Levantamentos xacobitas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xacobe II de Inglaterra e VII de Escocia, pintado por sir Godfrey Kneller en 1684.

Os levantamentos xacobitas foron unha serie de insurreccións e guerras nas illas británicas entre 1688 e 1746. Tiveron como finalidade devolver o trono a Xacobe II de Inglaterra e, con iso, aos seus descendentes da Casa de Estuardo, do cal foran privados polo Parlamento despois da Revolución Gloriosa de 1688.[1] Na fin dos levantamentos, após a batalla de Culloden, a Acta de Prescrición marca a fin do tempo dos clans escoceses e en boa parte a destrución da súa cultura. A partir de aí foi prohibido o uso do gaélico escocés, das gaitas e dos kilt.[2]

Sublevacións dirixidas por Xacobe II de Inglaterra e VII de Escocia[editar | editar a fonte]

O exército francés participou no conflito entre 1692 e 1708, cando tropas a favor dos Estuardo desembarcaron nas illas británicas. Uns 40000 refuxiados xacobitas instaláronse en Francia entre 1688 e 1692 após a represión política e relixiosa lanzada polos protestantes vencedores; en Francia, eses exiliados, cando eran mercenarios, foron denominados os oies sauvages (fuga dos gansos salvaxes).

Guerra guillermita de Irlanda[editar | editar a fonte]

Batalla do Boyne, por Jan van Hutchenburg

A guerra guillermita ou williamita, tamén coñecida como guerra xacobita en Irlanda, en gaélico irlandés como Cogadh an Dá Rí, ou a guerra dos dous reis [3], estalou tras o destronamento de Xacobe II en 1688 pola súa filla María II e o seu marido Guillerme de Orange, neto de Carlos I. Provocou o levantamento nesas datas en Escocia, dirixido polo Vizconde de Dundee. Aínda que Guillerme acabou co xacobitismo en Irlanda e os posteriores levantamentos xacobitas limitáronse a Escocia e Inglaterra, a guerra ía ter un efecto duradeiro na illa, fortalecendo o dominio protestante británico no país durante un século. A Batalla do Boyne en irlandés Cath na Bóinne, e o Asedio de Derry de 1689 (en inglés Siege of Derry, en irlandés Léigear Dhoire, oito décadas despois da queima de Derry, acontecida meses após a Fuga dos Condes) aínda se celebran hoxe en día polos unionistas de Irlanda do Norte.


En 1689, Xacobe II tentou retomar o trono inglés, para o que se dirixiu con partidarios seus a Irlanda, entón posesión inglesa, para reunir un exército e desafiar o novo réxime da Casa de Orange. Contando con soldados franceses que Lois XIV puxo ao seu servizo, Xacobe desembarcou en chan irlandés o 12 de marzo de 1689 e iniciou a guerra gozando do apoio maioritario dos católicos, a quen ofreceu o fin da discriminación relixiosa. Neses anos, a causa xacobita fíxose impopular en Inglaterra e Escocia, feito agravado polo aberto apoio de Francia a Xacobe II.

Aínda que Xacobe e as súas tropas dominaron case toda Irlanda durante meses, en xuño de 1690 o propio Guillerme III desembarcou na illa con tropas protestantes de refresco e venceu decisivamente aos xacobitas na batalla do Boyne o 12 de xullo de 1690. Tras esta derrota a sublevación durou até outubro de 1691 pola ansia dos irlandeses de obter mellores condicións de paz por parte de Guillermo de Orange; con todo, Xacobe II fuxiu a Francia inmediatamente, co cal perdeu gran parte da súa popularidade entre os católicos de Irlanda.

Lois XIV instalou o rei de Inglaterra no exilio no seu castelo de Saint-Germain en Laye, cunha corte de centos de xacobitas exiliados, até a morte de Xacobe en 1701. A cidade francesa transformouse practicamente na capital no exilio dos ingleses leais aos Estuardo; algúns dos expatriados eran sumamente ricos e estaban ben contactados coa aristocracia europea.

Levantamento xacobita de 1715[editar | editar a fonte]

Igrexa de San Mateo e ponte Smeaton en Perth

A pesar do masacre de Glencoe de 1692, as revoltas continuaron e mesmo se intensificaron, despois do ascenso da Casa de Hannover ao trono británico en 1714. Inicialmente Xacobe II gozou do apoio económico e político de Francia, pois Lois XIV entendía que era moi útil aos seus intereses manter vixente o reclamo dos Estuardo como arma política no seu enfrontamento contra Gran Bretaña. Aínda cando o fin da Guerra de Sucesión Española fixo que o rei francés se esforzase en manter a paz, non renunciaba á idea de empregar a cuestión sucesoria dos Estuardo contra os británicos.

En 1715 estalou unha sublevación de xacobitas leais aos Estuardo en Escocia, en conivencia co fillo e sucesor de Xacobe II, Xacobe Francisco Eduardo Estuardo, o denominado «Vello Pretendente» (ou Xacobe III para os seus partidarios). Os xacobitas escoceses inicaron a súa revolta o 6 de setembro de 1715, tomaron Perth pouco despois, iniciando unha sublevación maior, aínda que con escaso apoio popular fóra dos Highlands; mentres tanto a reacción gobernamental no mes de novembro causou perdas aos sublevados. O 22 de decembro de 1715 Xacobe Estuardo chegou a Escocia nun buque proporcionado por Francia e instalou o seu corte en Scone, pero non puido axudar a deter ás forzas da Casa de Hannover, numericamente moi superiores. O 4 de febreiro de 1716 o Vello Pretendente fuxiu de volta a Francia e instou aos seus partidarios dos clans escoceses a abandonar a loita, o cal sucedeu de inmediato.

Levantamento xacobita de 1719[editar | editar a fonte]

Batalla de Glenshiel, por Peter Tilleman

Francia abstívose de apoiar a restauración dos Estuardo pola forza tras a firma do Tratado de Utrecht en 1713, polo cal o pretendente xacobita pediu axuda á monarquía hispánica. O cardeal Giulio Alberoni, influíu ante o rei Filipe V para axudar a Xacobe Estuardo. Como resultado, en 1718, ideouse o plan de enviar un continxente de soldados españois destinados a desembarcar en Gran Bretaña e apoiar unha revolta que estaba a ser preparada polos xacobitas en Gales e Escocia, en coordinación co Vello Pretendente. Un primeiro continxente de 300 galegos[4] da infantaría de mariña española, liderados polo tenente coronel galego Nicolás de Castro Bolaño, dirixiríase a Escocia a iniciar a rebelión e un continxente maior de 7000 españois apoiaría a revolta xacobita desde Gales, promovendo unha sublevación masiva que permitiría aos Estuardo e os seus partidarios tomar Londres e coroar alí a Xacobe III. Ambos os grupos partiron de Cádiz en marzo de 1719, dirixidos por xacobitas exiliados.

A forza principal de 7000 homes non puido avanzar por fortes tormentas no océano Atlántico, pero a forza menor de 300 soldados españois desembarcou nos Highlands do noroeste de Escocia, reuníndose aos clans escoceses que iniciaron así a revolta en abril de 1719. A reacción do Goberno británico foi rápida, ao enviar un numeroso e ben armado continxente de tropas, e os xacobitas foron vencidos cos seus aliados españois na batalla de Glenshiel o 10 de xuño de 1719, fracasando este novo levantamento.

Levantamento xacobita de 1745[editar | editar a fonte]

Batalla de Culloden de 1746, cadro pintado por David Morier

Chamado en gaélico escocés Bliadhna Theàrlaich. No contexto da guerra de Sucesión austríaca, Lois XV tentou apoiar ao príncipe Carlos Eduardo Estuardo, coñecido afectuosamente entre os seus partidarios como Bonnie Prince Charlie ou "O Mozo Pretendente", nun levantamento armado de gran magnitude co fin de derrocar a monarquía británica dos Hannover e substituíla cos católicos Estuardo. Para iso o Mozo Pretendente logrou reunir unha pequena forza de exiliados ingleses, apoiados por buques franceses e soldados do exército de Lois XV, que desembarcaron en Escocia o 5 de setembro de 1745. Tras iso, Carlos Eduardo Estuardo conseguiu levantar un exército composto principalmente por clans das Highlands co que tomou Edimburgo e derrotou ao Exército Real estacionado en Escocia na batalla de Prestonpans. O Goberno británico empezou a repatriar algunhas das tropas despregadas en Flandres contra o Exército francés para que se ocupasen da rebelión xacobita.

Tras unha longa espera, Carlos persuadiu aos seus xenerais de que os xacobitas ingleses podían organizar unha revolta a nivel nacional, que sería apoiada por unha invasión francesa. Baixo esa suposición, o exército de preto de 5000 homes invadiu Inglaterra o 8 de novembro de 1745, e avanzou a través de Carlisle e Mánchester até Derby, posición desde a que os rebeldes parecían ameazar a propia Londres, o que levou a Xurxo II a facer plans para trasladar o Goberno a Hannover. As forzas xacobitas atopáronse até ese momento cunha resistencia case testemuñal. Con todo, os problemas acumulábanse para o mozo Carlos: houbo moi pouco apoio por parte da poboación civil cara a causa, dous exércitos leais a Xurxo II baixo o mando do xeneral George Wade e de Guillermo Augusto, duque de Cumberland (coñecido polos xacobitas como "o Seboso Alemán") estaban a aproximarse, a invasión francesa atrasábase, estaba a formarse unha milicia protestante en Londres, e chegaron informes (ficticios) dun terceiro exército alzándose sobre eles. O xeneral xacobita lord George Murray e o resto do Consello de Guerra insistiron en regresar a Escocia para levantar un exército maior, e o 6 de decembro de 1745 iniciouse a retirada, co príncipe deixando o mando a Murray.

As forzas xacobitas alcanzaron Glasgow o 25 de decembro, onde se reaprovisionaron e uníronselles algúns miles de homes. Alí enfrontáronse e venceron ás forzas gobernamentais comandadas polo xeneral Henry Hawley preto de Falkirk. O duque de Cumberland chegou a Edimburgo o 30 de xaneiro de 1746 e tomou o mando do exército en fuga, relevando a Hawley, tras o cal marchou cara ao norte seguindo a costa e recibindo subministracións por vía marítima. Reorganizou ás súas forzas en Aberdeen, e pasou alí seis semanas sometendo ás súas tropas a un duro adestramento.

Mentres tanto, as forzas gobernamentais seguían presionando a Carlos, que se retirou cara ao norte, perdendo homes e fracasando na captura do castelo de Stirling e de Fort William en febreiro e marzo de 1746. Carlos volveu tomar o mando do exército, insistindo en adoptar unha actitude defensiva á espera dunha batalla decisiva. Para entón os militares xacobitas decepcionáronse ao achar que o Mozo Pretendente tiña escasos coñecementos bélicos e esixía presentar batalla en campo aberto a pesar da desvantaxe numérica e militar dos xacobitas sobre as tropas de Xurxo II.

Cabe observar que a fácil marcha do Mozo Pretendente no outono de 1745 debeuse a un efecto sorpresa e un avance rápido polas terras baixas de Escocia, en momentos cando a Casa de Hannover empregaba á maior parte das súas tropas na guerra de Sucesión austríaca; tras medio ano de loita as forzas leais a Xurxo II recibiran reforzos, e aumentado en potencia. Ante iso, os conselleiros militares de Carlos Eduardo Estuardo suxerían adoptar unha táctica de guerrillas para expulsar ás tropas gobernamentais de Escocia, o cal foi rexeitado polo Mozo Pretendente, que aínda esperaba un masivo apoio francés e menosprezaba a forza bélica dos seus adversarios.

A última rebelión xacobita ("o corenta e cinco"), conducida por Carlos Eduardo Estuardo terminou cando o levantamento foi derrotado decisivamente na batalla de Culloden o 16 de abril de 1746. Tras este combate, a forza bélica dos xacobitas quedou completamente destruída e o Mozo Pretendente debeu fuxir de Gran Bretaña para sempre.

Legado[editar | editar a fonte]

Estas revoltas tiveron como consecuencia a emigración masiva de pobos escoceses, coñecidos baixo o nome de Highland Clearances cara ás planicies do litoral e cara a América, en particular aos vales dos Apalaches. Ocasionaron o fin do sistema de solidariedade social que existía ao interior dos clans escoceses, cuxos xefes se converteron en grandes terratenentes.

Durante este período, Irlanda viviu a denominada Fuga dos Gansos Salvaxes, onde irlandeses católicos en idade militar saían da illa para prestar servizo en exércitos do resto de Europa, tendo en conta de que polo apoio dado aos xacobitas en 1690 o goberno británico prohibiu aos católicos de todo o reino portar armas ou integrarse na milicia.

Aínda que Carlos Eduardo Estuardo nunca renunciou aos seus dereitos como monarca, a derrota final de 1746 eliminou toda opción seria dunha restauración dos Estuardo no trono británico. O goberno de Francia e a Santa Sé cesaron de apoiar a causa da restauración dos Estuardo pouco despois do fracaso de 1746, rexeitando tamén a extravagante conduta do Mozo Pretendente. A morte do último descendente da liña masculina dos Estuardo, o Cardeal de York Henrique IX, suprimiu a sucesión directa xacobita en 1797.

Na cultura popular[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "A Jacobitism for the 21st Century". Jacobite (en inglés). 2017-06-10. Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2019. Consultado o 2022-03-01. 
  2. "Los Levantamientos Jacobitas en Escocia". Escocia Turismo (en castelán). 2017-04-02. Arquivado dende o orixinal o 01 de marzo de 2022. Consultado o 2022-02-28. 
  3. "GUNMONEY - IRELAND". www.yorkcoins.com. Arquivado dende o orixinal o 01 de marzo de 2022. Consultado o 2022-02-28. 
  4. "A aventura Galaico-Escocesa de 1719". Nós Diario. 21 de xullo de 2019. Consultado o 14 de xuño de 2023. 
  5. "Bonnie Prince Charlie; Escoceses famosos". www.visitscotland.com (en castelán). Consultado o 2022-02-28. 
  6. "Sumo - Crua chan (subtitulado español)". Consultado o 2022-02-28. 
  7. "Asedio de Darry". Hielo y Fuego Wiki (en castelán). Consultado o 2022-02-28. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]