Barroco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Barroca»)

O Barroco é un movemento cultural e artístico que tivo lugar principalmente durante o século XVII. O termo provén do francés baroque, de barocco, figura de siloxismo que os renacentistas aplicaban aos razoamentos absurdos, cruzado co portugués barroco, perla irregular ou, por extensión, xoia falsa.[1]

A cultura barroca nace dunha situación histórica concreta, que é a crise económica e social que as monarquías absolutistas e a Contrarreforma non puideron ocultar. Por esa razón, o home desa época refuxiouse nos avances da ciencia e na expresión artística e literaria. O Barroco caracterízase tanto polo esplendor artístico e cultural como pola decadencia social e económica.

Baldaquino de San Pedro do Vaticano obra de Gian Lorenzo Bernini.

O Barroco é unha reacción fronte ao manierismo, movemento elitista, complicado e intelectual e, en xeral, á orde estética renacentista, de beleza equilibrada e razoable. O Barroco non cifra o seu ideal na proporción bela, máis ben procura a realidade cotiá, frecuentemente tratada con extrema crueza. Ao mesmo tempo mostra gusto polo aparatoso e monumental, empregado como instrumento propagandístico tanto da monarquía como da Igrexa católica.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

A arquitectura barroca empregou formas máis dinámicas, cunha exuberante decoración e un sentido escenográfico das formas e dos volumes. Cobrou relevancia a modulación do espazo, con preferencia polas curvas cóncavas e convexas, pondo especial atención nas ilusións ópticas (trompe-l'œil) e no punto de vista do espectador. Tamén adquiriu unha grande importancia o urbanismo, debido aos monumentais programas desenvolvidos por reis e papas, cun concepto integrador da arquitectura e a paisaxe, que buscaba a recreación dun continuum espacial, da expansión das formas na procura do infindo, como expresión duns elevados ideais, sexan políticos ou relixiosos.​

Como obras mestras da arquitectura barroca podemos destacar a Basílica de San Pedro do Vaticano, obra do mestre Bernini en Italia, o Palacio de Versalles en Francia ou a fachada da Catedral compostelá.

Pintura[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Pintura barroca.

Os pintores barrocos, mediante as súas obras, buscan a expresión, o sentimento interior, a paixón, o temperamento, o movemento e a profundidade, como se pode observar na obra de Velázquez As fiandeiras. Tamén destaca o pintor italiano Caravaggio e o seu dominio da técnica do claroescuro, e nos Países Baixos destaca Rembrandt.

Con este estilo, nacen unha nova clientela, na que está a alta burguesía, a burguesía media acomodada, os nobres, a igrexa, as institucións públicas etc.

Os cadros constan dunha temática variada: relixiosa, mitolóxica, retratos da vida cotiá, paisaxes, naturezas mortas, bodegóns, escenas de caza...

Brotan novos artistas especializadas para as temáticas:

Escultura[editar | editar a fonte]

A escultura barroca está moi vinculada coa arquitectura, como por exemplo, nos retablos, pois foron os temas relixiosos ou, na súa falta, inspirados na mitoloxía clásica nos que máis abonda a produción deste movemento. Entre os escultores destaca sobre todo Bernini en Italia.

Lírica[editar | editar a fonte]

Os autores que máis destacaron na lírica do Barroco en España foron Quevedo e Góngora.

Teatro[editar | editar a fonte]

Os autores de maior relevancia no teatro barroco en España foron Lope de Vega, Calderón de la Barca e Tirso de Molina. Nesta época o teatro español en castelán vive a súa época de máximo esplendor, o chamado Século de Ouro. Isto contrasta coa escasísima produción literaria en galego, que se atopa nos chamados séculos escuros.

O Barroco galego[editar | editar a fonte]

O esplendor do Barroco coincide cun momento de gran transformación social e económica de Galiza, coa fidalguía de pazo e a Igrexa coma clases directoras da sociedade[2].

O Barroco é un dos períodos culminantes da historia da arte galega, en especial no caso da arquitectura e dos retablística, de xeito tal que dende o Románico non se asistira a un afán semellante de renovación das fábricas relixiosas coma o que se vai desenvolver desde mediados do século XVII até a segunda metade do seguinte. Galiza asiste entón, tanto a nivel urbano coma rural, a un fenómeno de transformación das súas estruturas arquitectónicas e urbanas só comparable aos momentos culminantes de épocas históricas anteriores.

Hai que resaltar o rol tido polo Cabido da catedral de Santiago neste pulo renovador, xa que a súa privilexiada situación económica, así coma o afán por conservar a catedral coma un dos edificios máis significativos da Cristiandade, levárono a se converter no decidido defensor dunha nova opción artística, a barroca, que desde alí irradiará por toda Galiza da man de arquitectos coma Andrade, Casas Novoa ou Ferro Caaveiro.

Entre as principais obras relixiosas salientan en Compostela a fachada do Obradoiro da catedral e a súa torre do reloxo, a fachada do mosteiro de San Martiño Pinario ou a Casa do Cabido. Outras construcións de sona son a a capela da Virxe dos Ollos Grandes, na catedral de Lugo, e a igrexa do mosteiro de Oseira. Na arquitectura civil, é a época dos pazos, nos que salienta o pazo de Oca.

A recuperación económica que se dá en Galiza a partir dos primeiros anos do século XVIII vai propiciar a aparición dunha nova clientela, a pequena nobreza, moitas veces segundos de grandes familias, cuxos primoxénitos se trasladaran para a Corte. Estes segundos acometen entón a construción de pazos, contrapunto da arquitectura eclesiástica.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definición de barroco, -ca no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. Villares, Ramón (2004). Historia de Galicia. Editorial Galaxia. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre arte é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.