Telescopio Hubble

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Telescopio espacial Hubble")
Telescopio Espacial Hubble / HST
Hubble 01.jpg
O Telescopio espacial Hubble visto dende o Transbordador espacial Discovery durante a misión STS-82
Tipo Científico
Organización NASA / ESA
Data de lanzamento 24 de abril de 1990, 12:33 GMT[1][2][3][4]
Foguete portador Transbordador espacial Discovery[2][5]
Sitio de lanzamento Centro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla 39B[2][6]
Obxectivo da misión Observacións astronómicas no rango óptico, ultravioleta e infravermello.[2][6]
NSSDC ID 1990-037B
Masa 11.600 kg[5][2][6]
Potencia 2400 vatios[2]
Semieixo maior 6934 km[1]
Inclinación 28,5 graos[1]
Apoapse 565,8 km[1]
Periapse 560,9 km[1]

O Telescopio espacial Hubble (HST polas súas siglas inglesas) é un telescopio robótico conxunto da NASA e a ESA localizado na beira externa da atmosfera, en órbita circular ó arredor da Terra, a 593 km sobre o nivel do mar, cun período orbital entre 96 e 97 min.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Denominado desa forma en honor de Edwin Hubble, foi posto en órbita o 24 de abril de 1990 como proxecto conxunto da NASA e da ESA, inaugurando o programa de Grandes Observatorios. O telescopio pode obter imaxes cunha resolución óptica maior de 0,1 segundos de arco.

O Hubble traballa no rango de frecuencias entre o ultravioleta e o infravermello próximo. Os seus 11.000 kg foron lanzados o 24 de abril de 1990. Outras características:

  • Tipo de telescopio: Ritchey-Chretien reflector.
  • Diámetro: 2,4 m.
  • Área colectora aprox: 4,3 m².
  • Distancia focal efectiva: 57,6 m.
  • Instrumentos:
    • NICMOS Cámara/espectrómetro infravermello.
    • ACS Cámara de análise avanzado.
    • WFPC2 Cámara óptica de campo ancho.
    • STIS Cámara/espectrómetro óptico (defectuosa).

A vantaxe de dispoñer dun telescopio máis aló da atmosfera radica, principalmente, en que deste xeito pódense eliminar os efectos da turbulencia atmosférica, sendo posible alcanzar o límite de difracción como resolución óptica do instrumento. Ademais, a atmosfera absorbe en grande medida a radiación electromagnética en certas lonxitudes de onda, especialmente no infravermello, diminuíndo a calidade das imaxes e imposibilitando a adquisición de espectros en certas bandas caracterizadas pola absorción da atmosfera terrestre. Os telescopios terrestres vense tamén afectados por factores meteorolóxicos (presenza de nubes) e a contaminación lumínica ocasionada polos grandes asentamentos urbanos, o que reduce as posibilidades de instalación de telescopios terrestres.

O Telescopio Espacial Hubble foi un dos proxectos que, sen dúbida, máis teñen contribuído ó descubrimento espacial e desenvolvemento tecnolóxico de toda a Historia da Humanidade. Gran parte do coñecemento científico do que os estudosos dispoñen do espazo interestelar débese ao Telescopio Hubble.

Descrición técnica[editar | editar a fonte]

A unidade ten un peso en torno a 11 toneladas, é de forma cilíndrica e ten unha lonxitude de 13,2 m e un diámetro máximo de 4,2 m. O custo do telescopio ascendeu (en 1990) a 2.000 millóns de dólares US. Inicialmente un fallo no pulido do espello primario do telescopio (debido a cuestións de programación da máquina correspondente) produciu imaxes lixeiramente desenfocadas debido a aberracións esféricas. Aínda que este fallo foi considerado no seu día como unha importante neglixencia por parte do proxecto, a primeira misión de servizo na que unha nave tripulada se achegou ó telescopio espacial puido instalar un sistema de corrección óptica capaz de corrixir o defecto do espello primario con pouca perda, acadándose as especificacións de resolución previstas ó inicio.

O telescopio é un reflector de dous espellos, tendo o principal 2,4 m de diámetro. Para a exploración do ceo incorpora varios espectrómetros e tres cámaras, unha de campo estreito para fotografar zonas pequenas do espazo (de brillo débil polo seu afastamento), outra de campo ancho, para obter imaxes de planetas, e unha terceira, infravermella.

Para a xeración de electricidade empréganse dous paneis solares que alimentan as cámaras, os catro motores empregados para orientar e estabilizar o telescopio e o equipos de refrixeración da cámara infravermella e o espectrómetro que traballan a 93 K.

Desde o seu lanzamento, o telescopio recibiu varias visitas dos astronautas para corrixir diversos erros de funcionamento e instalar equipo adicional. Debido ao rozamento coa atmosfera (moi tenue a esa altura), o telescopio vai perdendo velocidade moi lentamente e (que o fai caer), á vez, gañando peso (pola maior veciñanza da Terra, o que acelera o proceso de caída), de modo que cada vez que é visitado, o transbordador espacial debe empuxalo a unha órbita lixeiramente máis alta. Deste xeito, conséguese manter a órbita, que fora alterada polos efectos físicos antes mencionados, rozamento e atracción terrestre.

A quinta misión de mantemento, prevista para 2006, cancelouse. Con ela, estaba previsto que o Hubble acadase o final da súa vida útil en 2010, 5 anos máis tarde do previsto. O fin do Hubble, xa que logo, é incerto, xa que depende da vida dos xiroscopios, baterías e o freado atmosférico. A NASA prevé lanzar en 2012 un telescopio de nova xeración para substituír ao Hubble.

O 14 de xuño de 2006 a Cámara de recoñecemento avanzado (siglas en inglés, ACS), un dos instrumentos considerados fundamentais no telescopio, deixou de funcionar. A causa estribaba nun problema de excesiva voltaxe no circuíto de alimentación principal, e puido ser arranxada coa activación do sistema de respaldo. O 30 de xuño a ACS volveu funcionar correctamente. O 31 de outubro de 2006, o Administrador de NASA anunciou a aprobación para unha misión de mantemento. Esta misión de 11 días de duración, pautada tentativamente entre a primavera e o outono de 2008, entraña a instalación de novas baterías, da terceira cámara de ángulo ancho do Telescopio Espacial e dun novo espectrógrafo, así como a reparación os xiroscopios.

Cifras[editar | editar a fonte]

  • A cámara máis sofisticada do telescopio espacial Hubble creou unha imaxe mosaico dun gran pedazo do ceo, que inclúe polo menos 10.000 galaxias.
  • Co telescopio Espacial Hubble observáronse aproximadamente un millón de obxectos. En comparación, o ollo humano tan só é quen de ver unhas 6.000 estrelas a primeira ollada.
  • As observacións do HST, incluíndo unhas 500.000 fotografías, ocupan 1420 discos ópticos de 6,66 Gb (un total de 8,34 terabytes, Tb).
  • O Hubble ten un índice coa posición detallada de 15 millóns de estrelas que lle permite apuntar con precisión ós seus obxectivos.
  • Astrónomos de máis de 45 países teñen publicado os descubrimentos feitos co Hubble en máis de 4.800 artigos científicos.
  • O Hubble deu a volta á Terra cada 90 min, viaxando case 3.000 millóns de km, unha distancia superior á que supoñería facer unha viaxe de ida a Neptuno.

Principais descubrimentos[editar | editar a fonte]

Nacemento de estrelas na nebulosa da Aguia.
  • O Hubble proporcionou imaxes impresionantes da colisión do cometa cometa Shoemaker-Levy 9 con Xúpiter en 1994.
  • As imaxes obtidas polo telescopio proporcionaron evidencias da existencia de planetas orbitando outras estrelas.
  • Algunhas das observacións que levaron ó modelo actual do universo en expansión obtivéronse con este telescopio incluíndo fortes evidencias a favor da existencia da materia escura do universo.
  • A teoría de que a maioría das galaxias aloxan un buraco negro no seu núcleo foi parcialmente confirmada por numerosas observacións.
  • En decembro de 1995, a cámara de Campo Profundo do Hubble fotografou unha rexión do tamaño dunha trintava millonésima (un entre trinta millóns) parte do área do ceo que contén varios miles de galaxias. Unha imaxe similar do hemisferio sur foi tomada en 1998 apreciándose notables semellanzas entre ambas, o que reforzou o principio que postula a isotropía do Universo (é dicir, que a estrutura do Universo é independente da dirección na cal se mira).
  • fixo visibles as primeiras galaxias que se formaron.
  • permitiu detectar Helio no espazo intergaláctico (posiblemente orixinado no Big-Bang).
  • Primeiras imaxes que mostran galaxias con quásares no seu interior.
  • detectou por primeira vez emisión láser UV no espazo.
  • permitiu descubrir un novo tipo de lente gravitacional en forma de cruz que se podería utilizar como lupa para escrutar o universo afastado.
  • Primeiro mapa dun asteroide.
  • Descubrimento dun novo tipo de satélite na parte exterior dos aneis de Saturno.
  • Primeiro mapa de Plutón.
  • Un par de aneis rodean unha estrela que fixo explosión en 1987.
  • Nubes cometarias xigantes fórmanse ó arredor dunha estrela moribunda.
  • Columnas xigantes de po e gas forman no seu interior novas estrelas.
  • Posibles sistemas planetarios en formación descubertos na nebulosa de Orión.
  • descubriu galaxias situadas a 13.000 anos luz.
  • Os buratos negros son reais, e é posible que se atopen no núcleo de moitas galaxias.
  • A mancha escura da atmosfera de Neptuno é transitoria: desaparece dun hemisferio e aparece no oposto.
  • Europa, a lúa xeada de Xúpiter, ten unha tenue atmosfera con osíxeno.
  • Centenares de millóns de cometas rodean o sistema solar.

Novos interrogantes[editar | editar a fonte]

O Hubble contribuíu a revitalizar algunhas preguntas postas con antelación á súa existencia:

  • Puideron ser totalmente diferentes as leis físicas que coñecemos no momento en que se creou o universo?
  • Por que o Universo parece máis novo que as estrelas máis vellas?
  • Por que hai tanta variedade de formas entre as galaxias do Universo primitivo?
  • De que xeito poden crear estruturas tan complexas as estrelas moribundas?

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "HST" (en inglés). Real Time Satellite Tracking. 2011. http://www.n2yo.com/satellite/?s=20580. Consultado o 16 de abril de 2013.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "HST" (en inglés). 27 de marzo de 2013. http://nssdc.gsfc.nasa.gov/nmc/spacecraftDisplay.do?id=1990-037B. Consultado o 16 de abril de 2013.
  3. "Note verbale dated 17 January 1992 from the Permanent Representative of the United States of America to the United Nations addressed to the Secretary-General" (PDF). COMMITTEE ON THE PEACEFUL USES OF OUTER SPACE (92-02818): 7. 21 de xaneiro de 1992. http://www.unoosa.org/oosa/download.do?file_uid=497.
  4. "HST / The Hubble Space Telescope" (en inglés). 2010. http://claudelafleur.qc.ca/Spacecrafts-1990.html#HST. Consultado o 16 de abril de 2013.
  5. 5,0 5,1 "Hubble (HST)" (en inglés). Gunter's Space Page. 2013. http://space.skyrocket.de/doc_sdat/hst.htm. Consultado o 16 de abril de 2013.
  6. 6,0 6,1 6,2 "HST" (en inglés). 2011. http://www.astronautix.com/craft/hst.htm. Consultado o 16 de abril de 2013.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Telescopio Hubble

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]