Bandeira de Afganistán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira do Emirato Islámico de Afganistán
Bandeira do Emirato Islámico de Afganistán
Características
Uso
Proporción1:2[1][2]
Adopción27 de outubro de 1997
15 de agosto de 2021 (restauración do emirato)[2]
Cores     Negro     Branco
Bandeira da República de Afganistán
Bandeira da República de Afganistán
Características
Uso
Proporción1:2
Adopción4 de xaneiro de 2004
Cores     Negro     Vermello     Verde     Branco

A bandeira de Afganistán (en persa: بيرق افغانستان, en paxto: د افغانستان بيرغ)[3] consiste nun campo branco coa Shahada escrita enriba en negro. O país tivo uns 25 deseños diferentes de bandeiras dende a dinastía Hotak estabelecida en 1709. Só durante o século XX, Afganistán tivo 19 bandeiras nacionais distintas, máis que ningún outro país durante ese mesmo período de tempo,[4][5] e a maioría delas tiñan as cores negra, vermella e verde.

Despois da caída de Cabul o 15 de agosto de 2021 o Emirato Islámico, controlado polos talibáns que exercen o goberno do país, usou a súa bandeira como a do Estado. Non obstante, a comunidade internacional segue a recoñecer a bandeira de 2004 como a do país[6].

Deseño da bandeira da República Islámica de Afganistán (2004-2021)[editar | editar a fonte]

A bandeira, que é a que emprega a ONU como a do país, consta de tres franxas verticais en cores negra, vermella e verde, incluíndo no centro o escudo de Afganistán en cor branca. Estas cores nacionais, usadas por vez primeira en 1928, representan o pasado, a loita independentista e o progreso, respectivamente. No escudo aparece representada unha mesquita (con dúas bandeiras) co minbar e o mihrab sobre a que se sitúa o takbir (الله أكبر, Allahu Akbar, "Alá é grande"), un pequeno sol nacente e a shahada; debaixo aparece o ano 1298 do calendario persa (equivalente a 1919 do calendario gregoriano, proclamación da independencia) e a palabra افغانستان (Afganistán) nunha cinta que entrelaza a coroa de espigas de trigo.

Este país é o que máis veces cambiou de bandeira.[7] A bandeira afgá tivo case sempre o escudo (que variou notablemente) e as cores negro-vermello-verde (en distintas posicións e significados atribuídos). Desde a independencia até de outubro de 1978 a bandeira tivo unha proporción 2:3 (alto:longo), restaurado coa actual, e entre outubro de 1978 e até 2004 unha proporción 1:2.

Historia[editar | editar a fonte]

Primeiras bandeiras[editar | editar a fonte]

Monarquía[editar | editar a fonte]

En 1919 declarouse a independencia e Afganistán deixou de ser un protectorado británico.[8] Agregáronse raios formando unha estrela de oito puntas, imaxe baseada nos estandartes do Imperio Otomán. Conforme á súa regulamentación na Constitución de 1922, foi lixeiramente modificada axustando as proporcións do escudo.

En 1926 o emir Amanullah cambiou o seu título ao de rei. No medio de numerosas reformas, unha nova bandeira foi feita en 1928. Apareceron por primeira vez as cores negro-vermello-verde (significando o pasado, o sangue derramado pola independencia e a esperanza no futuro) e levaba un escudo totalmente novo. Con todo, a bandeira durou até 1929, cando Amanullah foi obrigado a abdicar. As reformas do rei provocaran revoltas relixiosas e tribais. O señor da guerra taxico Batcha-e-Sakao tomou Cabul en xaneiro de 1929 e foi proclamado emir por unha asemblea de líderes relixiosos. Usou unha bandeira tribanda vertical vermello-negro-branco. En outubro de 1929 foi derrocado e executado. Mohammed Nadir Xah restaurou as cores de Amanullah pero co escudo de 1922 (pois o escudo de 1928 considerábase moi "progresista").

En 1931 deseñouse un novo escudo combinando os de 1922 e 1928. Foi consagrado pola Constitución do 31 de outubro de 1931. Esta bandeira é moi similar á actual, pero o emblema ten diferenzas (toca o tres franxas, non ten a shahada, nin o takbir, nin o sol nacente e o ano que leva é distinto). Esta é a bandeira de maior duración na historia afgá.

República[editar | editar a fonte]

En 1973 foi derrocado o rei Mohamed Zahir Xah polo seu curmán e cuñado, o xeneral Mohammed Daoud Khan e este proclamou a República. O 9 de maio de 1974 foi establecida unha nova bandeira: tres franxas coas cores tradicionais pero horizontais (a franxa verde sendo o dobre que as outras dúas) e cun novo escudo: unha aguia dourada coas ás abertas no cantón. O 27 de abril de 1978 os oficiais progresistas ao mando de Abdul Qadir Dagarwal e Mohammad Aslam Watanjar encabezaron unha Revolución e tomaron o poder, entregándoo tres días despois ao Partido Democrático Popular de Afganistán dirixido por Nur Mohammad Taraki. Non houbo cambios oficiais de bandeira aínda que empezou a discutirse e foi corrente o uso da bandeira anterior sen o escudo.

O cambio legal veu o 19 de outubro de 1978. Substituíuse a bandeira por unha bandeira vermella co escudo no cantón. Alí, en cor dourada situábase a palabra en Jalq (tanto en dari como en paxto, "Pobo"), rodeada da coroa de espigas e na parte superior unha estrela e na inferior unha cinta vermella coas inscricións douradas Dǝ S̠aur Enqelāb 1317 (A Revolución de Abril de 1978) e Dǝ Afġānistān Dimūkratīk Jumhūriyat (A República Democrática de Afganistán), novo nome oficial do país.

Nos últimos días de 1979 as tropas soviéticas entraron ao país a petición do goberno legal para axudalos a combater aos fundamentalistas insurrectos (mujahideen) e asumiu Babrak Karmal como presidente o 27 de decembro de 1979. Co fin de acougar a oposición relixiosa e feudal, decidiuse facer un cambio de pavillón e o 21 de abril de 1980 adoptouse a nova bandeira afgá, que consistía na antiga republicana pero co tres franxas horizontais de igual tamaño e cun novo emblema. O 30 de novembro de 1987 simplificouse o escudo da bandeira.

Islamismo[editar | editar a fonte]

Para o 27 de abril de 1992 os mujahideen derrocaran o goberno, establecendo un Estado Islámico e usaban distintas bandeiras. En maio estableceuse unha provisional, de tres franxas horizontais de igual tamaño en cores verde-branco-negro (das bandeiras das faccións fundamentalistas), na franxa verde aparecía o takbir en branco e na central, a shahadah en negro. Usáronse distintas variacións: outra coas cores invertidas e as letras en dourado, outra coas cores invertidas e a shahadah en azul e outra coas cores correctas pero as letras todas en negro, así como con distintas proporcións.

O 2 de decembro dese ano, tras a proclamación dunha nova Constitución, o presidente Burhanuddin Rabbani decretou a nova bandeira oficial, semellante á bandeira provisional pero que incluía o escudo de 1931 modificado. A cor verde representaba o islam, o branco a pureza e o negro o pasado escuro do país. Esta bandeira, aínda que usada internacionalmente e en teoría a bandeira do país non tiña uso xeneralizado: cada facción mujahideen tiña as súas propias insignias. O 27 de setembro de 1996, unha facción fundamentalista, os talibán, fíxose co control da maior parte do territorio. Non houbo cambio oficial de bandeira, pero usouse a deste movemento, un pano enteiramente branco, de posible proporción 4:5. O 25 de outubro de 1997 o país trocou o nome a Emirato Islámico de Afganistán e á bandeira agregóuselle a shahadah completa escrita en letras negras, ocupando gran parte do campo branco.

Como o goberno talibán nunca foi recoñecido internacionalmente, durante estes anos, para a ONU e case todos os países do mundo, a bandeira válida era a de decembro de 1992, usada oficialmente pola Alianza do Norte (aínda que cada facción seguía tendo unha propia). Trala caída do réxime talibán na invasión de 2001, utilizouse a bandeira de 1992 pero o 27 de xuño de 2002 estableceuse unha nova bandeira coas cores tradicionais en disposición vertical e co escudo sen as cimitarras. Hai versións co escudo en dourado e en branco e con diferenzas na data que leva, así como unha versión coas franxas horizontais sen escudo. Esta bandeira da transición foi substituída pola actual, o 4 de xuño de 2004, polo presidente Hamid Karzai.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Smith, Whitney (25 de outubro de 1997). "New flags: Islamic Emirate of Afghanistan". The Flag Bulletin. XXXVI-5 (177). 
  2. 2,0 2,1 "Flag and Emblem Law of the Islamic Emirate of Afghanistan". Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2019. Consultado o 16 de setembro de 2021. 
  3. "Afghanistan Flag". Flags Corner. 9 de xuño de 2016. Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2016. Consultado o 28 de agosto de 2019. 
  4. "Afghanistan". The World Factbook. Central Intelligence Agency. 11 de agosto de 2021. Consultado o 16 de agosto de 2021. 
  5. Artimovich, Nick; McMillan, Joe; Macdonald, Ian (2016-09-21). "Historical Flags (Afghanistan)". Flags of the World. Arquivado dende o orixinal o 4 de xullo de 2017. Consultado o 11 de febreiro de 2020. 
  6. "Member States". ONU. 
  7. "Description of the flag of Afghanistan by the CIA.". Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2011. Consultado o 13 de marzo de 2011. 
  8. Afghanistan 1919-1928, en FOTW

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]