Ancara

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaAncara
Ankara (tr) Editar o valor em Wikidata
Vista nocturna
Vista aérea
Fotomontaxe
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor em Wikidata Mapa
 39°56′09″N 32°50′19″L / 39.9358, 32.8387Coordenadas: 39°56′09″N 32°50′19″L / 39.9358, 32.8387
EstadoTurquía
ProvinciaAncara (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Capital de
Ancara (pt) Traducir
Turquía (1923–) Editar o valor em Wikidata
Poboación
Poboación5.503.985 (2018) Editar o valor em Wikidata (214,73 hab./km²)
Lingua oficiallingua turca Editar o valor em Wikidata
Xeografía
Superficie25.632 km² Editar o valor em Wikidata
Bañado porÇubuk (en) Traducir e Hatip (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Altitude938 m Editar o valor em Wikidata
Datos históricos
Precedido por
Ancyra (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Organización política
• Mayor of Ankara (en) Traducir Editar o valor em WikidataMansur Yavaş (en) Traducir (2019–) Editar o valor em Wikidata
Membro de
Identificador descritivo
Código postal06000–06999 Editar o valor em Wikidata
Fuso horario
Prefixo telefónico312 Editar o valor em Wikidata
Outro
Irmandado con
Bissau
Mogadixo
Saná Editar o valor em Wikidata../... 37+

Facebook: ankarabbld Twitter: ankarabbld Instagram: ankarabbld Editar o valor em Wikidata

Ancara[1][2] (en turcoAnkara) é a capital de Turquía. Tamén é a capital da provincia de Ancara, na rexión da Anatolia Central. A cidade tiña 3.582.000 habitantes no 2003 e cunha poboación de 4.140.890 habitantes no 2007, o que a converte na segunda cidade máis populosa de Turquía tras Istambul. É sede do parlamento turco, dos ministerios e das demais institucións gobernamentais, como tamén das embaixadas estranxeiras.

Ancara foi coñecida por varios nomes a través dos séculos: os hititas chamábana Ankuwash antes do 1200 a. C.,[3] os gálatas e os romanos chamárona Ancyra e nos períodos clásico, helenístico e bizantino era coñecida como Ἄγκυρα Ánkyra.[4] Tamén recibiu o nome de Angora ou Engürü despois da súa conquista polos selxúcidas en 1073, e así foi coñecida até 1930.[4]

Localizada en Anatolia central, Ancara é un importante centro comercial e industrial, a 938 metros de altura [5] situado nun outeiro na beira esquerda río Enguri Su, afluente do río Sakaria. No cumio do outeiro están as ruínas da antiga cidadela, ademais na cidade quedan algúns monumentos greco-romanos e bizantinos, os máis coñecidos son o teatro romano e o templo de Roma e de Augusto. A cidade era famosa pola la das cabras de pelo longo das que se obtiña a la de angora.

Historia[editar | editar a fonte]

Tempos prerromanos[editar | editar a fonte]

Os vestixios máis antigos da cidade e a contorna pertencen á civilización hattiana, que existiu durante a idade de bronce. Artefactos descubertos na cidade demostran que os hititas chamáronlle Ankuwash á cidade antes de 1200 a. C.[3] A cidade creceu significativamente en tamaño e importancia baixo o control dos frixios, arredor do 1000 a. C., experimentando unha grande expansión trala migración dende Gordión, a capital de Frixia, tras un terremoto que danara gravemente á cidade. Segundo a tradición frixia, o rei Midas era venerado como o fundador de Ancyra, mais Pausanias menciona que a cidade era en realidade máis antiga.[6] Cabe a posibilidade de que cando Midas chegou á cidade esta se encontrase practicamente despoboada e de aí a orixe da lenda frixia. Ao control frixio sucedeuno o lidio e posteriormente o persa. O control destes últimos permaneceu até que foron derrotados polas tropas macedonias de Alexandre Magno.

O rei macedonio, que conquistou a cidade no ano 333 a. C., chegou dende Gordion e ficou na cidade durante un curto período de tempo. Despois do seu pasamento en Babilonia no 323 a. C. e a subsecuente división do imperio entre os seus xenerais, Ancara quedou baixo o control de Antígono o Torto. A cidade tivo outro momento importante de expansión baixo o control dos gregos de Ponto, que a converteron nun centro comercial entre os portos do mar Negro e Crimea polo norte; Asiria, Chipre e Líbano polo sur; e Xeorxia, Armenia e Persia polo leste. Nesa época a cidade tomou o nome de Áγκυρα-Ànkyra (áncora en grego).

No ano 278 a. C., a cidade que daquela era coñecida como Ancyra, así como o resto da Anatolia central, foi ocupada polos celtas dos Gálatas. A finais do século IV, San Xerónimo, un nativo de Galacia, observou que a linguaxe falada en Ancara era moi similar á que era falada en Tréveris, no noroeste do Imperio Romano.

Período romano[editar | editar a fonte]

A cidade foi conquistada por Augusto no 25 a. C., pasando así ao control do Imperio Romano. Logo decidiu facer de Ancyra un dos tres principais centros administrativos de Anatolia central. Nese momento, a cidade era o centro dunha tribo coñecida como os tectosages, e Augusto elevou a súa categoría a capital da provincia romana de Galatia. Outros centros tribais gálatas, como Tavium, cerca de Yozgat, e Pessinus ao oeste, cerca de Sivrihisar, continuaron sendo relativamente importantes durante o período romano, pero foi Ancyra quen se converteu nunha gran cidade. En Ancara áchanse os restos do Templo de Augusto e Roma (Monumentum Ancyranum), que contén o rexistro oficial das Leis de Augusto, coñecido como o Res Gestae Divi Augusti, unha inscrición en mármore nas paredes deste templo.

No Templo de Augusto e Roma (comunmente denominado como Monumentum Ancyranum) en Ulus, sobrevive intacta a principal copia da Res Gestae Divi Augusti, mandada escribir polo primeiro emperador romano Augusto.

Unha poboación estimada de 200.000 persoas vivían en Ancyra durante a época do Imperio Romano, un número moito máis elevado que o que existiu trala caída do imperio até o século XX.[7] Un pequeno río, o Ankara (Ankara Çayı, en turco), transcorría polo centro da poboación romana. Actualmente encóntrase cuberto e desviado en parte do seu curso a través da cidade, pero no seu tempo era a fronteira norte da cidade vella, durante as épocas romana, bizantina e otomá. Çankaya, o bordo do outeiro situada ao sur do actual centro urbano, encontrábase fóra da cidade romana, pero pode ter sido un lugar de veraneo. No século XIX, os restos de polo menos unha vila romana ou un gran casarío aínda se mantiña en pé, non moi lonxe de onde se atopa actualmente a residencia presidencial de Çankaya. Tratábase dunha cidade grande para a época, máis grande que as cidades romanas da Galia ou Britania. Ao oeste, a cidade romana estendíase até a área do parque Gençlik e da estación de ferrocarril, mentres que cara ao lado sur do alto pode terse esparexido até a zona ocupada hoxe en día pola Universidade Hacettepe.

A importancia de Ancyra radicaba en que se encontraba no punto onde se unían os camiños romanos que cruzaban Anatolia de norte a sur e de leste a oeste. A rede imperial de camiños cara ao leste foi utilizada por varios emperadores e os seus exércitos, aínda que tamén lle serviron de utilidade a exércitos invasores. Na segunda metade do século III, Ancyra foi invadida polos godos que chegaron dende o oeste, situándose no corazón de Capadocia, tomando escravos e realizando saqueos; e despois polos árabes. Durante case unha década, a cidade foi un dos postos avanzados máis occidentais da emperatriz árabe Zenobia de Palmira, quen se aproveitou dun período de debilidade e desorde no Imperio Romano para estabelecer o seu propio estado de curta duración. A localidade foi reincorporada ao Imperio Romano baixo o emperador Aureliano no ano 272. Durante a tetrarquía, introducida por Diocleciano no ano 284, realizouse un programa de reconstrución e construíuse a calzada de Ancara ao oeste, cara Germe e Dorylaeum, próximas da actual Eskişehir. Previamente, o emperador Caracalla reconstruíra as murallas da cidadela e construíu baños públicos.[7]

No seu apoxeo, a Ancara romana era un gran mercado e centro de comercio, aínda que tamén funcionou como unha gran capital administrativa, onde un alto funcionario gobernaba dende o Praetorium da cidade, un gran palacio administrativo ou oficina. Durante o século III, a vida na cidade, así como noutras poboacións da Anatolia, parece que foi militarizada por mor das invasións que sufrían. Así mesmo, a poboación local foi obxecto de cristianización neste tempos.

Período bizantino[editar | editar a fonte]

A finais do século IV, Ancyra converteuse nunha zona de vacacións do imperio. Despois de que Constantinopla se convertera na capital do Imperio Romano de Oriente, os emperadores dos século IV e V retirábanse dos veráns húmidos do Bósforo cara ambiente seco das montañas de Ancyra. Teodosio II levaba a súa corte a Ancyra nos veráns, incluso emitindo leis alí.

A importancia militar e loxística da cidade durou até ben entrado o reinado bizantino. A pesar de que a cidade caeu nas mans de varios exércitos árabes numerosas veces a partir do século VI, permaneceu como un importante punto no Imperio Bizantino até finais do século XI.

Período otomán[editar | editar a fonte]

Repartición de Anatolia e Tracia de acordo ao Tratado de Sèvres de 1920, derrogado polo Tratado de Lausana en 1923.

En 1071, o sultán selxúcida Alp Arslan abriu as portas de Anatolia para os turcos coa súa vitoria na batalla de Manzikert, cerca de Malazgirt. Dous anos despois anexionou a cidade ao seu territorio, un lugar importante para o transporte militar. Orhan I, o segundo bey do Imperio Otomán, capturou Ancara no 1356. Outro gobernante turco, Tamerlán, derrotou aos otománs na batalla de Ancara en 1402 e capturou a cidade, mais ao ano seguinte Ancara volvía estar baixo dominio otomán.

Trala derrota otomá na primeira guerra mundial, a capital otomá, Istambul, e gran parte da península da Anatolia estaba ocupada polos aliados. Segundo o tratado de Sèvres de 1920 asinado polo Reino Unido, Francia, Italia e Grecia, os territorios do Imperio Otomán repartiríanse entre eles, deixando para os turcos Istambul e parte de Asia Menor. En resposta a isto, o líder do movemento nacionalista turco, Kemal Atatürk, estableceu o cuartel xeral do seu movemento de resistencia en Ancara. Trala Guerra de Independencia, os nacionalistas substituíron o Imperio Otomán coa República de Turquía o 29 de outubro de 1923.

Período da República de Turquía[editar | editar a fonte]

No momento de fundación da República de Turquía, Ancara non era máis que unha pequena poboación que apenas superaba os 15.000 habitantes. A pesar diso, o 13 de outubro de 1923 converteuse na nova capital do país, substituíndo a Istambul (a antiga Constantinopla), dez días antes da fin da guerra de independencia; foi unha decisión persoal de Mustafa Kemal Atatürk, que evitaba deste xeito a vulnerabilidade estratéxica da antiga capital.[8]

O novo desenvolvemento subsecuente de ser a capital dividiu a cidade na zona vella, chamada Ulus, e a nova, denominada Yenişehir. Os antigos edificios, que reflicten a historia romana, bizantina e otomá, e as rúas estreitas e sinuosas caracterizan a zona antiga. Pola súa banda, a zona nova, centrada en torno a Kızılay, ten o aspecto dunha cidade moderna: rúas anchas, hoteis, teatros, centros comerciais e rañaceos. As oficinas gobernamentais e as embaixadas estranxeiras tamén se encontran na parte nova.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Ancara localízase nas coordenadas xeográficas 39º 52 ‘30” Norte e 32º 50’ Leste. Encóntrase situada sobre un outeiro escarpado e rochoso, que posúe 176 m de altitude sobre a ribeira esquerda do río Enguri Su, afluente do río Sakarya.

Climatoloxía[editar | editar a fonte]

A cidade atópase nun dos lugares máis secos de Turquía, rodeado por unha vexetación de estepa, debido ao duro e en ocasións extremo clima continental seco con invernos moi fríos nos que abundan as precipitacións en forma de neve e veráns moi secos e calorosos, o período de choivas acontece sobre todo durante a primavera e o outono.

Datos climáticos para Ancara (1950–2015)
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Anual
Temperatura máxima en °C 16,6 20,4 27,8 31,1 33,0 37,0 41,0 40,4 36,0 33,3 24,4 20,4 41
Media máxima en °C 4,4 6,6 11,6 17,3 22,2 26,6 30,2 30,3 26,0 19,8 12,9 6,6 17,88
Media diaria en °C 0,4 1,9 6,0 11,3 16,1 20,1 23,6 23,4 18,8 13,0 7,0 2,6 12,02
Media mínima en °C −3,0 −2,2 0,9 5,6 9,7 13,0 15,9 16,0 11,8 7,2 2,4 −0,7 6,38
Temperatura mínima en °C −24,4 −22,2 −19,2 −6,7 −1,6 3,8 4,5 6,3 2,5 −5,3 −13,4 −18,0 −24,4
Precipitación media mm 42,1 36,6 40,3 46,5 52,0 36,7 14,2 10,9 18,7 29,1 32,0 43,1 402,2
Media de días con precipitacións 12,3 11,0 11,1 11,7 12,6 8,9 3,7 2,8 3,9 6,9 8,4 11,5 104,8
Media de horas de sol mensuais 77,5 98,8 161,2 192,0 260,4 306,0 350,3 359,6 276,0 201,5 132,0 71,3 2 486,6
Porcentaxe de sol 26,0 32,9 43,6 48,2 58,4 68,1 76,8 84,4 73,9 58,3 44,1 24,6 53,28
Fonte: Turkish State Meteorological Service[9]

Demografía[editar | editar a fonte]

O censo de poboación de 2007 deu que a cidade tiña unha poboación de 4.466.756 habitantes, dos que 2.225.033 son homes e 2.241.723 mulleres.

Evolución demográfica da cidade de Ancara

Transportes[editar | editar a fonte]

Estación de Yenimahalle, no metro de Ancara.

Ancara atópase no centro da península de Anatolia, (Asia Menor), nunha posición privilexiada a medio camiño entre oriente e occidente. É un punto importante nas comunicacións turcas, encóntrase no centro da rede estatal de estradas e ferrocarrís, que a unen co resto do estado. Existen comunicacións frecuentes con Istambul: cada quince minutos sae un autobús e cada hora parte un avión.[10]

O metro de Ancara (Ankara Metrosu en turco) foi aberto en 1987. Ten doce estacións repartidas en dúas liñas de metro, unha de 8,7 km (Ankaray) e outra de 14,6 km (Ankara Metro), ademais dunha liña de proximidades. Tres liñas está en construción e varias liñas máis están planeadas para elevar a lonxitude total a 66,4 km no 2015.[11]

En 1955 inaugurouse o aeroporto de Ancara, que se encontra a 28 km ao noroeste do centro da cidade. No 2007 era o cuarto aeroporto do estado por número de pasaxeiros, o terceiro en voos estatais e o sétimo en canto a voos internacionais.

Deportes[editar | editar a fonte]

Ao igual que en todas as outras cidades de Turquía, o fútbol é o deporte máis popular en Ancara. A cidade ten catro clubs de fútbol que actualmente compiten na Turkcell Super League: Gençlerbirliği (5ª posición na tempada 2006-07), Büyükşehir Belediye Ankaraspor (7ª posición na tempada 2006-07), Ankaragücü (13ª na temporada 2006-07) e Gençlerbirliği OFTAŞ (ascendido para participar na Superliga de Turquía durante a tempada 2007-08). O Ankara 19 Mayıs Stadium é o lugar onde se levan a cabo os partidos de fútbol, que ten unha capacidade de 21.250 persoas.

Na Liga de Baloncesto de Turquía, Ancara, está representada polo Türk Telekom e polo CASA TED Ankara Kolejliler.

As competicións de patinaxe sobre xeo e hóckey sobre xeo realízanse no Ankara Buz Pateni Sarayı.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para angora.
  2. Benigno Fernández Salgado, ed. (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1303. ISBN 9788482887524. Ancara (Turquía) 
  3. 3,0 3,1 Judy Turman (1998). "Early Christianity in Turkey: Slide Annotations" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de xullo de 2013. Consultado o 19 de setembro de 2009. 
  4. 4,0 4,1 Tore Kjeilen. LookLex, ed. "Ankara" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de xaneiro de 2009. Consultado o 20 de setembro de 2009. 
  5. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome ANTR
  6. Pausanias, Descrición de Grecia, 1.4.5., "Ancyra era realmente máis antiga incluso que aquilo."
  7. 7,0 7,1 Planetware Travel Guide (ed.). "Ankara, Turkey Tourism" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2009. Consultado o 21 de outubro de 2009. 
  8. Deutsche Welle, ed. (12 de outubro de 2006). "1923: Ancara torna-se a capital da Turquia" (en portugués). Consultado o 21 de outubro de 2009. 
  9. "Ankara" (en turco). Turkish State Meteorological Service. Arquivado dende o orixinal o 18 de marzo de 2016. Consultado o 16 de abril de 2016. 
  10. El Universal (México), ed. (4 de novembro de 2008). "Ankara, la capital olvidada" (en español). Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2014. Consultado o 21 de outubro de 2009. 
  11. Railway Technology (ed.). "Ankara Metro Light Rail Development" (en inglés). Consultado o 21 de outubro de 2009. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]