Sarcopterixios
Os sarcopterixios (Sarcopterygii, do grego σαρξ sarx, "carne", e πτερυξ pteryx, "aleta") son unha clase de vertebrados gnatostomados coñecidos como peixes de aletas carnosas ou de aletas lobuladas.
Índice |
Características [editar]
Os peixes sarcopterixios posúen esqueleto óseo, posúen mandíbulas e dentes con esmalte. A pel está recuberta por escamas que, nas especies extintas, posuían una capa de cosmina na superficie. Nas especies actuais a aleta caudal é dificerca: a columna vertebral chega ata o extremo do rabo e a membrana desenvólvese simetricamente cara arriba e cara abaixo. As aletas son pares e posúen unha única peza esquelética basal, con radios dermais curtos.
As branquias están sostidas por arcos branquiais. O corazón ten un seo venoso, un cono arterioso e dous atrios, e presenta división parcial do ventrículo. A circulación presenta dous circuítos, pulmonar e sistémico, diferenciados. Os pulmóns utilízanse para respirar no caso dos dipnoos, pero non no caso do celacanto, no que cumpre a función dun órgano de flotación. O sistema nervioso posúe cerebro, cerebelo e lóbulos ópticos diferenciados.
Clasificación [editar]
Este carácter, o de posuír aletas pares lobuladas, lembra as extremidades de tipo quiridio dos primeiros anfibios, o que proba que os vertebrados terrestres descenden de antigos peixes sarcopterixios. Esta relación de descendencia obriga, na sistemática cladística, a incluír os tetrápodos dentro dos Sarcopterygii, formando con eles un taxon monofilético.
Na clasificación taxonómica clásica, a clase Sarcopterygii comprende tres subclases:
- Subclase Coelacanthimorpha: diversos xéneros fósiles, sobre todo do Devónico e Carbonífero, e un único xénero actual, Latimeria (os celacantos).
- Subclase Dipnoi: denomínanse peixes pulmonados porque posúen pulmóns funcionais, derivados da vexiga natatoria, así como orificios nasais abertos ó exterior. Isto permítelles respirar aire na superficie da agua sen recorrer á boca.
- Subclase Tetrapodomorpha: sarcopterixios extintos do Devónico con diversos caracteres tetrápodos. As formas primitivas tiñan unha aparencia intermedia entre os peixes e os anfibios.