Talibán
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Denomínase talibán a un movemento político fundamentalista islámico afgán de carácter sunnita que gobernou a maioría do país a partir de 1996 e ata 2001, malia ter recoñecemento diplomático de soamente tres países: os Emiratos Árabes Unidos, Paquistán, e Arabia Saudita, así como do goberno -non recoñecido internacionalmente- da República chechena de Ichkeria.
Historia e características
[editar | editar a fonte]Os membros máis influentes, incluíndo Mullah Mohammed Omar, o líder do movemento, eran simples mulás da aldea (eruditos relixiosos islámicos menores), a maioría dos cales estudaran en madrasas paquistanís. O movemento talibán estaba integrado principalmente por paxtos de Afganistán e da provincia da Fronteira do Noroeste Paquistán, pero tamén incluíu a moitos voluntarios non-afgáns do mundo árabe, así como Eurasia, Asia do Sur, e Asia suroriental.
Despois da caída da prosoviética República Democrática de Afganistán en 1992, Afganistán foise enredando nunha guerra civil entre señores da guerra, facendo a vida difícil nas zonas rurais e en especial no sueste[1] do país habitado polos paxtos. Os talibáns emerxeron eventualmente como unha forza capaz de traer orde ó país. A subida dos talibáns axudou á economía eliminando os pagos que os señores da guerra esixían ós comerciantes, trouxo vantaxes políticas reducindo a loita entre faccións (aínda que o talibáns combateron agresivamente contra os seus inimigos, a súa hexemonía relativa reduciu o número de faccións) e trouxo estabilidade relativa impoñendo un sistema de normas ante unha sociedade caótica. A ideoloxía radical dos talibáns apartaría máis adiante a moitos observadores que consideraban inicialmente a súa aparición como positiva. A mitoloxía talibán establece a primavera de 1994, co rapto e violación de dúas raparigas nun punto de control mujahidin na aldea de Sang Hesar nas aforas de Kandahar. O mulá local Omar, veterano da facción Harakat-i Inqilab-i Islami contra o réxime de Najibulá, con outros trinta e tantos talibáns organizou un grupo armado para rescatar as raparigas e colgou o comandante dos mujahidín.
Despois deste incidente, Omar fuxiu á provincia veciña de Baluchistán en Paquistán. Para o outono de 1994 organizara unha milicia ben armada e ben financiada de 1.500 seguidores e a primeira operación significativa constatada foi en setembro de 1994 co asalto á vila fronteiriza de Spin Boldak controlada polas forzas de Gulbuddin Hekmatyar conseguindo unha importante cantidade de armamento e munición, Hekmatyar acusou aos paquistanís de estar detrás da vitoria talibán[2]. Os talibáns fixéronse co control de Kandahar en novembro de 1994 e Herat en setembro de 1995, aínda que son derrotados nun primeiro intento de tomar a capital a mediados de 1995 continuaron a bombardeala[3] conseguindo o 27 de setembro de 1996 entrar en Cabul, e aínda que a guerra continuou os talibán declaráronse o goberno lexítimo do país, baseado na lei islámica, colgaron na forca ao expresidente Mohammad Najibullah e entre as súas primeiras medidas estivo a prohición ás mulleres a acceder á educación e ao traballo, así como a imposición de códigos de vestimenta estritos tanto para as mulleres como para os homes[4] e continuaron ao ano seguinte coa súa política de invisibilidade social da muller, desde a prohibición de facer ruído ao andar ata a prohibición de falar ou viaxar con homes que non foran da súa familia pasando pola prohibición de achegarse ás fiestras das súas casas[5]. O ataque terrorista de 2001 en Nova York levou á caída dos talibáns[6] ao pedirlles os Estados Unidos a entrega de Osama bin Laden e logo da súa negativa o 7 de outubro dese ano co apoio das Nacións Unidas forzas da OTAN coa colaboración da Alianza do Norte invadía o país e o 13 de novembro os talibáns perdían a capital, organizándose os restos das forzas talibáns como guerrillas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Fergusson, James (2010) Taliban:The Unknown Enemy Da Capro Press:Cambridge, Massachusetts, p. 24
- ↑ Sinno, Abdulkader Explaining the Taliban’s Ability to Mobilize the Pashtuns en Crews, Robert e Tarzi, Amin (2009)Taliban and the Crisis of Afghanistan Harvard University Press, p. 63
- ↑ Gohari, M. J. (2000)The Taliban:Ascent to Power Oxford University Press, p. 9
- ↑ Marsden, Peter (1998) The Taliban:War, Religion and the New Order in Afghanistan Palgrave Macmillan:Nova York, p. 1
- ↑ Skaine, Rosemarie (2002)The Women of Afghanistan Under the Taliban. MacFarland:Jefferson, p. 8
- ↑ Rashid, Ahmed (2002) Taliban:Islam, Oil ant the New Great Game in Central Asia I.B. Tauris:Londres, p. X