Mes do cocido de Lalín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O mes do cocido de Lalín é unha iniciativa do concello de Lalín que ten como principal finalidade potenciar o sector da hostalaría local mediante unha campaña de mercadotecnia específica, que se desenvolve desde hai anos desde o 15 de xaneiro ata o 14 de febreiro, facendo bo o lema "De San Amaro a San Valentín, Mes do cocido en Lalín".

A Concellería de Comercio difunde o nome, a dirección e o teléfono dos case 30 restaurantes lalinenses que colaboran no Mes do Cocido para que calquera persoa ou colectivo que desexe acudir a Lalín a comer cocido entre o 15 de xaneiro e o 14 de febreiro teña cumprida información sobre a totalidade dos establecementos nos que pode facer a súa reserva.

O feito de que nesta iniciativa se implicaran no ano 2011 un total de 29 restaurantes achegaran até 4.000 prazas á capacidade diaria que ofertan todos estes establecementos, ofrecendo ao mesmo tempo un amplo abano de posibilidades en canto a modalidades de preparación do cocido e tamén no referente aos prezos (que podían oscilar entre os 12 e os 45 euros, dependendo de variábeis como a categoría do establecemento, os viños servidos ou as sobremesas).

O obxectivo do Mes do Cocido é que colectivos, grupos de amigos ou familias se acheguen a Lalín a celebrar os seus encontros, compartindo un cocido preparado coas mellores viandas. A Concellería de Comercio pretende que esta convocatoria sirva como revulsivo do sector da hostalaría e da restauración na costa de xaneiro, garantindo a presenza de milleiros de persoas en Lalín para comer e mercar nos comercios locais.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]