Feira do cocido de Lalín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Feira do Cocido de Lalín e unha festa gastronómica que se celebra cada ano o domingo antes do Entroido no concello de Lalín. A Feira do Cocido xorde no ano 1968 como iniciativa de difusión e comercialización dos produtos típicos da comarca do Deza levada a cabo polos seis concellos dezaos (Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro, Agolada e Dozón).

[editar] Historia

O porco é o protagonista do cocido de Lalín. Na imaxe, unha escultura na vila representando este animal.

A primeira experiencia tivo por lema Unidos polo mesmo afán, a Feira do Cocido como tal xorde da tradición dun grupo de lalinenses que cada ano se xuntaba para comer cocido, de modo que o Concello de Lalín crea esta festa gastronómica poñendo en práctica as ideas xurdidas naqueles encontros.

A primeira Feira do Cocido celebrouse no ano 1969, sendo unha das decanas entre as moitas festas gastronómicas celebradas na xeografía galega. Durante a súa longa traxectoria converteuse nunha data senlleira no calendario festivo e gastronómico galego, achegándose a Lalín miles de persoas durante a súa celebración para probar este prato tradicional, que no concello dezao acada identidade propia.

No ano 1999 a Feira do Cocido foi declarada como Festa de Galicia de Interese Turístico por parte da Xunta de Galicia e vese corroborada ano tras ano pola masiva afluencia de público no día grande da feira, que adoita colapsar Lalín coa chegada de máis de 50.000 persoas.

Dende o concello lalinense lévanse a cabo múltiples iniciativas que teñen como fin a popularización do seu prato mais insigne e a promoción do municipio. Cabe destacar entre estas: a celebración do Mes do Cocido, entrega dos premios Álvaro Cunqueiro de xornalismo gastronómico, concertos, degustacións de cocido en diferentes cidades e países, celebración da mata tradicional etc.

Entre os seus principais atractivos destacan: o desfile de Carrozas, comparsas e charangas; a posta en marcha de concertos e distintas actividades; e por suposto a propia feira, na que se expoñen os mellores produtos das terras de Deza.

[editar] Galería de imaxes

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas