Calendario gregoriano
| Calendario gregoriano | |||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||
O calendario gregoriano é un calendario de orixe europea, actualmente empregado de xeito oficial en case todo o mundo.[1][a] Recibe o seu nome por ser o seu promotor o papa Gregorio XIII, quen promulgou o seu uso por medio da bula Inter Gravissimas. A partir de 1582 substituíu gradualmente en distintos países ao calendario xuliano, utilizado desde que Xulio César o instaurara no ano 46 a. C. O calendario xuliano era, basicamente, o calendario exipcio, o primeiro calendario solar coñecido que estableceu a duración do ano en 365,25 días.
Había dúas razóns para establecer o calendario gregoriano. A primeira foi que o calendario xuliano asumía incorrectamente que a media do ano solar era exactamente de 365,25 días, unha sobreestimación de algo menos dun día por século. A reforma gregoriana acurtou o ano medio (do calendario) en 0,0075 días para deter a deriva do calendario con respecto aos equinoccios. A segunda viña dada polo feito de que, nos anos transcorridos desde o Primeiro Concilio de Nicea no ano 325 d.C,,[b] o exceso de anos bisestos introducidos polo algoritmo xuliano causara un desfase tal que o equinoccio de primavera estaba ocorrendo antes da súa data nominal do 21 de marzo. Esta data é importante para as igrexas cristiáns porque nela referénciase o cálculo da Pascua. Para restablecer a asociación, a reforma adiantou a data dez días:[c] ao xoves 4 de outubro de 1582 seguiuno o venres 15 de outubro do mesmo ano. Ademais, a reforma tamén alterou o ciclo lunar usado pola Igrexa para calcular a data da Pascua porque as lúas novas astronómicas estaban ocorrendo catro días antes das datas calculadas. Aínda que a reforma introduciu cambios menores, o calendario seguiu baseándose fundamentalmente na mesma teoría xeocéntrica que o seu predecesor.[2]
A reforma foi adoptada inicialmente nos países católicos de Europa e nas súas posesións de ultramar. Durante os tres séculos seguintes, os países protestantes e cristiáns ortodoxos fórono asumindo, aínda que o chamaban o Calendario mellorado para evitar referirse ao catolicismo, sendo Grecia o derradeiro país europeo en adoptalo (só para uso civil) en 1923.[3] Durante o século XX, moitos países non occidentais tamén adoptaron o calendario, polo menos para uso civil.
O calendario espaza os anos bisestos para obter un ano medio de 365,2425, aproximando o ano solar de 365,2422 días. A regra para os anos bisestos é:
Todos os anos que son divisíbeis entre 4 son anos bisestos, agás os que son divisíbeis por 100, mais estas centurias son anos bisestos se son divisíbeis entre 400. Por exemplo, os anos 1700, 1800 e 1900 non son bisestos, mais os anos 1600 e 2000 sono.[4]
Baséase na translación da Terra arredor do Sol de 365,2422 días de 24 horas de 60 minutos de 60 segundos métricos. O calendario gregoriano dá un tempo medio para o ano de 365,2425 días; para asegurar un número enteiro de días por ano, engadimos regularmente (97 anos bisestos cada 400 anos) un día bisesto, o 29 de febreiro.
Descrición
[editar | editar a fonte]O calendario gregoriano, do mesmo xeito que o calendario xuliano, é un calendario solar con 12 meses de 28 a 31 días cada un. O ano en ambos os calendarios consta de 365 días, cun día bisesto que se engade ao mes de febreiro nos anos bisestos. Os meses e a duración dos mesmos no calendario gregoriano son os mesmos que no calendario xuliano. A única diferenza é que o calendario gregoriano omite un día bisesto en “'tres”' anos centenarios cada 400 anos e deixa o día bisesto sen cambios.
Normalmente, os anos bisestos prodúcense cada catro anos: historicamente, o día bisesto inseríase duplicando o 24 de febreiro; de feito, había dous días con data 24 de febreiro. Con todo, durante moitos anos afíxose a colocar o día extra ao final do mes de febreiro, engadindo un 29 de febreiro como día bisesto. Antes da revisión de 1969 do seu calendario romano xeral, a Igrexa católica atrasaba as festas de febreiro despois do día 23 nun día nos anos bisestos; as misas celebradas segundo o calendario anterior aínda reflicten este atraso.[5]
| No. | Nome | Duración en días |
|---|---|---|
| 1 | Xaneiro | 31 |
| 2 | Febreiro | 28 (29 en ano bisesto) |
| 3 | Marzo | 31 |
| 4 | Abril | 30 |
| 5 | Maio | 31 |
| 6 | Xuño | 30 |
| 7 | Xullo | 31 |
| 8 | Agosto | 31 |
| 9 | Setembro | 30 |
| 10 | Outubro | 31 |
| 11 | Novembro | 30 |
| 12 | Decembro | 31 |
Os anos gregorianos identifícanse mediante números de ano consecutivos.[6] Unha data do calendario especifícase completamente mediante o ano (numerado segundo unha era do calendario, neste caso “”Anno Domini“” ou Era común), o mes (identificado polo seu nome ou número) e o día do mes (numerado secuencialmente a partir do 1). Aínda que o ano calendario actual vai do 1 de xaneiro ao 31 de decembro, en épocas anteriores os números dos anos baseábanse nun punto de partida diferente dentro do calendario (véxase a sección «comezo do ano» máis abaixo).
Os ciclos do calendario repítense completamente cada 400 anos, o que equivale a 146 097 días.[d] [e] Destes 400 anos, 303 son anos normais de 365 días e 97 son anos bisestos de 366 días. Un ano calendario medio é 365 97/400 días = 365.2425 días, ou 365 días, 5 horas, 49 minutos e 12 segundos.[f]
Historia do calendario
[editar | editar a fonte]
Antecedentes
[editar | editar a fonte]Nos comezos do cristianismo, no ano 325, o Primeiro Concilio de Nicea acordou que a Pascua se celebraría o domingo seguinte á primeira lúa chea despois do equinoccio de primavera, cuxa data, para os efectos de cálculo, se tomaba como o 21 de marzo. Isto significaba que o domingo de Pascua tería que caer entre o 22 de marzo e o 20 de abril. A asunción por parte do vixente calendario xuliano de que había exactamente 365,25 días nun ano introduciu unha diverxencia crecente entre a data canónica do equinoccio, o 21 de marzo, e o equinoccio real comprobado polas observacións astronómicas. Como consecuencia, o cálculo da data de Pascua era erróneo.
Os estudosos europeos foron conscientes deste desfase desde os comezos do período medieval. Beda, no século VIII, xa amosaba que o erro acumulado no seu tempo era de máis de tres días. Roger Bacon, arredor de 1200, estimábao en 7 ou 8 días, e Dante, en 1300, avisaba da necesidade da reforma do calendario. Un intento de facelo levouno a cabo o papa Sisto IV, que en 1475 convidou a Regiomontanus ao Vaticano con ese propósito. Porén, o proxecto foi interrompido coa morte deste ao pouco de chegar a Roma.[8] O incremento do coñecemento astronómico e da precisión das observacións cara a finais do século XV fixeron a cuestión máis urxente. Numerosas publicacións nas décadas seguintes propuñan unha reforma do calendario, entre elas dous artigos enviados ao Vaticano pola Universidade de Salamanca en 1515 e 1578,[9] mais o proxecto non foi iniciado ata a década de 1540 e só posto en marcha polo papa Gregorio XIII (r. 1572–1585). Nos tempos deste papa, a Pascua caía xa a primeiros de marzo e os astrónomos decatábanse que pouco a pouco, ao longo dos séculos, a Pascua iría achegándose ao Nadal.
Preparación
[editar | editar a fonte]En 1545, o concilio de Trento autorizou o papa Paulo III a reformar o calendario, requirindo que a data do equinoccio vernal fose restaurada á establecida no concilio de Nicea de 325 e que o cambio no calendario se deseñase para evitar problemas futuros. Isto permitiría unha datación máis precisa e consistente da celebración de Pascua.
A Comisión do Calendario
[editar | editar a fonte]

Gregorio XIII, para poder levar adiante a reforma, constituíu a chamada Comisión do Calendario, un grupo formado por eclesiásticos e expertos na materia. En 1577 foi enviado un Compendium a expertos matemáticos, alleos á Comisión para a reforma, para que enviaran os seus comentarios. Algúns destes expertos, como Giambattista Benedetti e Giuseppe Moletti, crían que a Pascua debería computarse a partir dos movementos verdadeiros do Sol e da Lúa no canto de empregar unha táboa, mais estas recomendacións non se adoptaron.[10] A reforma adoptada foi unha modificación da proposta realizada polo médico calabrés Aloysius Lilius (ou Luis Lilio).[11]
A proposta de Lilio incluía reducir de 100 a 97 o número de anos bisestos que hai nun período de catro séculos, para o cal só se consideraría bisesto un dos catro anos múltiplos de cen que hai nese período de 400 anos. Tamén ideou un orixinal e práctico plan para axustar as epactas da Lúa cando se calcula a data anual da Pascua, salvando un vello obstáculo para a reforma do calendario. Lilio, principal autor da reforma do calendario, morreu en 1576 sen ver rematado o proceso.
O xesuíta alemán Cristovo Clavio foi o membro da Comisión que aceptou as propostas de Lilio.[12] Clavio decatouse de que as táboas antigas non atinaban no cálculo do paso do Sol polo equinoccio de primavera, nin na duración do ano solar medio. Tycho Brahe tamén foi consciente destas discrepancias.
A regra dos anos bisestos de Lilio (97 anos bisestos en 400 anos) foi postulada por Petrus Pitatus de Verona en 1560. Decatouse de que esta regra era consistente cos valores dados para o ano solar medio por Afonso X (Táboas afonsinas), Copérnico (De revolutionibus) e Erasmus Reinhold (Prutenicae Tabulae). Estes valores eran de 365,24254606; 365,24255185 e 365.24254352 días respectivamente, coincidentes ata as dezmilésimas.
Foi o matemático español Pedro Chacón o membro da Comisión que redactou o Compendium no que se recollía o ditame de Lilio, apoiado por Clavio. A reforma aprobouse o 14 de setembro de 1580 e levouse á práctica en outubro de 1582.
O primeiro calendario gregoriano impreso
[editar | editar a fonte]
O 3 de abril de 1582, pouco máis dun mes despois de decretar a reforma mediante a bula Inter Gravissimas, o papa outorgou a Antonio Lilio, irmá do xa falecido Luis Lilio, os dereitos exclusivos da publicación do calendario durante un período de dez anos. Un dos primeiros calendarios, co título de Lunario Novo secondo la nuova riforma della correttione del l'anno, foi impreso en Roma por Vicenzo Accolti. Unha nota ao final da primeira páxina indica que ten autorización papal e de Lilio (Con licentia delli Superiori... et permissu Ant(onii) Lilij). Os dereitos de publicación foron revogados o 20 de setembro de 1582 porque Antonio Lilio non foi quen de satisfacer a crecente demanda de copias.[13]
O axustamento gregoriano
[editar | editar a fonte]A diferenza principal entre o calendario gregoriano e o seu precedente, o calendario xuliano, está na distribución dos anos bisestos .
Como xa se dixo, o ano solar medio, é dicir, o período de translación da Terra ó redor do Sol, dura 365,2422 días. Engadindo un día bisesto cada catro anos, o calendario xuliano atribuía ó ano unha duración media de 365,25 días. Isto inducía un desprazamento duns 8 días por milenio con respecto ó tempo real, facendo que por exemplo a festa de Pascua, determinada polo equinoccio de primavera, caese alá por febreiro.
Foi preciso entón suprimir os anos bisestos para os anos que son múltiplos de 100 sen ser múltiplos de 400. Así 1600 e 2000 son bisestos, pero non 1700, 1800 nin 1900.
Adopción
[editar | editar a fonte]
En 1582, o papa Gregorio XIII decidiu mediante a bula Inter gravissimas que o xoves 4 de outubro de 1582 sería inmediatamente seguido polo venres 15 de outubro para compensar o desfase acumulado dende o ano 45 d.C. Pola supresión de dez días, santa Tareixa de Ávila morreu na noite do 4 e foi enterrada ao día seguinte, o 15 de outubro de 1582.
Aínda que a reforma de Gregorio promulgouse coa maior solemnidade posible para a igrexa, a bula non tiña autoridade máis aló da igrexa católica (da que el era a máxima autoridade relixiosa) e os Estados Pontificios (que el gobernaba persoalmente). Os cambios que propoñía eran modificacións do calendario civil, que debían ser adoptadas polas autoridades civís de cada país para ter efecto legal.
A bula Inter gravissimas converteuse en lei da igrexa católica en 1582, pero non foi recoñecida polas igrexas protestantes, a igrexa ortodoxa, as igrexas ortodoxas orientais e algunhas outras. En consecuencia, os días en que as diferentes igrexas cristiás celebraban a Pascua e as festas relacionadas volveron diverxer.
O 29 de setembro de 1582, Filipe II de España decretou o cambio do calendario xuliano ao gregoriano.[14] Isto afectou a gran parte da Europa católica romana, xa que Filipe era nese momento gobernante de España e Portugal, así como de gran parte de Italia.[15] Nestes territorios, así como na Mancomunidade de Polonia e Lituania[16] e nos Estados Pontificios, o novo calendario implementouse na data especificada pola bula, de modo que ao xoves 4 de outubro de 1582 segundo o calendario xuliano seguiulle o venres 15 de outubro segundo o calendario gregoriano. As colonias españolas e portuguesas adoptárono algo máis tarde de facto debido ao atraso nas comunicacións.[17] A outra gran potencia católica de Europa occidental, Francia, adoptou o cambio uns meses máis tarde: ao 9 de decembro seguiulle o 20 de decembro.[18]
Moitos países protestantes opuxéronse inicialmente a adoptar unha innovación católica; algúns protestantes temían que o novo calendario formase parte dun complot para devolvelos ao culto católico. Por exemplo, os británicos non se atreveron a adoptar explicitamente o sistema católico: o anexo a súa lei do calendario británico de 1751 estableceu un cálculo para a data da Pascua que daba o mesmo resultado que as regras de Gregorio, sen facer referencia a el.[19]
O Reino de Gran Bretaña e o Imperio Británico (incluída a parte oriental do que hoxe é Estados Unidos) adoptaron o calendario gregoriano en 1752. Suecia fíxoo en 1753.
Antes de 1917, Turquía utilizaba o calendario islámico lunar co ano da héxira para fins xerais e o calendario xuliano para fins fiscais. O inicio do ano fiscal fixouse finalmente o 1 de marzo e o número do ano era aproximadamente equivalente ao ano da héxira (véxase calendario rumi). Dado que o ano solar é máis longo que o ano lunar, isto implicaba orixinalmente o uso de "anos de escape" de cando en vez, cando o número do ano fiscal daba un salto. A partir do 1 de marzo de 1917, o ano fiscal pasou a ser gregoriano, en lugar de xuliano. O 1 de xaneiro de 1926, o uso do calendario gregoriano ampliouse para incluír o seu uso con fins xerais e o número do ano pasou a ser o mesmo que na maioría dos demais países.
Adopción por país
[editar | editar a fonte]- .
| Ano | Países / Zonas |
|---|---|
| 1582 | España, Portugal, Francia, Mancomunidade de Polonia e Lituania, Italia, Países Baixos católicos, Luxemburgo e as súas colonias |
| 1584 | Bohemia, algúns cantóns suízos católicos[g] |
| 1610 | Prusia |
| 1648 | Alsacia |
| 1682 | Estrasburgo |
| 1700 | Países Baixos protestantes, Dinamarca-Noruega, algúns cantóns suízos protestantes[g] |
| 1752 | Gran Bretaña, Irlanda e o "Primeiro" Imperio Británico (1707–1783) |
| 1753 | Suecia, incluíndo Finlandia |
| 1873 | Xapón |
| 1875 | Exipto |
| 1896 | Corea |
| 1912 | China, Albania |
| 1915 | Letonia, Lituania |
| 1916 | Bulgaria |
| 1917 | Imperio Otomán |
| 1918 | Ucraína, Rusia, Estonia |
| 1919 | Romanía, Iugoslavia[h] |
| 1923 | Grecia |
| 1926 | Turquía (anos da era común; datas gregorianas en uso desde a adopción otomá en 1917) |
| 2016 | Arabia Saudita |
Estas variacións de calendario supoñen un crebacabezas para os historiadores, xa que un documento inglés datado por exemplo o 10 de xaneiro de 1603 é de feito posterior a un documento francés ou español datado o 15 de xaneiro dese mesmo ano. Por exemplo, William Shakespeare e Miguel de Cervantes morreron na mesma "data" (23 de abril de 1616), pero non no mesmo "día".
Ademais, en cada país onde se adoptaba o novo calendario, protestábase, dicindo por exemplo que se tería que pagar un alugueiro mensual enteiro habendo só 21 días no mes laboral.
Con todo, segue quedando algún resto do antigo calendario xuliano, por exemplo, no calendario litúrxico ortodoxo. Deste xeito, os ortodoxos celebran o Nadal, nas datas nas que os católicos celebran os Reis.
Diferenza entre as datas do calendario gregoriano e xuliano
[editar | editar a fonte]| Rango gregoriano | Rango xuliano | Diferenza |
|---|---|---|
| Do 15 de outubro de 1582 ao 28 de febreiro de 1700 |
Do 5 de outubro de 1582 ao 18 de febreiro de 1700 |
10 días |
| Do 1 de marzo de 1700 ao 28 de febreiro de 1800 |
Do 19 de febreiro de 1700 ao 17 de febreiro de 1800 |
11 días |
| Do 1 de marzo de 1800 ao 28 de febreiro de 1900 |
Do 18 de febreiro de 1800 ao 16 de febreiro de 1900 |
12 días |
| Do 1 de marzo de 1900 ao 28 de febreiro de 2100 |
Do 17 de febreiro de 1900 ao 15 de febreiro de 2100 |
13 días |
| Do 1 de marzo de 2100 ao 28 de febreiro de 2200 |
Do 16 de febreiro de 2100 ao 14 de febreiro de 2200 |
14 días |
Esta sección sempre sitúa o día intercalar no 29 de febreiro, aínda que ata finais da Idade Media sempre se obtiña duplicando o 24 de febreiro (o bissextum (dúas veces sexto) ou día bisesto). O calendario gregoriano é proleptico antes de 1582 (calculado cara atrás sobre a mesma base, para os anos anteriores a 1582), e a diferenza entre as datas do calendario gregoriano e o xuliano aumenta en tres días cada catro séculos (todos os rangos de datas son inclusivos).
A seguinte ecuación dá o número de días que o calendario gregoriano adiántase ao calendario xuliano, o que se denomina "diferenza secular" entre ambos os calendarios. Unha diferenza negativa significa que o calendario juliano adiántase ao calendario gregoriano. [21] onde é a diferenza secular e é o ano empregando a numeración astronómica de anos , é dicir, úsase 1 − (ano a.C.) para os anos a.C. significa que se o resultado da división non é un número enteiro, arredóndase ao número enteiro máis próximo.
A regra xeral, nos anos bisestos do calendario xuliano pero non do gregoriano, é:
Ata o 28 de febreiro no calendario que se está a converter, engádese un día menos ou réstase un día máis que o valor calculado. Asigna a febreiro o número de días axeitado para o calendario ao que se está a converter. Ao restar días para calcular o equivalente gregoriano do 29 de febreiro (xuliano), descóntase o 29 de febreiro. Polo tanto, se o valor calculado é −4, o equivalente gregoriano desta data é o 24 de febreiro.[22][23]
Estrutura do calendario
[editar | editar a fonte]O calendario gregoriano, é un calendario solar con doce meses de entre 28 e 31 días, igual que o calendario xuliano da Roma clásica, en que se basea. O ano en ambos os calendarios consiste en 365 días, cun día bisesto que se engade en febreiro nos anos bisestos. Os meses e a súa duración tamén é igual en ambos os calendarios. A única diferenza entre ambos é que cada catrocentos anos hai un día menos no mes bisesto. Un ano bisesto ten lugar habitualmente cada catro anos, e o día bisesto adoitaba inserirse dobrando o 24 de febreiro. Porén, na actualidade numéranse os días de febreiro secuencialmente e o día 29 considérase o día bisesto. Antes da revisión de 1969 do Calendario Romano Xeral, a igrexa católica atrasaba as festas despois do día 23 un día nos anos bisestos e as misas celebrábanse de acordo co calendario previo.[5]
Subdivisións
[editar | editar a fonte]O calendario gregoriano está dividido en doce meses de entre 28 e 31 días:
| Nº | Nome | Días |
|---|---|---|
| 1 | Xaneiro | 31 |
| 2 | Febreiro | 28 ou 29 |
| 3 | Marzo | 31 |
| 4 | Abril | 30 |
| 5 | Maio | 31 |
| 6 | Xuño | 30 |
| 7 | Xullo | 31 |
| 8 | Agosto | 31 |
| 9 | Setembro | 30 |
| 10 | Outubro | 31 |
| 11 | Novembro | 30 |
| 12 | Decembro | 31 |
Ademais, cada período de sete días forma unha semana, herdanza dun calendario lunar. Os días da semana son: luns, martes, mércores, xoves, venres, sábado e domingo. A orde dos días é igual en todo o mundo, pero segundo a área cultural o primeiro día da semana pode ser o domingo (como en Reino Unido e nas súas antigas colonias, ou como no calendario litúrxico que usa a Igrexa), ou o luns (como en España).
- O ano solar fai necesaria unha media de 365,2425 días =8.765,82 horas= 525.949,2 minutos = 31 556 952 segundos.
- Un ano común ten 365 días =8.760 horas= 525.600 minutos = 31 536 000 segundos.
- Un ano bisesto ten 366 días =8.784 horas= 527.040 minutos = 31 622 400 segundos.
- A era normalmente usada co calendario gregoriano é a era cristiá, é dicir, "antes / despois de Cristo", segundo os cálculos de Dionisio o Exiguo. Cómpre salientar que non hai un ano "cero"; os séculos e milenios comezan co ano "un". Así que, o século XXI e o terceiro milenio comezan 1 de xaneiro do ano 1 do terceiro milenio, 2001.
Precisión
[editar | editar a fonte]O calendario gregoriano, ao saltar tres días bisestos cada 400 anos, mellora a aproximación feita polo calendario xuliano, dando un ano medio de 365,2425 días solares medios.[24] Esta aproximación ten un erro de aproximadamente un día cada 3300 anos con respecto ao valor actual do ano solar medio. Con todo, debido á precesión dos equinoccios, que non é constante, e ao movemento do perihelio (que afecta á velocidade orbital da Terra) o erro con respecto ao equinoccio vernal astronómico é variábel; se se considera un intervalo medio aproximado entre equinoccios de primavera cunha duración de 365,24237 días en ciclos de 2000 anos,[25] isto implica un erro próximo a 1 día cada 7700 anos. En calquera caso, o calendario gregoriano é substancialmente máis preciso có calendario xuliano (que cun ano medio de 365,25 días, incorre nun día de erro cada 128 anos).
No século XIX, John Herschel propuxo unha modificación ao calendario gregoriano con 969 días bisestos cada 4000 anos, en lugar dos 970 días bisestos que o calendario gregoriano inseriría no mesmo período.[26] Isto reduciría o ano medio a 365,24225 días. A proposta de Herschel faría o ano 4000 (e os seus múltiplos) comúns no canto de bisestos. Se ben esta modificación xa se propuxo varias veces, nunca se adoptou oficialmente.[27]
En escalas de tempo de miles de anos, o calendario gregoriano atrasa respecto ás estacións astronómicas debido á ralentización da rotación da Terra, que fai cada día un pouco máis longo co paso do tempo, mentres que o ano mantén unha duración máis uniforme.
Erro estacional do calendario
[editar | editar a fonte]A imaxe mostra a diferenza entre o calendario gregoriano e as estacións astronómicas. O eixe vertical é a data en xuño e o eixe horizontal son os anos no calendario gregoriano.
Cada punto é a data e a hora do solsticio de xuño dese ano en particular. O erro desprázase arredor dun cuarto de día por ano. As centurias son anos ordinarios, a menos que sexan divisíbeis por 400; nese caso incluiranse nos anos bisestos. Isto provoca unha corrección nos anos 1700, 1800, 1900, 2100, 2200 e 2300. Por exemplo, estas correccións causan que o 23 de decembro de 1903 fose o solsticio máis tardío nun mes de decembro, mentres que o 20 de decembro de 2096 sexa o solsticio de decembro máis temperán, con -2,25 días de diferenza con respecto á data teórica do acontecemento estacional.
Reformas do calendario gregoriano
[editar | editar a fonte]Se o principio de axuste gregoriano non foi posto en causa, non sucede o mesmo coa súa estrutura interna.
Os críticos ven os seus vínculos co cristianismo, a través das festas cristiás e das referencias ós santos. Iso motivou moitos proxectos de calendarios laicos, como por exemplo o calendario republicano da revolución francesa.
Outras críticas atinxen á construción mesma do calendario:
- meses de lonxitude variable (de 28 a 31 días), que falsean por exemplo as estatísticas económicas;
- ausencia de sincronización entre o nome dos días e o seu número de mes;
- variación da data de certos días festivos que se rexen polo calendario lunar, como a Pascua e as festas que se celebran segundo o día que se fixa esta: por orde cronolóxica Entroido, Coresma, Semana Santa todas antes da Pascua, Ascensión, Pentecoste e Corpus Christi, despois dela. Ou o Ramadán para os musulmáns.
No curso dos tres últimos séculos as proposicións de reforma multiplicáronse. As máis coñecidas son as propostas do calendario universal e do calendario fixo. A mediados do século XX, a Sociedade de Nacións (antecesora da ONU) fixo estudos para reformar o calendario. Pero foron abandonados pola presión de países como Estados Unidos, Reino Unido, Países Baixos ou Indonesia, oficialmente por razóns relixiosas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Moitos países que utilizan outros calendarios con fins relixiosos utilizan o calendario gregoriano como calendario cívico. Irán é unha excepción notable, xa que utiliza o calendario solar Hijri.
- ↑ En lugar do 45 a. C., cando o Imperio romano adoptou o calendario xuliano.
- ↑ Cando Gran Bretaña e as súas posesións adoptaron a reforma con efecto a partir de 1752, a diferenza aumentara a 11 días; cando Rusia e Grecia fixérono (para os seus calendarios civís) no século XX, o salto foi de 13 días. Para outros países e territorios, véxase Lista de datas de adopción do calendario gregoriano por país.
- ↑ O ciclo descrito aplícase ao calendario solar ou civil. Se tamén se teñen en conta as regras eclesiásticas lunares, o ciclo «computus» lunisolar da Pascua só repítese despois de 5 700 000 anos de 2 081 882 250 días en 70 499 183 meses lunares, baseándose nun mes lunar medio suposto de 29 días, 12 horas e 44 minutos. 2 49928114/70499183 segúndos. (Seidelmann (1992), p. 582) [Para funcionar correctamente como un «computus» de Pascua, este ciclo lunisolar debe ter o mesmo ano medio que o ciclo solar gregoriano, e de feito ese é exactamente o caso]
- ↑ A extrema lonxitude do «computus» gregoriano da Pascua débese a que é o produto do ciclo metónico de 19 anos, os trinta valores posibles da epacta e o mínimo común múltiplo (10 000) dos ciclos de corrección solar e lunar de 400 e 2500 anos.[7]
- ↑ Obtense o mesmo resultado sumando as partes fraccionarias que implica a regra: 365 + 1/4 − 1/100 + 1/400 = 365 + 0.25 − 0.01 + 0.0025 = 365.2425
- ↑ 7,0 7,1 Na Antiga Confederación Suíza, a República Helvética ou Suíza, as adopcións realizáronse entre 1584 e 1811. Algúns cantóns católicos cambiaron en 1584, outros protestantes en 1700/1701. Para obter unha lista completa, consulte Lista de datas de adopción do calendario gregoriano por país.
- ↑ 1919 nas rexións que compoñían os antigos reinos de Serbia e Montenegro (actuais Kósovo, Montenegro, Serbia e Macedonia do Norte). As rexións occidentais e setentrionais do que se converteu en Iugoslavia xa utilizaban o calendario gregoriano. Por exemplo, a maior parte de Eslovenia adoptou o calendario gregoriano ao mesmo tempo que Austria en 1583. A Croacia costeira, que nese momento estaba gobernada por Venecia, adoptou o calendario gregoriano en 1582. A Croacia interior, gobernada pola dinastía Habsburgo, adoptouno en 1587 xunto con Hungría. O calendario gregoriano utilizábase en Bosnia e Hercegovina desde o século XVI pola poboación católica e adoptouse formalmente para uso gobernamental en 1878 tras a ocupación por parte de Austria-Hungría.
- Referencias
- ↑ Dershowitz & Reingold (2008), p. 45. "The calendar in use today in most of the world is the Gregorian or new-style calendar designed by a commission assembled by Pope Gregory XIII in the sixteenth century.".
- ↑ Applebaum, Wilbur (2000). "Clavius, Christoph (1538-1612)". Encyclopedia of the Scientific Revolution: From Copernicus to Newton. Garland Publishing. ISBN 0-8153-1503-1.
- ↑ Blegen (2013).
- ↑ Introduction to Calendars Arquivado 13 de xuño de 2019 en Wayback Machine.. (15 de maio de 2013). United States Naval Observatory.
- ↑ 5,0 5,1 Richards (1998), p. 101.
- ↑ Clause 3.2.1 ISO 8601
- ↑ Walker (1945), p. 218.
- ↑ Ben-Menahem, Ari (2009). Historical Encyclopedia of Natural and Mathematical Sciences 1. p. 863. ISBN 9783540688310.
- ↑ Carabias Torres (2012), p. 241.
- ↑ Ziggelaar (1983), pp. 211, 214.
- ↑ Moyer (1983).
- ↑ Clavio foi un reputado matemático e astrónomo, coñecido como o "Euclides do seu tempo". O mesmo Galileo Galilei tíñalle gran respecto e visitouno en 1611 para consultalo sobre a validez das súas observacións telescópìcas. En homenaxe a Clavius, un dos cráteres da Lúa leva o seu nome.
- ↑ Mezzi, E.; Vizza, F. (2010). Luigi Lilio Medico Astronomo e Matematico di Cirò. Reggio Calabria: Laruffa Editore. pp. 14, 52. citando como referencias primarias: Biblioteca Nazionale Centrale die Firenze, Magl. 5.10.5/a, Arquivo apostólico do Vaticano A.A., Arm. I‑XVIII, 5506, f. 362r.
- ↑ Kamen, Henry (1998). Philip of Spain. Yale University Press. p. 248. ISBN 978-0300078008.
- ↑ Cohen, Jennie (23 de agosto de 2018). "6 Things You May Not Know About the Gregorian Calendar". HISTORY (en inglés). Consultado o 5 de outubro do 2025 2021.
- ↑ Tadeusz Szulc (2011). "Wprowadzenie kalendarza gregoriańskiego w Rzeczpospolitej szlacheckiej" (PDF). Studia z Dziejów Państwa i Prawa Polskiego (en polaco). tom 14. p. 32–33.
- ↑ ""Pragmatica" on the Ten Days of the Year". John Carter Brown Library. 1584.: A primeira impresión coñecida en Suramérica, producida en 1584 por Antonio Ricardo, dun edicto de catro páxinas emitido polo rei Filipe II de España en 1582, no que se decretaba o cambio do calendario xuliano ao gregoriano..
- ↑ "The Calendar FAQ: The Gregorian Calendar". Tondering.dk. Consultado o 5 de outubro do 2025.
- ↑ "Calendar (New Style) Act 1750, Section 3". Parliament of Great Britain – vía National Archives.
- ↑ Hai unha lista máis extensa dispoñible en Conversión entre os calendarios xuliano e gregoriano.
- ↑ Blackburn & Holford-Strevens (1999), p. 788.
- ↑ Evans, James (1998). The history and practice of ancient astronomy. Oxford: Oxford University Press. p. 169. ISBN 0-19-509539-1.
- ↑ Explanatory Supplement to The Astronomical Ephemeris and The American Ephemeris and Nautical Almanac. Londres: Her Majesty's Stationery Office. 1961. p. 417.
- ↑ Seidelmann (1992), páx. 580–581.
- ↑ Meeus and Savoie (1992), páx. 42
- ↑ John Herschel, Outlines of Astronomy Arquivado 31 de decembro de 2022 en Wayback Machine., 1849, páx. 629.
- ↑ Steel, Duncan (2000). Marking Time: The Epic Quest to Invent the Perfect Calendar. John Wiley & Sons. p. 185. ISBN 0-471-29827-1.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Calendario gregoriano |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Blegen, Carl W. (25 de decembro de 2013). Vogeikoff-Brogan, Natalia, ed. "An Odd Christmas". From the Archivist's Notebook. Consultado o 5 de outubro do 2025.
- Carabias Torres, A. M (2012). Salamanca y la medida del tiempo (en castelán). Salamanca: Ediciones Universidad de Salamanca. ISBN 978-84-9012-076-7.
- Dershowitz, D.; Reingold, E. M (2008). Calendrical Calculations (3rd ed.). Cambridge: Cambridge University Press.
- Meeus, J. & Savoie, D. (1992). The history of the tropical year. Journal of the British Astronomical Association, 102(1): 40–42.
- Moyer, Gordon (1983). Coyne, G. V.; Hoskin, M. A.; Pedersen, O., eds. Aloisius Lilius and the Compendium Novae Rationis Restituendi Kalendarium. Gregorian Reform of the Calendar: Proceedings of the Vatican Conference to Commemorate its 400th Anniversary. Vatican City: Pontifical Academy of Sciences, Specolo Vaticano. pp. 171–188.
- Richards, E. G. (1998). Mapping Time: The Calendar and its History. Oxford University Press.
- Seidelmann, P. K. (Ed.) (1992). Explanatory Supplement to the Astronomical Almanac. 2nd ed. Sausalito, CA: University Science Books.
- Ziggelaar, A. (1983). Coyne, G. V.; Hoskin, M. A.; Pedersen, O., eds. The Papal Bull of 1582 Promulgating a Reform of the Calendar. Gregorian Reform of the Calendar: Proceedings of the Vatican Conference to Commemorate its 400th Anniversary. Vatican City: Pontifical Academy of Sciences, Specolo Vaticano. pp. 201–239.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Calendar Converter
- Inter Gravissimas (Latín e francés máis inglés)
- History of Gregorian Calendar Arquivado 06 de xaneiro de 2014 en Wayback Machine.
- The Perpetual Calendar Gregorian Calendar adoption dates for many countries.
- World records for mentally calculating the day of the week in the Gregorian Calendar
- The Calendar FAQ – Frequently Asked Questions about Calendars
- Today's date (Gregorian) in over 800 more-or-less obscure foreign languages Arquivado 08 de marzo de 2023 en Wayback Machine.