Eduard Punset

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Eduard Punset.

Eduard Punset i Casals, nado en Barcelona en 1936, é un avogado, economista e divulgador científico catalán.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid e cun Máster en Ciencias Económicas pola Universidade de Londres, foi redactor económico da BBC, director económico da edición para América Latina do semanario The Economist e economista do Fondo Monetario Internacional nos Estados Unidos e en Haití. Como especialista en temas de impacto das novas tecnoloxías, foi asesor de COTEC, Profesor Conselleiro de Marketing Internacional na ESADE (Escola Superior de Administración e Dirección de Empresas), presidente do Instituto Tecnolóxico Bull, profesor de Innovación e Tecnoloxía do Instituto de Empresa (Madrid), Presidente de Enher, Subdirector Xeral de Estudios Económicos e Financeiros do Banco Hispanoamericano, e Coordinador do Plan Estratéxico para a Sociedade da Información en Cataluña.

Tivo un destacado papel na apertura de España ó exterior como Ministro de Relacións para as Comunidades Europeas. Participou na implantación do Estado das autonomías como conselleiro de finanzas da Generalitat, e como Presidente da delegación do Parlamento Europeo para Polonia tutelou parte do proceso de transformación económica dos países do leste despois da caída do Muro de Berlín. Trala incorporación de España á Unión Europea, foi elixido eurodeputado en 1987 e en 1989 polo CDS.

É autor de diversos libros sobre análise económica e reflexión social. Actualmente é Profesor de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade na Facultade de Economía do Instituto Químico de Sarrià (Universidade Ramon Llull), director e presentador do programa de divulgación científica Redes en TVE desde 1996 e presidente da produtora audiovisual Smartplanet.

Premios[editar | editar a fonte]

  • Premio de Xornalismo Rei Xaime I - 2007 da Fundación Premios Rey Jaime I.
  • Premio de Xornalismo Dixital “José Manuel Porquet” - 2006 da Asociación da Prensa de Aragón.
  • Placa de Honra - 2001 da Asociación Española de Científicos.

Obras[editar | editar a fonte]

  • El viaje al poder. (En produción).
  • El viaje al amor. 2007.
  • The Happiness Trip (Tradución estadounidense de El viaje a la felicidad). 2007.
  • El alma está en el cerebro. Radiografía de la máquina de pensar. 2006.
  • El viaje a la felicidad: Las nuevas claves científicas. 2005.
  • Cara a cara con la vida, la mente y el universo. 2004.
  • Adaptarse a la marea. La selección natural en los negocios. 2004.
  • Manual para sobrevivir en el siglo XXI. 2000.
  • Information resources & corporate growth (coautor). 1989.
  • La España Impertinente. 1986.
  • España: sociedad cerrada, sociedad abierta. 1982.
  • La salida de la crisis . 1980.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Eduard Punset

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]