Lingua sánscrita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Sánscrito")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Sánscrito
'संस्कृतम् saṃskṛtam'
Falado en: Sur de Asia
Rexións: India e outras áreas da Asia Meridional, partes do Sueste da Asia
Total de falantes: 6.106 nativos (1981); 194.433 de segunda lingua (1961)
Familia: Indoeuropea
 Indoaria
  Sánscrito
Estatuto oficial
Lingua oficial de: India (unha das linguas oficiais)
Códigos de lingua
ISO 639-1: sa
ISO 639-2: san
ISO 639-3: san
Sanskritam.PNG

O sánscrito (ou sánskrito; nome local: saṃskr̥tam / संस्कृतम) é unha lingua indoeuropea, da familia indoirania, outrora falada no subcontinente indio. En especial, é a lingua dos textos relixiosos hindús e, neste senso, segue a ser utilizada, ao xeito do latín nos séculos pasados en Occidente, como lingua de culto, cultural e vehicular (un censo de 1981 indica que habería aínda cerca de 6100 falantes; en 1961 aproximadamente 194400 persoas dicían que o empregaban como lingua secundaria). É ademais unha das vinte e dúas linguas oficias da India. O sánscrito é unha lingua altamente flexiva e moi arcaizante, cuxo estudo é fundamental no marco da lingüística comparada.

Historia[editar | editar a fonte]

O termo sánscrito designa máis un conxunto de linguas saídas dunha lingua nai estendida no tempo e no espazo ca unha lingua única. O seu nome, saṃskr̥tam, que significa "rematado" (ver máis abaixo), é bastante recente; a lingua durante séculos foi chamada simplemente vāc ou śabda, « a palabra, a lingua », pois o sánscrito era sentido como a única lingua posíbel; algunhas designacións metafóricas, como gīrvāṇabhāṣā, «lingua dos deuses », remarcan ben o seu carácter relixioso.

O primeiro senso de sánscrito é o de "indoario antigo", lingua nai que está na orixe de multitude de dialectos, e lingua irmá do iranio antigo (ou avéstico) co que está moi relacionado. Dacordo con documentos atopados no país dos hititas e redactados nesta outra lingua indoeuropea, que incluían algúns nomes indoiranios, é posíbel determinar que unha forma do indoiranio era falada no século XIV a.C.. A forma máis antiga de sánscrito testemuñada de maneira máis tanxíbel é chamado védico: é a lingua na que están redactados os Vedas, entre os cales está o R̥g Veda ou « Veda dos himnos (r̥g-) », o máis antigo conxunto de textos do hinduísmo. Porén é moi difícil datar o R̥g Veda en si, e, xa que logo, o comezo da historia real da lingua védica: os textos sagrados, en efecto, eran ante todo recitados e aprendidos de memoria (aínda o son agora) e a súa fixación por escrito é relativamente recente. Ademais, a súa composición prolóngase varios séculos. Algúns supoñen que os textos máis antigos remontan a mediados do século II. Esta lingua arcaica e pouco normativizada é unha das máis próximas ao indoeuropeo e móstrase preciosa para a lingüística comparada. A título indicativo, pódese indicar as principais diferenzas entre o sánscrito védico e o sánscrito clásico (ver máis abaixo esta noción de clásico):

  • numerosas formas paralelas e irregularidades, que o sánscrito clásico ha nivelar;
  • flexión nominal e pronominal máis desenvolvida;
  • máis formas de participios e xerundios;
  • utilización frecuente dun subxuntivo do que carece o sánscrito clásico;
  • doce formas de infinitivo, contra unha do clásico;
  • presenza dun acento de altura;
  • regras de sandhi (ver máis abaixo) menos obrigatorias, etc.

Unha forma tardía do védico, que xa evolucionou (nótase a desaparición do subxuntivo, por exemplo), conforma o sánscrito preclásico, usado nos arredores do século V ou IV a.C. É este sánscrito o que Pāṇini, sen dúbida o primeiro gramático da antigüidade (aínda que a súa visión estruturalista só pode ser o froito dunha herdanza máis antiga), describe fonolóxica e gramaticalmente nunha obra dunha precisión e dun rigor formal sen igual ata o desenvolvemento da lingüística moderna, ben máis tarde. Este dedícase a describir no seu tratado, o Aṣṭādhyāyī, a lingua que el fala e subliña as fórmulas que considera propias dos himnos védicos, sen dicir realmente que son arcaicas. A lingua comeza a se normalizar.

No século III d.C., os primeiros prácritos (ou prākr̥ta, «[ingua] ordinaria ») aparecen testemuñados, en especial grazas ás inscricións de Ashoka. Estas linguas así designadas correspóndense a dialectos menos "nobres" que o sánscrito, é dicir, linguas vulgares e vernáculas de uso cotián que, rapidamente, se separan unha das outras e dan orixe á multitude de linguas indoarias presentes no subcontinente indio. Todas saídas do antigo indoario, elas coñecen cada unha unha evolución e un destino diferentes. É de tales prácritos de onde proveñen, entre outras, as linguas modernas como o hindī, o pañjābī, ou mesmo o bangālī. Estas linguas son «vulgares» do mesmo xeito que o latín vulgar, é dicir « faladas polo pobo »; o seu estatuto de idiomas vernáculos vivos, de linguas consideradas inferiores polo tanto, explica por qué hai que esperar cando menos ao século XIX para que a literatura en linguas modernas suplante finalmente á escrita en sánscrito.

Ademais das inscricións de Ashoka, numerosas citas en prácritos están tamén testemuñadas en textos sánscritos, especialmente no teatro, onde as personaxes de rango inferior se expresan xeralmente en lingua vernácula. Estes testemuños, porén, son esencialmente literarios, e non poden ser tomados como totalmente reais. Pódese establecer unha analoxía co «patois» usado en certas obras de Molière, como Dom Juan, que serven para representar unha fala popular; o que aí aparece non pode ser tomado como unha atestación real das linguas vernáculas francesas da súa época, pero son susceptíbeis, mutatis mutandis, de nos aprender algo acerca destas linguas. A literatura prácrita está porén representada de maneira independente, pero a miúdo enmascarada polo sánscrito clásico. Un dos prácritos, o pāḷi, coñece un destino diferente: volto el tamén lingua sagrada, a do budismo teravada, non evoluciona case nada e emprégase tal cal na liturxia e nas exéxeses ata os nosos días. Finalmente, o canon jain, redactado nun prácrito chamado ardhamāgadhī, ofrece numerosos testemuños, aínda que outra volta literarios, dunha das linguas vulgares realmente faladas na Antigüidade india.

É nos comentarios que Patañjali fai da gramática de Pāṇini (na súa obra chamada Mahābhāṣya), no século II a.C., onde aparecen as primeiras críticas: o comentarista proba que o sánscrito é aínda unha lingua viva, pero salpicada de formas dialectais; é recoñecida, pois, a existencia dos prácritos e rexeitada a utilización de formas vulgares; a noción de norma gramatical aparece máis fortemente, e é a partir deste momento que o sánscrito vai ser fixado para devir o sánscrito clásico, por fin designado nos textos por medio do vocábulo saṃskr̥ta (o cal non é porén empregado por Patañjali), propiamente « rematado », « perfectamente preparado » (dise tamén da comida). A lingua, tras a era cristiana, deixa de ser falada de forma natural: está perfectamente descrita pola gramática e xa non evoluciona máis. É unha lingua cultural e relixiosa, sen vínculo directo coas linguas vivas, usada a miúdo como lingua franca e como lingua literaria (mesmo polos pobos que non falaban unha lingua saída do antigo indio, como os falantes de linguas dravídicas, ata que as linguas neoindias xurdidas dos prácritos, ao redor do século XIV d.C., comezan realmente a se impoñer na escrita para, no século XIX d.C., suplantar ao sánscrito na produción literaria. É notábel que o tamiḻ, lingua dravídica sen relación de filiación co sánscrito, fóra dunha cultura tamén moi antiga, estivo en competencia co sánscrito moito antes, desde os primeiros séculos da nosa era.

A historia do sánscrito pódese resumir así:

  1. o antigo indio, ancestro de todas as linguas indoarias, está representado sobre todo polo védico, logo sánscrito clásico que, ao se fixar, abandona o seu estatuto de lingua viva para volverse un idioma literario e inmutábel;
  2. seguindo a evolución, o antigo indio dá orixe a unha multitude de linguas - o indio medio - denominadas prácritos, entre eles o pāḷi, que deixa de evolucionar;
  3. finalmente, o indio medio evoluciona ao neo-indio, é dicir, ás linguas vivas modernas, como o hindī ou o bangālī.

De tal sorte que todas as linguas neo-indias derivan do sánscrito.

As escrituras do sánscrito[editar | editar a fonte]

Tendo unha tradición oral como a que ten, o hinduísmo non precisou fixar os seus textos. Só tardiamente se xeraliza o emprego do brāhmī nun primeiro momento (alfasilabario usado para os editos de Ashoka) e despois da multitude de escrituras que del derivan, primeiro para os textos profanos, logo para os sagrados. Cada rexión da India utiliza a escritura que lle serve para notar a súa propia lingua para escribir textos sánscritos; de tal sorte, o sánscrito non ten escritura propia e, sobre todo, pode ser notado por diferentes alfasilabarios, que deben, polo tanto, ser capaces de representaren certos fonemas que normalmente non empregarían. Pódese dar un exemplo desta flexibilidade de uso das escrituras indias cunha mesma frase sánscrita notada en varias grafías:

Phrase sanskrit.png

Que Śiva abenzoe aos amantes da lingua dos deuses.
(Kālidāsa)



Son os colonos ingleses os que, durante o seu dominio, impuxeron unha destas escrituras, a devanāgarī, que tamén xurdiu da brāhmī. Hoxe en día o sánscrito é escrito maioritariamente en devanāgarī tanto na India como nas edicións occidentais.

Ademais, ao se transmitiren polo budismo, termos sánscritos foron adaptados ao chinés e logo ao xaponés, cuxas escrituras logográficas reclaman a creación de caracteres fonéticos destinados a este uso ou a utulización de caracteres independentemente do seu sentido; así, o termo sánscrito bodhisattva é notado 菩提薩埵, que se lía probabelmentebu-dej-sat-thwa en chinés medio (hoxe pútísàduǒ, abreviado en 菩薩 púsà). Destes caracteres so 提 , « tirar », e 埵 duǒ, « terra compacta », teñen significado, que é deixado de lado no composto en beneficio do son, mentres que 菩 e 薩 nunca aparecen fóra desta transcrición e non teñen ningún significado á parte.

Finalmente, o X Congreso dos Orientalistas fixa, en 1894 en Xenebra, unha transcrición latina que, hoxe, é a única utilizada nas obras didácticas occidentais. É esta mesma transcrición a que, lixeiramente aumentada, permite tamén transcribir todas as outras linguas indias, sexan ou non indoarias,, por medio dos mesmos símbolos. Esta transcrición descríbese en detalle en trascrición das linguas indias.

Características principais[editar | editar a fonte]

Fonoloxía[editar | editar a fonte]

Ver Sánscrito (fonoloxía)

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Ver Sánscrito (morfoloxía)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Wikipedia
Existe unha versión da Wikipedia en Lingua sánscrita.