Saltar ao contido

Xogos florais

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os xogos florais[1] son encontros literarios nos que diversos autores presentan obras ou composicións, onde ademais dunha finalidade literaria, tiveron o obxectivo de espertar o sentimento galego, defender os seus ideais e atender as necesidades sociais, polo que representan o inicio oficial do Rexurdimento das letras galegas.

Orixe e antecedentes

[editar | editar a fonte]

Roma (173 AC – Caída do imperio romano)

[editar | editar a fonte]

Recibiron o nome de Ludi Floreales, naceron como parte do seu calendario de ludi, ou celebracións que se ían facendo ao longo do ano. Actividades periódicas que co paso do tempo se acumularon ata 66 días ao ano. Non obstante, estes xogos nos cales os poetas romanos competían entre si, instituídos no 173 antes de Cristo, pasaron ao esquecemento tras a caída do Imperio.

Francia - Tolosa

[editar | editar a fonte]

Poucos datos existen para poder estabelecer cando se celebraron por primeira vez, mais existe información anterior ao ano 1323. Neste ano é cando sete personalidades reunidas en Tolosa convocan a súa celebración o 1 de maio de 1324. O seu obxectivo era recuperar o estilo trobadoresco dos séculos XII e XIII xa que consideraban a forma e a lingua dese período a chave para unificar a antiga lingua provenzal da poesía trobadoresca, dividida naquel momento en diversos dialectos. Os galardóns representaban flores:

A maiores, a quen gañase o primeiro premio convertíano en bacharel da Gaia Ciencia e se alguén gañaba os tres, outorgábanlle a distinción de doutor. Ramón Vidal de Besalú obtivo o primeiro premio no certame de 1324.

O dato curioso é que estes xogos, primeiramente costeados con diñeiro público, acadaron un maior esplendor cando unha dama francesa cedeu o seu patrimonio coa finalidade de que se celebrasen cada ano.

Barcelona

[editar | editar a fonte]

Fundados no ano 1393 e costeados polo Rei, foron celebrados tomando a base dos franceses, mais perderanse por mor dos acontecementos da época como a guerra e a Peste.

Os xogos foron recuperados no ano 1859, o máis representativo foi o lema baixo o que se celebraron, o “Patri, Fides, Amor”, que representaba os tres premios máis importantes dos que constaba o certame: a Flor Natural, premio de honra ao mellor poema amoroso; a Rosa de ouro, ao mellor poema patriótico, e a Violeta de ouro e prata ao mellor poema relixioso. A recuperación dos xogos cataláns e o seu grande apoio social e político contribuíu a elevar o prestixio da lingua e literatura catalá. Serían os que alentaron a Galiza a promover de forma semellante a literatura e afirmar a súa identidade.

A imitación destes convocáronse tamén en Valencia e tamén en cidades de lingua castelá.

Xogos florais en Galiza

[editar | editar a fonte]

Moito antes da celebración oficial duns xogos florais, existían xa en Galiza certames organizados por mosteiros, universidades e municipios (séculos XVII e XVIII) co gallo da canonización duns santos, matrimonio dun rei, a memoria dun fundador... En Galiza os máis soados foron os do Colexio de Teólogos de Fonseca para a honra da figura do arcebispo que o creou. Estes consérvanse grazas ao labor de Neira de Mosquera que os deu a coñecer nas súas Monografías de Santiago publicadas no 1850.

As herdeiras destes certames foron as Festas Minervais que nas décadas de 1950 e 1960 se converteron nunha grande actividade literaria, promotora da lingua e literatura galega e que axudaron á resistencia cultural fronte o franquismo.

Rexurdimento

[editar | editar a fonte]

A Coruña

[editar | editar a fonte]
Album de la Caridad. Juegos Florales de La Coruña en 1861.[2]
Artigo principal: Xogos florais da Coruña.

Foron impulsados polo mesmo espírito romántico que impulsou os cataláns. Celebráronse o 2 de xullo de 1861, a instancias dos escritores Benito Vicetto e os irmáns Antonio e Francisco María de la Iglesia, baixo o patrocinio de Juana de Vega e costeados por José Pascual López Cortón, quen amosando a súa grande xenerosidade publicou todos os traballos premiados xunto cunha antoloxía de poetas coetáneos nun volume chamado Álbum de la Caridad[3] e doou os beneficios obtidos da súa venda á Asociación da Beneficencia da Coruña.

Pontevedra

[editar | editar a fonte]

Pouco tempo despois dos celebrados na Coruña, celebráronse os primeiros xogos florais de Pontevedra o 11 de agosto de 1861. O tribunal foi formado por sete xuíces mantedores, sendo cada un dunha das sete cidades máis importantes de Galiza (Santiago, Coruña, Vigo, Ourense, Ferrol, Lugo e Tui).

Dentro dos premios outorgados, destacou A noite de Xan Xoán de Francisco Fernández Anciles e a composición A la Patria de Antonio Corzo y Barrera. O accésit foi adxudicado a Vicente Gregorio Aspa pola lectura da súa Oda a la Patria. Tamén foron premios Ricardo Aparicio y Soriano, Luís María de Urcullu e Luís Rodríguez Seoane.

Copiando a idea coruñesa, Pontevedra elaborou o chamado Álbum de las composiciones premiadas en los Juegos Florales de Pontevedra en la noche del 11 de Agosto de 1861.[4] Outras edicións destacábeis dos xogos en Pontevedra foron as dos anos 1880 (co gallo da Exposición Rexional de 1880), 1882, 1884 e 1886.

Santiago de Compostela

[editar | editar a fonte]

A cidade do apóstolo, tras a súa tradición cos certames das Festas Minervais, celebrou no ano 1875 (coincidindo coa Exposición Rexional de 1875) unha nova edición de xogos florais no que interviron figuras moi destacadas como Manuel Murguía, Valentín Lamas Carvajal e Salvador Golpe Varela. Neste certame participou e foi premiado Ramón María del Valle-Inclán e Bermúdez, pai de Ramón Valle Peña, máis coñecido no mundo literario como Ramón María del Valle-Inclán.

Realizados por primeira vez o día 8 de outubro de 1876 na cidade das Burgas, serviron para celebrar o segundo centenario do nacemento de Benito Jerónimo Feijóo y Montenegro. O certame constou de catro premios: O primeiro, que constaba de catro mil reais, era para o que escribise o mellor «Estudio crítico das obras do P. M. Fray Benito Feijóo». O segundo, dotado con mil reais, para o autor da mellor e máis completa biografía do mesmo. O terceiro, consistente nunha Rosa de Ouro, sería para a mellor oda en castelán, que festexou ao padre Feijóo como filósofo. O último premio consistía nun Pensamento de Ouro e Prata, e estaba reservado para o autor da mellor poesía (en galego) dedicada a Galiza.

O 1 de outubro o xurado reuniuse no salón do Instituto de Segunda Enseñanza para examinar os textos “inéditos e orixinais” presentados ao Certame. Nese mesmo acto chegouse á determinación de invalidar os traballos presentados ao premio da mellor biografía, xa que ningún dos presentados reunía os requisitos exixíbeis. O día do certame unicamente foron entregados os premios poéticos, concedendo o Pensamento de Ouro e Prata á poesía A Galicia, de Valentín Lamas Carvajal. A Rosa de Ouro foi outorgada a Emilia Pardo Bazán, pola súa Oda a Feijóo. En 1901 celebráronse outros novos xogos florais en Ourense.

Xogos florais de 1883 no Teatro Tamberlick de Vigo, baixo a presidencia de Emilio Castelar.

Datan do 24 de xuño de 1883. O discurso de apertura foi pronunciado por Manuel Fernández de Herba e finalizado este, nomeouse aos poetas laureados. Recibiu a Flor Natural José María Ortega Morejón, polo seu poema Numancia. O resto dos premios distribuíronse da seguinte forma:

O poeta Benito Losada Astray foi galardoado coa Escribanía e a Pluma de Prata pola súa lenda A estrela de Vera. A Copa de prata foi entregada ao poeta Daniel Balaciart y Formo pola súa composición A las Glorias de la Marina Española. A Coroa de Loureiro de Prata e Ouro foi para Manuel Martínez González polo seu romance Fernán Pérez Churruchao.

Por outra banda, o xurado decidiu premiar ao poeta vigués, Nicolás Taboada Fernández, pola súa composición A Vigo cunha copa de prata cicelada . Outros poetas premiados foron Manuel Diego Santos, por Al trabajo; Juan Pastor Aycart ou Manuel Comellas, pola súa obra poética A Galicia. O ano anterior, este mesmo poeta, fora laureado na Coruña co poema Cidade de cristal.

"Xogos Froraes" de Betanzos, 1918.

A primeira edición tivo lugar en agosto de 1886, mais debido á escasa difusión a data inicial foi posposta. Por outra banda, das oito categorías que había nun principio, máis da metade quedaron baleiras. Fronte a esta falta de tempo e o apuro do realización do certame, houbo diversas críticas, especialmente dos políticos locais.

O certame realizouse o 17 de agosto no edificio do Arquivo de Galiza. O xurado estaba presidido por Daniel Suárez e os secretarios eran Antonio de la Iglesia, José María Montes e Salvador Golpe.

Entre os premiados destacan Enrique Labarta Pose coa Flor Natural e diploma de subscritor polo poema ¡Probe Jan! ¡probe Janiño! ¡probe gaitero de Bayo!; Eduardo Pato y Martínez,por Primavera e Manuel Amor Meilán pola poesía titulada Galicia. Tamén foron laureados autores como Rogelio Cibeira ou novamente Enrique Labarta Pose por unha categoría humorística sobre temas de baile. Na modalidade da mellor lenda dedicada á Virxe o premiado foi Eladio Rodríguez González, pola lenda O Puzo d'o Lago.

La Voz de Galicia elaborou unha ampla crítica do certame días despois, sendo este posteriormente incluído na revista Galicia, dirixida por Andrés Martínez Salazar.

Do mesmo modo que A Coruña publicou o seu Álbum de la Caridad e Pontevedra o Álbum de las composiciones premiadas, Betanzos publicou Galicia: revista regional, que dirixía Andrés Martínez Salazar.

Ademais desta, tamén son importantes as edicións de 1887 e 1901, entre outras.

Celebrados en xuño de 1891, este certame provocou un grande impulso na concienciación da identidade galega, tanto no ámbito social coma no político. Nesta data o Rexurdimento xa era unha realidade é os xogos contribuíron a un maior recoñecemento público da lingua e literatura galegas, sendo considerados o primeiro acto público desenvolvido integramente en galego.[5]

No acto participaron, entre outros, os grandes representantes do Rexionalismo[6] naquela época como Manuel Murguía, destacado polo seu discurso enaltecedor da nacionalidade galega, Alfredo Brañas, Salvador Cabeza de León, José Tarrío, Juan Barcia Caballero, Manuel Lago González ou Manuel Carlos Vidal Rodríguez. Premiados:

Aínda que non se sabe con claridade a data en que se iniciaron, suponse que foi na década dos 70 do século XIX. Os xogos florais de Lugo son aínda un misterio historiográfico, practicamente nada é o que se sabe deles. Hai noticia da celebración de Floralias en Lugo no 1894 e 1896 (coincidindo coa Exposición Rexional de 1896), promovidos por Manuel Becerra Bermúdez e pénsase que a idade de ouro destes certames foi entre 1870 e 1918 aproximadamente. Cómpre destacar tamén que os xogos adoitaban celebrarse no marco das festas do San Froilán.

Filomena Dato Muruais, famosa poeta da época, foi mantedora dos xogos florais lucenses (co incentivo de proclamar e reclamar os dereitos da muller a través dun discurso que tivo repercusión na época). Nos xogos de 1891 os poetas A.J. Pereira e L.González gañaron o premio e o accésit.

Século XX

[editar | editar a fonte]

Xogos galego-portugueses

[editar | editar a fonte]

As conexións galego-portuguesas vénse reflectidas neste contorno, coa celebración en distintas localidades lusas dos xogos florais galego-portugueses. Algunha das edicións con máis repercusión foi a de Guimarães en 1958, na que foi premiado o galego Xosé María Álvarez Blázquez. Nese mesmo ano tiveron lugar os primeiros xogos florais de Marín.[7]

Neste aspecto, na década de 1920, destacou a figura de Alfredo Guisado, quen fomentou as relacións entre portugueses e nacionalistas galegos, intervindo en varias publicacións galegas e portuguesas e mostrando un grande apoio á celebración destes xogos.

Actualmente seguen a celebrarse estes certames en distintos lugares de Galiza, en case tódalas localidades mencionadas anteriormente e mantendo sempre o mesmo espírito que motivou o seu nacemento, a defensa e protección da lingua e literatura galegas.

Buenos Aires

[editar | editar a fonte]

En 1968 a colectividade galega de Buenos Aires organiza,aproveitando a celebración do Día Nacional de Galiza, os Xogos Florais do Idioma Galego. Constaban de 4 premios (“Rosalía”, “Pondal”, “Rañas” e “Cornide”), e foron organizados por Manuel Puente. O seu mantedor foi Xosé Luís Méndez Ferrín. Os principais poetas premiados foron Celso Emilio Ferreiro, Xosé Sesto López e Manuel María Fernández Teixeiro.

Estes xogos non só tiñan unha intención literaria, senón que tamén eran un “enfrontamento” á tiranía brutal que sufría Galiza dende había 30 anos, e unha denuncia da perda da identidade galega por causa da castelanización (tamén un dos principais obxectivos do Centro Gallego de Bos Aires).

Os xogos foron un chamamento a todos os galegos do mundo para defender a propia terra, seguir promovendo esta tradición e continuar coa labor iniciada no Rexurdimento.


Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]