Denotación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A distinción entre denotación e connotación dos signos conta cunha longa tradición filosófica e lingüística.

Nunha primeira aproximación percíbese que o proceso significativo reviste dúas modalidades:

  • Dun lado, o significante transmite determinado contido nocional (significado) primario.
  • Doutro, remite a certos valores afectivos evocadores, ideolóxicos, etc., asociados ó contido básico.

De aí que, aínda cando en tódalas mensaxes se combinan ambos modos de significación, distínguese ás veces entre unha clase de mensaxes fundamentalmente denotativas (coma as científicas) e outra de mensaxes eminentemente connotativas (coma as artísticas).

Chámase denotación ao significado obxectivo dunha palabra, a aquilo que unha palabra significa para a absoluta totalidade de coñecedores dunha lingua, sen que exista a máis mínima discrepancia entre eles. Adoita coincidir este significado co que recollen habitualmente os dicionarios xerais.

Denotación e referencia[editar | editar a fonte]

O concepto de denotación pode prestarse a certo equívoco: como modalidade que é da significación, a denotación implica un tipo particular de relación entre un significante e un significado e, polo tanto, unha relación interna ó propio signo. É preciso, pois, diferenciar 'denotación' e 'referencia'. Esta última institúe a relación entre o signo e a cousa, a realidade extralingüística.

A denotación e o lugar concreto -dentro do sistema semántico- que o código asigna a un termo nunha cultura determinada. O significado denotativo maniféstase logo como independente do contexto, maniféstase en virtude da manipulación do contexto, da substancia do contido.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]