Pierre Bourdieu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pierre Bourdieu nado en Denguin (na rexión de Aquitania) o 1 de agosto de 1930 e finado en París o 23 de xaneiro de 2002, foi un sociólogo francés, referencia intelectual da esquerda política europea.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou Filosofía en París e exerceu a docencia en Moullins, Alxeria, París e Lille. Realizou estudos sobre o estudantado, a fotografía, a pedagoxía e a comunicación.

Foi profesor da Ecole Normale Superieure e foi director da Escola Práctica de Altos Estudos e catedrático de socioloxía do College de France e da Escola Superior de Ciencias Sociais. Foi director da revista Actes de la Recherche en Sciencies Sociales. Tivo varios doutorados honoris causa.

Continuou con investigacións e estudos sobre a violencia simbólica, a reprodución da clase dominante, a socioloxía da cultura e os estilos de vida.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Bourdieu foi un crítico da globalización, o neoliberalismo, as novas formas de explotación capitalista e a xenofobia. Denunciou o tratamento da política por parte dos medios de difusión de masas que consideraba superficial e sometido á necesidade de divertir antes que de concienciar. Combateu a tendencia neoliberal a flexibilizar os mercados de traballo facendo retroceder conquistas sociais co fin de outorgar confianza aos investidores. Tentou desmantelar as xustificacións teóricas dos privilexiados. Condenou a debilidade dos Estados fronte aos ataques especulativos dos poderes financeiros.

A Bourdieu débenselle conceptos en socioloxía como habitus e campo en tanto que elementos obxectivos de socialización interiorizados e o contido novo doutros como capital e poder que abranguen conceptos como prestixio, pundonor e recoñecemento social. Segundo Bourdieu, todos buscan un interese particular pero isto non é un proceso racional senón en gran medida inconsciente.