Concerto de Aninovo da Wiener Philharmoniker

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Concerto de Aninovo da Wiener Philharmoniker (en alemán: Das Neujahrskonzert der Wiener Philharmoniker) é un concerto que ten lugar cada ano na mañá do 1 de xaneiro na Sala Dourada do Musikverein de Viena (Austria). É transmitido en boa parte do mundo, cunha audiencia potencial de 1.000 millóns de espectadores en 54 países. Cada ano, o mesmo programa é interpretado tamén o 30 de decembro ("ensaio xeral"), e o 31 de decembro como "Concerto de San Silvestre" (Sylvesterkonzert).

A música é, na súa meirande parte, da familia Strauss (Johann Strauss (pai), Johann Strauss (fillo), Josef Strauss e Eduard Strauss). As flores que decoran a sala de concertos do Musikverein son un agasallo anual da cidade de San Remo, Liguria (Italia).

O concerto sempre finaliza con varios bises logo do programa principal (propinas que non están incluídas no programa). Os músicos desexan colectivamente un feliz Aninovo (Prosit Neujahr), e rematan co vals de O Danubio Azul de Johann Strauss fillo, seguido da Marcha Radetzky, de Johannn Strauss pai. Durante esta última obra, a audiencia aplaude ao compás e o director xírase para dirixila, durante breves instantes, en lugar da orquestra. Un quiebro na tradición en tempos recentes foi durante a edición do 2005, dirixida por Lorin Maazel, cando o programa finalizou co vals do Danubio Azul como un sinal de respecto polas vítimas do Terremoto do Océano Índico 2004.

Historia[editar | editar a fonte]

O concerto celebrouse por primeira vez o 31 de decembro de 1939 (cun ensaio público o día anterior), como "concerto extraordinario" (Außerordentliches Konzert), dirixido por Clemens Krauss. Neste caso só se interpretaron obras de Johann Strauss (fillo), e concluíu coa abertura de Die Fledermaus. O seguinte concerto tivo lugar o 1 de xaneiro de 1941, recibindo xa o título definitivo de "concerto de aninovo". Krauss fíxose cargo da dirección do concerto cada ano ata a súa morte, a excepción dos anos nos que cedeu a batuta a Josef Krips. A partir de 1954, a dirección foi asumida polo primeiro violín da orquestra, Willi Boskovsky, que se mantivo no posto durante 24 anos. En 1958, Boskovsky introduciu a tradición de rematar o concerto co Danubio Azul e a Marcha Radetzky. Trala súa retirada, en 1979, tomou o seu lugar o daquela director da Wiener Staatsoper Lorin Maazel. A partir de 1987, cando a orquestra concedeu o honor de dirixir o concerto a Herbert von Karajan, decidiuse que cada ano dirixira o concerto un director convidado distinto.[1]En 1991, por primeira vez na historia do "Neujahrskonzert", tocouse unha obra de Mozart: a abertura de Le nozze di Figaro.

Dende 1959 o concerto comezou a transmitirse en directo por televisión, primeiro pola emisora local ORF, e posteriormente por Eurovisión a toda Europa e boa parte do mundo. Durante varios anos o concerto foi retransmitido para os Estados Unidos por PBS. Comezando no 2006, unha serie de países africanos (Botswana, Lesotho, Malawi, Mozambique, Namibia, Zambia e Zimbabwe) e hispanoamericanos (Ecuador, Bolivia, Chile, México e Uruguai) o retransmiten aos seus telespectadores. No 2010, o concerto foi transmitido por primeira vez en directo en alta definición e a través de internet.

No 2007 o concerto foi dirixido polo indio Zubin Mehta, e incluíu, ademais de obras da familia Strauss, de Josef Hellmesberger Junior, quen morrera en Viena 100 anos antes, en 1907. Ese mesmo ano púidose presenciar como, por primeira vez, unha parella de bailaríns executaba en directo, dende os salóns e corredores da Musikverein o vals O Danubio Azul, acabando no salón principal de concertos saudando ao director da orquestra. Foron a española Lucía Lacarra e o seu home, Cyril Pierre.

Directores do Concerto de Aninovo[editar | editar a fonte]

Asistencia ao concerto[editar | editar a fonte]

Debido á gran demanda de localidades para asistir a este concerto, as entradas son adxudicadas por sorteo. Dende o día 2 ata o 23 de xaneiro de cada ano, os interesados presentan a súa solicitude na páxina web da Wiener Philharmoniker, especificando se desexan asistir ao concerto de "Aninovo" (1 de xaneiro), ao de "San Silvestre" (31 de decembre) ou ao "Ensaio Xeral" (30 de decembro), todos cos mesmos intérpretes e programa. Unha vez concluído o período de solicitude realízase o sorteo e se comunica aos agraciados o resultado. Os prezos das localidades para o concerto do 2012 oscilaron entre os 30 e os 940 euros para o concerto de Aninovo, ou entre 130 e 380 para o ensaio xeral.[2]

Outros concertos de Aninovo en Viena[editar | editar a fonte]

A Wiener Hofburg Orchester organiza os seus concertos tradicionais de Noite Vella e Aninovo o 31 de decembro e o 1 de xaneiro nos salóns do Wiener Hofburg.

O programa está composto polas melodías máis famosas das operetas e valses de Johann Strauss (fillo), Emmerich Kalman, Franz Lehár e varias operísticas de Wolfgang Amadeus Mozart.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]