Comunicación de masas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Familia escoitando a radio, un dos primeiros medios de comunicación de masas.

A comunicación de masas é a comunicación dirixida a un gran público, heteroxéneo e non identificado, por intermediarios técnicos sustentados pola economía de mercado, e a partir dunha fonte organizada. A caracterización desa fonte é importante para delimitar as fronteiras que separan a comunicación de masa da que non é de masa.

Características[editar | editar a fonte]

A utilización dos medios de comunicación de masa implica organizacións xeralmente amplas, complexas, con gran número de profesionais e extensa división de traballo. A empresa xornalística envolve o traballo dos directores, periodistas, redactores, fotógrafos, diagramadores, ilustradores, gravadores, persoal de oficina... Como a manutención dunha organización de comunicación de masa é bastante onerosa, estas dependen dos imperativos do consumo para sobreviviren ou se expandiren: máxima circulación, no caso de libros e películas; garantía de audiencia e venda de publicidade, no caso dos xornais, revistas, radio e televisión.

Por outra banda, os medios de comunicación de masas necesariamente abranguen máquinas na mediación da comunicación: aparellos e dispositivos mecánicos, eléctricos e electrónicos posibilitan o rexistro permanente e a multiplicación das mensaxes impresas (xornais, revistas, libros...) ou gravadas (discos, ...) en milleiros ou millóns de copias. A produción transmisión e recepción das mensaxes audiovisuais (radio, televisión) precisa milleiros ou millóns de aparellos receptores.

Outra característica típica dos medios de comunicación de masas é a posibilidade que presentan de atinxir simultaneamente unha vasta audiencia, ou, dentro de breve período de tempo, centenas de milleiros de oíntes, de espectadores, de lectores. Esa audiencia, ademais de heteroxénea e xeograficamente dispersa, está, por definición, constituída por membros non identificados pola fonte, aínda que a mensaxe estea dirixida especificamente para unha parcela determinada de público (un só sexo, unha determinada xeración...).

A pesar de que a comunicación auténtica é a que se asenta nun esquema de relacións simétricas, nunha paridade de condicións entre emisor e receptor, na posibilidade de oír ó outro e ser oído, como posibilidade mutua de entenderse, os medios de comunicación de masas son vehículos, sistemas de comunicación nun só sentido, mesmo que dispoñan de varios feedbacks, como índices de consumo, ou de audiencias, cartas á organización etc. Esta característica distíngueos da comunicación persoal, na cal o comunicador conta cun inmediato e continuo feedback da audiencia, intencional ou non. Isto leva a dicir a algúns teóricos dos medios que aquilo que obtemos mediante os medios de comunicación de masas non é comunicación, pois esta é vía de dous sentidos, e polo tanto, os ditos medios deberían ser denominados vehículos de masa.