As vodas de Fígaro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
As vodas de Fígaro
Mariage-figaro-PAGE-De-TITRE-ed-originale-1785.jpg
Capa da primeira edición
Título orixinal La Folle Journée ou
Mariage de Figaro
Autor Pierre-Augustin de Beaumarchais
País Francia
Lingua Lingua francesa
Galego
Xénero(s) Teatro
Editorial Francia
Galicia Edicións Xerais
Data de pub. Francia 1778 (estreada no théâtre de l'Odéon o 27 de abril de 1884)
Galicia 1994 (estreada no Teatro Principal de Santiago de Compostela o 8 de febreiro de 1994)
Formato Tapa branda
Páxinas Galicia 112
ISBN Galicia ISBN 9788445314173
Precedido por Le Barbier de Séville
Seguido por La Mère coupable
Tradución Eduardo Alonso e Cándido Pazó

As vodas de Fígaro é unha comedia de Pierre-Augustin de Beaumarchais escrita en 1778 en lingua francesa co título de La Folle Journée, ou Le Mariage de Figaro. A primeira representación, logo de varios anos de censura, foi o 27 de abril de 1784 no Théâtre de l'Odéon.

Na obra aparecen os personaxes principais de Le Barbier de Séville ou la Précaution inutile (1775): o barbeiro, Fígaro, o Conde Almaviva e Rosina a Condesa. Bartolo, outro personaxe esencial de Le Barbier, xoga nesta obra un rol máis secundario. Unha terceira obra pechou a triloxía en 1792: L'Autre Tartuffe ou la Mère coupable. Dous anos despois da primeira representación a obra foi adaptada como ópera buffa por Mozart e Lorenzo da Ponte baixo o título de Le nozze di Figaro.

Obra destacada do teatro francés e internacional, está considerada como un dos símbolos que precederon a Revolución francesa pola súa denuncia dos privilexios arcaicos da nobreza. Un dos momentos fortes da peza é o monólogo de Figaro (acto V, escena 3), o máis longo da historia do teatro francés, unha pasaxe que resume as queixas acumuladas contra a nobreza, encarnada polo conde Almaviva:

Porque vós sodes un gran Señor, vós credes ser un gran xenio!... Nobreza, fortuna, un rango, lugares: todo iso fai tan orgulloso! Que fixo para tantos bens? Vós tomáchedes a molestia de nacer, e nada máis...

Trama[editar | editar a fonte]

Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama e/ou do argumento.

Acto I[editar | editar a fonte]

O personaxe de Fígaro.

Escena 1

É a mañá do día da voda entre Susana e Fígaro, que serven no pazo do Conde. Mentres fan proxectos para axeitar a súa futura habitación, Susana revélalle que o Conde anda detrás dela, nun modo de reclamar o dereito de pernada que xa fora abolido. Fígaro comprende así por que o Conde quere darlle un traballo lonxe do pazo, e cavila sobre como amolar ao Conde e levar adiante a voda esa mesma noite.

Marcelina, que bebe as augas por Fígaro, pídelle axuda a Bartolo para amolar a voda, intentando divulgar a chantaxe do Conde sobre Susana pensando que así esta non poderá rexeitar ceder á presión do Conde e que deste modo se anulará a voda. Susana chega á habitación e mófase da idade de Marcelina.

Querubín anuncia a Susana que o Conde o despediu e que está tolamente namorado da Condesa, mais que agora non a poderá ver, polo que lle pide como recordo unha fita coa que a Condesa recolle o cabelo. Nese momento chega o Conde á habitación, e Susana esconde a Querubín. O Conde insiste en ligar con ela, pero nese momento chega Basilio e debe esconderse tamén. Basilio, pensando que está só con Susana, di que o paxe Querubín anda detrás da Condesa. O Conde indígnase, e ao explicar por que estaba escondido descobre ao Querubín na cama de Susana, polo que o bota de malas maneiras. Entran en escena Fígaro e a Condesa, e esta convence ao Conde para que non bote ao Querubín; o Conde accede a non despedilo, pero dispón que marche de inmediato cun exército seu a Cataluña.

Acto II[editar | editar a fonte]

Na habitación da Condesa, Susana informa á súa ama do interese de Querubín por ela. Chega Fígaro e expón un plan para enganar ao Conde: mandoulle unha nota anónima dicíndolle que a Condesa terá unha cita cun galán esa noite, e pídelle a Susana que á súa vez lle propoña unha cita ao Conde.

Figaro vai entón buscar ao paxe, quen, vestido de oficial e coa cédula na man (non selada, remarca a Condesa), queda coas dúas mulleres. Cántalle un romance de despedida á Condesa, nunha escena inspirada nun cadro de Louis Michel van Loo. Ela, emocionada como el, e aínda máis ao descubrir no brazo do paxe a fita roubada, manchada de sangue por unha ferida. Ela vólvella coller, finxindo indiferenza; ao mesmo tempo, o Conde peta na porta pechada con chave. Querubín corre a pecharse no cuarto de baño, pero tira unha cadeira. A Condesa, asustada, finxe que se trata de Susana, e o marido celoso ordena a esta, evidentemente sen éxito, que se mostre; despois el marcha furioso coa Condesa para atopar algo con que forzar a pechadura, logo de pechar previamente con dúas voltas a habitación onde Susana puido agocharse.

Ela abre entón a Querubín, quen salta pola fiestra, e ela ocupa o sitio del. Regresan o Conde e a Condesa, quen remata por confesar todo e por dar ao Conde a chave do cuarto de baño. Estupor: «É Susana!». O Conde, avergoñado, implora o perdón da súa esposa, quen, recuperándose pouco a pouco, finxe querer castigar os seus celos. O Conde carga o seu mal humor sobre Fígaro.

Daquela chega o xardineiro Antón cun xerro de alelís esmagados na man e a cédula de Querubín, que este perdera no salto. Pero Fígaro salva a situación por pouco: di que foi el quen saltou pola fiestra, e gardou a cédula para poñerlle o selo... De mal xenio, o Conde verifícao e debe dobregar. Unha vez máis, unha multitude invadiu a escena, con Marcelina que vén reclamar os seus dereitos sobre Fígaro. Basilio, intimidado polo Conde, é enviado á aldea para buscar os axentes da xustiza. Ao quedar solas, a Condesa e Susana recapacitan: imposible, a partir de agora, enviar a Querubín á cita. É entón a Condesa, quen, baixo a aparencia de Susana, irá ela mesma, mais non dirán nada a Fígaro.

Acto III[editar | editar a fonte]

A «sala do Trono», que sirve de sala de audiencias ao gran correxedor. Consternación do Conde, que se sinte burlado por todos lados. Convocou a Fígaro para tratar, polo menos, de saber se está ao tanto da súa maquinación con Susana. Hai un diálogo agridoce entre os dous homes e entre os seus gardas. Fígaro búrlase do Conde (monólogo de rabia, que versa sobre a política) quen cre, non obstante, que descubriu as súas intencións: «Vexo que está todo dito; vai casar coa rapaza». Pero Susana cambia a situación prometendo ao Conde a cita tan esperada, a cambio do cal desestimará a Marcelina.

Pero unha palabra de máis de Susana a Fígaro revela ao Conde toda a manobra, e decide vingarse. Esperando, Marcelina e Fígaro tratan de explicar o seu caso a Picapolos, o xuíz asesor de Almaviva, un home tatexo e serio. O proceso comeza. Bartolo, nomeado avogado de Marcelina, e Fígaro discuten longamente sobre os termos (e/ou, ou/onde...) da promesa de matrimonio; o Conde zanxa finalmente, ordeando a Fígaro pagar a Marcelina ou a desposala. Na desesperación, Fígaro, fillo de pais descoñecidos, proclámase xentilhome co obxectivo de librarse do veredicto. Isto resulta ser un golpe de efecto, pois os seus «pais nobres» resultan ser en realidade Marcelina e Bartolo, quen rexeita obstinadamente casar coa nai do seu fillo. Marcelina profire entón unha violenta denuncia da crueldade masculina e cae nos brazos de Fígaro. Susana, que chega co diñeiro doado pola Condesa, cre ser traizoada, pero o malentendido aclárase, o Conde enfurécese e Bartolo dobrega.

Acto IV[editar | editar a fonte]

Unha galería do castelo. Diálogo con brincadeiras filosóficas e amorosas entre os dous prometidos. A Condesa relanza o xogo ditando a Susana, ás costas de Fígaro, unha tarxeta dándolle unha cita ao Conde. Unha imprudencia do Querubín, que chega disfrazado de muller entre unha tropa de aldeáns, e rapidamente recoñecido, volve á confusión do señor do cal as vistas sobre Fanchette son reveladas a todos. A cerimonia decidida no acto por fin se celebra, pero Fígaro divisa ao Conde coa tarxeta entre as mans; unha indiscreción de Fanchette indícalle a hora e o lugar da cita. Marcelina trata de tranquilizar o seu fillo ebrio de celos, que querería agora romper todo.

Acto V[editar | editar a fonte]

Axudado polo pouco escrupuloso Basilio, o Conde faille a Susana propostas cada vez máis explícitas. O Conde debe entón facer fronte a unha coalición (a condesa, Fígaro e Susana) que remata triunfando sobre el. Ridiculizado no momento dunha cita galante que era de feito unha trampa, axeónllase diante da súa esposa e pídelle perdón diante de todo o pobo reunido, mentres que Fígaro casa finalmente con Susana.

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • O Conde Almaviva, correxedor de Andalucía. Home libertino e celoso.
  • Rosina, a Condesa, esposa do Conde, virtuosa e non correspondida no amor polo seu home.
  • Fígaro, axuda de cámara do Conde e porteiro do pazo.
  • Susana, camareira da Condesa e prometida de Fígaro.
  • Querubín, paxe do Conde, mociño galopín pero moi tímido coa Condesa.
  • Perico, monteiro do Conde
  • Bartolo, doutor de Sevilla, pai de Fígaro.
  • Antón, xardineiro do pazo, tío de Susana e pai de Fanchette.
  • Basilio, mestre de música da Condesa.
  • Marcelina, vella gobernante da Condesa.
  • Xuíz Picapolos, home tatexo e serio.

Adaptacións[editar | editar a fonte]

En 1786 foi adaptado ao formato de ópera buffa por Wolfgang Amadeus Mozart con libreto en italiano de Lorenzo da Ponte, co título de Le nozze di Figaro.

A tradución ao galego de Eduardo Alonso e Cándido Pazó foi foi levada a escena por Teatro do Noroeste en concerto co IGAEM, con dirección do propio Eduardo Alonso e representada por Xavier Estévez (Fígaro), Inma António (Susana), Xosé Vilarelle (doutor; Antón), Luma Gómez (Marcelina; Perico), Raúl Varo (Querubín), Ernesto Chao (conde), Diego Varela (Basilio; xuíz) e Belén Constenla (Condesa). Foi estreada o 8 de febreiro de 1994 no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Nesta adaptación a peza ten catro actos, en vez dos cinco da obra orixinal.

En Francia a obra foi dirixida por Jean Meyer (1969-1982), Jean-Pierre Vincent (1987), Christophe Rauck (2007), Jean Liermier (2012) e Henri Lazarini (2012). Amais, foi levada ao cinema e televisión por Jean Meyer (1959), Marcel Bluwal (1961), Pierre Badel (1981) e Roger Coggio (1989).

A pesar de que o rei Luís XVI de Francia prohibira a obra, a raíña María Antonieta de Austria organizou unha representación privada no castelo de Genevilliers, con ela mesma no papel de Susana e o seu cuñado o conde de Artois no papel de Fígaro.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]