Televisión en cor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Barras de cor SMPTE, utilizadas na mira de axuste.

A televisión en cor é unha tecnoloxía de transmisión de imaxes que inclúe información da cor do cadro, polo que a imaxe de vídeo pode ser amosada en cor nos aparellos televisivos. É unha mellora na tecnoloxía televisiva máis temperá, monócroma ou televisión en branco e negro, onde a imaxe era amosada en escala de grises (greyscale).

As estacións e redes de transmisión televisiva de gran parte do mundo actualizáronse do branco e negro á transmisión en cor entre os anos 1960 e 1980. A invención dos estándares de televisión en cor son unha parte importante da historia da televisión.

Funcionamento[editar | editar a fonte]

Na súa forma máis básica, unha emisión en cor pode ser creada mediante a difusión de tres imaxes en branco e negro, unha en cada unha das tres cores primarias na luz: vermello, verde e azul (RGB). Cando aparecen xuntas ou en sucesión rápida, estas imaxes combínanse para producir unha imaxe a toda cor como é vista polo televidente. Un dos grandes retos técnicos da introdución da cor na transmisión de televisión foi o desexo de conservar o ancho de banda, potencialmente tres veces maior ca o existente nas normas en branco e negro, e non utilizar unha cantidade excesiva de espectro radioeléctrico.

Nos Estados Unidos, despois dun considerábel traballo de investigación, o Comité Nacional de Sistema de Televisión (NTSC)[1] aprobou un sistema electrónico desenvolvido pola Radio Corporation of America (RCA), que codifica a información da cor por separado da información de brillo, e reduce en gran medida a resolución da cor co fin de aforrar ancho de banda. O brillo da imaxe seguía sendo compatíbel cos aparellos televisivos existentes en branco e negro ao reducir lixeiramente a resolución, namentres que os televisores en cor poderían decodificar a información adicional no sinal e producir unha resolución limitada de cor da pantalla. A resolución máis alta en branco e negro e a máis baixa das imaxes en cor combínanse no ollo para producir unha imaxe en cor de aparente alta resolución. O estándar NTSC representou un gran logro técnico.

Historia[editar | editar a fonte]

As primeiras transmisións de imaxes foron desenvolvidas na década de 1880. O 26 de xaneiro de 1926 John Logie Baird fixo a primeira demostración mundial de verdadeira televisión perante 50 científicos nunha habitación dun ático no centro de Londres. En 1927, a súa televisión demostrouse en máis de 438 millas de liña telefónica entre Londres e Glasgow e formou a Baird Television Development Company (BTDC). En 1928, a BTDC logrou a primeira transmisión de televisión transatlántica entre Londres e Nova York e a primeira transmisión a un barco no Atlántico medio. Tamén deu a primeira demostración de cor e televisión estereoscópica. En 1929, a oficina de correos alemá deulle as facilidades para desenvolver un servizo de televisión experimental baseado no seu sistema mecánico, o único operábel nese momento.

Porén, o sistema mecánico de Baird estaba a volverse obsoleto rapidamente a medida que se desenvolvían sistemas electrónicos, principalmente por Marconi-EMI en Gran Bretaña e América. Malia que investira no sistema mecánico para lograr resultados temperáns, Baird tamén estivera explorando sistemas electrónicos dende unha etapa temperá. Con todo, un comité de investigación da BBC en 1935 provocou unha proba paralela entre o sistema de televisión completamente electrónico de Marconi-EMI, que traballou en 405 liñas.

En 1940 o mexicano Guillermo González Camarena creou un sistema para transmitir televisión en cor, o sistema tricromático secuencial de campos (coñecido como STSC) cuxa patente nos Estados Unidos fóiselle concedida o 15 de setembro de 1942.[2] Tamén en 1940, o inventor húngaro, nacionalizado estadounidense Peter Goldmark, quen traballaba para a Columbia Broadcasting System, solicitou unha patente o día 7 de setembro de 1940 para o seu propio sistema de televisión en cor, de principios similares ao anterior, a cal foi concedida o 30 de agosto de 1949. A Comisión Federal de Comunicacións adoptou este sistema o día 11 de outubro de 1950 como o estándar de televisión en cor nos Estados Unidos, pero máis tarde foi descartado.[3]

O 16 de agosto de 1944, Baird fixo a primeira demostración dunha pantalla en cor totalmente electrónica de 600 liñas e tripla exploración entrelazada.[4][5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Report and Reports of Panel No. 11, 11-A, 12-19. National Television System Committee. 
  2. "Patent US 2296019: Chromoscopic adapter for television equipment" (PDF) (en inglés). United States Patent Office. 
  3. Slotten, Hugh Richard (2000). Radio and Television Regulation: Broadcast Technology in the United States 1920–1960. JHU Press. ISBN 0-8018-6450-X. 
  4. "The World's First High Definition Colour Television System" (en inglés). 
  5. Abramson, Albert (2003). The history of television, 1942 to 2000. Jefferson, N.C.: McFarland. ISBN 0786412208.