Tratado de Sèvres
Tratado de Sèvres | ||||
---|---|---|---|---|
![]() | ||||
Tipo | tratado de paz e tratado multilateral ![]() | |||
Localización | ||||
Localización | Sèvres ![]() | |||
| ||||
Estado | Francia | |||
Divisións administrativas | Francia Metropolitana | |||
Rexións | Illa de Francia | |||
Departamento | Hauts-de-Seine | |||
Comuna francesa | Sèvres ![]() | |||
Data | ||||
Data | 10 de agosto de 1920 ![]() | |||
Características | ||||
Causado por | Conferencia de Paz de París ![]() | |||
Lingua | lingua francesa ![]() | |||
Implicados | ||||
Participante | Imperio Otomán ![]() | |||
[ Wikidata ] |

O Tratado de Sèvres foi un tratado de paz entre o Imperio Otomán e as nacións aliadas da primeira guerra mundial (a excepción de Rusia e os Estados Unidos), que foi asinado en Sèvres (Francia) o 10 de agosto de 1920. O Tratado deixaba o Imperio Otomán sen a maior parte das súas antigas posesións, limitándoo a Istambul e parte de Asia Menor. En Anatolia Oriental creábase un estado autónomo para os kurdos (Kurdistán), e varios distritos pasaban a Armenia (a República de Armenia independizouse de Rusia en 1918) para formar a Grande Armenia. Grecia recibía Tracia Oriental, Imbros, Ténedos e a rexión de Esmirna. Recoñecíase a separación de Exipto, Hedjaz e o Iemen; mentres que Mosul, Palestina e Transxordania pasaban á administración británica e Siria, Líbano e Alexandreta á administración francesa, que tamén recibía unha zona de influencia en Cilicia. Chipre quedou para os británicos que xa o administraban e Castellorizo para os italianos cunha zona de influencia na rexión de Antalya. A navegación nos estreitos sería libre e controlada por unha comisión internacional.

Contra este tratado, aceptado polo Sultán e o goberno otomán, erguéronse os nacionalistas ao mando de Mustafa Kemal Atatürk, que tomaron o poder e combateron vitoriosamente contra gregos e armenios logrando manter a posesión de toda Anatolia, e parte de Tracia Oriental, e pór fin ás zonas de influencia de Francia e Italia, tras o cal foi asinado o Tratado de Lausana en 1923, deixando sen aplicar o tratado de Sèvres.