Saltar ao contido

Bandeira do Líbano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira do Líbano
Bandeira do Líbano
Características
Uso
Proporción2:3
Adopción7 de decembro de 1943
Cores     Vermello     Branco     Verde

A bandeira do Líbano (en árabe: علم لبنان‎) está formada por dous franxas horizontais vermellas envolvendo a outra branca. A franxa branca é o dobre de grande que cada unha das vermellas (proporción 1:2:1), o que se coñece en vexiloloxía como a franxa española. O cedro verde situado no medio toca cada unha das dúas franxas vermellas e a súa anchura é un terzo do longo total da bandeira. Foi adoptada o 7 de decembro de 1943.

Descrición

[editar | editar a fonte]

O texto completo do artigo 5 da Constitución libanesa di:

A bandeira libanesa está composta de franxas horizontais vermella, branca e vermella, co cedro verde na franxa branca. A medida da franxa branca é igual á das dúas vermellas xuntas. O cedro está no medio e a punta superior toca a franxa vermella superior e a base toca a franxa vermella inferior. A anchura do cedro ten que ser igual a un terzo da franxa branca.

A proporción non se menciona na constitución, pero é de 2:3. O seu significado non é claro, pero o branco é a cor dos iemenitas e maronitas, en tanto que o vermello é o dos kaisitas. Esta bandeira é nacional e de Estado, en terra e en mar, e ten tamén outros usos con algunhas variacións:

  • Como bandeira de proa
  • Como bandeira da mariña de guerra
  • Como bandeira do exército de terra (cedro máis pequeno con inscrición dourada encima e, en cada esquina, dentro do vermello, uns loureiros dourados; na parte de atrás se parte en diagonal ascendente, branca e vermella, co emblema do exército dourado no centro)
  • Bandeira triangular, decorativo e para a garda presidencial
  • Vertical, decorativa

A forza aérea utiliza un emblema vermello cun triángulo branco co tres lados iguais, dentro do cal hai un disco verde.

Bandeira posterior á caída do Imperio Otomán.
Bandeira durante o mandato francés (19181943).
Deseño orixinal.
Deseño almacenado na OMPI.

Dende o século XVII, os cristiáns maronitas do Líbano utilizaron o cedro como emblema das súas bandeiras brancas. A primeira información certa do seu uso foi en outubro de 1848. A efémera república de Kisrawan, proclamada o 1858, empregou esta bandeira. Na primeira guerra mundial os soldados libaneses (dentro o exército otomán) utilizaron unha bandeira consistente nunha cruz de Santo André vermella sobre fondo branco, e o cedro verde escuro encima, pero tratábase dunha bandeira militar e non nacional.

O 1918 os libaneses izaron a bandeira branca con cedro verde na parte inferior segundo o deseño do escritor emigrado Shukri al-Juri e de Naum Labaki, preparada antes da revolta libanesa de 1918, que precedeu á ocupación francesa. Esta bandeira usábase desde 1919 baixo a autoridade do Mejlis ou Consello administrativo. Ocupada a rexión polos franceses en 1919, o tratado Sikes-Picot de 1916 entre Francia e Gran Bretaña entrou en vigor, quedando o Líbano integrado no Mandato de Siria (tras a Conferencia de San Remo, en abril de 1920). Ao estalar a loita contra o rei de Siria, reino do cal nominalmente o Líbano formaba parte, o Gran Líbano declarouse independente baixo mandato francés. O xeneral Gourad declarou posesión francesa os distritos da Beeka, Hasbaia, Baalbeck e Rashaia o 3 de agosto de 1920, os cales tradicionalmente formaban parte de Siria, considerándoos a base do Gran Líbano, o cal foi proclamado en Beirut o 1 de setembro de 1920 coas fronteiras que conserva o Líbano actual.

A partir deste ano 1920, empezouse a usar a mesma bandeira branca con cedro pero coa francesa na esquina esquerda, e o cedro desprazado á parte baixa, e tamén a bandeira nacional francesa pero co cedro verde na parte inferior da banda branca. A primeira bandeira do Líbano xurdiu definitivamente en 1921, e foi a bandeira francesa co cedro no centro. Foi proposta en 1919 ao presidente Poincaré polo político Naum Moukarzel, líder do Movemento polo Renacemento Libanés. O Gran Líbano constituíu un dos mandatos franceses, e desde 1922 foi administrado conxuntamente cos outros mandatos de Siria (entidade Siria-Gran Líbano), pero desde 1924 obtivo administración separada.

Unha nova constitución o 23 de maio de 1926 estableceu a república autónoma libanesa baixo mandato francés, pero non se produciu ningún cambio na bandeira. O artigo 5 da constitución dicía: "A bandeira libanesa é azul, branca e vermella, co cedro na parte branca", isto é, a bandeira francesa cun cedro no centro. O 26 de novembro de 1941 o xeneral Catroux, en nome do xeneral De Gaulle, e apoiado por tropas británicas, proclamou a independencia e a soberanía do Líbano. O xeneral Dentz, Alto Comisario designado por Vichy, entregoulle o poder. No entanto, a independencia non foi realmente efectiva até 1945, cando as tropas aliadas deixaron o país. Como non era adecuado o uso da bandeira francesa, volveuse a empregar a bandeira branca co cedro.

O 11 de novembro de 1943 producíronse manifestacións contra a detención do presidente Bechara Khalil al-Khoury e algúns ministros, efectuados polo Alto Comisario francés ao derrogar o parlamento, a instancias do presidente, os artigos da constitución que habilitaban a tutela de Francia sobre o Líbano. Sete deputados entraron no parlamento e decidiron establecer unha nova bandeira nacional que seguramente deseñou Henri Pharaon. Estableceuse un goberno provisional en Bechamun que aceptou a bandeira, pero crese que a dividiu en tres franxas horizontais iguais co cedro verde na banda branca ("coa bandeira libanesa" dentro da banda branca). O deseño dos parlamentarios realizouno Saade Munla no Parlamento e foi levado a Bechamun por membros do partido Kataeb e do Najjad (Renacemento), o 19 de novembro de 1943, sendo izada a bandeira o domingo 21 de novembro de 1943. O debuxo do deseño parlamentario mostra unha bandeira en franxas 1:2:1 pero co cedro moito menos natural. O artigo 5 da Constitución foi cambiado: "A bandeira libanesa é vermella, branca e vermella en franxas horizontais co cedro verde ao centro da franxa branca". O día 21 de novembro foi establecido como día da bandeira nacional en 1979.

O 22 de novembro de 1943, o xeneral Catroux, que retornara ao Líbano para terminar cos disturbios, libera aos gobernantes e restitúeos nos seus cargos, polo que se considera tal data como o día da Independencia. A nova bandeira se oficializa o 7 de decembro de 1943. O 27 de decembro a Francia de De Gaulle recoñeceu á República e acordou a evacuación a partir de 1944. O inicio da evacuación alargouse até 1945 e non se completou até o decembro de 1946.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]