidoptera: Pyraloidea: Crambidae: Spilomelinae). – European journal of Entomology 107 (3): 393–400.
  8. Sáfián, Sz. & B. Horváth (2011): Box Tree Moth – Cydalima perspectalis (Walker, 1859), new member in the Lepidoptera fauna of Hungary (Lepidoptera: Crambidae). – Natura Somogyiensis 19: 245–246.
  9. Székely, L., V. Dinca & C. Mihai (2012): Cydalima perspectalis (Walker, 1859), a new species for the Romanian fauna (Lepidoptera: Crambidae: Spilomelinae). – Buletin de Informare Entomologica 22 (3–4): 73–77
  10. Hizal, E., M. Kose, C. Yesiland & D. Kaynar (2011): The New Pest Cydalima perspectalis (Walker, 1859) (Lepidoptera: Crambidae) in Turkey. – Journal of Animal and Veterinary Advances 11 (3): 400–403.
  11. "Lepidoptera of Belgium". Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2013. Consultado o 20 de xullo de 2016. 
  12. "Box tree moth (Cydalima perspectalis, Lepidoptera; Crambidae), new invasive insect pest in Croatia". Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2018. Consultado o 20 de xullo de 2016. 
  13. http://www.dendrarium.ru/news-dendrariy/160-2013-10-17-11-38-53 Arquivado 10 de agosto de 2016 en Wayback Machine. Modelo:Ref-ru
  14. Invasive caterpillar 'could spread in UK'
  15. Nova da especie en Galiza en Galiciaconfidencial
  16. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 06 de agosto de 2016. Consultado o 20 de xullo de 2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]