Eduardo Alonso
Eduardo Alonso Rodríguez, nado en Vigo o 28 de maio de 1948, é un director teatral galego.
[editar] Traxectoria
É enxeñeiro técnico naval pola Escola de Enxeñeiros Técnicos de Ferrol, licenciado en Ciencias da Imaxe e licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid. Cursou estudos de Arquitectura na Escola Superior de Sevilla e de Arte Dramática na Escola Superior de Córdoba.
Comezou a súa actividade teatral en 1965, sendo cofundador das compañías teatrais: "Teatro Zoo" de Madrid (1970-1977), "Teatro Andrómena" de Santiago de Compostela (1979), "Teatro do Estaribel, Cooperativa Teatral Galega" (1980-1981), da produtora de cine, vídeo e teatro "Produccións do Noroeste" (1986-1991), e da compañía de teatro "Teatro do Noroeste" (1991). En 1984 elaborou, a instancias da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, un proxecto de Centro Dramático para Galicia, sendo posteriormente encargado de levalo á práctica, creándose así o Centro Dramático Galego do que foi primeiro director. En 1985 foi nomeado polo Ministro de Cultura, membro do Consello Nacional de Teatro. En 1987 elabora, encargado pola Consellería de Cultura e Benestar Social, un proxecto de "Instituto Galego das Artes do Espectáculo", organismo para a potenciación en Galicia do cine, o teatro, a danza e as artes audiovisuais. Ten publicados varios traballos teóricos relacionados coas representación teatrais.
En 2010 recibiu o Premio Cultura Galega das Artes Escénicas.