Xosé Cuíña
Xosé Cuíña Crespo, nado en Prado, Lalín, o 25 de febreiro de 1950 e falecido o 28 de decembro de 2007, en Santiago de Compostela, foi un empresario e político galego.
Índice |
Traxectoria política [editar]
Fillo dun muiñeiro, logo de estudar algúns anos da carreira de Bioloxía en Santiago de Compostela, accede como independente á alcaldía de Lalín nas primeiras eleccións democráticas.
Posteriormente ingresa no Partido Popular de Galicia co que continúa á fronte da alcaldía dezá, posto que simultanea co de presidente da Deputación de Pontevedra entre 1987 e 1990, e co de deputado no Parlamento de Galicia dende 1983.
Conselleiro de Obras Públicas [editar]
Logo das eleccións que lle outorgaron a maioría absoluta ao Partido Popular de Manuel Fraga, en 1990, Xosé Cuíña convértese no home forte do executivo ao ocupar a carteira de conselleiro de Obras Públicas. Dende este cargo, impulsou unha rede de vías de alta capacidade entre as que se atopan: a autoestrada Coruña-Carballo A55, a autoestrada Vigo-Baiona A57, a autovía Ferrol-As Pontes, o corredor central Lalín-Chantada-Monforte CRG2.1, a vía rápida do Salnés VRG1.1 e a vía rápida da Barbanza VRG4.1. Tratábase con elas de poñer fin ao tradicional déficit galego en comunicacións terrestres. Así mesmo, dispuxo a redacción da Lei 10/1995 de Ordenación do Territorio de Galicia, aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia aínda que de escaso desenvolvemento e execución. Co fin de poñer fin ao caos urbanístico de Galicia e frear a desaparición da arquitectura rural asinou coas sete cidades de Galicia, así como como outros concellos diversos e a FEGAMP o Acordo Marco para a reforma do urbanismo de Galicia de data 27 de xullo de 2001 [1]. Froito dese acordo foi a Lei 9/2002 de 30 de decembro de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia. Esta lei supuxo unha maior protección do litoral coa ampliación da servidume de costas de 100 aos 200 metros dende o dominio público marítimo terrestre. A través do Instituto Galego da Vivenda e Solo e as empresas públicas Xestur creou máis de 6 millóns de metros cadrados de superficie neta industrial e comercial nos 39 parques construídos [2]. Puxo en marcha uns programa de rehabilitación de vivenda rural e a erradicación do chabolismo e da infravivenda con máis de 30.000 actuacións[3]. Espallou pola xeografía do país diversas actuacións en materia de equipamentos urbanos (Conservatorio de Lalín, edificio multiusos de Vilalba, recinto feiral de Pontevedra, Sala de Congresos e exposicións de Baiona, auditorios de Cerceda, Cangas do Morrazo, Vilagarcía de Arousa, Ourense,...). Creou o ente Portos de Galicia a través do que dispuxo a mellora ou construción de peiraos, fondeadoiros, lonxas e instalacións náutico-deportivas.
Secretario Xeral do PPdG [editar]
Simultanea este cargo tamén co de secretario xeral do partido incidindo na liña galeguista aberta por Manuel Fraga consonte o concepto de autoidentificación e a proposta de administración única. Así, na asemblea do PPdG de 24 de abril de 1991, defendeu un nacionalismo ben entendido "ata a fronteira da autodeterminación"[4]. A súa popularidade tiña como expresión os baños de masas da romaría do Monte Faro, concibida como unha xornada festiva e de reafirmación galeguista do PPdG que concentraba na súa Comarca do Deza aos máximos dirixentes do Partido.
Caída [editar]
Pero a partir de 1999 o seu poder comeza a esluírse. Primeiro é substituído neste cargo da organización en 1999 por Xesús Palmou, e logo, en 2003, do posto de conselleiro por Alberto Núñez Feijóo[5]. A súa destitución, producida o 13 de xaneiro de 2003, foi derivada da crise do Prestige, e estivo supostamente motivada pola venda, por parte dunha empresa da súa familia de 8.500 traxes de auga e 3.000 pás aos equipos de limpeza do fuel a empresa Tragsa. Porén, estas acusacións nunca chegaron a probarse xudicialmente. O certo é que na Xunta "houbo serias discrepancias entre un bando encabezado por Cuíña, que avogaba por actuar máis e con autonomía respecto do goberno central e outro que prefería ir a remolque do que decidise Madrid" [6]
Cuíña, que abandeirara posturas galeguistas dentro do Partido Popular, tentou reunir apoios para recuperar a presidencia do Partido Popular á marcha de Fraga. Porén, e malia diversos contactos con Xosé Luís Baltar, non conseguiu xuntar as sinaturas necesarias para competir polo posto. Mantivo a súa acta de deputado no Parlamento pola provincia de Pontevedra ata o seu falecemento.
| Predecesor: Luis González Taboada |
Alcalde de Lalín 1979 - 1990 |
Sucesor: Xosé Crespo |
| Predecesor: Fernando García del Valle |
Presidente da Deputación de Pontevedra 1987 - 1990 |
Sucesor: César Mera |
| Predecesor: Antolín Sánchez Presedo |
Conselleiro de Ordenación do Territorio e Obras Públicas 1990 - 2003 |
Sucesor: Alberte Núñez Feijoo |
Vida persoal [editar]
Faleceu aos 57 anos vítima dun choque séptico como consecuencia dunha pneumonía[7]. O seu cadaleito foi sepultado coa bandeira de Galicia e logo de que se interpretase o himno galego. Polo gaiteiro Plácido Rozas López
Foi nomeado fillo predilecto de Lalín en 2008[8].
Curiosidades [editar]
Xosé Cuíña foi unha figura popular da política galega de finais do século XX. O seu nome figurou no refrán dun tema do vocalista Pinto d'Herbón, titulado Paviméntame.
Notas [editar]
- ↑ Galicia 2003, Xunta de Galicia ISBN 84-453-3459-X pax. 333
- ↑ Galicia 2003, opus cit. pax 340
- ↑ Galicia 1997, Xunta de Galicia ISBN 84-453-1915-9, pax. 275
- ↑ A Gran Historia de Galicia, XIV, Volume 2, Os primeiros pasos da autonomía. Ed. La Voz de Galicia, 2007, pax. 125. ISBN 978-84-96931-32-9
- ↑ mundo.es/elmundo/2007/12/28/obituarios/1198845869.html Artigo en El Mundo sobre o destacado papel de Cuiña na política galega con mención á rebelión dos deputados ourensáns. (en castelán)
- ↑ A Gran Historia de Galicia, opus cit. pax.193
- ↑ Xosé Cuiña deixa orfa a dereita galeguista, Galicia-Hoxe
- ↑ Xosé Cuíña ya es hijo predilecto de Lalín por acuerdo unánime, El Correo Gallego, 25/04/08