Rudyard Kipling

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nobel prize medal.svg
Joseph Rudyard Kipling
Joseph Rudyard Kipling
Nacemento: 30 de decembro de 1865
Mumbai, India
Falecemento: 18 de xaneiro de 1936
Londres, Inglaterra

Joseph Rudyard Kipling, nado en Mumbai, daquela Bombai, o 30 de decembro de 1865 e falecido en Londres o 18 de xaneiro de 1936, foi un escritor e poeta británico nacido na India. Autor de relatos, contos infantís, novelista e poeta, é lembrado polos seus relatos e poemas sobre os soldados británicos na India e a defensa do imperialismo occidental así como polos seus contos para rapaces.

Algunhas das súas obras máis populares son a colección de relatos The Jungle Book ("O libro da selva", 1894), a novela de espionaxe Kim (1901), o relato curto "O home que puido reinar" (The Man Who Would Be King, 1888), publicada orixinalmente no volume The Phantom Rickshaw, ou os poemas "Gunga Din" (1892) e "If" (1895). Varias das súas obras leváronse ao cinema.

Masón, foi poeta de renome no seu tempo e foi galardoado co premio nacional de poesía Poet Laureateship en 1895, a Order of Merit e o título de cabaleiro da Orde do Imperio Británico (en tres ocasións), honras que rexeitou. Porén aceptou o Premio Nobel de Literatura de 1907, do que foi o primeiro gañador británico e o máis novo ata a data.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia[editar | editar a fonte]

Outeiro Malabar, vista de Mumbai na década de 1860.

Rudyard Kipling naceu o 30 de decembro de 1865 na cidade india de Bombai, actualmente chamada Mumbai, fillo de Alice Kipling e John Lockwood Kipling. A súa nai levaba unha vida intensa e dinámica; o pai era un oficial do exército británico e ademais un experto escultor e oleiro, que ensinou escultura arquitectónica na recén fundada Escola Jejeebhoy de Arte e Industria, en Mumbai. A parella viaxara á India a comezos de 1865, e coñecéranse dous anos antes no lago Rudyard en Staffordshire, Inglaterra. A casa onde Rudyard naceu aínda está en pé, nos terreos do Instituto de Artes Aplicadas Sir J.J., onde na actualidade vive o decano da institución.

Mapa coas localizacións de Kipling na India.

Con 6 anos o pai enviouno a el e maila irmá Trix ao fogar social Lorne Lodge en Southsea (Portsmouth), para que se educasen alí durante os seguintes 6 anos. Ao non ter os pais preto sentíase só e abandonado, e lembraríao como unha triste infancia no seu autorretrato Algo de min mesmo, publicado logo da súa morte en 1937. Os dous nenos, con todo, tiñan parentes en Inglaterra que podían visitar. Pasaron os meses de Nadal coa súa tía materna e o seu home, o artista Edward Burne-Jones, na súa casa, 'The Grange' en Fulham, Londres, á que Kipling se refería como "un paraíso que en verdade creo que me salvou". Na primavera de 1877, a súa nai volveu da India e tirou os nenos do internado.

En 1878, ingresa ao United Service College, unha escola de Devonshire, creada especialmente coa finalidade de educar os fillos dos oficiais non demasiado ricos. Durante este tempo, Kipling coñeceu a Florencia Garrard, de quen namorou, e que lle inspirou o personaxe Maisie na súa primeira novela A luz que se apaga (1891). Cara ao final da súa estadía na escola, era visto que non tiña nivel académico como para conseguir unha bolsa en Oxford, e os seus pais non contaban con recursos para financialo, así que o seu pai lle conseguiu un emprego en Lahore (Paquistán) onde era o director da Colección Nacional de Arte de Lahore e garda do Museo de Lahore. Kipling foi asistente editor dun pequeno xornal local, A Gaceta Civil e Militar. Dirixiuse cara a India o 2 de setembro de 1882 e chegou a Mumbai o 20 de outubro.

Como xornalista[editar | editar a fonte]

A Gaceta Civil e Militar de Lahore, que Kipling chamaba, "o meu primeiro amante e o amor máis verdadeiro", aparecía seis días á semana durante todo o ano agás en Nadal e Pascua. Kipling traballou moito para o redactor, Stephen Wheeler, pero a súa necesidade de escribir era imparable. En 1886, publicou a súa primeira colección de versos, Cantilenas departamentais. Ese ano tamén houbo un troco de redactor e asumiu o cargo Kay Robinson, quen lle permitiu unha maior liberdade creativa e quen lle pediu que redactase historias curtas para publicalas no xornal.

Primeira edición: Contos chans dende os outeiros, 1888.

Mentres tanto, no verán de 1883, Kipling por primeira vez visita Simla (actual Ximla). Alí pedíronlle a seu pai que pintase un fresco na Igrexa de Cristo. Kipling regresou a Ximla todos os anos desde 1885 a 1888, e a cidade figura en moitas historias escritas por Kipling para a gaceta.

De volta en Lahore, publicou trinta e nove historias na Gaceta entre novembro de 1886 e xuño de 1887. Unha parte importante desas historias foron incluídas en Contos chans dende os outeiros, a primeira colección de prosa de Kipling, que foi publicada en Calcuta en xaneiro de 1888, un mes despois do seu aniversario 22º. En novembro de 1887, transferírano a un xornal irmán da Gaceta, pero máis importante, o Pioneer, en Allahabad, en Uttar Pradex (daquela chamado as Provincias Unidas de Agra e Oudh). No seguinte ano publicou seis coleccións de historias curtas: Tres soldados, A Historia de Gadsbys, En branco e negro, Baixo o cedro do Himalaia, A rickshaw pantasma, e Pequeno Willie Winkie, que contiñan en total 41 historias. Ademais, como correspondente do Pioneer na rexión occidental de Raiputana, escribiu moitos bosquexos que máis tarde foron recollidos en Letters of Marque e publicados en Dun mar a outro.

Portada de Tres soldados.

A principios de 1889, o Pioneer despediu a Kipling por un conflito. Kipling vendeu os dereitos dos seis volumes de historias a 200 £ , e de Contos dos outeiros a 50 £. Con iso e mais co finiquito de seis meses de soldo do xornal, volveu a Londres, o centro do universo literario no Imperio Británico.

O 9 de marzo de 1889, Kipling saíu da India, viaxando primeiro a San Francisco vía Iangon, Singapur, Hong Kong e Xapón. Viaxou aos Estados Unidos para escribir artigos para o Pioneer, que tamén foron engadidos a Dun mar a outro.

Comezou a súa viaxe por América en San Francisco, logo foi ao norte de Portland (Oregón), tamén estivo en Seattle (Washington); Logo viaxou a Canadá, visitando Victoria e Vancouver, volveu aos Estados Unidos e visitou o Parque Nacional de Yellowstone; baixou a Salt Lake City; logo cara ao leste en Omaha e en Chicago; logo quedou un tempo en Indian Village no río Monongahela; e finalmente foi a Elmira, en Nova York, onde coñeceu a Mark Twain, e cruzou o Atlántico aportando en Liverpool en outubro de 1889.

Carreira como escritor[editar | editar a fonte]

Localizacións de Kipling en América.

En Londres Kipling tiña un número de historias aceptadas por varios editores de revistas. Atopou tamén un lugar para vivir nos dous anos seguintes. Neste tempo publicou a novela A luz que se apaga e tamén coñeceu a Wolcott Balestier, un escritor e editor estadounidense, con quen colaborou na novela Naulahka (o título está mal escrito, pois debería ser Naulakha, a transcrición dunha expresión hindi que significa "novecentas mil rupias"). En 1891 Kipling emprendeu outra viaxe por mar a Sudáfrica, Australia, Nova Zelandia e a India. Adiou os seus proxectos para poder pasar o Nadal coa familia na India, pero cando soubo da morte súpeta de Balestier pola febre tifoidea, inmediatamente decidiu volver a Londres. Mentres tanto, a finais de 1891, foi publicada a súa colección de historias curtas dos británicos na India, O hándicap da vida.

O 18 de xaneiro de 1892, con 26 anos, Kipling casa coa irmá do seu amigo, Carrie Balestier, en Londres. A parella organizou a lúa de mel nos Estados Unidos (incluíndo unha visita á familia Balestier, preto de Brattleboro, Vermont) e no Xapón, Con todo, cando a parella chegou a Iocohama descubriron que o seu banco The New Oriental Banking Corporation, crebara. Voltaron aos Estados Unidos, e de regreso en Vermont alugaron unha pequena casiña de campo preto de Brattleboro, onde terían a súa primeira filla, Josephine, o 29 de decembro de 1892. Tamén nesta casiña rematou Kipling a súa obra máis coñecida O libro da selva.

Coa chegada de Josephine, a cabana quedoulles pequena, e a parella mercou catro hectáreas nunha aba rochosa sobre o río Connecticut, onde fixeron casa de seu. Kipling chamoulle Naulakha en honra a Wolcott, desta vez co nome escrito correctamente. Durante este illamento en Vermont, publicou ademais do Libro da Selva, a colección de historias curtas Os días de traballo, a novela Capitáns afoutos (1897), os libros de poesía Sete mares e as Baladas de barracón, ademais de Mandalai e Gunga Din. Tamén comezou a sentir a resposta do público, e recibía moitas cartas de lectores, fundamentalmente nenos.

En febreiro de 1896 nace a segunda filla da parella, Elsie. Nese mesmo ano comezou o preito co seu cuñado Beatty Balestier, a quen lle compraran a leira, que os acusaba de irregularidades na adquisición. Os xulgados danlle a razón a Kipling, pero en maio o seu cuñado, peneque, o intenta agredir na rúa. Deteñen o cuñado, pero Kipling decide recoller todas as súas pertenzas e marchar dos Estados Unidos. Volta a Inglaterra en setembro, á cidade de Torquay na costa de Devon. Neste tempo Kipling xa tiña certa sona, e é cando publica os dous poemarios Recesivo en 1897, e A carga do home branco (1899) de carácter claramente imperialista. Tamén escribiu neste tempo Stalky e compañía, unha colección de historias onde relata as súas experiencias colexiais.

Ao ano seguinte trasládanse a Rottingdean, Sussex, onde lles nace o primeiro fillo home, John. A comezos de 1898 viaxaron a Sudáfrica para as súas vacacións do inverno. Grazas á súa sona como poeta do imperio foi recibido por algúns dos políticos máis importantes da Colonia do Cabo, incluídos Cecil Rhodes, sir Alfred Milner, e Leander Starr Jameson. Á volta en Inglaterra, Kipling escribiu poemas en apoio da causa británica na guerra dos Bóer e na súa visita a Sudáfrica a principios de 1900, colaborou coa publicación de poemas no xornal militar The Friend, para as tropas británicas de Bloemfontein. Nunha visita aos Estados Unidos en 1899, Kipling e Josephine contraeron a pulmonía, que lle causou a morte á filla.

Kipling comezou a recoller o material para outra obra clásica para nenos, Kim, en 1901, e Algúns contiños para rapaces novos, publicada en 1902. Contra 1906 Kipling inicia un novo tipo de historias, inspiradas nas fragas inglesas que o arrodeaban. Nace así Puck do outeiro Pook.

O cumio da súa carreira[editar | editar a fonte]

Durante a súa vida, Kipling xa rexeitara tres importantes galardóns: ser cabaleiro da Orde do Imperio Británico, a Orde do Mérito, e o Poet Laureateship, que é o premio nacional de poesía británico. Pero en 1907 aceptou o premio Nobel de Literatura, que lle outorgaba a Academia Sueca "en consideración ao poder de observación, a orixinalidade da imaxinación, a virilidade das ideas e o talento notable para a narración que caracteriza as creacións deste famoso autor". Kipling foi o primeiro británico en recibir o Nobel de Literatura, o 10 de decembro de 1907, malia que algúns británicos fixeran campaña por escritores máis liberais, como Thomas Hardy, George Meredith, ou Algernon Swinburne.

En 1909 escribe Accións e reaccións, en 1910 escribe en Recompensas e fada que inclúe o seu poema máis famoso, If (Se), probablemente inspirado nos políticos sudafricanos Rhodes e Jameson. En colaboración coa súa filla Elsie compuxo unha obra de teatro chamada A sentinela do porto que foi estreada en Londres pero que colleitou poucas postas en escena. Nos inicios da primeira década do século XX, Kipling alerta o seu rei, Xurxo V de que se achegaba unha gran guerra. Todos o toman como unha mostra de reaccionarismo patriótico, pero anos despois estoura a Primeira Guerra Mundial, onde falece, na primeira batalla en que participa (Loos) o seu fillo John, con 18 anos. Con rabia publica artigos de guerra, recollidos en dous pequenos textos baixo os títulos de A nova armada en adestramento e Francia en guerra, textos que foron censurados polo contido irónico en contra dos estrategas da Triple Entente.

No ano 1917 únese á War Graves Commission, un grupo de persoas que se encargaba de tramitar a chegada de cadáveres dos combatentes, de enterralos con todas as honras e de coidar das tumbas. Neste labor coñece persoalmente o rei Xurxo V. Publica Unha diversidade de criaturas, unha colección de historias escritas antes do inicio da guerra e dúas historias do ano 1915, unha delas, Mary Postgate, considerado tamén como un dos mellores contos de Kipling.

Entre 1919 e 1930 segue publicando historias e contos, a maioría con temas da primeira guerra mundial, coma o chamado The Servant a Dog, unha serie de historias que retrataba a vida dunha familia do rural inglés vista desde o punto de vista dos cans. A súa última publicación, Límites e renovacións, é unha especie de documento incriminatorio contra algúns escritores.

Nos últimos años da vida, o matrimonio segue a viaxar logo de que a súa filla Elsie casara con George Bambridge, capitán do exército irlandés. O 18 de xaneiro de 1936, como consecuencia dunha hemorraxia interna, falece, e é soterrado na abadía de Westminster.

Obra[editar | editar a fonte]

Estas son algunhas das principais obras de Kipling, que produciu ademais numerosos contos, poemas e artigos dispersos. Ningunha das súas obras está publicada en galego (existe esta tradución en PDF d'O libro da selva na biblioteca virtual da ATG).

Obra Título orixinal Publicado en Comentario
Cantilenas departamentais Departmental Ditties 1886 Poema satírico
Contos chans dende os outeiros Plain Tales from the Hills 1888 Conto
Tres soldados Soldiers Three 1888
A historia dos Gadsbys The Story of the Gadsbys 1888
En branco e negro In Black and White 1888
Baixo os cedros do Himalaia Under the Deodars 1888
O rickshaw fantasmal The Phantom Rickshaw 1888 Inclúe o conto O home que puido reinar
O pequeno Willie Winkie Wee Willie Winkie 1888
Naulahka The Naulahka 1891 Novela en colaboración con Wolcott Balestier
O hándicap da vida Life's Handicap 1891
A luz que se apagou The Light that Failed 1891 Novela
Mandalai Mandalay 1892 Poema
Gunga Din Gunga Din 1892 Poema
Algunhas ocorrencias Many Inventions 1893
O libro da selva The Jungle Book 1894
O segundo libro da selva The Second Jungle Book 1895
Capitáns afoutos Captains Courageous 1896
O traballo diario The Day's Work 1898
A flota futura A Fleet in Being 1898
A carga do home branco The White Man's Burden 1899 Poema
Stalky e compañía Stalky & Co. 1899 Conto
Dun mar a outro From Sea to Sea 1899 Artigos de viaxes
Kim Kim 1901 Novela de espionaxe
Alguns contiños para rapaces novos Just So Stories for Little Children 1902
Tránsitos e descubrimentos Traffics and Discoveries 1904
Puck do outeiro Pook Puck of Pook's Hill 1906
Canción da patrulla The Boy Scouts' Patrol Song 1908 Himno dos scouts
Accións e reaccións Actions and Reactions 1909
Recompensas e fadas Rewards and Fairies 1910
Cancións dos libros Songs from Books 1912
Guerra no mar Sea Warfare 1916
Criaturas diversas A Diversity of Creatures 1917
Historias de terra e mar para scouts e guías Land and Sea Tales for Scouts and Guides 1923
A Garda irlandesa na Gran Guerra The Irish Guards in the Great War 1923
Débedas e créditos Debits and Credits 1926
O libro das palabras A Book of Words 1928
Seu criado o can Thy Servant a Dog 1930
Límites e renovacións Limits and Renewals 1932
Algo de min mesmo Something of Myself 1937 Autobiografía póstuma

Kipling e o cine[editar | editar a fonte]

- O filme The Jungle Book 2 é a continuación de The Jungle Book de 1967, pero non está baseado na obra de Kipling.

Topónimos outorgados en honra a Rudyard Kipling[editar | editar a fonte]

Hai tres cidades nos Estados Unidos e unha en Canadá que se chaman en honra de Kipling.

  • Rudyard e Kipling son dúas pequenas cidades na ribeira norte do lago Michigan, as dúas no estado de Michigan, ás que lles deu nome o director da compañía de camiños de ferro que estaba a trazar a liña por esa costa, grande admirador de Kipling.
  • Rudyard, en Montana.
  • Kipling, en Saskatchewan (Canadá), que antes se chamara Rudyard. Á entrada da viliña, duns mil habitantes, hai unha escultura cun pergameo onde aparece escrito o nome de Kipling. Ademais, a súa residencia de anciáns chámase Rudyard Manor.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Rudyard Kipling


Predecesor:
Giosuè Carducci
Premio Nobel de Literatura
1907
Sucesor:
Rudolf Christoph Eucken