Elefante de guerra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os elefantes usábanse para cargar contra o inimigo e sementar o terror nas filas contrarias. A súa grosa pel facía difícil que se os puidese ferir ou matar.

Os elefantes de guerra foron unha arma importante, aínda que non demasiado frecuente, na historia militar da Antigüidade. Eran empregados normalmente para cargar contra o inimigo, para esmagar ós soldados ou romper as súas liñas. Podíanse usar tanto elefantes machos como femias. Os machos son animais meirandes, pero a miúdo pola súa agresividade e o seu nerviosismo (sobre todo en época de apareamento) non era doado manexalos.

Historia[editar | editar a fonte]

As primeiras noticias de doma de elefantes proveñen do val do Indo 4.000 anos atrás. Hai que aclarar a distinción entre doma, adestramento e domesticación. Dómase primeiro ós animais rebeldes, salvaxes ou domésticos, logo adéstranse ensinándolles a realizar tarefas, os domésticos nacen e viven en catividade. A especie máis usada era o elefante índico, de menor tamaño e máis fácil de adestrar que o africano, que non se utilizou máis que en contadas ocasións.

Os primeiros exemplares adestrados, polo tanto, pertencían á especie Elephas maximus, e foron empregados nos labores agrícolas. Porén, sábese que xa existían elefantes de guerra cara ao ano -1100, porque se mencionan en varios himnos sánscritos. Tamén é posible que a dinastía Shang da China adestrase elefantes para a guerra arredor desa época, posto que se sabe que había elefantes adestrados polos humanos na zona do río Amarelo.

Fresco románico da igrexa de San Baudelio de Berlanga (actualmente no Museo do Prado), representando un elefante de guerra.

Dende Oriente, o uso militar dos elefantes pasou ó Imperio persa, onde foron empregados en varias campañas. Posiblemente a batalla de Gaugamela, que enfrontou, o 1 de outubro de -331, ó rei persa Darío III con Alexandre Magno fose o primeiro contacto dun exército europeo cos elefantes de guerra. Os quince animais, situados no centro das liñas persas, causaron entre os soldados macedonios unha impresión tal que Alexandre sentiu a necesidade de facer un sacrificio ó deus grego do medo, Fobos, a noite anterior á batalla. Gaugamela foi o maior dos éxitos de Alexandre, pero os elefantes inimigos impresionárono ata o punto de que, nas súas campañas posteriores, incorporounos ó seu propio exército. Cinco anos despois, na batalla de Hidaspes contra o rei Poros, Alexandre sabía perfectamente como enfrontarse ós elefantes en combate, se ben aínda non contaba con elefantes entre as súas filas. Poros, que gobernaba o Punjab utilizou 200 elefantes na batalla, que puxeron en problemas a Alexandre, aínda que logrou saír vitorioso.

Por entón, o reino de Magadha, situado ó leste da India e Bengala, contaba con 6.000 elefantes de guerra. O monarca Chandragupta Maurya chegaría a ter máis tarde 9.000 elefantes. Este número era moito maior que cos que se enfrontara ata entón, o que afectou a moral dos homes de Alexandre e, en parte, foi a razón de que non seguise coa conquista da rexión.[1]

Grazas ó seu éxito nas batallas, o uso militar dos elefantes estendeuse polo mundo. Os sucesores de Alexandre, os Diádocos, utilizaron centos de elefantes nas súas campañas. Os exipcios e cartaxineses iniciaron o adestramento de elefantes africanos para a guerra, ó igual que os númidas e os kushitas. A especie elixida foi o elefante do norte de África, que acabaría extinguido a causa da súa explotación. O elefante africano de sabana, maior que o de bosque, era moito máis difícil de controlar, e soamente foi usado en contadas ocasións. Os elefantes que empregaron os exipcios na batalla de Rafia en -217 eran menores que os seus contrincantes asiáticos e, porén, déronlles a vitoria fronte a Antíoco III Megas de Siria.

Miniatura medieval armenia que representa ós elefantes do Imperio sasánida na batalla de Avarayr.

Na historia de Sri Lanka aparecen os elefantes como monturas dos reis que dirixían ós seus homes no campo de batalla. O elefante Kandula foi a montura do rei Dutthagamani (-200) e "Maha Pabbata" a montura do rei Elahara no seu histórico encontro na batalla.

Plinio o Vello (-45), un dos grandes historiadores romanos, no libro 6 dos seu 37 volumes de historia di que Megástenes recollera a opinión de Onesícrito de que os elefantes de Sri Lanka eran máis grandes, feros e mellores para o combate que calquera outro. Por iso e pola proximidade dos elefantes ó mar, Sri Lanka comezou a explotar un lucrativo negocio de venda de elefantes. Mesmo en tempos de paz utilizábase o esmagamento por elefante para dar morte a traidores e outros criminais.

En Europa, os elefantes usáronse contra a República romana por Pirro na batalla de Heraclea, en -280, e polo xeneral cartaxinés Aníbal durante a segunda guerra púnica. Os elefantes que Aníbal guiou a través dos Alpes, aterraron ás lexións romanas. Porén, os romanos atoparon un modo de contrarrestar o efecto devastador da carga dos elefantes. Na batalla de Zama (-202), a carga dos elefantes resultou inútil cando os manípulos romanos se fixeron a un lado e os permitiron pasar. Século e medio despois, na Batalla de Tapso (-46), Xulio César armou ós soldados da Lexión V con machadas para ferir as patas dos elefantes. A lexión foi quen de resistir o ataque e o elefante converteuse en adiante no seu símbolo. A Batalla de Tapso foi a derradeira vez que os elefantes tiveron un uso militar en Occidente.

Dicíase que os porcos eran a arma máis efectiva contra os elefantes. Plinio o Vello comenta que "os elefantes se asustan co menor chío dun cocho" (VIII, 1.27). O sitio de Megara foi roto cando os megarenses verteron aceite sobre unha piara de porcos, prendéronlles lume e botáronos contra os elefantes de guerra inimigos. Os elefantes desbocáronse, espantados polos sons dos porcos chameantes.

O Imperio parto utilizou ocasionalmente os elefantes de guerra nas súas batallas contra o Imperio romano, pero a súa importancia foi moito maior en tempos do Imperio sasánida. Os sasánidas empregaron a estas bestas en moitas das súas campañas contra os seus inimigos occidentais, sendo unha das máis memorables a Batalla de Avarayr, na que os elefantes do Imperio causaron o pánico e esmagaron ós rebeldes armenios. Outro exemplo é a Batalla de Kadesia, onde interviron gran número de elefantes.

Na Idade Media, rara vez se usaron elefantes de guerra en Europa. Carlomagno posuía un elefante, Abul-Abbas, regalo do califa abásida Harún al-Raschid, e levouno consigo nas súas campañas en Dinamarca en 804. Tamén Frederico II Hohenstaufen tivo a oportunidade de capturar un elefante en Terra Santa no marco das cruzadas, para logo chegar a utilizalo na toma de Cremona de 1214.

Baixorrelevo camboxano onde se representa un antigo exército que inclúe un elefante de guerra.

En Oriente, en cambio, o uso militar dos elefantes continuou. Grazas ós elefantes dun sultanato indio, case se puxo fin ás conquistas de Tamerlán. En 1398, o exército de Tamerlán enfrontouse en batalla a máis dun centenar de elefantes, e estivo a piques de ser derrotado polo medo que se espallou entre os seus soldados. As crónicas históricas relatan que os turcos venceron grazas a unha enxeñosa estratexia: Tamerlán ordenou que se cargasen camelos con feixes de palla ás que se prendeu lume. O fume asustou os animais, que correron cara ás filas inimigas, onde asustaron á súa vez os elefantes indios; estes abandonaron as súas posicións e cargaron contra o seu propio exército na fuxida. Outra crónica da mesma campaña, escrita por Ahmed ibn Arabshah, relata que Tamerlán cubriu o campo de batalla con puntais de ferro xigantes que impediron a carga dos elefantes. Posteriormente, Tamerlán incorporou estes animais ó seu exército e serviuse deles nas campañas contra os turcos otománs en Anatolia.

Está documentado que o rei Rajasinghe I empregou unha falanxe de 2.200 elefantes durante o asedio da fortaleza portuguesa de Colombo (Sri Lanka) en 1558. O adestramento dos elefantes e os seus mahouts na illa correspondía en exclusiva ó clan Kuruwe.

Porén, coa extensión do uso da pólvora no século XV, as cargas de elefantes de guerra comezaron a volverse obsoletas, xa que podían ser abatidos doadamente cun disparo de canón. Durante a guerra de Secesión de Estados Unidos, o rei de Siam ofreceulle o servizo dos seus animais ó presidente Abraham Lincoln, cousa que este rexeitou.

Durante a primeira guerra mundial os elefantes trasladaban equipamento pesado. Este traballaba nun almacén de munición en Sheffield.

Os elefantes seguiron usándose, aínda que non en batalla, con fins militares ata durante a segunda guerra mundial, naqueles casos nos que os animais podían realizar traballos en lugares que serían moi dificultosos para a maquinaria.

Algunhas batallas nas que se empregaron elefantes[editar | editar a fonte]

Os elefantes de guerra na cultura popular[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]