Audrey Hepburn

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Audrey Hepburn
Audrey Hepburn in Roman Holiday trailer.jpg
Audrey Hepburn no cartel de do filme Roman Holiday.
Nacemento Audrey Kathleen Ruston
4 de maio de 1929
Ixelles, Bélxica Bélxica
Falecemento 20 de xaneiro de 1993
Tolochenaz, Vaud, Suíza Suíza
Outros nome(s) Edda van Heemstra
Audrey Kathleen Hepburn-Ruston
Profesión Actriz
(1948-1992)
Cónxuxe(s) Mel Ferrer (1954–1968)
Andrea Dotti (1969–1982)
Fillo(s) Sean Hepburn Ferrer
Luca Dotti
Páxina web oficial
Ficha na IMDb

Audrey Hepburn, nada como Audrey Kathleen Ruston o 4 de maio de 1929 en Ixelles, e finada o 20 de xaneiro de 1993 en Tolochenaz, Vaud, foi unha actriz británico-belga que realizou a meirande parte da súa carreira artística nos Estados Unidos. Tamén foi moi activa como embaixadora de UNICEF.

É considerada pola American Film Institute como a terceira mellor estrela feminina de tódolos tempos.

Nada en Ixelles, un distrito de Bruxelas, Hepburn pasou a súa infancia entre Bélxica, Inglaterra e os Países Baixos, incluíndo a Arnhem que estivo ocupada polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial. En Amsterdam, estudou ballet con Sonia Gaskell antes de trasladarse a Londres en 1948 para seguir os seus estudos de ballet con Marie Rambert e traballar como corista nas producións musicais de West End.

Logo de aparecer en varias películas británicas e protagonizar a obra de Broadway de 1951, Gigi, Hepburn interpretou o papel principal de Roman Holiday (1953), o cal valeulle un Oscar á mellor actriz. Máis tarde actuando en películas de éxito como Sabrina (1954), The Nun's Story (1959), Breakfast at Tiffany's (1961), Charade (1963), My Fair Lady (1964) e Wait Until Dark (1967), Hepburn recibiu nominacións aos premios Oscar, Globo de Ouro e BAFTA e devindicou un premio Tony pola súa actuación teatral na obra de Broadway de 1954, Ondina. Hepburn segue sendo unha das poucas persoas que gañaron un Óscar, un Emmy, un Grammy e un Tony. Hepburn foi a primeira actriz en gañar un Oscar, un Globo de Ouro e un premio BAFTA por unha soa actuación: Roman Holiday en 1954.

Apareceu en menos películas a medida que a súa vida seguiu, dedicando gran parte da súa vida posterior a Unicef. Malia haber contribuído coa organización desde 1954, traballou nalgunhas das comunidades máis profundamente desfavorecidas de África, América do Sur e Asia entre 1988 e 1992. Foi galardonada coa Medalla Presidencial da Liberdade en recoñecemento ao seu labor como Embaixadora de Boa Vontade de Unicef a finais de 1992. Un mes máis tarde, Hepburn morreu de cancro apendicular na súa casa en Suíza a principios de 1993 á idade de 63 anos.[1][2][3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e mocidade[editar | editar a fonte]

Nada como Audrey Kathleen Ruston en Ixelles/Elsene, un municipio de Bruxelas, Bélxica. Era a única filla do inglés Joseph Victor Anthony Ruston e da súa segunda esposa, a baronesa Ella Van Heemstra, unha aristócrata holandesa que era filla do ex gobernador da Güiana Holandesa (Suriname), o barón Aarnoud van Heemstra. O pai da futura actriz engadiu máis adiante o apelido da súa avóa materna, Catherina, á familia; e o seu apelido converteuse en Hepburn-Ruston. Tiña dous irmáns de nai, froito dun primeiro matrimonio da súa nai co jonkheer (Señor) Hendrik Gustaaf Adolf Quarles van Ufford: jonkheer Arnoud Roberto Alexander ”Alex” Quarles van Ufford e jonkheer Ian Edgar Bruce Quarles van Ufford. Ella van Hemstra era descendiente do rei Eduardo III de Inglaterra e do consorte escocés James Hepburn, cuarto Conde de Bothwell, de quen Katharine Hepburn tamén se considera descendiente.

O pai de Hepburn traballou cunha compañía de seguros en Gran Bretaña, o cal significou que a familia tivo a oportunidade de viaxar a miúdo entre Bruxelas, Inglaterra e os Países Baixos. Entre 1935 e 1938 Hepburn estudou nunha academia privada e feminina en Kent, Inglaterra.

En 1935 os seus pais divorciaronse, e o seu pai, simpatizante nazi, abandonou á familia. Ambos pais eran membros da unión británica de fascistas a mediados dos anos trinta, segundo Unity Mitford, amiga de Ella van Heemstra e seguidora de Adolf Hitler. Audrey chamou máis adiante a este feito «o momento máis traumático da súa vida». Non sería ata moito máis adiante cando conseguiu localizar ao seu pai en Dublín a través da Cruz Vermella. Desde entón permaneceu en contacto con el e apoiouno financeiramente ata a súa morte.

En 1939 trasladouse coa súa nai e os seus dous irmáns de nai á casa do seu avó en Arnhem, Países Baixos. Pensaban que Holanda era un lugar seguro para evitar ao exército nazi. Hepburn acudiu ao conservatorio de Arnhem entre 1939 e 1945, onde estudou piano e ballet clásico, os cales compaxinaba cos seus estudos escolares.

Vida durante a Segunda Guerra Mundial[editar | editar a fonte]

Durante a súa mocidade Audrey sufriu a Segunda Guerra Mundial, primeiro en Bélxica e logo en Holanda, de onde era orixinaria a súa nai. Para evitar que as súas orixes inglesas a delatasen, a nai de Audrey chamábaa Edda Van Heemstra, como ela, e obrigouna a falar holandés. Audrey falaba perfectamente inglés, francés, holandés e italiano, defendíase co alemán e tamén un pouco en castelán. Estudou para ser bailarina, pero a guerra fixo estragos na súa constitución, así que, pese a seguir estudando e practicando, Audrey viuse na disxuntiva de elixir unha nova profesión, que foi a de actriz.

En 1944 Hepburn xa era unha boa bailarina e, durante esta época, bailaba secretamente. O diñeiro que recaudaba doábao á resistencia holandesa. Sobre esta época dixo máis adiante: «O mellor público que hei ter; non facía nin un só son ao terminar a miña actuación».

Co desembarco das tropas aliadas en Normandía o día D, as cousas en Holanda empeoraron drásticamente. Durante o inverno de 1944 os alemáns confiscaron os alimentos e combustibles da poboación holandesa. Sen comida nin calor nos fogares, a xente morría de fame e frío nas rúas. Hepburn e moitos outros facían fariña a partir de tulipáns cos que podían cociñar galletas e tartas. A cidade holandesa de Arnhem foi devastada durante o bombardeo aliado, como parte da errada operación Market Garden. O seu tío e un primo da súa nai foron fusilados como membros da resistencia, o seu irmán Ian foi capturado e estivo nun campo de traballo. As carencias alimenticias fixéronse patentes e Audrey sufriu anemia e problemas respiratorios. En 1991 Audrey dixo: «Teño recordos. Recordo estar na estación de tren vendo como se levaban aos xudeus, e recordo en particular a un neno cos seus pais, moi pálido, moi louro, usando un abrigo que lle quedaba moi grande, entrando no tren. Eu era unha nena observando a un neno».

Audrey tamén notou as semellanzas entre ela e Anne Frank. «Tiña exactamente a mesma idade que Anne Frank. Ambas tiñamos dez anos cando empezou a guerra e quince cando acabou. Un amigo deume o libro de Anne en holandés en 1947. Lino e destruír. O libro ten ese efecto sobre moitos lectores, pero eu non o vía así, non só como páxinas impresas; era a miña vida. Non sabía o que ía ler. Non volvín a ser a mesma, afectoume profundamente».

«Vimos fusilamentos. Vimos a homes novos poñerse contra a parede e ser tiroteados. Pechaban a rúa e despois volvíana a abrir e podías pasar por ese mesmo lugar. Teño marcado un lugar no diario, no cal Anne (Frank) di que fusilaron a cinco reféns. Ese foi o día en que fusilaron ao meu tío. Nas palabras desa nena eu lía o que aínda sentía no meu interior. Esa nena que vivira entre catro paredes fixera unha reportaxe completa de todo o que vivira e sentido».

Pero eses terribles anos non eran do todo malos, e Audrey podía vivir algo a súa nenez. Seguindo cos paralelismos coa vida de Anne Frank, di: «O espírito de supervivencia é moi forte nas palabras de Anne Frank. Nun momento di "estou deprimida" e ao seguinte fálache de que quere montar en bicicleta. Ela é a mostra dunha infancia en terribles circunstancias».

Un xeito coa cal Audrey Hepburn pasaba o tempo era debuxando. Algúns dos seus debuxos poden verse hoxe en día.

O país foi liberado polas forzas aliadas e a Administración das Nacións Unidas para o Auxilio e a Rehabilitación interveu no mesmo. Hepburn dixo nunha entrevista que se comeu un paquete enteiro de leite condensada e que se puxo enferma polo exceso de azucre. Estas experiencias contribuíron a que Audrey estivese sempre á beira de UNICEF durante o resto da súa vida.

Filmografía[editar | editar a fonte]

Filmes
Título Ano Personaxe Notas
Dutch in Seven Lessons 1948 Azafata
One Wild Oat 1951 Recepcionista de hotel
Young Wives' Tale 1951 Eve Lester
Laughter in Paradise 1951 Frieda e moza fumando
The Lavender Hill Mob 1951 Chiquita
The Secret People 1952 Nora Brentano
Monte Carlo Baby 1952 Linda Farell
Roman Holiday 1953 Princesa Ann
Sabrina 1954 Sabrina Fairchild
War and Peace 1956 Natasha Rostova
Love in the Afternoon 1957 Ariane Chavasse / Rapaza
Funny Face 1957 Jo Stockton Filme musical
Green Mansions 1959 Rima
The Nun's Story 1959 Irmá Luke
The Unforgiven 1960 Rachel Zachary
Breakfast at Tiffany's 1961 Holly Golightly
The Children's Hour 1961 Karen Wright
Charade 1963 Regina "Reggie" Lampert
Paris When It Sizzles 1964 Gabrielle Simpson / Gaby
My Fair Lady 1964 Eliza Doolittle
How to Steal a Million 1966 Nicole Bonnet
Two for the Road 1967 Joanna Wallace
Wait Until Dark 1967 Susy Hendrix
Robin and Marian 1976 Maid Marian
Bloodline 1979 Elizabeth Roffe
They All Laughed 1981 Angela Niotes
Always 1989 Hap

Notas[editar | editar a fonte]

  1. de Givenchy, Hubert (2007). Audrey Hepburn. Londres: Pavilion. p. 19. ISBN 978-1-86205-775-3. 
  2. Ferrer, Sean (2005). Audrey Hepburn, an Elegant Spirit. Nova York: Atria. p. 148. ISBN 978-0-671-02479-6. 
  3. Paris, Barry (2001). Audrey Hepburn. Berkley Trade. ISBN 978-0-425-18212-3. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]